Clasificación climática de Köppen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Koppen World Map (retouched version).png

A clasificación climática de Köppen é unha clasificación fisionómica [1] dos climas da Terra, desenvolta por primeira vez polo científico ruso-alemán Wladimir Köppen en 1884 e modificada posteriormente por el mesmo en 1918 e 1936, e polo climatólogo alemán Rudolf Geiger en 1961.

Establece unha tipoloxía climática baseada en combinacións das medias anuais e mensuais dos valores termopluviométricos. Estas combinacións dan lugar a cinco tipos principais de clima correspondidos a outros tantos conxuntos de vexetación: a selva ecuatorial, a sabana e a estepa, os bosques de caducifolias e de coníferas, a tundra e o deserto. A estes cinco tipos se lle engaden dous que responden ás particularidades climáticas das zonas de montaña e de alta montaña.

Deste xeito, os sete principais tipos climáticos, que atenden a valores das temperaturas e coinciden na súa maior parte coas grandes zonas climáticas terrestres, se representan por letras maiúsculas. Logo, tendo en conta a distribución zonal das precipitacións, faise unha división dos grupos anteriores en subgrupos designados por letras minúsculas. Por último, realiza unha caracterización máis específica das características térmicas engadindo unha terceira letra, tamén minúscula.

Índice

Grupo A: Climas cálidos[editar | editar a fonte]

Abrangue todos aqueles climas nos que a temperatura media do mes máis frío é superior a 18ºC, coa excepción dos áridos e semiáridos. Polo tanto, carecen de inverno e non se producen xeadas. Son climas zonais, na medida en que teñen como referente as zonas térmicas terrestres. Outras características que presentan son:

Clima Af: Clima ecuatorial ou de selva tropical[editar | editar a fonte]

Selva tropical en Costa Rica.

A letra f simboliza a ausencia de estación seca. Isto quere dicir que nin o inverno nin o verán acumulan máis do 70% das precipitacións anuais [3]. Os seus principais trazos son:

  • Amplitude media anual inferior a 5ºC.
  • A precipitación do mes máis seco é superior a 60 mm. O total anual de precipitacións supera os 2.000 mm, sendo habitual rexistrar un máximo nos equinoccios e un mínimo nos solsticios.
  • Baixo índice de confort para o home, dadas as altas temperaturas e a elevada humidade.

As causas deste clima débense basicamente á súa latitude, que permite a verticalidade permanente dos raios solares, o que asegura altas temperaturas todo o ano. O réxime pluviométrico explícase polo propio quecemento do aire, que o inestabiliza e dá lugar a ascensos convectivos xeneradores de nubosidade de grande desenvolvemento vertical, e por ser a zona de converxencia dos ventos alisios. Porén, esta intensa actividade vertical das masas de aire contrasta coa súa escasa mobilidade horizontal, polo que é unha zona de calmas.

Algúns trazos bioxeográficos deste tipo climático son os seguintes:

  • Ríos de caudal abondoso e regular.
  • Selva: Vexetación megaterma de folla ancha e perenne disposta en ata cinco estratos ou pisos. Alta biodiversidade. Desenvolvemento de mangleiral nas zonas litorais das costas occidentais dos océanos.
  • Solos pobres, con forte descomposición química que dá lugar a lateritas.

Exemplos de cidades con este clima son Belém (Brasil) ou Singapur.

Clima Aw: Clima tropical ou de sabana tropical[editar | editar a fonte]

Sabana en Burkina Faso.

A letra w indica a existencia dunha estación seca no inverno. A amplitude térmica pode chegar aos 10ºC e o volume total de precipitacións anuais non acada os 2.000 mm pero supera os 1.000 mm, habendo un acusado contraste entre a que se recolle no verán (estación húmida) e a que se recolle no inverno (estación seca).

O progresivo afastamento do Ecuador degrada as condcións do clima Af de xeito que se van rexistrando descensos pluviométricos cada vez máis acentuados, medrando un deles ata que se transforma en estación seca. A causa cómpre procurala nos centros de acción anticiclónicos subtropicais, que os afectan en inverno e ás masas de aire ecuatoriais marítimas, que o fan en verán. Esténdense entre os 5º e os 25º de latitude en ambos hemisferios, aínda que esta distribución vese matizada pola presenza de correntes mariñas frías nos lados occidentais dos continentes que aridifican o clima.

