Saudade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saudade (1899), de Almeida Júnior.

Saudade é unha palabra de difícil definición nas linguas galega e portuguesa. Expresa un sentimento afectivo primario, próximo á melancolía, estimulado pola distancia temporal ou espacial a algo amado e que implica o desexo de resolver esa distancia[1]. Manuel de Melo definiuna como "bem que se padeçe y mal de que se gosta" en 1660[2]. A palabra saudade foi adoptada por algunhas outras linguas na súa forma orixinal, dada a dificultade de traducila.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

La Saudade, Galaxia, 1953, inclúe artigos en galego e castelán de Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Lois Tobío Fernández, Xoán Rof Carballo, Francisco Elías de Tejada, Xesús Alonso Montero, Manuel Vidán e Francisco Fernández del Riego.

Sobre a orixe da palabra saudade non hai un consenso amplo entre os diferentes autores[3].

A hipótese que explica a súa orixe a partir da voz latina solitate é defendida por numerosos autores dende mediados do século XIX ata os nosos días. Esta hipótese está moi estendida, pero pouco fundamentada. A modo de exemplo, a hipótese evolutiva exposta por A. Cortesao no 1900 (Solitate > *suïdade > *soadade > *suadade > saüdade) considérase hoxe totalmente inverosímil. Mesmo entre os partidarios da orixe latina hai diverxencias no relativo ás relacións cronolóxicas das diversas formas e ós seus significados respectivos.

Carolina Michaëlis de Vasconcelos en 1922 defendía a orixe da palabra saudade no plural feminino latino solitatem, nun ensaio que excedía en moito a simple análise etimolóxica, adentrándose no literario. C. Bastos trataba en 1914 as relacións entre as diferentes formas da palabra saudade en galego e portugués. José Luis Varela advirte a imposibilidade dunha orixe en solitatem. Segundo Joaquim de Carvalho, a palabra deriva do adxectivo e adverbio latino solu, que liga o significado de saudade ó de soidade. Karl Vossler menciona alusións á voz árabe saudá, que significa hipocondría, melancolía, desánimo, mal de corazón. Tamén fala da influencia da palabra suave, do latín suavis, polo emprego que fixeron dela os provenzais e os humanistas.

Hoxe contémplanse tres hipóteses que non recorren a procesos de evolución fonética regular para explicar a forma moderna da palabra saudade:

  • Adaptación a unha mellor adecuación fonética simbólica: proceso de aproximación a formas máis harmónicas ó oído. Actualmente esta é a hipótese máis estendida.
  • Analoxía con outras palabras que comezan con saud-: posible influencia de salutare, salute, salutate, sanitate...
  • Influencia literaria, coa "falsa latinización" de oi en au, ó contrario da habitual mudanza de au en oi.

Antes de chegar á forma actual de saudade, empregáronse en diferentes momentos e lugares soëdade, soidade e suidade. A primeira consérvase na poesía antiga como arcaísmo ata entrado o século XV e é recuperada por Rosalía e Curros na súa poesía. A segunda foi empregada por don Dinís. A terceira tamén foi empregada por Rosalía. No século XIV aparece, xunto a esta última, a forma saudade, que se imporá finalmente[4].

Características[editar | editar a fonte]

Perspectiva antropolóxica[editar | editar a fonte]

Ai ondas que eu vin veer,
se me saberedes dizer
por que tarda meu amigo sen min.
—Martín Codax.

A explicación antropolóxica da saudade e as súas posibles causas foi obxecto de numerosas conxecturas. De entre elas, algunhas buscábana en razóns de causa, como as que falan da paisaxe maternal, a situación de illamento ou o medo ó mar; outras son de tipo histórico, como a suposición do celtismo, as conquistas e descubrimentos de Portugal ou a preservación da identidade fronte a Castela; outras de tipo sociolóxico, como a emigración ou a insolidariedade social; ou de tipo psicolóxico, como o carácter introvertido, os diversos intentos de regreso á seguridade primordial mediante o instinto da morte, do que falaba o doutor Novoa Santos, ou o regreso subconsciente ao seo materno[5].

