Portugal
Portugal é un país situado no sudoeste da Europa, na zona occidental da Península Ibérica, delimitado ao norte e ao leste por España, ao sur e oeste polo océano Atlántico. O territorio Portugués comprende ademais do territorio continental os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira, situados no Océano Atlántico, completando unha área total de 92,391 km².
Índice |
Historia de Portugal [editar]
- Artigo principal: Historia de Portugal.
Xeografía [editar]
Situado no extremo sudoeste de Europa, o Portugal continental só fai fronteira con outro país, España. O territorio portugués atópase dividido no continente polo río principal do país, o Texo. Ao norte, a paisaxe portuguesa é montañosa nas zonas do interior con planaltos, intercalados por áreas que permiten o desenvolvemento da agricultura. Ao sur, ata o Algarve, o relevo caracterízase polas chairas, sendo as serras esporádicas. Despois do Texo os principais ríos de Portugal son, o Miño e o Guadiana, que como o Teixo nacen en España. Outro río importante, o Mondego, nace na Serra da Estrela (serra do Portugal continental, que, con 1.993 m de altitude máxima é a principal serra do país).
Fóra do continente, forman parte de Portugal as illas Azores e as illas de Madeira.
As Illas Azores atópanse no rift medio do Océano Atlántico; recentemente algunhas das illas do arquipélago tiveron actividade volcánica (São Miguel en 1563, e Capelinhos en 1957, quen aumentou a área occidental da Illa do Faial). O Banco D. João de Castro é un grande volcán submarino situado entre as illas Terceira e São Miguel, este atópase a 14 m baixo do nivel do mar. Entrou en erupción en 1720 formando unha illa, que permaneceu enriba do mar durante algúns anos. Todo isto suxire que nun futuro non moi lonxe vai aparecer unha illa nese punto. O cumio máis alto de Portugal é o monte Pico, antigo volcán de 2.351 m de altitude situado na illa do Pico.
As Illas de Madeira, ao contrario cas Azores situadas na área do rift medio do Oceano Atlántico, atópanse no interior da placa africana. A súa formación débese á actividade dun punto quente non relacionado coa circulación das pracas tectónicas. Esta situación de estabilidade e localización no interior da placa tectónica leva a que este sexa o territorio do país menos suxeito a sismos. A derradeira erupción volcánica da que se ten constancia aconteceu fai preto de 6.000 anos. Hoxe en día o vulcanismo manifestase dun xeito indirecto, a través da liberación de gases volcánicos profundos e augas quentes e gasificadas. O punto máis alto do territorio é o pico Ruivo con 1.862 m de altitude.
Subdivisións de Portugal [editar]
- Artigo principal: Subdivisións de Portugal.
Principais cidades [editar]
- Lisboa (cidade: cerca de 500.000 hab; Grande Lisboa: preto de 1.700.000 hab.) é a capital, a maior cidade do país e detenta o principal porto marítimo. Foi a Capital Europea da Cultura en 1994 e hospedou a Exposición Internacional de 1998, a Expo 98. Pola súa beira chega ó mar o río Texo. Ten barrios e monumentos mundialmente famosos, como o de Santa Justa (co seu coñecido ascensor), o castelo de San Xurxo ou a excepcional Torre de Belém na confluencia de río e mar.
- Porto (cidade: cerca de 240.000 hab; Grande Porto: cerca de 1.500.000 hab.) a segunda maior cidade e porto marítimo, á beira do río Douro, famosa entre outras cousas polos seus viños.
- Vila Nova de Gaia, (arredor de 300.000 habitantes no concello; na cidade cerca de 178.250).
- Amadora (preto de 178.000), cidade en Grande Lisboa.
- Braga (preto de 170.000 habitantes)"Cidade de Arcebispos"..
- Coimbra (preto de 150.000), importante centro industrial e universitario de renome tanto noutros tempos como hoxe.
- Almada (preto de 101.500),cidade ao sur de Lisboa, na península de Setúbal.
- Funchal (preto de 100.500),a capital da Rexion Autonoma da Madeira.
Outras importantes cidades: Setúbal, Faro, Queluz, Aveiro, Viséu, Guarda, Leiria, Odivelas, Matosinhos, Guimarães, Évora, Portimão, Póvoa de Varzim, Figueira da Foz, Castelo Branco, Santarém, Covilhã, Chaves, Ponta Delgada, Angra do Heroísmo, Horta, Santa Maria da Feira, Beja, Portalegre, Abrantes, Bragança, Viana do Castelo, Lamego, Torres Vedras, Cascais, Sines, Paredes, Mirandela, Vila do Conde, Espinho, Caldas da Rainha.