As principais características bioxeográficas son as seguintes:

  • Ríos cunha marcada alternancia estacional.
  • Vexetación diversa. Segundo nos afastamos do Ecuador pásase dun bosque tropical, menos denso que o ecuatorial e con maior presenza de caducifolias, a unha vexetación de sabana, consistente nunha combinación de árbores e arbustos.

Este clima é propio de cidades como Tegucigalpa (Honduras) ou Lagos (Nixeria).

Clima Am: Clima monzónico[editar | editar a fonte]

É un caso particular do clima tropical. Contra o que se poida pensar, non é exclusivo do sudeste asiático, se ben é certo que nesa zona acada a súa máxima expresión. Está fortemente caracterizado polo fenómeno do monzón. Basicamente, consiste no desplazamento das masas de aire tropical que adquiren así distinta dirección [4] ao longo do ano e mudan a súa carga de humidade. No caso asiático, o desplazamento cara ao norte das mesmas no verán permite a entrada de ventos alisios marítimos, cargados de humidade, que ascenden orograficamente ao chocaren co Himalaia, dando lugar ás precipitacións máis fortes do planeta. En inverno as masas de aire desplázanse cara ao sur, permitindo a influencia do poderoso anticiclón térmico siberiano.

As principais características deste clima son:

  • Precipitación anual superior a 2.500 mm menos 25 veces a precipitación do mes máis seco. Adoitan ser as áreas máis chuviosas do mundo.
  • Acusada estacionalidade das precipitacións, que se producen de xeito repentino e torrencial.

As características edafolóxicas e fluviais asociadas ao monzón son semellantes ás do clima Aw, mentres que a vexetación é moi parecida á da selva ecuatorial.

Este clima atópase en cidades como Manaus (Brasil) ou Goa (India).

Grupo B: Climas secos[editar | editar a fonte]

Son climas azonais [5]. A diferenza dos outros grupos básicos de Köppen a súa clasificación non se debe ás características térmicas, senón que se inclúe nel aqueles climas nos que a evapotranspiración potencial supera á precipitación [6]. Malia que para unha clasificación rigorosa cómpre realizar o cálculo da evapotranspiración, a grandes trazos estes climas concordan cun volume anual de precipitacións inferior a 250 mm. Outra característica importante dos mesmos é a existencia dunha forte oscilación térmica diaria.

Nas zonas tropicais os climas secos son consecuencia das altas presións subtropicais, de orixe dinámica e, por conseguinte, moi estables [7], do efecto dos ventos alisios de procedencia continental e, polo tanto, secos, a barreiras montañosas que crean un efecto de sombra pluviométrica a sotavento como acontece, por exemplo, co efecto Föhn, e ás correntes mariñas frías nas fachadas occidentais dos continentes que diminúen a humidade relativa do aire das terras adxacentes. En zonas mornas existen zonas áridas e semiáridas por degradación das masas de aire marítimo, que se van descando conforme entran no continente, pola disposición orográfica e polo propio mecanismo da circulación xeral atmosférica [8].

Köppen diferenciou neste grupo dous subgrupos cunha segunda letra maiúsucla: os climas BS, semiáridos cuxa manifestación vexetal é a estepa, e os BW, áridos nos que domina o deserto. A diferenza entre ambos é que no BW a evapotranspiración é maior que o dobre da precipitación, mentres que nos BS, aínda sendo maior ca precipitación, non chega a superar o dobre do seu valor.

Todos estes climas comparten como trazos bioxeográficos a escaseza de cursos de auga, de réxime discontinuo, cando non a ausencia completa nas áreas hiperáridas, e vexetación escasa ou nula, de pequeno tamaño, que permite unha intensa actividade da erosión e da meteorización no solo.

Clima BSh: Clima semiárido de estepa cálida[editar | editar a fonte]

A última letra h fai referencia a que as temperaturas son elevadas todo o ano, rexistrándose unha temperatura media anual superior a 18ºC. A amplitude témica diaria é acusada. Almería ten este clima.

