Palácio de São Bento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Palácio de São Bento

O Palácio de São Bento, é un edificio de estilo neoclásico situado en Lisboa. É a sede do Parlamento Portugués dende a prohibición das ordes relixiosas en 1834.

Foi construído a finais do século XVI como mosteiro benedictino (Mosteiro de S. Bento da Saúde). Ao longo dos séculos XIX e XX sufriu unha serie de remodelacións interiores e exteriores ata convertelo practicamente nun novo edificio. O interior está repleto de obras de arte de distintas épocas da historia de Portugal.

Segundo a denominación oficial do parlamento, o edificio tivo varias denominacións: Palácio das Cortes, Palácio do Congresso e Palácio da Assembleia Nacional. Actualmente adoptouse o nome de Palácio de S. Bento en memoria do antigo convento.

O palacio está clasificado como Monumento Nacional desde 2002.

Interior do Palácio de São Bento

Na parte traseira do edificio principal, nos terreos do antigo mosteiro, sitúase un palacete mandado a construír por Joaquim Machado Cayres para habitar nel. Durante o Estado Novo, en 1937 o palacete foi adquirido polo Estado a través da expropiación, para instalar nel a residencia oficial do presidente do Consello de Ministros. Actualmente, este palacete segue sendo a residencia oficial do Primeiro Ministro.