Pero da Covilhã

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Pedro ou Pero da Covilhã, nado en Covilhã cara a 1450 e finado en Etiopía cara a 1530, foi un diplomático e explorador portugués.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Con arredor de 18 anos chama a atención dun castelán que visitaba Covilhã para comprar tecidos e que o convida a servir ao seu amo, D. Juan de Guzmán, irmán do Duque de Medina Sidonia, un dos fidalgos máis conceptuados de Sevilla; Pero acepta a proposta e parte para Sevilla onde se lle atribúe o papel de espadachín. Impresionado coa desenvoltura de Pero de Covilhã, convídao D. Juan de Guzmán a participar nos embarques do seu irmán, o Duque coñecido tamén como o Pirata Español; Pero recusa a oferta e, en 1474, acompaña a D. Juan a Lisboa a unha entrevista con Afonso V de Portugal.

D. Afonso simpatiza con Pero tamén polo seu dominio de linguas, especialmente a lingua árabe e D. Juan cede a el Rei os servizos do portugués. É así como Pero da Covilhã, aos seus 24 anos, é admitido como mozo de esporas de D. Afonso V. Pasado pouco tempo, decide el Rei elevalo a escudeiro, con dereito a armas e cabalo.

En 1476 acompaña a D. Afonso V na batalla de Toro, a tentativa fracasada de D. João de reclamar o trono de Castela. Máis tarde, iría acompañar a D. Afonso na xornada a Francia para pedir auxilio ao rei Luís XI de Francia na loita polo trono de Castela, que seria rexeitado. Entre tanto, D. Afonso abdica do trono, para D. Xoán II.

Logo da execución do Duque de Braganza polas propias mans do rei, Pero da Covilhã foi designado para investigar que nobres conspiraban contra D. Xoán II, conseguindo identificar a D. Diogo, duque de Viseu e D. Garcia de Meneses, bispo de Évora.

No desexo de el Rei de continuar a obra iniciada por Henrique o Navegante dos Descubrimentos, escolle novamente a Pero da Covilhã para embaixador nos tratados de paz cos bérberes do Magreb (como o rei de Fez e o de Tremecén), que conviñan ao reino para converxer os esforzos na odisea marítima.

Pero da Covilhã tórnase, entre tanto, escudeiro da garda real e casa con Catarina que en poucos meses fica embarazada.

Misión no Oriente[editar | editar a fonte]

Máis tarde, en 1487, D. Xoán II envíao xuntamente con Afonso de Paiva en busca de noticias do mítico reino do Preste Xoán e da India; disfrazados de mercadores e adestrados por cosmógrafos rexios e polo rabino de Beja que lles terá indicado as portas da cidadela, no Cairo, parten a cabalo no 7 de maio de Santarém (onde estaba a Corte). Atravesan o Sur da Península Ibérica ata Barcelona, onde chegan a 14 de xuño. Desde aí, unha nao levounos ata Nápoles en dez días e, de aquí ata o arquipélago grego, noutros dez dias. Desembarcan na illa de Rodas, que pertencía á Orde dos Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén, repousando en casa de frades portugueses.

Este mapa ilustra o percurso dos exploradores Pedro e Afonso; o trazado en verde indica o camiño realizado en conxunto, a laranxa, o camiño percorrido polo primeiro, a azul aquel percorrido polo último. A negro, ilústrase a vía marítima para a India, percorrido algúns anos máis tarde, por Vasco da Gama.

Rodas sería a última terra cristiá que pisarían. De aí, viaxaron para Alexandría, no Exipto, terra de musulmáns xa, onde compraron algunhas mercadorías para o seu disfrace de mercadores. De presa adoeceran coas chamadas "febres do Nilo", morrendo case. O Naib, lugartenente do Sultán, tómalles as mercadorías dándoos por mortos e sen descendentes. Porén, ambos recupéranse e o Naib restitúelles o valor das mercadorías. A partir de aí tentan reproducir o traxecto das especias no sentido oposto: rumbo a Rosetta da cabalo e de barco ao Cairo. Xúntanse a unha caravana que, percorrendo o deserto pola marxe oriental do Mar Vermello, vai cruzar a Arabia, rumbo logo a Adén, ás portas do Mar Índico; pasan por Suez, Tor, o deserto do Sinaí, Medina e a Meca, a cidade sagrada do Islam, onde tiveron que facer penitencia e rezar ao profeta Mahoma, para manter o disfrace.

