Xurxo de Capadocia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
San Xurxo
Stgeorge-dragon.jpg

San Xurxo pintado por Gustave Moreau
Mártir
Biografía
Nacemento Entre 275 e 281 d.C. en Lydda, Xudea (Imperio Romano)
Pasamento 23 de abril de 303 en Nicomedia, Bitinia (Imperio Romano)
Proceso de canonización
Canonización Anterior á Congregación
Veneración
Venerado/a en Maioría das confesións cristiás
Festividade 23 de abril
Calendario litúrxico Igrexa Católica:
23 de abril, Memoria Opcional (en Inglaterra, Solemnidade)
Santuario principal Igrexa de San Xurxo, Lod
Patrón/a de Inglaterra, Aragón, Xeorxia, Malta
San Xurxo e o dragón, Paolo Uccello, c. 1470. O dragón ten a aparencia dun grifón ou un guiverno.

Xurxo de Capadocia foi un soldado romano de Capadocia (na actual Turquía), mártir e máis tarde santo cristián. Se ben a súa existencia non é demostrable, adoita crerse que viviu entre o 275 ou 280 e o 23 de abril de 303. Crese que foi parente de Santa Nina.

A súa popularidade na Idade Media levouno a ser un dos santos máis venerados nas diferentes crenzas cristiás e mesmo —nun fenómeno de sincretismo— no mundo musulmán.

A lenda de Xurxo de Capadocia[editar | editar a fonte]

A lenda, que se cre inventada no século IV, conta que naceu nunha familia cristiá de finais do século III. Xeroncio, o seu pai, orixinario de Capadocia, servía como oficial no exército romano. A súa nai, Policromía, volveu á súa cidade natal (Lydda, logo Dióspolis, actualmente Lod, en Israel) co seu mozo fillo tras enviuvar. Aínda así foi capaz de darlle unha boa educación.

O mozo seguiu os pasos do seu pai e uniuse ó exército pouco despois de alcanzar a maioría de idade. Debido ó seu carisma subiu pronto de grao, chegando antes dos 30 a ser tribuno e comes. Sobre esa época xa o destinaran en Nicomedia como membro da garda persoal do emperador romano Diocleciano (que reinou entre o 284 e o 305).

En 303 Diocleciano emitiu un edito autorizando a persecución sistemática dos cristiáns ó longo do imperio. O seu césar, Galerio, foi o responsable da decisión, e continuaría a persecución durante o seu propio reinado (do 305 ó 311).

Ó parecer Xurxo recibiu ordes de participar na persecución, pero preferiu dar a coñecer a súa condición de cristián e criticar a decisión do emperador. Diocleciano, moi enfadado, reaccionou ordenando a tortura e execución do traidor.

Tras diversas torturas, Xurxo foi decapitado fronte ás murallas de Nicomedia o 23 de abril do 303. As testemuñas dos seus sufrimentos convenceron á emperatriz Alexandra e a unha anónima sacerdotisa pagá para converterse ó cristianismo, co que pasarían a unirse a Xurxo no martirio. O seu corpo foi devolto a Lod para ser soterrado.

Veneración como mártir[editar | editar a fonte]

A historia anterior é como pouco dubidosa. Porén, a súa veneración como mártir comezou relativamente pronto, polo que se sabe a través de relatos de peregrinos dunha igrexa construída en Lod (daquela Dióspole) na súa honra durante o reinado de Constantino I, que se converteu no centro do culto oriental a Xurxo.

Cara os anos 518-530, o arquidiácono e bibliotecario Teodosio relata que Dióspolis era o centro do culto de Xurxo. Un peregrino anónimo de Piacenza menciona o mesmo cara a 570.

A igrexa foi destruída en 1010, e reconstruída máis tarde polos cruzados. En 1191, durante a Terceira cruzada (1189-1192), a igrexa foi de novo destruída polas forzas de Saladino. Unha nova igrexa, que aínda se mantén en pé, foi erixida en 1872.

Durante o século IV a veneración ó santo estendeuse desde Palestina ó resto do Imperio Romano de Oriente. No século V a súa popularidade chegou á parte occidental do imperio.

