Cabra montesa
| Cabra Montesa | |||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | |||||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||
| Nome binomial | |||||||||||||||||
| Capra pyrenaica Schinz, 1838 |
|||||||||||||||||
|
Distribución da Capra pyrenaica victoriae
|
|||||||||||||||||
| Subespecies | |||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||
A cabra montesa ou hirco (Capra pyrenaica) é unha das especies de bóvidos do xénero Capra que existen en Europa, sendo as outras o íbex ou cabra dos Alpes, as cabras salvaxes do Cáucaso e a cabra doméstica. Trátase dun endemismo que actualmente non se atopa fóra das áreas montañosas de España.
Índice |
Descrición [editar]
A cabra montesa é unha especie con forte dimorfismo sexual, do mesmo xeito que moitos outros bóvidos. As femias miden uns 1,20 metros de longo e 60 cm de altura na cruz, pesando entre 30 e 45 quilos de peso. Teñen cornos bastante curtos e parécense bastante a unha cabra doméstica.
Os machos, en cambio, poden chegar aos 148 centímetros de longo e ter unha altura de 77 centímetros na cruz, acadando un peso máximo de 110 quilos. Os cornos dos machos son notablemente grosos e poden chegar a ser o triplo de longos que os das femias. Están máis separados entre si cós cornos doutras especies do xénero Capra. Os machos adultos teñen tamén unha cara máis alongada e a típica barba de chivo escura baixo a mandíbula.
A cor e lonxitude da pelaxe varía segundo as subespecies e a época do ano, tornándose máis longa e grisácea no inverno. Tralas mudas de pelo de abril e maio, a cor é parda ou canela, con manchas escuras na parte inferior das patas que nos machos adultos poden espallarse cara aos costados, ombreiros e ventre. A parte central deste é branca en ambos sexos, e a cola negra e curta (12-13 cm).
Hábitos [editar]
Esta especie desenvólvese por igual de día e de noite, aínda que as súas máximas horas de actividade localízanse pola mañá e a finais da tarde, preto do solpor. No inverno desenvolven a súa actividade nas horas centrais do día, que é cando fai máis calor.
Son animais sociables, pero cambian a miúdo de manada. Esta pode estar constituída por machos adultos, femias coas seus años ou adolescentes de ambos sexos (neste último caso, só durante o verán). Os machos e as femias adultas reúnense na época de celo, nos meses de novembro e decembro -caracterizados polos violentos combates cabeza contra cabeza dos machos- e os años (un por parto) nacen todos en maio.
Habitan tanto en bosques como en extensións herbáceas, en cotas montañosas de entre 500 e 2.500 metros de altura. A dieta é predominantemente herbácea, aínda que no inverno tórnase máis arbustiva. Se é necesario, excavan na neve para acceder ata a vexetación.
Subespecies [editar]
Coñécense catro subespecies de cabras montesas, dúas das cales extinguíronse en tempos recentes. No entanto, varios autores puxeron en dúbida a súa validez.[1] Estas subespecies son as seguintes:
- Capra pyrenaica lusitanica. Distribuída orixinalmente polas montañas fronteirizas entre Galicia e Portugal, extinguiuse en 1892 na Serra de Geres (Portugal).
- Capra pyrenaica pyrenaica, subespecie-tipo atopada orixinalmente nos Pirineos franceses e españois, chamada popularmente Bucardo. O derradeiro exemplar morreu en xaneiro de 2000.
- Capra pyrenaica hispanica, cunha distribución punteada que se estende polas cordilleiras próximas ao Mar Mediterráneo. Acada a súa maior concentración en Serra Nevada.
- Capra pyrenaica victoriae, distribuída de forma desigual nas cordilleiras do centro e norte de España. A súa principal poboación está na Serra de Gredos, onde moran uns 10.000 exemplares. Subespecie cinexética, baixo certas restricións.
Estado de conservación [editar]
A cabra montesa conta con lobos, osos e aguias como depredadores naturais, pero estes desapareceron nos últimos tempos de amplas zonas da súa área de distribución. A caza desta especie por parte do home producíase xa na Prehistoria, primeiro a cargo do home de Neandertal e dende hai 40-35.000 anos, pola especie humana. Son abondosos os seus restos nas covas paleolíticas e aparece representada con frecuencia nas pinturas rupestres de toda a Península Ibérica.
Coa introdución da agricultura e o aumento da poboación humana (e con iso, da caza), a súa poboación desapareceu de varias zonas e noutras minguou ostensiblemente. En tempos recentes, o feito de ser unha especie única no mundo, endémica da Península, converteuna nunha cobizada especie de caza maior. Tense constancia da chegada expresa de cazadores procedentes de Francia e o Reino Unido durante os séculos XIX e XX, especialmente ao Pirineo, buscando unicamente a morte dalgún exemplar e os seus valiosos cornos como trofeo.
Xa a finais do século XIX, a poboación de cabra montesa estaba en rápida regresión, téndose extinguido a subespecie galega-portuguesa. Afonso XIII de España creou en 1905 o Refuxio Real de Caza da Serra de Gredos para limitar a caza deste animal na zona e salvar así á entón reducida poboación local, pero non tomou maiores medidas polo salvamento da especie. Non foi ata 1950 cando comezaron a crearse numerosas reservas para protexer a cabra montesa, aínda que en moitos casos non se crearon políticas axeitadas ao efecto. A extinción recente do bucardo débese en boa medida a iso, reducido a só 20 exemplares en 1970 e condenado xa que logo á desaparición nunhas poucas décadas. A falta de cabras montesas para as cacerías intentou cubrirse durante o tardofranquismo coa introdución doutros bóvidos foráneos, coma o muflón e o arruí, especies que tiveron un impacto desigual sobre a flora e fauna local e nalgúns casos puxeron aínda máis en apretos á cabra montesa, pois compiten con ela polos mesmos recursos. Mentres que a caza da especie non está permitida en moitas zonas, noutras, como en Gredos, só se usa como medio para controlar a súa poboación debido á escaseza de depredadores naturais.
En Galicia [editar]
A Xunta de Galicia leva a cabo un plan de reintrodución a gran escala na comunidade autónoma galega dende 2003. Estimacións do 2006 achegaron un censo que rolda os 400 exemplares en Galicia.[2] A maioría dos espécimes localízanse nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés e no Invernadeiro, ambos os dous na provincia de Ourense.
Notas [editar]
- ↑ Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors). 2005. Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed).
- ↑ A poboación de cabra montesa multiplicouse por sete nun decenio lavozdegalicia.es. Introducida o 31/12/2010
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Fauna Ibérica: cabra montesa Información sobre especies animais da Península Ibérica.