Demografía [editar]
- Artigo principal: Demografía de Portugal.
Portugal, incluíndo os arquipélagos dos Azores e Madeira, ten unha poboación estimada en case 11.000.000 persoas, representando unha densidade de poboación de 108 persoas por quilómetro cadrado.
Portugal é un país lingüística e relixiosamente homoxéneo. Os portugueses son de poboación Europea mediterránea. Na súa orixe está esencialmente unha mistura de tribos Celtas e Iberos (chamados Celtíberos, como os Lusitanos, os Calaicos ou Gallaeci e os Conios, entre outras menos significativas, como os Bracari, Celtici, Coelerni, Eqvaesi, Grovii, Interamici, Levni, Luanqvi, Limici, Narbasi, Nemetati, Paesvri, Qvaqverni, Sevrbi, Tamagani, Tapoli, Zoelae, Turduli). Outras influencias importantes foran tamén os romanos (o portugués deriva do Galego-portugués, que á súa vez deriva do latín), os Visigodos e os Suevos, todos os cales poboaran o que é hoxe territorio portugués. Influencias menores foran os Gregos e os Fenicios-Cartaxineses (con pequenas feitorías comerciais costeiras semi-permanentes), os Vándalos (Silingos e Asdingos) e os Alanos (ambos expulsados ou parcialmente integrados polos Visigodos).
No censo do ano 2001, a poboación do país era de 10.356.117 de habitantes, dos cales o 52% eran mulleres e o 48% homes. Portugal, historicamente un país cunha longa tradición migratoria,[1] converteuse nun país de acubillo,[2] non só para os inmigrantes das antigas posesións portuguesas de Asia e África; a finais do ano 2003, os inmigrantes legais representaban un 5% da poboación, sendo as maiores comunidades as dos inmigrantes procedentes do Brasil, Ucraína, Romanía, Cabo Verde, Angola, Rusia, Guinea-Bissau e Moldavia e outros países da América latina, China e a Europa do leste. A meirande parte dos portugueses son católicos, aínda que, moitos destes considéranse non practicantes, especialmente nas zonas urbanas.
As cidades máis poboadas do país son Lisboa, Porto, Vila Nova de Gaia, Amadora, Braga, Coimbra, Almada, Funchal, Setúbal e Guimarães. Existen sete áreas metropolitanas (GAMs): Algarve, Aveiro, Coimbra, Lisboa, Minho, Porto e Viseu.
| Listaxe | Municipio | Rexión | Pob. | Listaxe | Municipio | Rexión | Pob. | Lisboa Sintra Vila Nova de Gaia Porto |
||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 1 | Lisboa | Lisboa | 545.245 | 11 | Matosinhos | Norte | 173.298 | |||
| 2 | Sintra | Lisboa | 377.249 | 12 | Almada | Lisboa | 172.063 | |||
| 3 | Vila Nova de Gaia | Norte | 302.092 | 13 | Oeiras | Lisboa | 168.205 | |||
| 4 | Porto | Norte | 237.559 | 14 | Gondomar | Norte | 158.108 | |||
| 5 | Loures | Lisboa | 205.577 | 15 | Odivelas | Lisboa | 143.755 | |||
| 6 | Cascais | Lisboa | 205.117 | 16 | Coimbra | Centro | 143.052 | |||
| 7 | Guimarães | Norte | 184.269 | 17 | Santa Maria da Feira | Norte | 139.393 | |||
| 8 | Seixal | Lisboa | 181.819 | 18 | Vila Franca de Xira | Lisboa | 136.510 | |||
| 9 | Braga | Norte | 175.558 | 19 | Maia | Norte | 135.049 | |||
| 10 | Amadora | Lisboa | 174.931 | 20 | Vila Nova de Famalicão | Norte | 133 804 | |||
| Censo estimado de 2011 do Instituto Nacional de Estatística[3] | ||||||||||
Clima [editar]
O clima portugués varia consoante coa altitude, variando entre temperaturas elevadas e ambiente seco nas comparativamente baixas rexións do Sur e temperaturas medias menores con ambientes húmidos na zona norte.
