Reino de Galicia

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Reino da Galiza
Bandeira de Reino de Galicia
Escudo de Reino de Galicia
Bandeira Escudo
Lema: "Hoc hic misterium fidei firmiter profitemur"
Himno nacional: "Marcha Solemne do Antigo Reino de Galiza"
 
Reino de Galicia

Localización do Reino de Galiza e a súa extensión no século XI (en vermello). Continente europeu (en castaño claro e branco).
 
Capital
 • Poboación
Santiago de Compostela
n/d
Lingua Galego dende XII, e castelán dende XV.
Forma de goberno Monarquía
Fundación
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas

n/d
n/d
n/d km
n/d km
Poboación
 • Total
 • Densidade

n/d
n/d
Xentilicio galego (-a)
Este artigo trata do estado histórico coñecido como "Reino de Galiza" (século V - 1833). Para información sobre o país actual, véxase o artigo principal: Galiza.

O Reino de Galiza foi unha entidade política (século V - 1833) situada no Suroeste de Europa, e no Noroeste da Península Ibérica que foi evoluíndo territorialmente ao longo dos séculos.

Índice

[editar] O Reino Suevo

Ver artigo principal: Reino Suevo.
Teodomiro (ou Ariamiro), rei de Galiza cos bispos Lucrecio, André e Martiño. Códice Vixiliano.
Teodomiro (ou Ariamiro), rei de Galiza cos bispos Lucrecio, André e Martiño. Códice Vixiliano.

A orixe do reino atópase no século V d.C., cando os suevos definitivamente se asentan na antiga provincia romana chamada Gallaecia. Estes, encabezados polo seu rei, Hermerico (que asinara un foedus co emperador romano Honorio, polo cal concedíalles a soberanía, é dicir, a total independencia de Roma), fixarían a súa corte na antiga Bracara Augusta, creando así o que se chamaría regnum suevorum, "regnum galliciense" ou Reino Suevo, comezando o seu reinado no 409. No 449 o primeiro rei suevo nado en Galiza, Requiario (fillo de Requila, neto de Hermerico), decide converter o reino en católico, ó igual que a maioría da súa poboación, aínda que do 465 ao 550 volveríase ó arrianismo.

Un século máis tarde as diferencias entre os nativos galaicos e os suevos comezarían a desaparecer, este feito tería por resultado que os autores coetáneos se refiran ao reino nese momento como Galliciense Regnum[1], e ós reis indistintamente coma Regem Galliciae[2], Rege Suevorum ou Galleciae totius provinciae rex[3], mesmo os bispos coma Martiño de Dumio serán recoñecidos coma episcopi Gallaecia[4]. Todo isto propicia que no século VI d.C., poidamos xa falar da existencia do Reino de Galiza. Este reino, o primeiro na historia da Europa medieval, durou 175 anos, até que o rei visigodo Leovixildo conquistou este reino ó último rei suevo de Galiza, Andeca, e unificou Hispania.

[editar] Alta Idade Media

Mapa político do Suroeste europeo arredor do ano 600 d.C.
Mapa político do Suroeste europeo arredor do ano 600 d.C.

Xa nos momentos iniciais do reino ástur, o rei cántabro Afonso tivo que facer expedicións militares para ter o control da Gallaecia en 739. Aínda así, houbo frecuentes rebelións dos galegos (759, 778, 885, 895); embora após a batalla de monte Cupeiro, na que o rei Silo derrotou unha rebelión de toda a Gallaecia, non voltou haber serios intentos independentistas[5].

Galiza adquiriu de novo o carácter de reino independente de 910 a 914 baixo Ordoño II e a aristócrata galega Elvira Menéndez. Experiencia que se repetiu co primoxénito deste: Sancho Ordóñez (924) e a súa dona a raíña galega Goto. En moitos momentos da súa historia viuse unido ó Reino de Asturias e/ou ó Reino de León, facendo que nalgúns casos sexa difícil diferencialos.

A nobreza galega oscilou entre o dominio do reino ou o levantamento para a consecución dun espazo propio (traditores). Árbitro nesa inestabilidade foi San Rosendo que mediou entre Ordoño IV e Sancho I, ámbolos dous coroados en Santiago de Compostela. Resultado dunha desas rebelións será a coroación na Galiza de Vermudo II (982). Este derrotará a Ramiro III de León e unificará novamente os dous territorios.