Clima BSk: Clima semiárido de estepa fría[editar | editar a fonte]

O k indica temperaturas baixas no inverno e, daquela, unha media anual inferior a 18ºC. Dáse no interior dos continentes en latitudes medias. As precipitación son moi irregulares e a amplitude térmica anual é enorme, superando en ocasións os 32ºC. É o clima de Denver, en Estados Unidos.

Clima BWh: Clima árido de deserto cálido[editar | editar a fonte]

É o clima típico dos desertos tropicais. A insolación é altísima e neles rexístranse as maiores temperaturas do planeta. A humidade relativa mantense sempre por baixo do 50 %. Un exemplo é a cidade de Asuán, en Exipto.

Clima BWk: Clima árido de deserto frío[editar | editar a fonte]

Ligados a factores xeográficos de continentalidade ou abrigos orográficos, danse en latitudes medias. Os invernos son fríos e a oscilación térmica anual moi acusada. Pero aínda máis significativa é a oscilación térmica diaria; a diferenza de temperatura entre o día e a noite pode acadar os 90ºC. É o clima do deserto de Gobi.

Grupo C: Climas mornos[editar | editar a fonte]

A media do mes máis frío é inferior a 18ºC, pero supera os -3ºC [9]. Presentan catro estacións definidas por contrastes térmicos. A diferenza na amplitude térmica anual e o réxime e estacionalidade das precipitacións marcan a variabilidade dos climas tépedos. A orixe destas variacións cómpre procurala na circulación xeral atmosférica [10], a latitude, a distribución de terras e mares e as correntes mariñas. Así, distínguense tres subgrupos:

  • Cf. Climas mornos sen estación seca. Isto non impide que poidan ter un mínimo de precipitacións estival, aínda que non suficiente como para consideralo unha estación seca.
  • Cs. Climas mornos con estación seca no verán.
  • Cw. Climas mornos con estación seca no inverno.

Clima Cfa: Clima morno chuvioso de verán caloroso, chinés ou cantonés[editar | editar a fonte]

A letra a indica que o verán é caloroso, superando a temperatura media do mes máis cálido os 22ºC. Localízase na fachada oriental dos continentes nas súas latitudes medias. As súas principais características, á parte das xa descritas, son:

  • O mes máis seco adoita recibir máis de 30 mm de precipitacións, sendo normalmente no inverno. O volume anual das mesmas soe oscilar entre os 700 e os 1.400 mm.
  • A oscilación térmica anual é bastante apreciable.
  • A humidade e a calor estivais propician un ambiente semellante ao da selva ecuatorial.

Este clima é consecuencia da circulación dos centros de acción. O ascenso das altas presións subtropicais no verán aportan aire cálido marítimo que aseguran cuantiosas precipitacións. No inverno redúcense as chuvias, pero non en exceso grazas ás frontes propias da circulación das latitudes medias. Ademais, en outono, os ciclóns tropicais poden chegar a estas costas.

Existen variantes dentro deste clima relacionadas, en primeiro lugar e no Hemisferio Norte, coa súa situación en América ou Asia. Neste continente, a forza do anticiclón siberiano provoca invernos máis secos e fríos que naquel. No Hemisferio Sur, como a masa continental é moito menor, a influencia das masas de aire terrestres perde importancia.

Os trazos bioxeográficos deste clima son:

  • Os ríos presentan augas altas no verán e baixas en invernos, pero sen que se poida falar de caudais irregulares.
  • A vexetación combina especies tropicais con especies temperadas.
  • Os solos son pobres e con tendencia á lateritización.

Cidades con este clima son Nagasaki (Xapón), Sidney (Australia) ou Porto Alegre (Brasil).

Clima Cfb: Clima morno chuvioso de verán suave, oceánico, atlántico ou marítimo[editar | editar a fonte]

As Fragas do Eume son un ecosistema típico do clima oceánico.