Chegan a Adén xa no ano de 1488 e aí sepáranse combinando o reencontro no Cairo, xunto a porta da cidadela, durante o anoitecer dun dos primeiros noventa dias de 1491; Afonso de Paiva marcha cara Etiopía en busca do Preste Xoán, e Pero da Covilhã vai para a India.

Pero chega en novembro de 1488 a Calicut, un dos pequenos reinos da India actual, no actual Estado de Kerala. Aí coñeceu un mercador que lle explicou o percorrido das especias; indicoulle a existencia de Sri Lanka, de onde viña a canela, e de Malaisia, a noz moscada, e o papel de Calicut en todo o proceso: era aquí onde afluían as especias, prontas para ser embarcadas rumbo ao Mar Vermello (e, posteriormente, para Venecia).

Na arela de coñecer mellor todo ese mundo, Pero visitou Cananor, Goa e Ormuz, e a costa de Malabar, confirmando que o movemento comercial era, de feito, inferior ao de Calicut.

En decembro de 1489 parte Pero da Covilhã de Ormuz rumbo á costa oriental de África. Visita Melinde, Quiloa, Mozambique e, finalmente, Sofala, rexistrando os postos comerciais dos mouros. Pero da Covilhã rexistra, así, que unha vez dobrado o fin da África (máis tarde designado como cabo da Boa Esperanza), bastará atinxir Sofala ou Melinde para marcar o rumbo a Calicut. Será con base nesta anotación que Vasco da Gama decidirá, para atravesar o Océano Índico, buscar un piloto na costa africana que o conduza a Calicut, na súa pioneira expedición marítima á India.

A 30 de xaneiro de 1491, Pero da Covilhã diríxese ás portas da cidadela do Cairo, conforme o combinado e, en vez de Afonso de Paiva, encontra o Rabí Abraám (o rabino de Beja) e máis outro xudeu portugués, José de Lamego, que lle comunican que Afonso de Paiva falecera alí no principio do mes, de peste, sen poder contar as súas viaxes ou aventuras, sen saber da noticia do nacemento do seu fillo, que Catarina bautizou como Afonso, en homenaxe ao rei, e do feito de Bartolomeu Días, que dobrara o cabo das Tormentas, agora designado Cabo da Boa Esperanza. Mais el Rei D. Xoán II tería pedido ao Rabí Abraám que fose confirmar a importancia de Ormuz, segundo relatos de José Lamego, que descoñecía que máis importante era Calicut, e non Ormuz.

Así Pero redacta o relatorio para o rei, que lle sería entregado por José Lamego, e parte para Ormuz co Rabí. Aí, Pero da Covilhã deixa o Rabi e regresa a Adén, para saber noticias do Preste Xoán, xa que Afonso de Paiva xa non as pode comunicar. De aí toma un barco ata Zeila, máis ao Sur, xa na costa da Etiopía.

Etiopía[editar | editar a fonte]

Rico e ben acollido polo emperador Alexandre, descendente do Preste Xoán. Alí casou e tivo fillos, vindo a morrer moitos anos despois. Constatou que a final o mítico reino non era máis que un pobre pobo que tentaba evitar ser esmagado polos veciños musulmáns; e non podería valerlle a Portugal de axuda ningunha, senón que eles terían que ser axudados polos portugueses na loita contra o Islam.

Impedido de saír do país por Nahu, irmán e sucesor de Alexandre, que entre tanto morrera inesperadamente, e que alegaba o costume de non deixar saír os forasteiros que entrasen no reino, recibe terras do soberano e aí quedará como un señor feudal, casando novamente e tendo numerosa descendencia.

Á morte de Nahu, en 1508, Pero da Covilhã é mantido como conselleiro rexio da nova raíña Helena. Por consello seu a raíña envía o embaixador Mateus a Lisboa, acompañándoo dous frades portugueses que por alí apareceran, e polos cales viría Pero da Covilhã a saber da morte de D. Xoán II, da ascensión ao trono de D. Manuel I, e dos éxitos de Vasco da Gama e Pedro Álvares Cabral.

Recibiu, entre tanto, a visita dalgúns portugueses a quen terá dado noticias importantes. É, no 1521, encontrado aínda polo embaixador D. Rodrigo de Lima. O relato das súas viaxes foi enviado ao padre Francisco Álvares polo propio Pero da Covilhã, quen o publicou na Verdadeira Informação das Terras do Preste João das Índias, que foi editada en Lisboa, en 1540.