Coa expansión navarra de Sancho III O Maior, os territorios da Coroa de León quedaron reducidos practicamente ó Reino de Galiza, ata que o seu fillo Fernando, o futuro rei de Castela, derrotou ó rei galaico-leonés Vermudo III. Tras dominar o territorio galego, e buscando a lexitimidade no matrimonio coa irmá deste, Sancha, vívese unha primeira experiencia de unidade de Galiza e León con Castela. Con todo, e seguindo a política dos monarcas da época, Fernando I deixa en testamento a partilla dos seus reinos entre os seus fillos.

[editar] Séculos centrais

Á morte do rei Fernando I en 1065, o Reino de Galiza (que nese momento chegaba xa ata a cidade Coimbra) pasa ao seu terceiro fillo na liña sucesoria, García de Galiza. Tamén pasan ó seu goberno as terras tributarias do reino, que eran as taifas musulmanas de Sevilla e Badaxoz.

García restaurou as sés de Tui e Braga e venceu varios conatos de anexión, pero finalmente foi deposto polos seus irmáns Sancho II de Castela e Afonso VI de León en 1071. Estes asinarían xa ese ano co título de reis de Galicia na documentación galega do momento. García morrería en prisión e sempre se lle recoñeceu a dignidade real. Galiza pasou a ser gobernada por Raimundo de Borgoña, casado coa filla de Afonso VI de León, dona Urraca (totius Gallecia imperatrix). A nova situación non se acadou sen resistencias. Se ben que as noticias son confusas, algúns sosteñen que o conde Rodrigo Ovéquiz encabezou unha rebelión que tardou varios anos en sufocarse. Igualmente, o bispo de Santiago Diego Páez foi deposto no Concilio de Husillos (1088); entre os motivos de tal deposición cítase un presunto intento de concertar un acordo con Guillerme o Conquistador do cal unha filla estivera prometida ó rei García. Trala morte de Don García en prisión, en 1096 Afonso VI dividiu o territorio en dous condados, un correspondente ás terras galegas e o outro ás portuguesas que doou a Henrique de Borgoña, pai do primeiro rei de Portugal Afonso Henriques.

[editar] A Era Compostelá

No ano 1111 a nobreza galega encabezada polo Conde de Traba e Diego Xelmírez coroan en Santiago de Compostela ó fillo de Urraca e Raimundo, Afonso Raimúndez, como rei -temerosos de que do novo matrimonio entre Urraca e Afonso de Aragón houbese descedencia: algo que viría coutar os seus proxectos políticos e, así mesmo, os dereitos do futuro "Emperador", como lexítimo sucesor de Afonso VI- sendo o futuro Afonso VII de León e Castela no cómputo español. Sostiña ó novo rei a forza militar do bispo compostelán e a do conde Pedro Froilaz de Trava, que fora o seu protector e titor durante toda a súa infancia. O sentido da coroación foi preservar o dereitos do fillo de don Raimundo de Borgoña sobre o Reino de Galiza, nun momento en que Urraca, xa viúva, entregaba de facto Castela e León ó seu novo home Afonso o Batallador de Navarra e Aragón. En realidade, a cerimonia compostelá tivo moito máis, nun primeiro momento, de simbólica que de efectiva e, de feito, ata a maioría de idade de Afonso VII, e a morte da súa nai, todo o conxunto noroccidental vai vivir unha etapa de convulsión con frecuentes alianzas e contraalizanas entre nai e fillo e aínda entre esta e o seu esposo aragonés, con Diego Xelmírez sempre presente nelas.

Miniaturas medievais de Fernando II e Afonso VIII. Tumbo de Toxosoutos. s.XIII.
Miniaturas medievais de Fernando II e Afonso VIII. Tumbo de Toxosoutos. s.XIII.
Escudo do Rei de Galiza segundo o armorial inglés Segar´s Roll, s.XIII.
Escudo do Rei de Galiza segundo o armorial inglés Segar´s Roll, s.XIII.

Neste clima de guerra e aproveitando que Calisto II, tío do rei de Galiza, chega ó Papado, Xelmírez consegue o arcebispado para Santiago de Compostela (1120). As pretensións do bispo eran que Compostela fose recoñecida como igrexa metropolitana de Galiza, contra os dereitos tradicionais de ostentaba Braga dende os tempos de San Martiño de Dumio. Calixto II non acepta tanto e decide crear unha nova xurisdicción que supuña unha anomalía no poderío eclesiástico peninsular e que, ademais, exercía o seu poder non sobre os territorios galegos en que estaba localizada xeograficamente, senón na antiga xurisdicción de Mérida (Estremadura actual e terras ó Sur do río Douro).

