José Mourinho

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Mourinho
Mourinho CSKA Moscow 05042010 2.jpg
Mourinho en Moscú en 2010.
Información persoal
Nome completo José Mário dos Santos Mourinho Félix
Nacemento 26 de xaneiro de 1963 (51 anos)
Lugar Setúbal, Portugal
Altura 1,76 m.
Posición Centrocampista
Información de club
Club actual Chelsea (adestrador)
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1980–1982 Rio Ave 16 (2)
1982–1983 Belenenses 16 (2)
1983–1985 Sesimbra 35 (1)
1985–1987 Comércio e Indústria 27 (8)
Adestrador
2000 Benfica
2001–2002 União de Leiria
2002–2004 Porto
2004–2007 Chelsea
2007–2010 Internazionale
2010–2013 Real Madrid
2013– Chelsea
* Partidos e goles só en liga doméstica.
† Aparicións (Goles)

José Mário dos Santos Mourinho Félix, OIH, nado en Setúbal o 26 de xaneiro de 1963, é un ex futbolista e actual adestrador de fútbol portugués. Xogaba de centrocampista e actualmente adestra o Chelsea FC.

Durante dous anos consecutivos (2004 e 2005), Mourinho foi nomeado o mellor adestrador de fútbol do mundo pola Federación Internacional de Historia e Estatística de Fútbol (IFFHS). Ademais da súa exitosa traxectoria, é coñecido no mundo futbolístico polas súas frecuentes polémicas e enfrontamentos con outros profesionais deste deporte.

É xunto a Ernst Happel e Ottmar Hitzfeld o único adestrador que foi campión da Liga de Campións da UEFA con 2 equipos distintos (Porto e Inter de Milan).

Como primeiro adestrador comezou a súa carreira no Benfica e os seus primeiros éxitos importantes conseguiunos co Porto, entre eles unha Liga de Campións. Entre o 2004 e o 2007 adestrou o Chelsea inglés, etapa trala que foi contratado polo club italiano Inter de Milán por tres temporadas cobrando unha cifra millonaria de 9 millóns de euros por ano. Tras conseguir con este club, entre outros títulos, unha Liga de Campións, fichou polo Real Madrid. Tras tres tempadas en Madrid, Mourinho regresou ó Chelsea en xuño de 2013.

Carreira[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

José Mourinho é fillo de Félix Mourinho, quen na súa xuventude xogou ao fútbol na posición de porteiro, e na súa idade adulta fixo de adestrador de fútbol, e súa nai foi María Julia, que traballaba como profesora nunha escola en Portugal. O seu contorno familiar caracterizouse por ter unha gran tradición futbolística, pois na súa infancia José Mourinho vía xogar a seu pai como porteiro, ademais de que seu avó foi presidente do club de fútbol Vitória de Setúbal. Desde pequeno, José mostrou aptitudes para a condución e a organización dun equipo de fútbol, pois foi desde unha idade temperá que el facía xa informes e expedientes para os xogos que dirixiría seu pai.

El estudou no ISEF (Instituto Superior de Educação Física), unha escola de educación física en Lisboa que hoxe é a Facultade de Motricidade Humana da Universidad Técnica de Lisboa. Un pouco antes desa época, Mourinho tivo un altercado cun mestre de matemáticas na escola media. Isto propiciou que tardase en graduarse, pois este incidente sucedeu durante o último ano da súa educación media. José tivo que deixar a escola, pero regresou decontado para pasar o exame de matemáticas e completar o 12º grao. Durante o lapso en que José non asistiu á escola, súa nai -que en realidade quería que el estudase Administración en vez de Educación Física-, inscribiuno nunha escola privada de Administración. Porén José notou desde o primeiro día que non tería ningún futuro nesa profesión, e ese mesmo día deixou a escola de Administración. Uniuse ao seu pai en Vila do Conde, onde este era o director técnico do Rio Ave F.C. Ao ano seguinte Mourinho logrou ingresar no ISEF. Cinco anos despois, obtivo o grao en Educación Física, con especialidade en Metodoloxía en Deportes.

Mourinho completou o curso da UEFA para director técnico de fútbol en Escocia para logo regresar a Portugal para traballar como adestrador nunha escola secundaria.

Posteriormente Mourinho deixou o seu traballo como adestrador escolar ao recibir un convite para traballar co adestrador Manuel Fernández no Estrela de Amadora. Nos anos 90, regresou ao seu lugar de orixe como asistente no Vitória de Setúbal. Máis tarde Mourinho comezou a ser coñecido coma o tradutor, debido ao seu traballo ao lado de Sir. Bobby Robson. Con el José desempeñou como tradutor (tecnicamente era o seu intérprete), primeiro no Sporting e logo no FC Porto.

