Batalla de Arapiles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla dos Arapiles
Parte de a Guerra da Independencia Española,
no contexto das Guerras Napoleónicas
Battle of Salamanca.jpg
Grabado da batalla
Data 22 de xullo de 1812
Lugar Arapiles (Salamanca
Resultado Victoria decisiva aliada
Belixerantes
Francia Primeiro Imperio francés Reino Unido Reino Unido
Flag of Portugal.svg Portugal
España España
Líderes
Auguste Marmont Arthur Wellesley
Forzas en combate
47.000 50.000
Baixas
13.000 5.067

A batalla dos Arapiles (coñecida na historiografía inglesa como Batalla de Salamanca), foi un dos enfrontamentos bélicos máis importantes da Guerra da Independencia española. Librouse nos arredores dos outeiros de Arapil Chico e Arapil Grande, no concello de Arapiles, no Sur da cidade de Salamanca (Castela e León, España), o 22 de xullo de 1812. Tivo como resultado unha grande vitoria do exército anglo-hispano-portugués a mando do xeneral Arthur Wellesley, primeiro duque de Wellington, sobre as tropas francesas ó mando do marechal Auguste Marmont. Os aliados sufriron 5.220 baixas entre mortos, feridos e desaparecidos, dos cales 3.176 eran británicos, 2.038 portugueses e 6 españois, mentres o exército francés perdeu uns 12.500 homes, incluíndo os prisioneiros.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

En 1812 cumpríase o cuarto ano da presenza na península da forza expedicionaria británica. En 1808 desembarcara en Portugal ao mando de Wellington, derrotando ás forzas ocupantes francesas, ás que se lle permitiu volver a Francia.

Tras pasar o inverno dando explicacións en Londres por esa decisión, que realmente el non tomara, Wellington volveu na primavera de 1809 para dirixir unha ofensiva relampo que incluíu a toma de Porto e expulsou de Portugal aos franceses. O seu intento de avanzar sobre Madrid culminou en xuño na Batalla de Talavera, que a pesar de ser vitoria, resultou tan custosa que lle obrigou a repregarse pola fronteira.

En 1810, Napoleón enviou ao seu máis prestixioso mariscal, André Masséna, ao mando dun exército completo de catro corpos para recuperar Portugal e acabar coa forza expedicionaria á que agora se ía sumando unha cada vez máis numerosa milicia portuguesa. Wellington retirouse detrás da liña defensiva de Torres Vedras que protexía Lisboa, para perseguir aos franceses cando se retiraron por falta de víveres ao chegar a primavera de 1811. Fustigándoos durante a retirada, debilitounos até obrigalos a presentar batalla en Fuentes de Oñoro, onde foron completamente derrotados.

Decidido a levar a iniciativa na campaña de 1812, Wellington quería asegurar antes a posesión de Badaxoz e Ciudad Rodrigo, que gardaban no lado español as dúas vías principais entre España e Portugal. Por isto, o día 19 de xaneiro dese mesmo ano de 1812, tomou por asalto Ciudad Rodrigo tras un curto asedio e xa entrada a primavera, tras unha sanguenta loita, conquistou Badaxoz, onde as súas tropas cometeron toda clase de crimes contra os habitantes.

A campaña de 1812[editar | editar a fonte]

O Arapil Chico, lugar onde se produciu a batalla

Asegurada a fronteira e sabedor de que Napoleón estaba retirando tropas da Península para integralas no xigantesco exército co que pretendía invadir Rusia, Wellington proxectou unha ambiciosa ofensiva estratéxica para o 1812. Mentres as guerrillas e o escuálido exército español hostigaban aos franceses para fixalos en Andalucía e a costa Cantábrica, os ingleses avanzarían polo centro para facer batalla con Marmont (o substituto de Masséna tras a caída en desgraza deste polo seu fracaso), intentando derrotalo para poder progresar polo val do Douro, illar Madrid e intentar tomalo desde o norte.