Braga ficaba así rodeada pola xurisdicción de Compostela e, perante este perigo, convértese no centro do movemento independentista do Condado de Portugal. En 1128 o líder da nobreza galega Fernando Pérez de Traba e Tereixa de Portugal que despregaban un poder autónomo no espazo galaico-portugués son vencidos polo fillo da última Afonso Henriques. Este sería o xermolo do futuro reino portugués separado de Galicia e León. Á súa morte, Afonso VII dividiu os seus reinos (1156), cedendo Galiza e León a Fernando II.

Fernando II fai unha política de concesión de cartas-póboas, que xa iniciara o seu pai e funda entre outras, as vilas de Padrón, Ribadavia, Noia e Pontevedra tamén deu un pulo fundamental á catedral de Santiago de Compostela. O seu fillo Afonso IX mantivo a mesma política fundando ó longo da costa, Betanzos, A Coruña, Baiona, Ferrol e Neda. Estas vilas de reguengo supoñen unha verdadeira revolución na estrutura social da época porque, por unha banda, inauguran a diversificación económica, rachando coa autarquía dos séculos anteriores e facilitando o desenvolvemento das actividades pesqueiras e pre-industriais orientadas á elaboración de materias primas, peixe salgado sobre todo, que se comercializa a través dos portos, pola outra banda, serven para consolidar socialmente unha serie de "liñaxes" ou "casas" que teñen na súa orixe ós segundos da grande nobreza e á fidalguía local, que se reparten os cargos municipais e administrativos (alcaldes, rexedores, xuíces, meiriños). Crease así unha protoburguesía no reino que mesmo chega a introducir nos mosteiros rurais os seus membros: priores de nome e fidalgos de vocación, máis preocupados polos intereses das súas casas que polos ideais monásticos. É unha política de fortalecemento do elemento urbán fronte á grande nobreza.

Tamén se produce, ó longo deste século, un rápido crecemento da poboación wur, no medio rural, se traduce en máis brazos para traballaren a terra e, como consecuencia, ábrense novos espazos e colonízanse e rotúlanse terras virxes baixo a dirección dos grandes mosteiros. Isto, unido á mellora dos aparellos de labranza e ao aperfeizoamento dos sistemas de cultivo, xera un aumento da produtividade que vai repercutir no nivel de vida. O reparto desa maior produtividade entre os labregos e os señores realízase mediante o establecemento dos foros. As transformación económicas e sociais conlevan cambios profundos na mentalidade e iníciase, nas vilas, unha anovación relixiosa de man das ordes mendicantes, sobre todo dos franciscanos, que traen xérmolos de reformas sociais.

Con estes monarcas o centro vital dos reinos é, loxicamente, Compostela, onde reside a corte galega, e o seu esplendor ficou perpetuado polo Mestre Mateo no granito da Catedral e, sobre todo, no Pórtico da Gloria e Praterías. Da prosperidade do reino fan fe tamén as innurables construcións románicas que aínda salfiren Galiza. A outro nivel menos visible, a cultura galega reflíctese na creación literaria, que ficou plasmada por unha banda na redacción do Historia Compostelá e o Códice Calixtino.

Afonso VIII, deu en herdanza os reinos de Galiza e León ás fillas que tivera con Tareixa de Portugal: Dona Sancha e Dona Doce. Acaso estes dous reinados, o de Fernando II e Afonso IX -en realidade, Afonso VIII nunha cronoloxía galego-leonesa- constitúen o momento central na posibilidade de constituír un espazo galego-leonés de seu, nun momento no que a monarquía patrimonial deixaba paso xa á de carácter territorial.

[editar] Anexión á Coroa de Castela

Ata comezos o século XIII, os reinos peninsulares anexionábanse mediante o casamento ou a herdanza baixo a persoa dun rei. Finado ou deposto o rei estes se partixaban entre os diferentes herdeiros de xeito que garantiran a súa independencia. No caso dos monarcas galegos o dereito de herdanza era indistinto para homes e para mulleres.