O portugués seguiu a Robson cando este último partiu ao Barcelona en 1996. Alí Mourinho mellorou os seus coñecementos de español. Cando Robson deixou o equipo blaugrana para dirixir o PSV Eindhoven de Holanda, Mourinho permaneceu no Camp Nou para traballar co técnico que substituíu a Robson, o holandés Louis van Gaal. Conforme transcorría o tempo, Mourinho comezou a participar activamente nas sesións de adestramento e nas reunións onde se discutían cuestións tácticas, incluso chegou a dirixir o FC Barcelona B.

Benfica e União de Leiria[editar | editar a fonte]

José Mourinho decidiu que ao finalizar a tempada 1999-2000 co FC Barcelona terminase tamén o seu ciclo como asistente de adestrador. Debido a isto, regresou a Portugal para dirixir algún equipo dese país. A tempada 2000-2001 comezou e el atopábase desempregado. A súa oportunidade de converterse en director técnico finalmente chegou en setembro do 2000, cando João Vale e Azevedo lle ofreceu o posto de adestrador dun dos clubs máis importantes de Portugal, o Benfica de Lisboa. Mourinho substituíu a Jupp Heynckes na cuarta xornada da Super Liga portuguesa. Mourinho escolleu a Carlos Mozer, un defensa retirado pero respectado no Benfica, como o seu asistente.

Mentres no plano deportivo Mourinho e Mozer se volvían populares, especialmente logo de venceren por 3-0 os eternos rivais, o Sporting, a elección do corpo directivo do Benfica non favoreceu ao entón presidente João Vale e Azevedo. O novo presidente electo do club foi Manuel Vilarinho, quen tomou posesión cun novo proxecto para o equipo que incluía a outro manager, Toni, unha lenda para o club e admirado polos fans. Aínda que Vilarinho non tiña a intención inmediata de botar a Mourinho, este decidiu solicitar unha extensión de contrato a metade da tempada, pois o contrato asinado con João Vale e Azevedo era só dunha tempada coa posibilidade de estendelo a catro anos só se Azevedo gañaba as eleccións. O novo presidente do Benfica rexeitou a solicitude. Mourinho deixou o Benfica (despois de tan só nove xornadas dirixindo ao equipo) o 5 de decembro do 2000.

Vilarinho dixo tempo despois nunha entrevista que se Mourinho permanecese no club e gañase a Liga portuguesa, el podería terlle estendido o contrato. Porén, para Mourinho as cousas non resultaban tan sinxelas, pois traballar baixo unha nova directiva que publicamente afirmaba que o seu proxecto o levaría a cabo Toni, non resultaba de ningunha maneira cómodo. Mourinho puxo nos seguintes termos os motivos polos que pediu unha extensión de contrato: "Era todo ou nada. Amo o meu traballo e desexaría permanecer nese club. Eles xa tiveran o tempo suficiente para coñeceren o meu traballo e os meus métodos, así que o único que pedía eran as condicións necesarias para traballar. Ou garantíanme esas condicións ou eu deixaba o equipo. Despois do 3-0 sobre o Sporting xa podían tomar unha decisión. Era a única forma de saber se era unha posibilidade real para min o seguir co posto ou debía soamente esperar a que chegase o meu sucesor. A cuestión era tomar unha decisión, eles ou eu nese momento."

Mourinho quedou novamente desempregado. Houbo rumores sobre unha posible contratación por parte do Sporting que nesa mesma semana despediu o seu adestrador Augusto Inácio trala dolorosa derrota ante o Benfica. José non volveu dirixir un equipo ata a seguinte tempada, a 2001-2002, ao poñerse a fronte do União de Leiria, un equipo non moi popular de media táboa, que da man de Mourinho chegou ao quinto lugar da táboa xeral a metade de tempada, precisamente só un posto por debaixo do Benfica. Mourinho novamente deixou o club que dirixía, nesta ocasión debido a unha circunstancia moi distinta, unha oferta para dirixir un club máis importante na Super Liga portuguesa

FC Porto[editar | editar a fonte]

Mourinho foi o elixido en xaneiro do 2002 polo FC Porto (FCP) para substituír a Octávio Machado como manager, debido aos malos resultados do equipo, a insatisfacción que reinaba debido a que o club estaba case fóra da loita polo título de liga e estaban ao bordo de non se clasificaren para ningunha competición europea. Mourinho guiou o club ata o terceiro lugar da táboa dirixindo 15 partidos (11 triunfos, 2 empates e 2 derrotas) e prometeu que o club gañaría o título no seguinte torneo.