Outras explicacións teñen en conta as posibles equivalencias con características emocionais doutros lares, en particular cos que caracterizan a un pobo. O hiraeth galés (o sentimento de ter perdido algo que un tiña, algo que xa non é seu)[6], a Dór romanesa, a Sehnsucht xermánica, a señardá asturiana ou a anyorança catalá[7].

Saudades de Nápoles (1895), de Bertha Worms.

Ao dicir de don Duarte, rei de Portugal, "suidade propriamente he sentido que o coraçom filha por se achar partido da presença d'algùa pessoa ou pessoas que muito per afeiçom ama, ou espera cedo de seer [partido]". Moitos autores teñen indagado sobre o motivo da aparición do sentimento saudoso, en especial sobre a súa identificación xeográfica co noroeste da Península Ibérica. É recorrente atribuír tal explicación á orixe celta do pobo galego. S.G. Morley, falando de Rosalía de Castro, afirma que os antepasados celtas dos actuais galegos deixaron nestes unha pasividade e unha melancolía ben diferentes do robusto modo de ser dos casteláns. Para Joaquim de Carvalho, a explicación desta localización non é allea á orixe céltica. Unamuno supón a orixe da saudade nas formas da paisaxe galega, "un paisaje habitable, que seduce como un nido incubador de morriñas y saudades". Na mesma liña, Gerald Brenan ve na saudade unha orixe indubidablemente climática: os ventos atlánticos proporciónanlle a Galicia o mesmo espírito lánguido que a Irlanda e ás Illas Hébridas. Isto atópase nos diálogos de Martín Codax co seu mar.[4]

En calquera caso, a saudade aparece como un fenómeno característico do eido cultural luso-galaico, incluíndo neste as terras de ultramar[1]. A diferenza máis significativa entre a saudade e outros estados próximos á nostalxia radica en como a perciben as persoas que a senten. Tense detectado unha percepción positiva da saudade entre grupos de emigrantes brasileiros. De feito a saudade é percibida con frecuencia como unha parte substancial da identidade nacional do Brasil. O obxecto da saudade non é unha persoa ou unha cousa concreta, senón unha referencia simbólica ó lugar de orixe[8].

Perspectiva filosófica[editar | editar a fonte]

A primeira dificultade ven do vocabulario sentimental do idioma (...). As voces que sirven para ir desiñando as nosas vivencias ou estados sentimentás, carecen da craridade siñificativa imprescindíbel para acadaren fixeza e transparencia especulativa. (...) Ás veces desíñase o seu contido con verbas distintas e ás veces emprégase a propia verba "saudade" para expresar desiñar sentimentos.
A segunda dificultade débese á amplitude da saudade mesma, (...) por onde resulta que se pode entender de varias maneiras o contido significativo da verba
.
—Ramón Piñeiro, Para unha filosofía da saudade (1953).

Ramón Piñeiro escribiu en 1953 un ensaio titulado Para unha filosofía da saudade, que é considerado a máis profunda investigación sobre este tema dende unha perspectiva filosófica. Segundo di Piñeiro, a saudade é un estado de ánimo derivado dun sentimento de soidade. Polo tanto, as diversas formas de soidade derivan en diferentes modos de saudade: a que o home aprecia nas súas circunstancias (obxectiva), e a que vive na súa intimidade (subxectiva). A frecuente identificación entre saudade e morriña nace da confusión de termos achegados, pero o que caracteriza á morriña é a tristura depresiva, mentres que a saudade está caracterizada pola carencia de significación psicolóxica. A identificación da saudade coa Sehnsucht dos alemáns, proposta no seu día por José Luis Varela, afástaa da súa acepción de nostalxia dun ben perdido para considerala a procura dun obxecto descoñecido que se sente necesario. Celestino Fernández de la Vega, pola súa parte, identifica a saudade coa angustia como a entendía Heidegger, sen reparar en que a saudade carece da dimensión temporal da angustia[9].

A saudade rexeita toda interpretación como algo estático e móstrase cun dinamismo intrínseco orientado ás raíces mesmas do existir. Hai un progreso en fondura e intensidade na sua vivenciación, que explica moi ben a diversidade das súas manifestacións literarias e aclara a sua tendencia a ocupar toda a vida psíquica da persoa que a experimenta, sen ningún límite concreto, poisque a sua culminación coincide mesmamente coa sua apertura á Tracendencia.
—Andrés Torres Queiruga, Nova aproximación a unha filosofía da saudade (1980).