Marmont, que destruíra unha parte notable de edificios na cidade de Salamanca para construír fortificacións, contemplaba con inquietude os movementos ingleses e cando o día 13 de xuño emprenderon desde Ciudad Rodrigo a marcha cara Salamanca, decidiu abandonar a cidade para dirixirse cara o norte coa intención de reunirse cunha enorme división de 10.000 homes ao mando de Bonnet, que viña na súa axuda desde Asturias. Deixou a cidade cunha pequena guarnición tras as fortificacións, coa esperanza de volver a liberalos se resistían o suficiente. Wellington chegou a Salamanca o día 17 e comezou os traballos para instalar baterías e render as posicións francesas que ocupaban catro edificios de grosos muros de pedra. Marmont, vendo que Wellington non o perseguía, achegouse á cidade, o que obrigou aos ingleses a saír a campo aberto coa forza que non participaba nos asedios. Mentres os ingleses derribaban os fortes cos canóns, ambos exércitos manobraron na chaira do nordeste de Salamanca mantendo as distancias. Durante catro días sucedéronse pequenas escaramuzas entre as unidades de infantería lixeira e os voltigeurs, que en formación dispersa protexían a forza principal de ingleses e franceses, respectivamente.

O día 21 ambos exércitos encontráronse fronte a fronte nunha posición lixeiramente favorable para os ingleses, que ocupaban un alto, e ademais tiñan unha vantaxe de 8.000 homes. Marmont non atacou costa arriba e Wellington non quixo abandonar a vantaxe da altura, polo que ao día seguinte separáronse. Ese mesmo día caeron os fortes de Salamanca e tras unha semana, Wellington empezou a prepararse para avanzar, mentres Marmont se retiraba a toda velocidade ao notar que os ingleses podían poñer toda a súa forza sobre o campo. Os franceses marcharon rapidamente cara o norte por Valladolid para refuxiarse detrás do Douro e agardar alí a forza que proviña de Asturias. Completada con éxito a manobra, acamparon entre Toro e Tordesillas, desde onde vían como os ingleses organizaban os seus campamentos entre Rueda e La Seca.

Unha vez chegado Bonnet cos reforzos o día 7, Marmont —agora con superioridade numérica— decidiu tomar a iniciativa cun sofisticado movemento. Tras varios días de descanso e coidadosa planificación, o día 16 amagou cruzar o río Douro por Toro e en canto os ingleses empezaron a formar para facerlle fronte, retirouse outra vez e marchando a toda velocidade efectuou o cruce por Tordesillas, colléndoos completamente a contrapé. Pero tanto estes como as milicias portuguesas que os acompañaban eran expertos soldados e, antes de que Marmont poidera entrar en combate, xa marchaban cara o sur para eludir o flanqueo. Durante tres días, ambos exércitos intentaron flanquearse mutuamente tomando contacto esporádico as súas unidades lixeiras e acampando pola noite un fronte ao outro. O 20 a situación dexenerou nunha marcha paralela cara o sur e ao írense achegando ambas columnas. Chegaron a marchar a só 500 metros unha da outra, sen que ningún dos dous comandantes se decidira a atacar, á vista da disciplina e organización do contrario. Ao chegar a Cantalpino, ambos exércitos separáronse, xa que cada comandante tiña o seu propio plan. Wellington retirouse a Salamanca seguindo a súa liña de abastecemento, mentres que Marmont trataba de cruzar o Tormes por Huerta para illar a cidade de Portugal ou ben esperar aos ingleses e atacalos polo flanco se decidían continuar a retirada.

O día 21, Wellington decidiu non cruzar Salamanca, senón pasar o Tormes en Santa Marta e tomar posicións ao sur da cidade. Durante todo o día marchou novamente cara o sur e ao anoitecer, o núcleo do exército acampaba en torno a Carbajosa, protexendo o seu flanco esquerdo con varias unidades que tomaron posicións nunha liña de cerros que dominan o pequeno val do torrente de Pelagarcía, que corre de sur a norte até desembocar no Tormes. Mentres tanto, os franceses cruzaban o río augas arriba para continuar os intentos de flanqueo que tan bo resultado lles estaba dando, pois case tiñan recuperada Salamanca sufrindo moi poucas baixas.

A batalla[editar | editar a fonte]

Pola noite caeu unha gran treboada con abundante aparato eléctrico que pasaría a formar parte da lenda da batalla.