Mourinho identificou rapidamente aos xogadores que poderían ser a espiña dorsal da aliñación perfecta para o FC Porto: Ricardo Carvalho, Costinha, Deco, Dmitri Alenichev e Postiga. El devolveulle o brazalete de capitán a Jorge Costa. Este fora cedido por seis meses ao Charlton Athletic (após unha disputa con Machado). As contratacións dese verán incluíron a Nuno Valente e Derlei do Leiria, Paulo Ferreira do Vitória Setúbal, Pedro Emanuel do Boavista FC e Edgaras Jankauskas e Maniche, os cales remataban o contrato nese ano co Benfica. Maniche estivera incluso nas reservas do Benfica.

Durante a pretempada, Mourinho publicou no website do club os informes detallados dos adestramentos do equipo. Os informes estaban cheos de vocabulario formal. Por exemplo, el referiuse a unha práctica de xogo de 20 quilómetros como un exercicio aeróbico estendido. Mentres algúns se burlaban con desdén desta acción, outros alabárono pola innovación e por levar un tratamento máis científico ás vellas formas de adestramento que se practicaban en Portugal. Un dos aspectos máis importantes para Mourinho no FC Porto era a presión que debía exercer o seu equipo. Cando iniciaba unha liña ofensiva, el chamábaa "pressão alta" ("presión alta"). As habilidades físicas e combativas dos defensores e os mediocampistas como Derlei, Maniche e Deco permitíronlle ao FC Porto aplicar presión ás liñas ofensivas e forzar os rivais a concederen a pelota ou a probaren os pases por moito máis tempo.

No 2003, Mourinho gañou a súa primeira Super Liga cun récord de 27 triunfos, 5 empates e 2 derrotas, con once puntos de diferenza sobre o Benfica. O equipo atinxiu un total de 86 puntos de 102 posibles, o cal era un récord para a liga portuguesa desde a introdución da regra de tres puntos por triunfo. Mourinho rompeu o récord de 85 puntos logrado polo propio FC Porto na tempada 1996/97. Mourinho tamén gañou a Copa Portuguesa (contra o seu antigo club o Leiria) e a Copa da UEFA na final celebrada en maio do 2003 en Sevilla contra o Celtic de Glasgow.

A seguinte tempada foi a máis exitosa do FC Porto, pois logrou o seu título número 20 da Super Liga portuguesa. O club logrou un rexistro case perfecto xogando de local, con oito puntos de vantaxe sobre o seu máis próximo perseguidor e con só unha derrota ante o Gil Vicente FC. O FC Porto asegurou o título desde cinco xornadas antes de que a tempada concluise, mentres se mantiñan competindo ao mesmo tempo na Liga de Campións. O FC Porto perdeu a Copa da liga portuguesa ante o Benfica en maio do 2004, pero dúas semanas despois Mourinho gañou o trofeo máis importante a nivel de clubs en Europa, a Liga de Campións, cunha vitoria de 3-0 sobre o Mónaco de Francia na Arena AufSchalke en Gelsenkirchen, Alemaña. O club eliminara antes o Manchester United, o Olympique de Lyon, e máis o Deportivo da Coruña. O club só perdeu un partido contra o Real Madrid na ronda de grupos.

Mentres Mourinho ficaba no FC Porto, foi vinculado con algúns dos grandes clubs europeos, incluíndo o Liverpool e o Chelsea. Mourinho declarou publicamente a súa preferencia por dirixir o Liverpool por riba do Chelsea. Declarando que:

O Liverpool é un equipo que interesa a calquera, e o Chelsea é un club que non me interesa tanto, pois é un proxecto nacente con moito, demasiados cartos investidos. Acho que o Chelsea é un proxecto moi ambicioso pero fráxil. Se o equipo non gaña todo, entón Abramovich podería retirarse e tirar todo o seu diñeiro do club. É un proxecto incerto. É moi interesante para un director técnico ter diñeiro para contratar xogadores de gran calidade, mais ninguén pode estar seguro de que semellante proxecto terá éxito.

[1]

Chelsea FC[editar | editar a fonte]

Mourinho chegou ao Chelsea en xuño do 2004, converténdose no director técnico mellor pagado no mundo cun soldo de £4.2 millóns ao ano. Un ano despois renovou o seu contrato para gañar £5.2 millóns anuais.