Canonización[editar | editar a fonte]

No 494 Xurxo de Capadocia foi canonizado polo papa Xelasio I, se ben o incluíu xunto con «...aqueles con nomes xustamente reverenciados, pero cuns actos só coñecidos por Deus».

Esta afirmación non evitou a creación de diversas historias apócrifas sobre a súa vida, varias delas cheas de milagres. De acordo coa Enciclopedia Católica, o texto máis antigo preservado sobre vida do santo encóntrase na Acta Sanctorum, identificada por estudosos como un palimpsesto do século V, «cheo de extravagancias e marabillas máis alá de calquera credibilidade».

Cara a finais do século VI o abade irlandés Adomnanus, da abadía da illa de Iona, relata algunhas das lendas orientais de Xurxo recollidas polo bispo galo Arkulf na súa peregrinación a Terra Santa no 680.

Nos comezos do Islam, o santo cristián uniuse —a través do sincretismo relixioso e cultural— co profeta xudeu Elías, o predicador xudeu samaritano Pineas e o santo islámico al-Hadr ('o verde', do árabe hadir) para formar unha figura relixiosa que era e aínda é venerada nas tres grandes relixións monoteístas.

O nome de al-Hadr é máis correntemente transcrito como al-Khidr ou al-Khadir.

A historia de al-Khadir co profeta Moisés no Sagrado Corán árabe: al-Qur'an al-Karim onde se lle chama Musa encóntrase na azora 18, Surat al-Kahf. É unha historia característica para as realidades místicas e gnósticas do sufismo, a ciencia esotérica do Islam.

A lenda do dragón[editar | editar a fonte]

San Xurxo e o dragón, relevo en Salceda de Caselas.

No século IX aparece outra popular historia: San Xurxo a cabalo como vencedor dun dragón. Esta historia, que é parte da lenda dourada, tamén é coñecida como «San Xurxo e o dragón», e é a probable orixe de tódolos contos de fadas sobre princesas e dragóns en occidente.

Cómpre ter en conta que a lenda se relata en diversas partes de Europa e Asia Menor como propia (e mesmo no Xapón, onde se pode equiparar a Xurxo co deus do trono Susano-oh, á princesa coa doncela Kushinada e ó dragón con Yamata-no-Orochi), así que os detalles varían segundo a tradición local.

Comeza cun dragón que fai un niño na fonte que prové de auga a unha cidade. Como consecuencia, os cidadáns debían apartar diariamente o dragón da fonte para conseguir auga, para o que ofrecían diariamente un sacrificio humano que se decidía ó azar entre os habitantes. Un día resultou seleccionada a princesa local.

Nalgunhas historias aparece o rei, o seu pai, pedindo pola vida da súa filla, pero sen éxito. Cando estaba a piques de ser devorada polo dragón, apareceu Xurxo nunha das súas viaxes (a cotío sobre un cabalo), enfróntase ó dragón, mátao e salva á princesa. Os agradecidos cidadáns abandonan o paganismo e abrazan o cristianismo.

A historia, antigamente considerada verdadeira, foi abandonada progresivamente. Por outra parte, poucos dubidan de que contén un rico simbolismo relixioso, para o que se propuxeron diversas interpretacións.

  • Unha antiga interpretación cristiá do mito: Xurxo sería o crente, o cabalo branco a Igrexa e o dragón representaría o paganismo, a idolatría, a tentación e Satanás.
  • Algúns historiadores laicos consideran que a historia ten raíces máis antigas que as cristiás. En Capadocia, como unha das primeiras rexións en adoptar ó santo, pode que houbese unha integración de elementos pagáns. Un candidato a predecesor de Xurxo de Capadocia é o deus Sabacio, pai celestial dos frixios, coñecido como Sabazius polos romanos. Evidentemente a súa imaxe a cabalo arrollando a unha serpe é a orixe da popular imaxe de San Xurxo sobre un cabalo branco.
  • Por outra parte, a historia de Xurxo e o dragón ten moitos elementos comúns co antigo mito grego da princesa etíope Andrómeda e o seu salvador e posterior esposo Perseo, vencedor da gorgona Medusa. En ámbolos dous casos hai un dragón / Gorgona coa súa decapitación, unha princesa e unha recompensa, nun caso o matrimonio, no outro a conversión da cidade. Algunhas das lendas sobre Xurxo e o dragón sitúan a acción en Libia (antigamente, toda África do norte ó oeste de Exipto), é dicir, a acción en ámbolos dous casos se sitúa en distantes reinos «máxicos».
  • Finalmente, a orixe podería estar nunha manifestación alternativa do Arcanxo Miguel, á fronte das hostes celestiais.