Afonso VIII casara dúas veces. Do seu primeiro matrimonio con Tareixa de Portugal tivo dúas fillas, Sancha e Aldonza. No segundo casamento casou con Berenguela de Castela, e tivo catro fillos; Fernando, Afonso, Constanza e Berenguela. Para manter a independencia dos reinos de Galiza e León, Afonso VIII no seu testamento aplicou o dereito galego de herdanza, que igualaba na sucesión a homes e mulleres, deixando a Aldonza coma futura raíña de Galiza e a Sancha como futura raíña de León. Sen embargo Fernando, primoxénito do seu segundo casamento xa era rei de Castela pola renuncia ao trono da súa nai, a castelá Berenguela ambicionaba espallar a súa autoridade rexia non só en Castela, senón tamén en Galiza e León. Así pois, Aldonza e Sancha contaron co masivo apoio da nobreza e igrexa galega, agás os bispos de Lugo e Mondoñedo.

Non obstante, o reino de León, máis unido a Castela xeograficamente e culturalmente preferiu a unión política con esta. Berenguela, nai de Fernando de Castela, consegue o apoio de Sancho II de Portugal para impedir que Galiza e León se convertan novamente en reinos independentes, e ambos presionan a Tareixa de Portugal, primeira muller de Afonso VII para forzar a Aldonza e Sancha para renunciar ó seu dereito lexítimo de herdanza. Finalmente, as infantas renuncian ó trono e Fernando III consegue o trono de Galiza e León, que aínda de conservar o seu título real pasan a seren gobernadas dende Castela.

[editar] Período Baixomedieval

Mapa cartográfico do Reino de Galiza. s.XVI. Feito por Ioannes Baptista Vrints.
Mapa cartográfico do Reino de Galiza. s.XVI. Feito por Ioannes Baptista Vrints.

Co reinado de Fernando III (1230-1254) o centro de poder politico do reino de Galiza trasládase a Castela, a corte real abandona Compostela e iníciase unha política de tendencia centralizadora. Galiza continua a ser monolingüe e toda a súa documentación pública está redactada na lingua do reino, o galego, aínda que a partires de agora os documentos que cheguen da Corte virán redixidos en castelán. A política centralizadora de Fernando III manténse durante o reinado do seu fillo Afonso X, que introduce por vez primeira un representante xudiricial do Reino no goberno de Compostela, e pouco máis tarde entregará a sé compostelá a un arcebispo de Valladolid, comezando un proceso que rematará por trocar os bispos galegos por funcionarios de Castela.

Non obstante, a pesar deste feito, o certo é que ó longo de todo o período medieval, e ata a chegada ó poder dos Reis Católicos, os nobres galegos seguiron a vivir nun estado de práctica semi-independencia con respecto da coroa castelá.

A figura do Adiantado Maior do Reino de Galicia foi o representante do monarca de Castela e era designado entre os membros da máis alta nobreza galega. Un dos máis célebres adiantados maiores foi o almirante e trobador Pai Gómez Chariño, a quen se lle atribúe a conquista de Sevilla cunha flota de naves galegas.

A nobreza galega mantivo unha longa resistencia fronte a nova dinastía dos Trastámara. En Galicia foi recoñecido como rei o monarca portugués nun primeiro conato de restauración da lexítima dinastía petrista; máis tarde sería proclamado pola nobreza galega Xoán de Gante, duque de Lancaster. Ningunha tentativa acabaría callando.

Durante as revoltas dos irmandiños estes gobernaron o Reino de Galiza mediante Xuntas que decretaron o derrubamento dos castelos e fortalezas, exerceron xustiza e recrutaron exércitos. O poder irmandiño durou dous anos ata que a nobreza galega opositora recuperou o poder (1469), axudada pola coroa castelá.

Os Reis Católicos propuxéronse disciplinar o reino e consolidar o seu dominio de xeito definitivo. Tralo escabezamento da nobreza máis levantisca (Pardo de Cela decapitado no norte, Pedro Madruga asasinado no sur, e o conde de Lemos coutado no leste), o reino de Galiza quedou baixo o mando dun Gobernador que presidia a Real Audiencia do Reino era designado polos reis de Castela e Aragón de entre a nobreza foránea.

[editar] O duque de Lancaster e Fernando I de Portugal, reis de Galiza

Fernando I, rei de Portugal.
Fernando I, rei de Portugal.