A letrra b indica un verán suave pero longo, de xeito que a temperatura media do mes máis cálido é igual ou inferior a 22 ºC, pero como mínimo catro meses presentan unha temperatura superior a 10 ºC. É o clima característico da maior parte de Galiza, sendo o típico das costas occidentais dos continentes en latitudes comprendidas entre os 40º e os 60º. Algunhas das súas singularidades son as seguintes:

  • Feble oscilación térmica anual (invernos e veráns suaves), entre 10 ºC e 15 ºC, e tamén diaria no inverno debido á cobertura nubosa.
  • As precipitacións, aínda que suficientes todo o ano, soen ser máis frecuentes en outono e inverno, marcándose un mínimo no verán.
  • Nos invernos son frecuentes os ventos fortes, ligados a temporais.

Neste clima xoga un papel fundamental a acción reguladora do océano. As correntes mariñas cálidas que bañan estas costas reducen a oscilación térmica anual e favorecen as precipitacións. No verán seguen a actuar as masas de aire marítimo que, xunto coa brisas, refrescan o ambiente. Porén, hai variantes deste clima en función da latitude e da continentalidade. Canto máis ao sur, preto do límite do paralelo 40º, as precipitacións estivais redúcense (non pasa o mesmo coas invernais) sen marcaren unha estación seca por escasa marxe e as temperaturas aumentan. Canto máis nos adentremos no continente prodúcese unha degradación consistente nun aumento da oscilación térmica anual (veráns máis calorosos e invernos máis fríos) e as chuvias equilíbranse, diminuíndo as invernais e aumentando as estivais.

Este clima dá lugar a ríos regulares, aínda que cun nivel máis alto no inverno que no verán. A vexetación componse de bosques caducifolios e de coníferas, sendo habitual un sotobosque de fentos, toxos e uces. Os solos poden ser podzois, acedos e moi lavados, ou solos pardos, ricos en humus e, xa que logo, de boa calidade para o cultivo.

É o clima das sete cidades galegas, aínda que coas matizacións descritas polas diferenzas en latitude e en distancia ao mar. Fóra do país teñen este clima Bergen (Noruega) ou Wellington (Nova Zelandia), por citar dous exemplos.

Clima Cfc: Clima morno chuvioso de verán fresco[editar | editar a fonte]

A súa característica diferencial é que ten menos de catro meses con temperatura media superior a 10ºC. É un clima de transición entre o Cfb e os climas fríos, que se dá nunha estreita franxa latitudinal nas beiras occidentais dos continentes e sempre ao carón do mar, por exemplo, na capital de Islandia, Reiquiavik.

Clima Csa: Clima morno con verán seco, subtropical con verán seco ou mediterráneo[editar | editar a fonte]

Localízase nas fachadas occidentais dos continentes entre os 30º e os 40º de latitude, alcanzando a súa máxima expresión nas ribeiras do mar Mediterráneo, de quen toma o nome. Este mar xoga un papel crucial: As súas cálidas augas reducen o frío invernal pero non moderan dabondo a calor do verán, podendo as temperaturas subir notablemente nesta estación do ano. Ademais, favorece as precipitacións en outono podendo dar lugar ao fenómeno da gota fría. Tamén a orografía é importante, xa que limita a súa expansión cara ao centro do continente. Outras características importantes son:

  • Verán caloroso e seco e inverno suave e chuvioso, aínda que o volume anual das precipitacións non acada os 1.000 mm, caíndo frecuentemente en forma de treboadas.
  • Fortes amplitudes térmicas diarias e estacionais. Pódense ver sometidas estas áreas a súpetas vagas de frío que provocan fortes contrastes térmicos en escasos días, ao substituíren aire tropical por aire polar.

Pódense sinalar os seguintes trazos bioxeográficos:

  • Ríos moi irregulares, con grandes crecidas no outono, que provocan asolagamentos, e unha acusada estiaxe no verán.
  • Vexetación variable en función do grao de aridez, xerófila. Existen catro formacións típicas, a estepa herbácea nas zonas máis áridas, a estepa arbustiva en zonas menos áridas, o maquis (denso sotobosque de arbustos espiñentos salpicado por sobreiras e aciñeiras) sobre solos síliceos e a garriga (menos tupida que a anterior, salienta a presenza de plantas aromáticas coma o tomiño, a lavanda e o romeu) en solos calcáreos.
  • Solos diversos, frecuentemente erosionados.

A cidade de Valencia ou a estadounidense dos Ánxeles teñen este clima.