As choivas son constantes durante todo o ano coa excepción do período comprendido entre xullo e agosto, durante o que son virtualmente nulas.
Política [editar]
- Véxase tamén: Reis, raíñas e presidentes de Portugal e Forzas Armadas Portuguesas
En Portugal existen catro Órganos de Soberanía, o Presidente da República, a Asemblea da República (parlamento), o Goberno e os Tribunais.
O Presidente da República é o Xefe de Estado e é electo por sufraxio universal para un mandato de cinco anos, e exerce unha función de fiscalización sobre a actividade do Goberno.
A Asemblea da República funciona en Lisboa, no Palacio de San Bento e é electa para un mandato de catro anos e neste momento conta con 230 deputados, electos en 22 círculos plurinominais en listas de partidos.
O Goberno presídeo o Primeiro Ministro, que é por regra o líder do partido máis votado en cada elección lexislativa e é convidado nesa forma polo Presidente da República para formar Goberno. O Primeiro-Ministro é quen nomea os Ministros.
Os Tribunais administran a xustiza en nome do pobo, defendendo os dereitos e intereses dos cidadáns, impedindo a violación da legalidade democrática e dirimindo os conflitos de intereses que ocorran entre diversas entidades.
O panorama político portugués está dominado por dous partidos, o Partido Socialista (PS) e o Partido Social Demócrata (PSD), estes dous teñen dividido as tarefas de gobernar e de administrar a maioría das autarquías practicamente desde a instauración da democracia. Aínda ben, partidos como o Partido Comunista Portugués (PCP), que detén aínda a presidencia de autarquías e unha influencia maior xunto do movemento sindical ou o Centro Democrático Social (CDS) que actualmente goberna en coalición con o PSD. Son tamén partidos importantes o Bloco de Esquerda (BE) e mailo Partido Ecoloxista "Os Verdes" (PEV).
Economía [editar]
- Artigo principal: Economía de Portugal.
Ao longo dos últimos 40 anos Portugal foi o país da OCDE cunha maior taxa de crecemento do PIB, coa excepción da Irlanda (fonte: OCDE).
Adheríndose á Unión Europea en 1986, o país iniciou entón un período de fortes reformas e de elevados investimentos en infraestruturas que se reflectirán nunha rápida aceleración do crecemento económico. Entre 1970 e 2003 o PIB 'per capita' medido en PPP (Paridade do Poder de Compra) creceu de pouco máis do 50% para preto do 70% do mesmo indicador para a media da Unión Europea (fonte: OCDE).
Portugal foi dos primeiros países seleccionados para a fase final da Unión Económica e Monetaria, iniciando a introdución do Euro como moeda a partir de 1 de xaneiro de 1999 (a circulación de billetes e moedas iniciouse o 1 de xaneiro de 2002). A participación no Euro obriga o país ao cumprimento das regras do Pacto de Estabilidade e Crecemento, obrigando ao control das contas públicas e da inflación, mais asegurando ao país niveis mínimos históricos da inflación.
Actualmente a estrutura da economía baséase nos servizos e na industria, que representan o 67,8% e o 28,2% do VAB (Fonte: INE, 2004).
Turismo [editar]
- O Algarve, ao sur de Portugal, é por excelencia o punto turístico para portugueses e estranxeiros, principalmente británicos. O clima e a temperatura da auga son os principais factores que contribúen para o gran crecemento do turismo nesta rexión. Cómpre destacar que na última década os portugueses veñen contribuíndo en gran parte para o éxito do turismo. Tamén a inauguración do aeroporto de Faro na década de 60 contribuíu dun xeito inmenso para o afluxo de turistas das máis diferentes nacionalidades en especial británicos,alemáns e escandinavos. De destacar o número enorme de praias existentes entre Vila Real de Santo António, Sagres e Aljezur e a gran cantidade de oferta para todos os prezos. Un pouco esquecido é o interior desta rexión, que aos poucos está a ser divulgado. De destacar a cidade de Silves e as freguesías de Alte, Salir, Querença entre moitas outras.
- Lisboa e Porto atraen tamén moitos turistas, sendo consideradas cidades especialmente atractivas polo seu movemento nocturno, pola estreita relación cos respectivos ríos (Texo e Douro) e polo seu recheo de Monumentos. Porto é unha cidade que ven conquistando un lugar de relevo no panorama cultural do país e da Europa. Foi Capital Europea da Cultura en 2001. A Fundación de Serralves e a Casa da Música son de visita obrigatoria. O club de fútbol da cidade é tamén un dos máis coñecidos de Europa.