A morte de Pedro I en 1369 supuxo o triunfo aristocrático en Castela, onde foi coroado Henrique de Trastámara, candidato señorial, sen embargo pese as pretensións deste, a maior parte dos nobres galegos non o recoñecen como tal e co beneprácito dos municipios do reino demandan como rei a Fernando I de Portugal no ano 1369. Prodúce por un curto espazo de tempo a culminación práctica da repetida tendencia de aproximación entre Galiza e Portugal propugnada por influintes grupos sociais galegos e activa desde había tempo. Acompañado dende Portugal por importantes partidarios nobres da causa lexitimista, significados representantes da nobreza galega, entre eles Fernando Pérez de Castro (conde de Trastámara), o cabaleiro e señor de Salvaterra, Álvaro Pérez de Castro e Nuño Freire de Andrade (mestre da orde portuguesa de Cristo). Á súa entrada no reino de Galiza foi triunfal e aclamado nas cidades.

As medidas de goberno de Fernando I pasaron pola restauración das prazas fortes de Tui e Baiona entre outras, a liberación do tráfico comercial entre Galiza e Portugal asi como o abastacemento de cereal e viño por vía marítima ás poboacións galegas mermadas pola guerra. Realizou igualmente disposicións en materia monetaria para o que mandou fazer moeda de seus sinais d´ouro e prata, asii (...) na Crunha e em Tuy, testemuñando as Cortes de Lisboa do ano 1371 a validez das moedas indistintamente no reino de Galiza coma no de Portugal.

Con todo, e pese ao éxito inicial, a presenza do monarca portugués no reino foi curta. Henrique de Trastámara, asistido polos mercenarios das Compañías Brancas organizou unha contraofensiva que obrigaría a Fernando I a retornar a Portugal, facendose deste xeito coa goberno de Galiza ata a chegada do Duque de Lancaster.

Tan só dous anos despois de que Fernando I de Portugal renunciara ás súas pretensións no Reino de Galiza, apenas un anos despois da ocupación de Tui por Diego Sarmento en nome do futuro rei Henrique de Trastámara e manténdose aínda A Coruña fiel a Portugal, Xoán Fernández de Andeiro culminaba as xestións con Inglaterra. Asinabase asi o 10 de xullo de 1372 un tratado polo cal, Constanza, filla do rei Pedro I, asasinado por Henrique de Trastámara, reclamaba o seu dereito lexítimo como sucesora ante este último.

Rendición de Santiago de Compostela a John of Gaunt. Jean Froissart, Chronicles.
Rendición de Santiago de Compostela a John of Gaunt. Jean Froissart, Chronicles.

Así foi que o marido de Constanza, John of Gaunt, duque de Lancaster e fillo do rei Eduardo III de Inglaterra adopta os títulos reais da súa muller (de Galicia, León, Castela, etc..) dispoñendose a facelos efectivos. A primeira tentativa frustrouse cando a súa expedición se houbo de desviar, no Poitou, cara a cidade de Thouars, urxida pola Guerra dos Cen Anos en Francia. No ano 1386, repaldado pola bula papal de Urbano IV que lle concedia o dereito á Coroa de Castela, desembaca na Pescadería da Coruña, máis sena frontar o asalto da cidade amurallada. Establecéronse entón capitulacións, segundo as cales a cidade abriríalle as portas se antes era recibido en Santiago. Así, sucedeu, e a continuación logrou, sen apenas resistencia militar, dominar o reino. Acompañado pola súa muller e fillas, asentou a súa Corte en Compostela. Dirixiu as súas operacións cara Pontevedra, Vigo, Baiona, Betanzos, Ribadavia, Ourense e Ferrol. En Ourense as súas tropas asaltaron a cidade e faga retirar ás tropas trastamaristas, mentras Ferrol é tomado polo rei de Portugal Xoán I, aliado do duque de Lancaster. No caso de Ribadavia, a cidade se resistiuse a este, e o propio Thomas Persey dirixiu un asedio de días sobre a vila, que acabou sendo tomada.

Tras estas accións militares practicamente toda Galiza ficaba en poder do duque, concretamente despois de que el e o rei portugués se fixeran co dominio de Ferrol, así a crónica escrita por Jean Froissart o deixa claro; avoient mis en leur obeissance tout le roiaulme de Gallice.

Non obstante, a evolución dos acontecementos militares foi determinada por unha epidemia de peste que dezmou cuantiosamente ás tropas inglesas en chan galego. Isto forzou ao duque de Lancaster a negociar unha saida con Henrique de Tratámara. Os termos da paz, asinada en 1388 estipulaban a renuncia ás pretensións rexias de John of Gaunt e da súa muller Constanza a cambio dunha crecida indemnización e da voda entre o herdeiro castelán, Henrique III, e a filla do duque, Caterina de Lancaster. A retirada final dos ingleses pechaba os intentos desdenvoltos polos concellos e a alta nobreza galega para acadar un espazo non compartido con Castela e orientar Galiza cara Portugal e o Atlántico, con todo non sería a derrareira vez que isto ocorrería.