Clima Csb: Clima morno con verán seco e suave[editar | editar a fonte]

É un clima mediterráneo matizado pola influencia de correntes mariñas frías que suavizan as temperaturas do verán, incrementándose ademais os valores anuais das precipitacións, que poden exceder dos 1.000 mm. Localízase en áreas moi concretas fóra do mar Mediterráneo, podendo ser tamén consecuencia dunha degradación do clima oceánico Cfb ao baixar en latitude. Un exemplo é o clima de Porto, en Portugal.

Clima Cwa: Clima morno con inverno seco e verán caloroso[editar | editar a fonte]

É unha degradación do clima Cfa que se produce por mor da continentalización. Ao se afastar do mar, a menor cantidade de precipitacións que se produce en inverno acaba por provocar unha estación seca. Tamén pode ser produto da transición deste clima ao clima Aw. Localízase no interior de China, Arxentina e Sudáfrica, así como nas costas meridionais chinesas. Por exemplo, en Hong Kong ou en Córdoba, Arxentina.

Clima Cwb: Clima morno con inverno seco e verán suave[editar | editar a fonte]

Trátase dunha modificación en altura do anterior. Dáse de xeito moi puntual. O exemplo máis notable é Cidade de México.

Grupo D: Climas fríos[editar | editar a fonte]

Taiga siberiana en inverno.

Tamén denominados microtérmicos, son climas nos que a temperatura media do mes máis frío é inferior a -3ºC, pero a do mes máis cálido supera os 10ºC. Abrangue os climas de tipo continental, nos que o afastamento do efecto regulador do mar provoca invernos máis rigorosos e secos. Isto fai que estea moito máis extendido no Hemisferio Norte que no Sur, dada a carencia de amplas masas continentais neste hemisferio. Neste hemisferio, tan só na Pampa arxentina se dan as súas características. Tamén se dá en zonas costeiras de altas latitudes, como transición cara aos climas polares. As principais características destes climas son:

  • Invernos longos e fríos, con fortes contrastes térmicos, tanto estacionais coma diúrnos.
  • Precipitacións anuais reducidas, máis cuantiosas no verán. Porén, o frío conserva unha humidade relativa non demasiado baixa. No inverno son moi importantes as precipitacións en forma de neve que, aínda que non son excesivamente abondosas, permanecen no chan durante 1 ou máis meses.

O desprazamento das masas de aire marítimas polar e tropical explica os contrastes térmicos e de precipitacións. Así, aquelas zonas máis próximas ao mar presentan chuvias máis regulares, aínda que sempre cun máximo no verán. As que están máis acubilladas delas terán un inverno transformado nunha estación seca, véndose afectadas polos anticiclóns térmicos continentais, polo que tamén serán máis fríos.

En canto ás súas características bioxeográficas pódense salientar as seguintes:

  • Ríos de réxime irregular. As augas baixas teñen lugar en inverno, tanto pola escaseza de precipitacións como porque as augas adoitan estar conxeladas. En primavera, a desconxelación dá lugar a importantes crecidas.
  • A vexetación adopta unha forma típica: a taiga. Son bosques de coníferas asociadas a liques, brións e fentos. En zonas máis meridionais e costeiras poden alternar con bosques de frondosas. Nas zonas máis áridas o bosque substitúese pola estepa.
  • Os solos poden ser podzois, terras pardas ou chernozems, considerados estes últimos como un dos mellores solos do mundo.

Presentan dous tipos fundamentais:

  • Climas Df. A redución de precipitacións no inverno non é suficiente como para definir unha estación seca. Atópase no límite setentrional das latitudes medias preto do mar.
  • Climas Dw. Hai unha estación seca no inverno. Son os climas continentais sensu stricto, demasiado lonxe do mar como para paliar a seca invernal.

Clima Dfa: Clima continental húmido de verán caloroso[editar | editar a fonte]

A temperatura do mes máis cálido excede dos 22ºC. Por exemplo, Chicago ou Toronto.

Clima Dfb: Clima continental húmido de verán suave[editar | editar a fonte]

Ningún mes supera os 22ºC de media, pero polo menos catro superan os 10ºC. A capital bielorrusa, Minsk, e a finesa, Helsinki, teñen este clima.