Popularidade en Occidente[editar | editar a fonte]

San Xurxo, por Paolo Uccello, c. 1450

No reino Franco merovinxio xa se veneraba a Xurxo de Capadocia no século VI. Porén, non foi ata a Alta Idade Media, na época das cruzadas e da cabalería, cando se estendeu o seu culto por Europa.

Xurxo converteuse no protector dos cruzados na conquista de Xerusalén (15 de xulio de 1099). Como miles Christi (soldado de Cristo), converteuse no patrón dos cabaleiros e soldados, e en protector dalgunhas ordes relixiosas militares, como a Orde Teutónica (século XII) ou os templarios.

Sobre o século XII a lenda áurea estendeuse por Europa. Santiago da Vorágine, arcebispo de Xénova, escribiu a Legenda sanctorum, unha colección de fábulas sobre distintos santos. A historia de Xurxo de Capadocia destacaba entre outras. O libro, polo valor que tiña a ollos dos lectores do século XIII, acabou coñecéndose como Lenda aurea.

A información contida nos seus 177 capítulos (que noutras edicións son 182) actualmente se considera falsa, pero de notable valor literario. Estímase que o libro tivo unha profunda influencia na extensión da lenda en Occidente, tanto a nivel popular como na literatura e a pintura de Europa Occidental.

Nos últimos séculos da Idade Media, Xurxo converteuse en patrón de cidades, burgos e casas nobres; tamén chegou a ser o primeiro dos 14 santos axudadores como protector dos animais domésticos.

Xurxo de Capadocia en Eurasia[editar | editar a fonte]

Alemaña[editar | editar a fonte]

No século IX (ou quizais posteriormente, no XI) aparece en Alemaña a "Canción de San Xurxo". Baseada en precedentes latinos e redactada en alto alemán, conta o martirio do santo. Atribúese ó primeiro poeta coñecido en lingua alto alemá, Otfrid von Weißenburg (cara a 800 - † despois de 870), aínda que só se pode demostrar a existencia da canción a partir do século XI. A orixe podería estar no mosteiro de Prüm, ó que o emperador Lotario I (840-855) doou un brazo cortado e disecado, dicindo que era unha reliquia de San Xurxo. Iso converteuno no centro de veneración dos francos.

Igrexa de San Xurxo en Reichenau

Porén, a linguaxe alta alemá indica unha orixe na illa de Reichenau. Cara a o século IX —mercede á mediación do arcebispo de Maguncia e abade de Reichenau Hatto III (891-913)— chegaron desde Roma, entre outras reliquias, un cranio atribuído a Xurxo. Para esta reliquia construíuse a igrexa de San Xurxo.

Esa igrexa, declarada no século XX Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, conservou pinturas murais do século X con escenas da vida de Xesucristo tomadas dos evanxeos. Como consecuencia, Reichenau converteuse nun gran centro de veneración de Xurxo de Capadocia, que estendeu a súa influencia ata o convento de Sankt Georgen (1084/1085) na Selva Negra.

Francia[editar | editar a fonte]

Existen 81 localidades e varios centenares de igrexas co nome de Saint-Georges.

Xeorxia[editar | editar a fonte]

bandeira de Xeorxia.

San Xurxo é o patrón de Xeorxia. A bandeira actual é unha Cruz de San Xurxo, e o escudo ten unha representación do santo a cabalo matando ó dragón.

Os xeorxianos autodenomínanse Kartvelebi (ქართველები) e ó seu país Sakartvelo (საქართველო). O nome occidental de Xeorxia deriva do persa گرجی Gurji a través do árabe Jurj.

A escritura do nome está influenciada pola raíz grega geōrg- (γεωργ-, a mesma raíz de Γεώργιος 'Georgios'), e por etimoloxía popular creuse que o nome provén de San Xurxo, patrón do país.

A palabra persa گرجی Gurji e a relacionada armenia Vrastan parecen estar relacionadas co nome Iberia, con perda do i- inicial e substitución do b por w ou v.

Para os xeorxianos, San Xurxo celébrase o 14 de agosto, tradición que provén directamente da festa do deus Luno (Xurxo branco).

Grecia[editar | editar a fonte]

Xurxo de Capadocia segue sendo venerado en Grecia, onde se lle deu o nome de Gran Mártir.

Para os eslavos de Corinto, a celebración do «San Xurxo Verde» toma o aspecto folclórico dun rito para obter choiva.

A Península Ibérica[editar | editar a fonte]

Na Idade Media Xurxo pasou a ser patrón da Coroa de Aragón e de Portugal. Nesa época o padronado de Santiago comezou a ser incómodo pola súa asociación con Castela, a gran potencia da península.

A Coroa de Aragón[editar | editar a fonte]
O escudo de Aragón loce a cruz de San Xurxo no terceiro cuartel

En 1096 as hostes do rei Sancho Ramírez de Aragón asediaban a cidade de Alcoraz, cerca de Huesca. Tras recibir axuda desde Zaragoza, os asediados conseguiron matar ó rei, pero gañan a batalla de Alcoraz, segundo a tradición, mercede á aparición de San Xurxo. Posteriormente o rei Pedro I de Aragón conquistou Huesca tras invocar a axuda do santo.

Sobre todo a partir do século XIII xurdiron numerosas lendas e aparicións no reino. Así, Xaime I o Conquistador conta que na conquista de Valencia apareceu o santo: «Se apareció San Jorge con muchos caballeros del paraíso, que ayudaron a vencer en la batalla, en la que no murió cristiano alguno». Máis tarde, o rei Xaime contou sobre a conquista de Mallorca que «según le contaron los sarracenos, éstos vieron entrar primero a caballo a un caballero blanco con armas blancas», que el identifica con Xurxo.

O patrocinio de Xurxo de Capadocia sobre os reis de Aragón e, por extensión, sobre toda a Coroa de Aragón, recoñécese oficialmente no século XV coa creación dunha festividade.

Actualmente o 23 de abril, día de San Xurxo, é festivo en Aragón, que celebra ese día o Día de Aragón. A cruz de San Xurxo aparece no terceiro cuartel do Escudo de Aragón.
Pedro IV, ademais de introducir a Cruz de San Xurxo no Escudo de Aragón, usaba unha cimeira cun dragón. De aí o entramado que fixo a Xurxo patrón de Aragón, por selo do seu rei, e así de tódolos reinos que compuñan a Coroa de Aragón.
A bandeira de Barcelona loce dúas cruces de San Xurxo
A cruz de San Xurxo é o primeiro emblema da Generalitat de Cataluña. Ademais aparece no escudo de Barcelona.
En Cataluña a festa do Día de Sant Jordi xeneralizouse tamén a mediados do século XV.
En Montblanc (Tarragona) represéntase o 23 de abril a lenda de Sant Jordi e o dragón, e en Sant Climent Sescebes hai unha procesión á Rocha Encantada, onde se supón que hai un gran tesouro que só pode ser encontrado esa noite.
O santo é moi venerado en Alcoi e Bañeres, onde se celebran na súa honra as festas patronais de «moros e cristiáns» (Moros e Cristiáns de Alcoi, e Moros e Cristiáns de Bañeres). En Bañeres, ademais, escenifícase cada tres anos a famosa Lenda do dragón e a princesa.
Resto de España[editar | editar a fonte]
Xurxo de Capadocia é patrón de Cáceres, sendo festividade local o 23 de abril, e celebrándose a véspera a queima do dragón na Praza Maior.
É patrón de Santurdejo. O día da súa festividade celébranse danzas e procesións. Antigamente a xente enferma acercábase á igrexa de San Xurxo e daban voltas arredor para ser curados polas milagres do santo.
Portugal[editar | editar a fonte]

Parece ser que os cruzados franceses que axudaron a Afonso Henriques na conquista de Lisboa en 1147 introduciron o culto a Xurxo en Portugal. Porén, crese que non foi ata a época de Afonso IV cando se pasou a usar o nome de San Xurxo como berro de guerra, en lugar de Santiago.

Nuno Álvares Pereira, condestable de Portugal e profundo devoto do santo, consideraba a Xurxo como adaíl da vitoria de Aljubarrota contra os casteláns.

Tamén Xoán I de Portugal era devoto de Xurxo. Substituíu a Santiago por Xurxo como santo patrón de Portugal. En 1387 ordenou que a súa imaxe a cabalo fora sacada na procesión do Corpus Cristi, tradición que se estendeu tamén ó Brasil.

Inglaterra[editar | editar a fonte]

A bandeira de Inglaterra, a cruz de San Xurxo

O rei Eduardo III de Inglaterra (que reinou entre 1327 e 1377), coñecido por promover o código da cabalería, fundou en 1348 a Orde da Xarreteira e nomeou a Xurxo como o seu patrón.

Os antigos arquivos da orde foron destruídos polo lume, pero se cre que en 1344 ou en 1348, Eduardo III proclamou a Xurxo de Capadocia como patrón de Inglaterra. Malia que o seu culto foi reprimido na época da Reforma pola Igrexa de Inglaterra, a capela de San Xurxo no castelo de Windsor (completada entre 1483 e 1528) se mantivo como sede da orde.

En 1818, o entón príncipe rexente e máis tarde rei Xurxo IV de Inglaterra creou a Moi Distinguida Orde de San Miguel e San Xurxo para recoñecer os servizos extraordinarios no campo diplomático.

Xurxo é un dos personaxes principais do poema Faerie Queen (A raíña das Fadas) de Edmund Spenser, considerado un dos poemas máis belos da lingua inglesa.

Aparece no libro I como o Redcrosse Knight of Holiness (Cabaleiro Santo da Cruz Vermella), protector da Virxe María. É así como se pode interpretar a Xurxo de Capadocia como parte da igrexa de Inglaterra, mantendo e apoiando á dinastía Tudor de Isabel I de Inglaterra.

Italia[editar | editar a fonte]

En Italia o culto a Xurxo de Capadocia estivo moi difundido. En Roma, Belisario (sobre o 527) colocou baixo a protección de Xurxo a Porta de San Sebastián (Porta San Sebastiano) e a igrexa de San Xurxo en Velabro, onde foi trasladado pouco despois outro cranio do santo, descuberto no patriarcado lateranense do Papa Zacarías (744—752).

Rusia[editar | editar a fonte]

Escudo de Moscova

A imaxe de Xurxo de Capadocia aparece no antigo escudo imperial e no escudo nacional moderno. Era o antigo emblema dos exércitos rusos e deu nome á primeira orde militar do país.

A Igrexa Ortodoxa rusa celebra a súa festa como patrón de Rusia o 3 de novembro. O «Gran Mártir Xurxo, portador de trofeo» venérase en forma de icona desde a Idade Media. A galería de iconas de Nóvgorod da Universidade Estatal da cidade, posúe unha colección de iconas do santo dos séculos XII ó XVI.

Ucraína[editar | editar a fonte]

A festa de San Xurxo é en maio. Nesa data celébrase en Ucraína o plastuny, que é á vez a festa de San Xurxo e o festival de primavera.

Malta[editar | editar a fonte]

Na illa de Malta celébrase a festa o cuarto domingo de xuño, e en Gozo o terceiro domingo de xullo.

San Xurxo no mundo[editar | editar a fonte]

Etiopía[editar | editar a fonte]

igrexa de San Xurxo en Etiopía

Segundo a lenda, xerada probablemente polo rei Lalibela de Etiopía, cando este estaba acabando unha serie de igrexas, aparecéuselle San Xurxo na súa armadura e montado nun cabalo branco. O rei dixo que o santo militar lle reprochou que ningún templo estivese dedicado a el, polo que o rei comezou a colectar máis impostos para construír unha o antes posible.

Así se construíu Bet Giyorgis ('San Xurxo'), escavada na rocha, unha das igrexas máis fermosas de Etiopía. O templo está rodeado por mitos e lendas que afirman que foi construída polos templarios no século XIII, ou que garda a Arca da Alianza bíblica.

Brasil[editar | editar a fonte]

Portugal levou o culto ás súas colonias. Nos cultos afro-brasileiros que practican a Santería identifícase a San Xurxo con Ogum ou Ogún (en Río de Xaneiro, Recife e Porto Alegre), e con Oxóssi e Odé (en Baía), deus da guerra e as armas, que manexa o ferro.

México[editar | editar a fonte]

No Estado de Durango declarouse patrón festexable o día 23 de abril. Isto débese á súa mitoloxía de defender ante as "feras", e dado que na cidade de Durango abundan os insectos e arácnidos.

En tempos modernos[editar | editar a fonte]

En 1969 o papa Paulo VI eliminou a San Xurxo do santoral da Igrexa Católica, aínda que non totalmente, xa que o mantivo a nivel facultativo (opcional). De todos xeitos, a devoción popular non decaeu.

Na Igrexa Ortodoxa aínda é venerado como un Santo Maior.

En 1930 trasladouse ó 23 de abril a Festa do Libro Español, que levaba celebrándose en Barcelona desde 1926. A idea inicial de Vicent Clavel Andrés, escritor e editor valenciano, foi aceptada por Miguel Primo de Rivera e o 6 de febreiro de 1930 Afonso XIII firmou o Real Decreto.

O feito de que Miguel de Cervantes (segundo o calendario gregoriano) e William Shakespeare (segundo o calendario xuliano) morreran o 23 de abril (tamén Garcilaso de la Vega e Josep Pla), unido á xa tradicional Feira do Libro (en España), levaron á UNESCO a declarar o día 23 de abril como Día Internacional do libro e dos Dereitos de Autor.

Padronado[editar | editar a fonte]

Ícone, Museo Cristiano-Bizantino, Atenas

San Xurxo é ou foi santo patrón e protector de diversos países, rexións e cidades: a Coroa de Aragón, Inglaterra, Portugal, Xeorxia, Lituania, Xénova, Reggio di Calabria, Moscova, Cáceres, etc.

É un dos santos cabaleiros, protector durante a Idade Media deste estamento. En Rusia empregouse como principal emblema dos seus exércitos. En Inglaterra e Provenza usábase o seu nome como berro de guerra.

Varias ordes militares portan o seu nome ou os seus símbolos, como a Orde da Xarreteira, a Orde Teutónica, a Orde de Calatrava, a Sacra Orde Constantiniana ou a Orde de San Xurxo de Alfama.

Tamén é patrón de diversas outras profesións e actividades: agricultores, soldados, arqueiros, prisioneiros, ferreiros, xentes do circo, escultistas (Scout), montañeiros, etc.

Tamén é o protector dos animais domésticos. O seu nome é invocado contra as serpes velenosas, as enfermidades da pel, o herpes, a peste, a lepra e a sífilis, e nos países eslavos contra o mal de ollo.

Iconografía[editar | editar a fonte]

San Xurxo adóitase representar a cabalo, habitualmente branco, vestido ó modo militar medieval, con palma, lanza (partida), espada e escudo. Era o portaestandarte vencedor, o cabaleiro campión de dragóns, co símbolo da maldade ós pés. Era o cabaleiro da nai de Deus, María, equivalente na terra de San Miguel Arcanxo (do que se distingue porque este último se adoita representar con ás).

As «cores de san Xurxo» (a chamada habitualmente «Cruz de San Xurxo») é unha bandeira branca cunha cruz vermella, con brazos que chegan ata os extremos. Pódese ver decote no escudo de san Xurxo en cadros e outras representacións. Tamén se adaptou nas diferentes entidades das que é patrón, como as bandeira ou escudos de Inglaterra, Xeorxia ou Cataluña.

San Xurxo na arte[editar | editar a fonte]

Os cadros máis famosos do santo foron realizados por Durero (en 1503), Donatello, Rafael e o San Xurxo e o dragón de Rubens, actualmente no Museo do Prado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: San Xurxo