[editar] Os derradeiros nobres rebeldes

A nova concepción monárquica conducida polos Reis Católicos, o chamado “Estado Moderno”, foi auspiciada en Galicia polo episcopado (en primeiro lugar polo arcebispo Afonso Fonseca), asi como por algúns nobres foráneos, particularmente os Pimentel, condes de Benavente, directamente ligados á monarquia. Sen embargo esta nova concepción tivo por resultado o choque frontal con senllos condes galegos. Son destacables as rebeldias sostidas, por orde cronolóxica, por Pedro Álvarez, conde de Soutomaior (Pedro Madruga), polo mariscal Pardo de Cela, e polos sucesivos condes de Lemos, Pero Álvarez Osorio e Rodrigo Henríquez de Castro.

Todos eles compartían o común denominador da forte oposición militar ao proxecto político dos Reis Católicos, proxecto que repercutía considerablemente a estes nobres e por ende, aos seus parceiros nobiliares e eclesiásticos no país. Este factor dotounos de unidade dabondo como para seren considerados entón ( tamén desde fora) unha acción representativa do Reino de Galiza, como entidade autónoma e resistente frente á absorción que supuuña a imposición do autoritarismo monarquico, dada a carencia de protagonismo galego neste proxecto, hexemonizado pola oligarquia aristocrática castelá-andaluza e cunha participación moi restrinxida de elementos galegos do mesmo estamento. A resistencia exercida por estes nobres foi adoptada por moitos como un carácter innato do reino e das súas xentes, asi o cronista aragonés Jerónimo Zurita describiu aquela situación do seguinte xeito:

En aquel tiempo se comenzó a domar aquella tierra de Galicia, porque no sólo los señores y caballeros della pero todas las gentes de aquella nación eran unos contra otros muy arriscados y guerreros.

Castelo de Soutomaior, onde morou Pedro Álvarez.
Castelo de Soutomaior, onde morou Pedro Álvarez.

A resistencia presentada por Pedro Álvarez de Soutomaior ofrece a maior claridade de motivos políticos e de obxectivos, e foi tamén a de maior envergadura e posibilidades de éxito, por integrarse nun conflicto de grandes proporcións. O pertinez enfrontamento do conde contra o arcebispo de Santiago, Afonso de Fonseca II, xuntouse, por extensión á oposición frontal contra a monarquia de Isabel a Católica. Na guerra de sucesión que segue á morte de Henrique IV abraza a causa da súa filla, Xoana ( desposada con Afonso V de Portugal) e, por tanto, a opción portuguesa fronte á aragonesa de Isabel. No decurso da guerra sucesoria mantiva entre Xoana e Isabel, os contendendes estiveron a punto de acadar un compromiso que incluiría a incorporación do reino de Galiza á coroa portuguesa. A vitoria militar de Isabel e a subseguinte paz de Alcaçobas de Castela con Portugal en 1479, seguidas do exilio do conde de Soutomaior a Portugal (onde foi recompensado co título de Conde de Caminha) e a súa sospeitosa morte pouco despois, significaron o fracaso das inclinacións proportuguesistas e atlánticas de Galiza.

Anos despois, e no norte do reino, nun famoso 17 de decembro de 1483 era executado o mariscal Pero Pardo de Cela en Mondoñedo, cumpríndose sentenza polo Gobernador dos Reis Católicos en Galiza, Fernando de Acuña. Semellante final, colofón dunha longa e desproporcionada resistencia no cerco do seu castelo da Frouseira e a caída por traizón, conferironlle un especial dramatismo ao caso, facendoo tema idóneo para a literatura. Xa no mesmo momento do tráxico desenlace se compuxo un fermoso “Pranto da Frouseira”, mitificación inmediata da súa figura.