Na primeira conferencia como técnico do Chelsea, é dicir, a súa presentación ante a prensa inglesa, Mourinho gañou notoriedade polas súas palabras: Por favor, non me chamen arrogante, pero son campión europeo e penso que son un tipo especial. Ante isto os medios británicos alcumárono The Special One.[2]

Mourinho recrutou o seu equipo de traballo procedente do Porto, que consistía no asistente do director técnico Baltemer Brito, o director de asistencia física Rui Faria, o xefe de exploradores Andre Villas e o adestrador de porteiros Silvino Louro. Mourinho retivo os servizos de Steve Clarke, que xa traballaba para o club na área de formación de futbolistas, e que ademais xa desempeñara como asistente de adestrador anos atrás. No que se refire ás fichaxes para esa tempada, Mourinho pediu moitos xogadores ao igual que o fixera o seu predecesor, Claudio Ranieri, e co consentimento de Roman Abramovich, logrou fichaxes que acadaron os £70 millóns en estrelas como Tiago Mendes (£10 millóns) do Benfica, Didier Drogba (£24 millóns) do Olympique de Marsella, Mateja Kezman (£5.4 millóns) do PSV Eindhoven e do FC Porto Ricardo Carvalho (£19.8 millóns) e Paulo Ferreira (£13.3 millóns).

So o mando de Mourinho, o Chelsea logrou desenvolver e impoñer todo o seu potencial, cousa que o equipo de Londres non conseguira a tempada anterior. Para principios de decembro do 2004, o Chelsea atopábase na cima da táboa da Liga Premier e lograba avanzar á segunda fase da Liga de Campións. Mourinho axiña obtivo o seu primeiro trofeo ao gañar a Copa da Liga Inglesa, a Carling Cup, ao bater o Liverpool por marcador de 3-2 no estadio de Cardiff. Cara ao final do partido, Mourinho sufriu unha chamada de atención por un xuíz de liña por incitar os seguidores do Liverpool logo de que o Chelsea empatase o marcador.

O club vestiuse de gala pois lograban obter o seu primeiro título da liga inglesa en 50 anos, precisamente o ano no que se conmemoraba o primeiro centenario do nacemento do Chelsea. Ademais, o equipo fíxoo rompendo varios récords. Malia todo, a exitosa campaña viuse eclipsada ante a falta da guinda do pastel: o título da Liga de Campións da UEFA. Aquel ano o Chelsea tiña todo para obter o preciado título, pero foi eliminado na ronda de semifinais polo Liverpool (os eventuais campións) por un polémico gol nos primeiros minutos do partido de volta. O balón xamais sobrepasou a liña de meta, pero o árbitro deu a xogada por anotación.

Para o seguinte ano, a tempada 2005/06, o Chelsea encabezou a táboa da Liga Premier a maior parte do tempo, pero non logrou coroarse definitivamente ata o partido contra un dos seus maiores rivais: o Manchester United. O equipo de Mourinho venceu os Red Devils por marcador de 3-0. Deste xeito Mourinho obtiña o bicampionato da Premier League e o cuarto título de liga consecutivo. Após a cerimonia de entrega de trofeos, Mourinho lanzou a súa medalla e o seu blazer cara ao público. Recibiu unha segunda medalla minutos despois, mais volveuna lanzar ao público. Posteriormente dixo que guindou a medalla porque era idéntica á que recibira o ano anterior, e que el non necesitaba outra, e por esa razón quixo compartila cos seguidores do Chelsea. As medallas e o blazer logo estiveron en subasta en eBay.

A tempada 2006/07 caracterizouse polas constantes especulacións sobre a posible saída do técnico portugués ao concluír a tempada, debido á ruptura co dono do club, o millonario ruso Roman Abramovich e por unha loita de poder co director deportivo, o ex-internacional danés Frank Arnesen. Nunha conferencia de prensa Mourinho despexou as dúbidas respecto ao seu futuro en Stamford Bridge. Dixo que só había dúas formas para que el deixase o Chelsea: se o Chelsea non lle ofrecía un novo contrato en xuño do 2010, ou se o Chelsea o despedía.

A pesar de todas as turbulencias, Mourinho gañou novamente a Copa da Liga (Carling Cup) vencendo o Arsenal na final disputada no Millennium Stadium. Con todo, o equipo non puido reter o título da Liga Premier. O Manchester United gañou de novo o título despois de cinco anos. O equipo de Mourinho ficou en segundo lugar, perdendo puntos debido a múltiples lesións que deixaron xogadores como John Terry, Petr Cech e Joe Cole varios meses inactivos. Mais o desquite chegou deseguido, cando ambos os equipos se enfrontaron na final da FA Cup na inauguración do novo estadio de Wembley. O Chelsea levantou a Copa ao vencer o Manchester United por marcador de 1-0.