- Madeira é tamén un pólo turístico, tanto polo seu clima ameno durante todo o ano coma pola súa excepcional gastronomía.
- Outras atraccións importantes turísticas son as cidades de Chaves, Tomar, Lamego, Coimbra, Évora, Braga e Guimarães;las vilas de Sintra,Cascais,Sesimbra,Nazaré,Batalha e Óbidos.
O Val do Río Douro, incluíndo as gravados paleolíticas de Foz Côa, a serra da Estrela e o parque nacional da Peneda-Geres.
Na rexión de Lisboa cómpre destacar a "Costa do Estoril" e a "Costa da Caparica" como locais de veraneo para os habitantes da cidade de Lisboa. Entre Cascais e Sintra atópase o punto máis occidental do continente europeo (só incluíndo a parte continental, excluíndo as Azores), o Cabo da Roca.
Cultura [editar]
- Artigo principal: Cultura de Portugal.
Portugal desenvolveu unha cultura de seu froito das diversas civilizacións que deixaron a súa pegada no país durante séculos.
A literatura portuguesa desenvolvida a partir das cantigas e da tradición oral é unha das literaturas máis antigas da Europa occidental. Ata 1350, os trobadores galegoportugueses espallaron a súa influencia literaria a toda a Península Ibérica.[4] Gil Vicente (ca. 1465-ca. 1536), foi un dos fundadores da tradición dramática tanto en España coma en Portugal. O aventureiro e poeta Luís de Camões (ca. 1524-1580) escribiu o poema épico Os Lusíadas, coas Eneidas de Virxilio coma principal influencia. A poesía moderna portuguesa atópase fondamente arraigada nos estilos neoclásico e contemporáneo, tal e como exemplificou Fernando Pessoa (1888–1935). A literatura moderna portuguesa está representada por autores da soa de Almeida Garrett, Camilo Castelo Branco, Eça de Queirós, Sophia de Mello Breyner Andresen, e António Lobo Antunes. En especial cabe destacar a popularidade e distinción de José Saramago, gañador en 1998 do Premio Nobel de Literatura.
Portugal é internacionalmente coñecido pola súa tradición folclórica, en grande medida grazas ao Fado e aos seus derivados. O Fado, trátase dun estilo musical melancólico e urbano, que adoita vir asociado á guitarra portuguesa e á saudade. O Fado de Coimbra, é un dos tipos de fado máis destacados. Internacionalmente, os principais cantores de fado son Amália Rodrigues, Carlos Paredes, José Afonso, Mariza, Carlos do Carmo, Mísia, e Madredeus. Un dos grupos portugueses máis coñecidos internacionalmente, especialmente en Alemaña, é a banda metal gótica Moonspell. Ademais do fado e do folk, os portugueses gustan da música pop e outros estilos musicais, particularmente de Norteamérica e o Reino Unido, que, xunto ás bandas e cantantes brasileiros e portugueses copan as listas de éxitos do país luso.[5] Algunhas das bandas lusas que gozan de éxito internacional son Blasted Mechanism e The Gift, as dúas nominadas para o MTV Music Award. Cada ano, celébranse en Portugal diversos festivais musicais, como o Festival Suroeste en Zambujeira do Mar, Festival de Paredes de Coura en Paredes de Coura, Festival Vilar de Mouros preto de Caminha, e Rock in Rio Lisboa e Super Bock Super Rock en Lisboa. Fóra da estación estival, seguen celebrándose un gran número de festivais, coma o Flowfest ou o Hip Hop Porto. Destaca a Queima das Fitas un dos maiores eventos festivos en moitas cidades portuguesas, onde os estudantes celebran esta festa.
No eido da música clásica, na actualidade Portugal está representada por nomes da soa da pianista Maria João Pires, e no pasado por músicos como a cellista Guilhermina Suggia. Entre os compositores destacan Luís de Freitas Branco o seu pupilo Joly Braga Santos, e Fernando Lopes-Graça.
No referente ao eido da pintura, Portugal posúe unha rica historia pictórica. Os primeiros pintores portugueses de soa apareceron no século XV, como Nuno Gonçalves vencellado ao período gótico. A mediados do século XIX e comezos do XX destacan pintores como José Malhoa, coñecido polo seu traballo chamado Fado, e Columbano Bordalo Pinheiro (quen pintou retratos de Teófilo Braga e Antero de Quental) ambos os dous enmarcados dentro do estilo naturalista.
Coa chegada do século XX, Portugal viu a chegada do modernismo, estilo no que destacarían algúns dos principais pintores portugueses como Amadeo de Souza-Cardoso, quen estivo fondamente influenciado polos pintores franceses, particularmente por Sonia e Robert Delaunay. Entre os seus mellores traballos atópase Canção Popular a Russa e o Fígaro. Outro importante pintor/escritor da época foi Almada Negreiros, amigo de Fernando Pessoa, de quen pintou un retrato. El estaba fondamente influenciado polos estilos cubista e futurista. Na actualidade, os principais pintores lusos destacados no eido das artes visuais son Vieira da Silva, Júlio Pomar, e Paula Rego.
No tocante á arquitectura, destacan a nivel internacional Eduardo Souto de Moura, Álvaro Siza Vieira e Gonçalo Byrne e Tomás Taveira, máis notable a nivel portugués.
A partir da década dos anos 90, Portugal incrementou o seu número de centros culturais abertos ao público, engadindo á Fundación Calouste Gulbenkian establecida en 1956 na cidade de Lisboa o Centro Cultural de Belém (Lisboa), a Fundación Serralves e mais a Casa da Música, as dúas no Porto, ademais de novas infraestruturas culturais como bibliotecas públicas e salas de concertos construídas ou restauradas ao longo do país.
Arquitectura [editar]
- Artigo principal: Arquitectura de Portugal.
A Arquitectura Popular Portuguesa marcou a arquitectura portuguesa dos anos 50 que prevaleceu até ao final do Salazarismo. Asístese hoxe, en Portugal, a un fenómeno innovador, a arquitectura contemporánea, no ámbito da arquitectura portuguesa que, contrapón a conceptos vellos e conservadores de tradicións e modos de operar, unha intención afirmada, de innovar o espazo e construílo con conceptos, materiais e técnicas que permitan vivir en plena contemporaneidade. A arquitectura contemporánea cruza varias xeracións en simultaneo que marcaran e continuan a marcar arquitectura portuguesa, desde mediados do século XX até aos nosos dias. Fernando Távora, Manuel Tainha, Álvaro Siza, Victor Figueiredo, Gonçalo Byrne, Eduardo Souto Moura, Filipe Oliveira Dias, Tomás Taveira e Carrilho da Graça son os arquitectos que traducen o mellor que se produce na arquitectura en Portugal. Porén, estes proxectos totalizan unha pequenísima parte das construcións efectuadas no país.
Literatura [editar]
- Artigo principal: Literatura de Portugal.
Na literatura portuguesa, é eminente a poesía, estando entre os maiores poetas portugueses de todos os tempos Luís de Camões e Fernando Pessoa, ademais de Eugénio de Andrade, Florbela Espanca, Cesário Verde, António Ramos Rosa, Mário Cesariny, Antero de Quental e Herberto Helder, entre outros. Na prosa destacan Damião de Góis, o Padre António Vieira, Almeida Garrett, Eça de Queirós, Camilo Castelo Branco, Miguel Torga, Fernando Namora, José Cardoso Pires, António Lobo Antunes e José Saramago (Nobel de Literatura). No teatro, destacase a figura maior de Gil Vicente, António José da Silva - alcumado "o Xudeu" - e Bernardo Santareno.
Música [editar]
- Artigo principal: Música de Portugal.
A música tradicional portuguesa é variada e moi rica. Do folclore fan parte as danzas do vira, do Minho, dos Pauliteiros de Miranda, da zona mirandesa, do Corridinho do Algarve ou do Bailinho, de Madeira. Instrumentos típicos son o cavaquinho, a gaita-de-foles, o acordeón, o violín, os tambores, a guitarra portuguesa (instrumento característico do fado) e unha variedade de instrumentos de sopro e percussão. Ainda na cultura popular existen as bandas filharmónicas que representan a cada localidade e tocan varios estilos de música, desde a popular à clásica, sendo as bandas portuguesas das que mellor calidade artística ten.