Dun xeito ou outro o capitulo de Pardo de Cela incluese doadamente na secuencia de resistencia contra o Estado Moderno e explica a dureza e exemplaridade do castigo, que sería excesivo para unha simple rebeldia motivada por intereses estritamente particulares e sen maior transcendencia política, e que espertaría temor en toda a nobreza galega. A mediados dos anos sesenta, cando a loita entre o monarca e os señores acadou a máxima tensión, o mariscal se atopaba no cargo de alcalde da vila de Viveiro, noameado polo procurador do Concello para exercendo como tal polo rei, no que se xuntan segundo viña sendo norma, o lexitimismo monarquico e o movemento emancipador urbán. Pardo de Cela está por tanto situado no mesmo bande de onde xurdirían, axiña as Irmandiños.

Un ano despois, en 1465, colaboraba na supresión do señorío de Xoán de Viveiro sobre esa vila como membro do concello e en nome de Henrique IV. Unha vez vencidas as irmandades, o choque de Pardo de Cela con membros relevantes da igrexa mindoniense e, por fin, cos Reis Católicos, era continuación lóxica, xa a nivel particular, daqueles aliñamentos anteriores, pois a crecente hexemonía eclesiástica e o forte intervencionismo monárquico nos concellos, fenómenos ambos propios do Estado moderno, erosionaban as bases da súa posición social e política.

Finalmente entre 1483 e 1485 as respectivas rebelións de Pero Álvarez Osorio e de Rodrigo Henríquez de Castro, sucesivos condes de Lemos chegaban ao seu fin. O primeiro morría de morte natural, deixando pendente a resolución da discrepancia; o segundo foi cercado e derrotado ante o despregue militar persoalmente comandado polos reis de Castela e Aragón. Con esta última rebelión anulábase toda oposición nobiliar fronte á monarquia dos reis católicos no reino de Galiza. Ademáis a derrota de Rodrigo Henríquez supuxo a remodelación do mapa de Galiza, deixando o Bierzo de formar parte do condado de Lemos e consecuentemente de Galiza.

Sofocada xa toda oposición no reino, en 1486 os Reis Católicos visitaban Galiza, sendo o simbolo do remate dunha época, o final da Idade Media en Galiza. A consecución final do pleno dominio rexio en Galiza, o que o cronista Jerónimo Zurita chamaría “ domar aquella tierra de Galicia”.

O reino entrou noutra fase, marcada pola extinción política dos sectores sociais capaces de conducir unha dinámica propia, convertido nun terrritorio periférico da monarquía hispánica na súa proxección imperial. Supeditado a institucións alleas, introducironse organismos novos impostos desde fora (audiencia, santa irmandade, gobernadores, correxedores, inquisición, congregación monástica de Valladolid,etc..), nutridos maiormente con funcionarios estranxeiros e contando co concurso dos sectores autóctonos intermediarios e subalternos.

[editar] A recuperación do voto do Reino de Galiza nas Cortes

Portada da cédula de permiso de comercio en favor da Real Compañía de Galicia. Arquivo Histórico Provincial de Lugo, 1734.
Portada da cédula de permiso de comercio en favor da Real Compañía de Galicia. Arquivo Histórico Provincial de Lugo, 1734.

Apartires do reinado de Xoán II de Castela o Reino de Galiza deixa de ser chamado ás Cortes e, aproximadamente, dende 1476 Zamora era a cidade encargada de falar por el na asemblea da Coroa de Castela. Mais dende 1518 as cidades e vilas galegas comezaron a mobilizarse para recupera-lo seu voto lexítimo en Cortes, contradicindo os dirixentes galegos a potestade de Zamora de falar no nome do Reino de Galicia.

A recuperación do voto en Cortes foi un obxectivo compartido polas oligarquías urbanas e os magnates galegos. En 1520 o arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, o conde de Andradre e o de Benavente reclamárono durante a celebración das Cortes de Santiago sen obter resultado. Con todo o compromiso das elites galegas propiciou que o 4 de decembro de 1520, nobres e prelados do reino reunidos na Asemblea de Melide, dirixida polo arcebispo de Santiago Alonso III de Fonseca, insistiran na reclamación ó emperador no tema do voto, sen embargo Carlos I rexeitou dotar a Galiza de voto nas Cortes unha vez máis.