Na primeira xornada da seguinte tempada o Chelsea bateu un novo récord en Inglaterra, o de maior número de partidos sen perder en casa. O club logrou impoñer a marca de 64 xogos consecutivos sen derrota, destronando o récord do Liverpool imposto entre 1978 e 1981. Así e todo, o inicio de tempada non foi tan forte coma os dous anos anteriores. A vaga de lesións unida á combinación de tres malos resultados, unha derrota ante o Aston Villa, un empate na casa co Blackburn Rovers (habería que sinalar que neste partido un gol lexítimo do Chelsea foi anulado por fóra de lugar) e un 1-1 co modesto equipo noruego Rosenborg na Liga de Campións da UEFA foron o escenario no que a saída de Mourinho se levou a cabo.

Mourinho deixou inexplicablemente o Chelsea o 20 de setembro do 2007, por "mutuo consentimento" coa directiva do club. Moitos seguidores do Chelsea mostraron o seu desacordo ante tal situación. A forma en que o técnico portugués saíu do club provocou innumerables historias que tentaron explicar a situación. Ata o día de hoxe descoñécense os motivos reais. O Chelsea nomeou como novo técnico o israelí Avram Grant. El desempeñaba o posto de asistente de Mourinho, dise que de modo imposto pola directiva do Chelsea desde xullo do 2007.

Mourinho foise do Chelsea como o máis exitoso manager na historia dese club, gañando seis trofeos en tres anos, e mantendo o equipo invicto nos partidos xogados na casa, o estadio Stamford Bridge.

Inter de Milán[editar | editar a fonte]

Tras un tempo buscando equipo após o seu despedimento do Chelsea, relacionaríano con clubs como o Real Madrid, FC Barcelona, Valencia e o Inter de Milán. Porén, foi este último o que se faría cos seus servizos, fichando por tres tempadas a razón de 9 millóns de euros cada unha, desbancando a Juande Ramos como o adrestrador mellor pagado de Europa.

En principio, antes de ser elixido o adestrador do club interista, pretendía levarse a varios xogadores que tivo no Chelsea, como Ricardo Carvalho, Frank Lampard e Didier Drogba, incluíndo a Deco que entón pertencía ás filas de FC Barcelona, con quen coincidira nas tempadas 2002-03 e 2003-04, gañando a UEFA e a Copa de Europa, respectivamente.

O Inter proclamouse con Mourinho no banco campión da SuperCoppa Italia 2008 contra a Roma e campión da Serie (A) 2008/09. Ademais José Mourinho faría triplete con esta squadra italiana na tempada 2009/2010 ao vencer o Scudetto da Serie (A), a Coppa Italia e a Champions League.

O 22 de maio do 2010, minutos despois de atinxir a terceira Liga de Campións da historia do Inter, confirmou as súas intencións de marchar ao Real Madrid.[3] O 26 de maio, o Presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, asemade que anunciaba a destitución de Manuel Pellegrini, confirmou que a intención do club era facerse cos servizos de Mourinho.[4]

Real Madrid C.F[editar | editar a fonte]

O 28 de maio de 2010 fíxose oficial a fichaxe de Mourinho polo Real Madrid, por 8 millóns de euros.[5] A presentación realizouse o 31 de maio.[6] Como segundo adestrador nomeouse ao ex futbolista do club Aitor Karanka.[7]

Clubs[editar | editar a fonte]

Como asistente técnico[editar | editar a fonte]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Porto
Chelsea
Internazionale
Real Madrid

Galardóns individuais[editar | editar a fonte]

  • UEFA Adestrador do Ano (2): 2002/03 e 2003/04.
  • World Soccer Magazine Adestrador do ano (2): 2003/04 e 2004/05.
  • BBC Sports Personality of Year Coach Award: 2004/05.
  • FA Premier League Adestrador do ano (2): 2004/05 e 2005/06 .
  • IFFHS Adestrador do ano (2): 2004 e 2005.
  • Adestrador do mes, FA Premier League (3): novembro de 2004, xaneiro de 2005 e marzo de 2007.
Predecesor:
Manuel Pellegrini
Adestrador do Real Madrid
2010-actualidade
Sucesor:
No cargo

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]