O mais coñecido estilo de música portugués é o Fado, cuxa intérprete mais célebre foi Amália Rodrigues. O Fado ten nos últimos anos asistido á aparición de novos cantores que alcanzan grande éxito, como Camané, Mafalda Arnauth, Mariza e Mísia, entre outros. Recentemente, a través dos Madredeus e de cantores como Mariza ou Dulce Pontes, a música portuguesa ten alcanzado un grande de recoñecemento internacional e ten axudado a divulgar a lingua portuguesa en todo o mundo.
A nivel de instrumentistas merece realce a carreira e composicións do guitarrista Carlos Paredes, o mais coñecido mestre de guitarra portuguesa.
Referencias da canción de finais do século XX (principalmente do período pre e post-revolucionario) son Zeca Afonso, Sérgio Godinho, os Trovante entre outros. Mesmo sendo aínda o fado o género mais coñecido mais aló das fronteiras, a "nova" música portuguesa tamén ten un papel importante, demostrando grande orixinalidade. Sara Tavares, Viviane, A Naifa, Lúcia Moniz, Jorge Palma, Rui Veloso, Clã, GNR, Ornatos Violeta, Xutos & Pontapés, Moonspell, Da Weasel, Fingertips e Primitive Reason son apenas algúns dos nomes mais coñecidos, indo do rock, ao pop-electrónico e ao rap, entre outros estilos.
A música erudita portuguesa constituíu un capítulo importante da música occidental. Ao longo dos séculos, sobresaíron nomes de compositores e intérpretes como os trobadores Martim Codax e D. Dinis, os polifonistas Duarte Lobo, Filipe de Magalhães, Manuel Cardoso e Pedro de Cristo, o organista Manuel Rodrigues Coelho o compositor e clavista Carlos Seixas, a cantora Luísa Todi, o sinfonista e pianista João Domingos Bomtempo ou o compositor e musicólogo Fernando Lopes Graça. O período de ouro da música portuguesa coincidiu, discutiblemente, co apoxeo da polifonía clásica no século XVII (Escola de Évora, Santa Cruz de Coimbra).Entre as grandes referencias actuais, pontifican os nomes dos pianistas Artur Pizarro, Maria João Pires e Sequeira Costa, da violetista Anabela Chaves, do violinista Carlos Damas, do compositor Emmanuel Nunes, do compositor e maestro Álvaro Cassutto. As orquestras sinfónicas mais importantes son a Orquestra da Fundação Gulbenkian, a Orquestra Nacional do Porto e a Orquestra Sinfónica Portuguesa. No que dicir respecto à ópera, o Teatro Nacional de São Carlos en Lisboa é o mais representativo.
Gastronomía [editar]
- Artigo principal: Gastronomía de Portugal.
A cociña portuguesa é diversa. Un dos pratos principais dos portugueses é o bacallau, para o cal existen centos de receitas, existindo, polo menos, unha receita de bacallau para cada día do ano. Xunto co bacallau, os dous pratos de peixe máis populares son as sardiñas asadas e a caldeirada. En canto á carne, os pratos típicos da cociña portuguesa inclúen carne de gando vacún, porco, cordeiro, ou polo, destacando entre os pratos de carne a feijoada, cozido à portuguesa, frango de churrasco, e a carne de porco à alentejana.
Entre os pratos de comida rápida son característicos a francesinha de Porto, e as bifanas (porco grelado), prego (carne de vaca grelada) ou o leitão (sándwiches de leitón). Entre os pratos máis típicos da pastelería portuguesa, destacan os pastéis de Belém (ou pastéis de nata) orixinarios de Lisboa, e os ovos-moles de Aveiro. A gastronomía portuguesa é moi variada, existindo pratos típicos de cada unha das rexións. Entre os portugueses existe un culto pola boa comida, existindo, ao longo do país milleiros de restaurantes e tascas.
Os viños portugueses teñen soa mundial, sendo coñecidos xa dende o tempo dos romanos, quen asociaban o seu deus Baco. Hoxe en día, os viños portugueses son ben coñecidos internacionalmente, tendo recibido diversos recoñecementos pola súa calidade. Algúns dos mellores viños portugueses son: Vinho Verde, Vinho Alvarinho, Vinho do Douro, Vinho do Alentejo, Vinho do Dão e o Vinho da Bairrada e os doces viño do Porto, viño de Madeira e mailo Moscatel de Setúbal e Favaios. O viño do Porto é o viño portugués mais coñecido no estranxeiro, a súa rexión vitivinícola, e unha das máis antigas do mundo.
