Robert Delaunay

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Robert Delaunay, nado en París o 12 de abril de 1885 e finado en Montpellier o 25 de outubro de 1941, foi un pintor francés que utilizou o cubismo e a abstración nos seus traballos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nos seus comezos Delaunay concentrouse no impresionismo, mentres que máis adiante as súas obras foron evolucionando cara ó abstracto, reminiscencia de Paul Klee.

Cando era un neno, os pais de Delauney divorciáronse e foi criado polo seu tío, en La Ronchère (preto de Bourges). Comezou a pintar dende moi pequeno: no ano 1903 xa producía as súas obras de arte impresionista.

En 1908, despois do servizo militar, coñeceu a Sonia Delaunay, coa que máis tarde casou aínda que nesa época estaba casada cun alemán.

En 1909, Delaunay comezou a pintar unha serie sobre a cidade de París e a Torre Eiffel. Ó ano seguinte casou con Terk e instaláronse nun estudio na cidade de Paris, onde máis tarde tiveron un fillo.

Como invitación de Wassily Kandinsky, Delaunay uniuse en 1911 ó Der Blaue Reiter, un grupo de arte asbstracta situado na cidade de Muníc, e os seus traballos evolucionaron cara o abstracto.

O estourido da Primeira Guerra Mundial colleu a Delaunay e a súa dona de vacacións en España, o que fixo que, xunto cuns amigos, instaláranse en Portugal durante a guerra. Neste período, a parella fixo varios traballos como os deseños dos traxes da Ópera de Madrid, e Sonia Delaunay comezou o seu negocio de deseño.

Despois da guerra, en 1921, volveron a París. Delaunay continuou traballando no seu estilo abstracto. Durante a Exposition Internationale des Arts et Techniques dans la Vie Moderne (1937), en Paris, Delaunay participou no deseño das liñas do tren e dos pavillóns do aire.

Cando estourou a Segunda Guerra Mundial, a familia Delaunay mudouse á Auverña, intentando evita-las invasións das tropas alemás. Sufrindo de cancro, a saúde de Delaunay deteriorouse morrendo o 25 de outubro de 1941, en Montpellier.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Robert Delaunay Modificar a ligazón no Wikidata