Grabado de W. & A. K. Johnston, publicado por William Blackwood & Sons en 1870, que como tantos outros mapas contemporáneos ten máis fantasía que realidade. Para estimacións historiográficas actualizadas mírense os mapas nas ligazóns externas.

Ao mencer, Wellington foi informado que xa só quedaba unha división francesa ao outro lado do Tormes, e que Marmont se estaba despregando cara ao oeste a toda velocidade. Inmediatamente fixo avanzar as unidades que estaban en Carbajosa para cubrir o lado norte dunha pequena depresión lonxitudinal que corre de leste a oeste formando ángulo recto cos cerros que dominan o Pelagarcía. O núcleo do exército dispúxose formando unha dobre liña coas divisións de Leith e Cole. asomándose á beira da depresión, e as de Clinton e Hope inmediatamente xusto detrás. Tamén ordenou que a división de Edward Pakenham e a cabalería da reserva, que aínda estaban ao outro lado do Tormes, cruzaran e se dirixiran a Aldeatejada, onde podían protexer unha eventual retirada. As brigadas de cabalería de G. Anson e Le Marchant situáronse en Las Torres, a medio camiño entre a forza principal e a reserva.

Aínda que a liña que cubría o Pelagarcia xa estaba descargando, quedaron alí a división de infantería lixeira de Alten xunto con algunhas brigadas doutras divisións. A división de dragóns de Bock situouse na mesma aliñación moito máis ao norte para vixiar e controlar un intento francés de rodear os cerros por ese lado. Wellington, así preparado, decidiu esperar acontecementos para decidir o curso de acción definitivo. Grazas á disposición das súas tropas podía tanto defenderse como retirarse ordenadamente.

Unha das brigadas da división de Cole, a de Anson, ocupou un alto illado que se atopa no extremo sur da liña de cerros, xusto no ángulo que agora formaba o dispositivo inglés, expulsando a algúns franceses que estaban a piques de chegar ao cume. Este alto chámase Arapil Grande por oposición ao Arapil Chico, que se ergue ao outro lado da ancha e pouco profunda depresión lonxitudinal que Wellington quería usar como liña de fronte. O plan inglés fora apoderarse de ambos, pero case chegaran tarde a un e o outro xa estaba solidamente defendido cando intentaron tomalo cunha brigada de cazadores portugueses, que foi espantada.

A loita trasladouse un pouco cara o oeste, ao pobo de Los Arapiles, onde as brigadas lixeiras das divisións de Keith e Cole chocaron con voltigeurs franceses que trataron de botalos. O pobo achábase no centro da depresión que ao sur estaba limitada polo escarpe dunha meseta que cara o oeste se ía convertendo nunha lomba. A medida que avanzaba a mañá, os franceses foron aparecendo sobre o escarpe, instalando baterías que empezaron a hostigar ás catro divisións inglesas que tiñan diante.

Cara o mediodía, os franceses fixéronse visibles avanzando pola lomba cara o oeste a toda velocidade. Tratábase de Thomières e Maucune, que unha vez sobre a lomba decidiran ocupar toda a súa extensión. Maucune estacionouse fronte a Leith e empezou a despregar as súas baterías, mentres Thomières se desprazaba en solitario máis para o oeste. O exército francés desorganizara un pouco a causa da complexidade do terreo, cuberto de bosques de aciñeiras, que se estendía ao oeste e detrás da lomba no camiño desde o Tormes. Marmont perdera lixeiramente o control máis preocupado por acelerar a marcha que por gardar a formación, crendo que Wellington estaba en plena retirada cara Ciudad Rodrigo e confundindo o po que levantaba a reserva de cabalería en Aldeatejada coa retagarda deste. Así que ordenou a tres divisións que ocuparan o alto do escarpe e a lomba subseguinte, sen advertirlles que debían manterse preto unhas das outras. Bonnet situouse onda o Arapil Grande, co que un gran oco o separaba de Maucune, mentres outro oco menor separaba a este de Thomières.

Unha vez que Wellington estivo razoablemente seguro de que ningunha división máis estaba a punto de chegar, baseándose na súa intuición e nos informes dos guerrilleiros españois que lle indicaran as horas do cruce do Tormes, polas dúas da tarde subiu no seu cabalo e dirixiuse até Aldeatejada para darlle ordes inmediatas a Pakenham. Ordenoulle dirixirse ao sur en columna, convertela logo en fila xirando as compañías 90 graos en chegando á altura da lomba e atacar a Thomières «até varrelo». Os húsares de Arentschild cubrirían o seu flanco dereito para evitar que a cabalería francesa interviñera.

A continuación galopou até a posición da cabalería pesada de Le Marchant e ordenoulle que en canto Leith entrara en combate, cargaran sobre Maucune. Despois dirixiuse até Leith, que estaba sobre o seu cabalo esquivando balas dos canóns das baterías de Maucune. Wellington comunicoulle a Leith que en canto vira que Packenham acabara con Thomières, cargara contra Maucune na meseta, cousa que este estaba desexando. Logo cabalgou de novo até Cole e mandoulle que en canto Leith derrotara a Maucune, cargara contra Bonnet. Finalmente púxose nun alto ao oeste de Leith para observar a batalla.

Escena da batalla na que se ve a carga da terceira división ao mando de Sir Edward Packenham

Cando chegou, veu como Pakenham cargaba e derrotaba efectivamente a Thomières mentres os húsares de Areschild derrotaban algunhas unidades de cabalería que proviñan do outro lado da lomba. Leith á súa vez cruzou lentamente a depresión coa súa división organizada nunha dobre fila para cargar pendente arriba contra Maucune. Aínda que resistiu algo máis que Thomières, ao chegar os desbandados da división deste perseguidos por Packenham, a división de Maucune desbandouse xusto cando Le Marchand cargaba coa cabalería pesada. O efecto de todo isto foi que as dúas divisións francesas deixaron de existir mentres os superviventes procuraban salvarse como podían.

Marmont fora ferido pouco antes xunto co seu segundo, co que Claussel tomara o mando e trataba de organizar a defensa cando a división de Cole se puxo en movemento cara o Arapil Grande e a parte adxacente da meseta, onde agardaba Bonnet. Este ataque fracasou completamente e Cole retirouse en desbandada. Os historiadores teñen criticado a Wellington e este alegou nas súas memorias que Cole se precipitara. En calquera caso, aínda que Claussel se tentou lanzar en persecución de Cole ás tres divisións que lle quedaban, Wellington contraatacou coas divisións de Hope e Clinton que tiña reservadas. Ademais, nese momento chegaban cargando polo flanco a división de Packenham, a de Leith e a cabalería pesada de Le Marchant, co que despois dunha breve pero sanguenta loita, todo o exército francés fuxiu en desbandada. Se non foron completamente exterminados, débese a que a división de Ferey, que até daquela non entrara en combate, tomou posicións nun cerro máis ao sur chamado El Sierro, e protexeu a retirada até que a noite marcou a fin da batalla. Os franceses cruzaron de novo o Tormes ao amparo da escuridade e Wellington entrou ao día seguinte en Salamanca nun desfile triunfal. Acabara de derrotar o terceiro exército francés completo desde a súa chegada á Península.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Despois desta vitoria, Wellington avanzou polo val do Douro e tomou Madrid, onde foi aclamado como libertador pola poboación. Non obstante, cando se dirixiu cara o norte no outono viu o seu avance cortado pola guarnición francesa de Burgos, que resistiu un asedio e varios asaltos. Ameazado polos reforzos que chegaban de Francia, Wellington abandonou o asedio e repregouse nunha retirada durísima cara ás súas bases de partida na fronteira de Portugal. Aínda que a campaña non foi decisiva, marcou un punto de inflexión na guerra peninsular e, sumada á catastrófica derrota francesa en Rusia, estendeu a idea por Europa de que os días de gloria de Napoleón podían estar acabándose.

Notas[editar | editar a fonte]

  • MUIR, Rory, Salamanca 1812, Ed. Ariel.
  • FLETCHER, Ian, Salamanca 1812, Ed. Osprey (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batalla de Arapiles