Clima Dfc: Clima continental húmido de verán fresco[editar | editar a fonte]

Menos de catro meses ao ano superan os 10ºC. Están no límite setentrional das latitudes medias, mesmo en latitudes xa por riba do círculo polar ártico, nos que a proximidade de correntes cálidas mariñas suaviza as temperaturas invernais e non permiten considerar o clima destas áreas coma polar. Murmansk, en Rusia, é un exemplo.

Clima Dwa: Clima continental con estación seca no inverno e verán caloroso[editar | editar a fonte]

Localizado nunha estreita franxa de Asia oriental na que o anticiclón siberiano provoca secos invernos e o monzón veráns moi húmidos e calorosos. É o clima da capital chinesa, Pequín.

Clima Dwb: Clima continental con estación seca no inverno e verán suave[editar | editar a fonte]

Inmediatamente ao norte dos anteriores. A latitude non permite que se acaden altas temperaturas no verán. Por exemplo, Vladivostok ou Ulán Bátor.

Clima Dwc: Clima continental con estación seca no inverno e verán fresco[editar | editar a fonte]

É a prolongación setentrional do anterior, dándose en Irkutsk.

Clima Dwd: Clima continental extremo[editar | editar a fonte]

A letra d fai referencia a que o mes máis frío ten unha temperatura media por embaixo dos -38ºC. É un clima extremo, cunha oscilación térmica anual elevadísima, xa que a temperatura media do mes máis cálido pode superar os 15ºC. Responde a circuntancias xeográficas concretas (por exemplo, a orientación dun val) que se unen ao elemento continental para dar lugar a invernos moi severos. Oymyakon, en Siberia, ten este clima e nela atopamos a temperatura máis baixa xamais rexistrada nun lugar poboado: -71,2ºC [11].

Clima E: Climas polares[editar | editar a fonte]

A tundra de Alasca no verán.

Ningún mes supera os 10ºC de temperatura media. Xa que logo, non medran as árbores. Localízanse por riba do paralelo 70º no Hemisferio Norte e ao sur do 55º no Sur. Ademais, o volume anual de precipitacións é escaso, sempre por baixo dos 300 mm, minguando cada vez máis conforme nos achegamos aos Polos.

Clima ET: Clima de tundra[editar | editar a fonte]

A temperatura media do mes máis cálido supera os 0ºC. A oscilación térmica anual é elevada, porén, a diúrna é moi feble. A maioría das precipitacións, reducidas, son en forma de neve e son frecuentes tanto os ventos fortes como as néboas. Dentro deste clima poden distinguirse dúas variantes: a variedade continental, con invernos xélidos e precipitacións por embaixo dos 200 mmm anuais concentradas no verán, e a variedade oceánica, con invernos algo máis suaves e precipitacións máis frecuentes.

A tundra é a formación vexetal característica. Esta desenvólvense só no curto verán, consistindo en fentos, liques e brións, mesturados con algunhas gramíneas. Nas rexións menos frías de transición cara a taiga poden aparecer algunhas árbores, ananas e deformadas, como salgueiros ou bidueiros, de xeito moi esporádico. En canto aos solos son típicos os permafrosts. Trátase dun subsolo xeado en profundidade, que durante o verán adoitan ser pantanosos como consecuencia da súa drenaxe insuficiente.

A capital de Groenlandia, Nuuk, é un exemplo deste clima.

Clima EF: Clima de xeos perpetuos[editar | editar a fonte]

Ningún mes supera os 0ºC de temperatura media. Só se atopa na Antártida, no interior de Groenlandia e nos arredores do Polo Norte. As precipitacións son escasísimas, menos de 10 mm ao ano e sempre en forma de neve. Porén, as baixísimas temperaturas fan que a neve caída se acumule durante séculos. Non existe ningún tipo de vexetación.