Un ano despois da negativa do emperador, as cidades galegas toman a iniciativa, e no ano 1557 unha Xunta do Reino oferta 20.000 ducados polo que xa de por si era un voto lexítimo nas Cortes. A aspiración seguiu a ser recollida por sucesivas xuntas ata que no 1599 a Audiencia accedeu ó desexo das sete capitais e convocounas para tratar en exclusiva o asunto. Dous comisionados se encargaron de facer en Madrid as xestións pertinentes mais as súas novas ofertas pecuniarias foron rexeitadas. Non obstante, dende 1621 apareceron as circunstancias precisas para o éxito da aspiración do reino galego. A Monarquía necesitaba a cooperación política e financieira dos seus reinos para soste-lo esforzo bélico (fin da Tregua dos Doce Anos). A oligarquía urbana e a nobreza galega foron quen de aproveitar a ocasión, e apesares da resistencia de Zamora e o afán exclusivista das demais cidades con voto en Cortes, a Coroa sacrifica "la conveniencia política en aras de la necesidad militar", e no ano 1623 o reino de Galiza recupera o voto, despois iso si de pagar 100.000 ducados para construír unha escadra que defendera as súas propias costas. A influencia de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, foi decisiva para recupera-lo voto, e que Filipe IV fixera merecede de tal dereito por Real Carta de 13 de outubro de 1623. A Xunta de 1621, a proposta do marqués de Cerralbo, gobernador do Reino, ofreceu os 100.000 ducados e ó concede-lo voto en 1623 os procuradores galegos, conde de Salvaterra e D. Antonio de Castro e Andrade, asistiron ás Cortes convocadas para o 18 de marzo dese ano. Ámbolos dous foron nomeados por Frai Antonio de Soutomaior e o conde de Gondomar, quen xogaron un relevante papel na obtención do voto. Desta maneira o reino recuperaba un dereito de seu que durante 150 anos lle fora despoxado.

[editar] O Reino de Galiza na Idade Moderna

Anaco da obra "Pompas fúnebres do emperador Carlos V" no que se representan os estandartes do Reino de Galicia. Autor: Jean e Lucas Doetecum (séc. XVI)
Anaco da obra "Pompas fúnebres do emperador Carlos V" no que se representan os estandartes do Reino de Galicia. Autor: Jean e Lucas Doetecum (séc. XVI)

A representación do país ante a monarquía exercíaa a Xunta do Reino de Galicia composta por representantes das cidades de Santiago, Lugo, Betanzos, Coruña, Mondoñedo, Ourense e Tui. Esta institución non foi quen de exercer un poder nitidamente autónomo agás durante a invasión napoleónica. No transcurso da guerra da independencia asumiu a soberanía interior e exterior, entrementres o Rei de España Fernando non consolidase a súa posición.

Oficialmente, Galiza, mantívose como reino ata 1833 ano no que foi divido en catro provincias durante a rexencia de María Cristina, desaparecendo así dos mapas.

[editar] Notas

  1. Historia Francorum. Gregorio de Tours.
  2. De scriptoribus ecclesiasticis. Sigebertus Gembalensis.
  3. RISCO, M., España Sagrada 40- 41.
  4. Martini Episcopi Bracarensis Opera Omnia pp. 288-304.
  5. Claudio Sánchez-Albornoz: Orígenes de la nación española. El reino de Asturias- Instituto de Estudios Asturianos, 1972.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum, editeur Jacques-Paul Migne, Patrologia Latina.
  • Liber Sancti Jacobi "Codex Calixtinus", Santiago de Compostela, Xunta de Galicia , 07/2004.
  • Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910), Xosé Antonio López Teixeira, Editorial Toxosoutos, S.L. 02/2003.
  • Galicia, todo un reino, Colin Smith. Universidade de Santiago de Compostela, 1996.
  • Martiño de Dumio : a creación dun reino, Anselmo López Carreira, Edicions do Cumio, S.A. 08/1996.
  • Documentos medievales del reino de Galicia: Fernando II (1155-1188), ISBN 84-453-2818-2.
  • Alfonso III El Magno : último rey de Oviedo y primero de Galicia, Armando Cotarelo Valledor, Tres Cantos, Ediciones Istmo, S.A. 04/1992.
  • Gregory of Tours, History of the Franks, Tradución por L Thorpe (Penguin, 1974).
  • Historia compostelana, Emma Falque Rey. Ediciones Akal, S.A. 11/1994.
  • O reino de Galiza, Anselmo López Carreira, Edicións A Nosa Terra. Promocións Culturais Galegas S.A., 1998, ISBN 84-89976-43-0.
  • O cronicón de Hidacio : Bispo de Chaves, César Candelas Colodrón, Editorial Toxosoutos S.L., 02/2004.
  • O reino medieval de Galicia, Anselmo López Carreira, Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A., 2005, ISBN 84-96403-54-8.

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais