Caza (avión)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cazas F-22, un dos avións de combate máis sofisticados do mundo.

Os avións de caza dedícanse á defensa e ataque da aviación inimiga deste mesmo tipo, tamén interveñen en operacións de cobertura de bombardeiros propios ou operacións das forzas terrestres.

Os avións de caza ó igual que os distintos armamentos dun exército moderno, evolucionaron moito dende a final da segunda guerra mundial. Aínda que durante a Guerra de Corea e outras menores foron empregados aparellos co mesmo concepto e parecido armamento que durante a segunda guerra mundial.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

O primeiro derrubamento aéreo da historia aconteceu durante a Grande Guerra, o 5 de outubro do 1914, cando os franceses Frantz e Quenaud, dende o seu avión de recoñecemento Voisin, derribaron un avión alemán cun fusil metrallador de infantaría.

Porén, podemos considerar que a historia dos cazas comeza co desenvolvemento do monoplano Fokker EI por Alemaña. Este avión contaba cunha novidosa característica: na vez de precisar a un segundo tripulante que disparase a metralladora, tíñaa fixa na parte posterior, estaba asistida polo piloto e estaba sincronizada coas hélices, de tal xeito que non as estragase ó disparar. Este modelo, e principalmente unha versión mellorada (o Fokker E III) déronlle ós alemáns unha rápida superioridade aérea ó comezo da guerra, apenas contestada polos Airco D.H.2 británicos.

Así e todo, pouco despois faría a súa aparición os sobresaíntes sesquiplanos Nieuport 11 bébé franceses, que coa súa gran manobralidade, axiña contiveron os Fokker monopraza alemáns. Dende comezos do 1916 ata finais dese mesmo ano, a entente dominou os ceos do campo de batalla con avións tales como o manexábel Nieuport 17 francés e o Spad S.VII británico, mentres novos desenvolvementos alemáns como o Albatros D II e o menos capaz (aínda que netamente superior en trepada a tódolos anteriores) Halberstadt D II comezaron a contestar ao devandito poderío.

O avión que volvería o control do ceo ás potencias centrais sería o Albatros D III que combinaría con grande éxito a robustez do Albatros D II coa célula sesquíplana dos Nieuport. Tivo uns formidábeis competidores nos británicos Sopwith Pup e Spad S.XIII que pouco a pouco volverían á entente á súa superioridade.

Un caza antigo: o Boeing P26 Peashooter, o voo inaugural realizouse no 1932.

Aparecerían por aquel entón os primeiros triplanos. O Sopwith Triplane voaría coa mariña británica a partir de febreiro do 1917. A pesar da súa curta vida operativa, o Triplane impactaría tanto aos xermanos que se apresuraron a desenvolver o seu propio triplano, o Fokker Dr I, moi famoso por se-la montura favorita do As Manfred von Richthofen "O Barón Vermello". Estes aparatos comezaron a aparecer nos campos de batalla no outubro do 1917.

Por aquel entón, o control aéreo xa era da entente. A comezos de 1918, os británicos Sopwith Camel, R.A.F. S.E.5 e posteriormente o Sopwith Snipe, dominaban os ceos de Francia fronte a uns competentes, aínda que numericamente inferiores Pfalz DXII e Albatros D.V, e malia se enfrontaren ó mellor caza de toda a guerra, o Fokker D.VII.

Período de Entreguerras (1919-1938)[editar | editar a fonte]

Nos cazas desenvolvidos ó longo do período entra as dúas grandes guerras, o cambio máis significativo foi o troco dos materiais empregados como a madeira, téxtiles... por materiais moito máis resistentes como é o caso dos metais. Así mesmo houbo un paso de avión biplanos a monoplanos. Outra novidade sería a mellora das aerodinámicas e a introdución do líquido refrixerante nos motores dos aeroplanos.

Podemos citar como aeronaves destacadas ó longo deste período as seguintes, dentro dos biplanos están o Avia B-534, Bristol Bulldog, Fiat CR.42, Gloster Gladiator, Hawker Fury. E dentro dos monoplanos atopamos o Boeing P-26 Peashooter, Brewster F2A Buffalo, Polikarpov I-16 e o PZL P.11.

A segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

Ó comezar a invasión de Polonia, a Luftwaffe alemá estaba perfectamente equipada cos seus novos aparellos.

Os novidosos movementos da Blitzkrieg alemá precisaban dun abundante apoio aéreo, e polo tanto, a superioridade sobre as zonas de combate era un obxectivo primordial para a Luftwaffe. Os cazas alemáns empregados para este propósito foron uns 200 Messerschmitt Bf 109 e unha centena dos novísimos cazas pesados Messerschmitt Bf 110, que deberon enfrontarse a uns 150 anticuados cazas polacos PZL P.11 e PZL P.7.

A guerra sorprendeu as forzas aéreas británicas e francesas en pleno proceso de rearmamento. O principal caza británico do momento era o Gloster Gladiator, un biplano. Os máis modernos Supermarine Spitfire e Hawker Hurricane apenas acababan de facer a súa aparición cando comezou a guerra.

O presente e o futuro preto[editar | editar a fonte]

Cabina dun caza moderno.

Aínda que nalgún momento se pensou que os avións de caza deixarían de empregar o canón, chegáronse a fabricar modelos de caza desprovistos desta arma, portando só mísiles, mais tiveron pouco éxito e, malia que sexa de xeito testemuñal, a maior parte dos cazas actuais van provistos do mesmo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]