Climas G e H: Climas de montaña[editar | editar a fonte]

Considérase clima G, de montaña, a partir dos 1.500 metros de altitude. O clima H é o clima de alta montaña, a partir dos 3.000 msnm. Ora ben, dependendo de onde se localicen precisarase máis ou menos altura para que se acaden as características propias destes climas [12]. Ademais da altura, tamén a configuración do relevo posúe importancia. Así, a exposición das ladeiras á insolación modifica as temperaturas entre solana e umbría e a orientación leste-oeste dos vales fainos máis soleados que os orientados no eixo norte-sur. Sen embargo, estes efectos, importantes en latitudes medias, case son imperceptibles en latitudes tropicais, dada a grande perprendicularidade dos raios solares. Tamén a exposición aos ventos dominantes da zona teñen unha grande influencia nas precipitacións, sendo máis húmidas as ladeiras a barlovento que as de sotavento. En xeral, as precipitacións son máis abondosas nas montañas que nas chairas que as arrodean, sendo tamén máis regulares.

Críticas ao sistema de Köppen[editar | editar a fonte]

Malia ser unha clasificación que goza dunha ampla aceptación por parte da comunidade científica non está exenta dalgunhas críticas. A maior parte delas se centran no grupo C dos climas tépedos, que moitos autores consideran sobrerrepresentada, propoñendo un limiar mínimo para o mes máis frío de 0º no canto de -3ºC. Outros suxiren un novo grupo no que o mes máis frío teña unha temperatura comprendida entre 6º e 18ºC [13].

Outros debates se centran na conveniencia ou non de manter un grupo B baseado exclusivamente no balance evapotranspiración / precipitación así como a de manter a isoterma de 10ºC para o mes máis cálido como límite entre os climas polares e os do grupo D [14]. Tamén se ten postulado a necesidade de diferenciar un teceiro subgrupo dentro do E para incluír nel aos climas de tundra costeiros [15].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. As clasificacións climáticas fisionómicas son aquelas que combinan parámetros climáticos imprimindo un enfoque de síntese xeográfica ou obedecendo a criterios bioxeográficos. Defínense en oposición ás clasificacións xenéticas, que parten da análise da circulación xeral atmosférica.
  2. Fai referencia á diferenza de temperatura entre o mes máis cálido e o mes máis frío.
  3. A efectos do cálculo, no Hemisferio Norte, considérase verán ao semestre que vai de abril a setembro e inverno ao que transcorre dende outubro ata marzo. No Hemisferio Sur é ao revés.
  4. Segundo Chromow, en La mousson comme réalité géographique (1950), son monzónicas aquelas rexións nas que a dirección do vento en superficie experimenta un cambio de rumbo de polo menos 120º entre as estacións do ano.
  5. Quere dicir, poden atoparse en calquera latitude.
  6. Patton, C. (1978). Curso de Geografía Física, Ed. Vicens - Vives. Para o cálculo da evapotranspiración potencial emprega a fórmula: e = 20t + 490 - 7PPW, onde:
    e = necesidade de auga
    t = temperatura media anual en ºC
    PPW: porcentaxe total de precipitación dos seis meses máis fríos.
  7. Permanecen todo o ano nas fachadas occidentais dos continentes. Un exemplo é o anticiclón das Azores, causante do deserto do Sáhara.
  8. Por exemplo, no deserto do Gobi as altas presións invernais siberianas proporcionan un aire moi frío e seco, mentres que no verán, co ascenso do jet stream, vese afectada por aire tropical moi cálido que evapora axiña a precipitación que poida achegar.
  9. Algúns autores prefiren situar o límite inferior en 0ºC.
  10. A continua circlulación do oeste das latitudes medias, que aporta aire húmido marítimo sobre as fachadas occidentais dos continentes e a oscilación estacional norte - sur da Fronte Polar, son algún dos elementos que inflúen.
  11. Páxina web de Radio Televisión Española O meteorólogo español Mario Picazo califícao como o pobo máis frío do mundo.
  12. Por exemplo, en Islandia pódese falar de clima G a partir dos 600 metros, mentres que nas zonas tropicais cómpre subir ata os 3.000
  13. Griffiths, J. F. (1968), Applied Climatology.
  14. Cuestionado, por exemplo, polo científico sueco Otto Nordenskiöld.
  15. Griffiths, J. F. (1968), Applied Climatology.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Aguilera, M. J., Borderías, M. P., González, M. P. e Santos, J. M. (2010); Geografía General I. Geografía Física; Universidad Nacional de Educación a Distancia (en castelán).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]