Deportes [editar]
- Artigo principal: Deporte en Portugal.
O fútbol é o mais coñecido, amado e practicado deporte en Portugal. O lendario Eusébio é aínda un grande símbolo da historia do fútbol portugués e os máis recentes fenómenos de popularidade Luís Figo, Rui Costa, João Vieira Pinto e Cristiano Ronaldo están entre os numerosos exemplos de futbolistas de renome mundial nados en Portugal.
As modalidades deportivas nas que o país destaca dun xeito maior a nivel internacional son, xunto ao fútbol, a vela, o hóckey a patíns, o atletismo e o tiro. Portugal participou en todos os Xogos Olímpicos dende os Xogos de 1912, conseguindo 4 medallas de ouro en atletismo (Carlos Lopes nos Xogos de 1984, Rosa Mota nos Xogos de 1988 , Fernanda Ribeiro nos Xogos de 1996 e Nélson Évora nos Xogos de 2008) e numerosas medallas de prata e bronce.
Relixión [editar]
- Artigo principal: Relixión en Portugal.
A maioría dos Portugueses (preto do 84% da poboación total - segundo os resultados oficiais dos censos 2001), inscríbense nunha tradición católica. A práctica dominical do catolicismo segundo un estudo da propia igrexa Cátolica (tamén de 2001) é realizada por 1.933.677 católicos practicantes (18,7% da poboación total) e o número de comungantes é de 1.065.036 (10,3% da poboación total). Preto de metade dos casamentos realizados son católicos, os cales producen automaticamente efectos civís. O divorcio está permitido, conforme establece o Código Civil, por mutuo consentimento ou por requirimento no tribunal por un dos cónxuxes. Existen vinte dioceses en Portugal, agrupadas en tres provincias eclesiásticas: Braga, Lisboa e Évora.
O protestantismo en Portugal posúe varias denominacións actuantes maioritariamente de cultos con inspiración evanxélica neopentecostal (ex: Asemblea de Deus e Igrexa Maná) ou de inmigración brasileira (ex: IURD).
As Testemuñas de Xehová contan con preto de 50.000 practicantes en Portugal, distribuídos por cerca de 650 congregacións. A relixión está presente no país dende 1925, sendo proscrita oficialmente entre 1961 e 1974, período no que operou na clandestinidade. En decembro de 1974, a Asociación das Testemuñas de Xeová foi legalmente recoñecida, tendo hoxe a súa sede en Alcabideche. Portugal é un dos 236 países onde esta denominación relixiosa atópase actualmente activa.
A comunidade xudaica en Portugal conseguiu manterse ata á actualidade, non obstante a orde de expulsión dos xudeus de 5 de decembro de 1496 por decreto do Rei D. Manuel I, obrigou á maioría a escoller entre a conversión forzosa ou a efectiva expulsión do país, ou á prisión e consecuentes penas decretadas pola Inquisición portuguesa, que, precisamente por este motivo acabou por ser unha das máis activas de Europa. Malia todo, o culto mantívose na vila de Belmonte. En 1506, en Lisboa, produciuse unha masacre de xudeus na que perderon a vida entre 2.000 e 4.000 persoas, sendo un dos dos máis violentos na época, a nivel europeo.
Outras relixións minoritarias a destacar son o islamismo e o hinduísmo, con base, na súa maioría, en descendentes de inmigrantes.
A Constitución Portuguesa garante a liberdade relixiosa total e a igualdade entre relixións, a pesar da Concordata que privilexia a Igrexa Católica, en varias dimensións da vida social, polo que é común, nalgunhas cerimonias oficiais públicas como inauguracións de edificios ou eventos oficiais de Estado, haber a presenza dun representante da Igrexa Católica. Porén, a posición relixiosa dos políticos elixidos é normalmente considerada irrelevante polos electores. A exemplo diso, dous dos últimos Presidentes da República (Mário Soares e Jorge Sampaio) eran persoas presumiblementelaicas.
Notas [editar]
- ↑ Portugal - Emigration
- ↑ Charis Dunn-Chan ,Portugal sees integration progress, BBC
- ↑ Estatísticas oficiais
- ↑ Poesia e Prosa Medievais, p. 9, para. 4
- ↑ Portugese-Top50 stats
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
|
|
|||||||
|
|||||
|
|||||