En continuidade co pensamento de Piñeiro, o Padre Antonio Pereira Dias de Magalhâes céntrase máis nunha saudade "positiva", a da esperanza e do sentimento de presenza de Deus. Outros autores teñen formulado teorías como a da “interpretación panteísta” de Daniel Cortezón ou as de Paul Tillich e Hans Urs von Balthasar sobre a coraxe e a angustia, respectivamente[5].

En 1980 Andrés Torres Queiruga ingresou como académico da Real Academia Galega coa lectura do discurso Nova aproximación a unha filosofía da saudade[5], respondido por Ramón Piñeiro. Segundo as propias palabras de Torres Queiruga, "quixera aportar algunha clarificación sistemática en orde a unha delimitación fenomenolóxica e a unha clarificación ontolóxica da experiencia da saudade". Torres Queiruga aborda o dilema da saudade entendida como singularidade do pobo luso-galaico. Segundo el di, se a saudade é algo exclusivo e peculiar deixa de ser humano e comunicable, aparece como algo superficial na súa particularidade; pero se, pola contra, é algo universal pérdese un dos signos mais diferenciais da nosa literatura e da nosa cultura. Á luz da clasificación de Scheler, que diferenza sentimentos sensibles, corporais e vitais, anímicos e espirituais, Torres Queiruga localiza a saudade entre estes últimos e identifica nela unha intencionalidade concreta: a de experimentar ó suxeito en si mesmo. Nun percorrido pola literatura galego-portuguesa descobre o seu carácter paradoxal, que explica ben a tendencia da saudade á polarización.

Perspectiva literaria[editar | editar a fonte]

Literatura medieval[editar | editar a fonte]

Proençaes soen mui ben trobar
e dicen eles que é con amor
mais os que troban no tempo da frol
e non en outro, sei eu ben que non
an tan gran coita no seu coraçon
qual m'u por mia senhor vejo levar
.
—Don Dinís de Portugal

Suponse nas Cantigas de amor e de amigo, de marcada influencia provenzal, un profundo convencionalismo formal. A pesar disto, Menéndez Pelayo percibe nelas un fondo de melancolía, especialmente nas imitacións populares dos grandes cancioneiros galego-portugueses. Outros autores como Alda Tesán e Rodrigues Lapa consideran que as cantigas de amor conteñen un fondo de maior verosimilitude psicolóxica, máis afastada de convencionalismos cortesáns. Para Salvador de Madariaga a influencia francesa non foi máis que un estímulo que botou raíces nos sentimentos e nas tendencias innatos do pobo galego. Pierre Le Gentil, ó falar da tradición lírica peninsular, afirma que as cantigas de amor e de amigo renuncian a buscar a dificultade e só cultivan un reducido número de recursos, co que o resultado non é unha poesía intelectual[4].

- Véxovos, filla, tan de coraçón
chorar tan muito, que hei én pensar,
e véñovos por esto preguntar
que me digades, se Deus vos perdon,
¿por que mi andades tan triste chorando?
- Non poso eu, madre, sempre andar cantando.
- Non vos vexo eu, filla, sempre cantar
mais chorar muito, e teño que por én
algún amigo queredes gran ben,
e dicede ahora, se Deus vos ampar,
¿por que mi andades tan triste chorando?
- Non poso eu, madre, sempre andar cantando
.
—Pedro de Ver

A poesía de Bernal de Bonaval, eminentemente amorosa, expresa frecuentemente a saudade que o namorado padece por ausencia da súa amada, lamentando incluso os días vividos antes de coñecela. Este sentimento é o que Dom Duarte chama "saudade triste": quando aquela lembrança faz sentir grande desejo (...) de tornar a tal estado ou conversaçom, con esta suidade vem nojo ou tristeza máis que prazer. En cantigas de Pedro de Ver, a nai da namorada pregúntalle o motivo da súa saudade, que non é outro que a ausencia do seu amado. Nuno Fernandes Torneol e Johan Zorro tamén recorren á saudade nacida da ausencia. As Sete cantigas de amigo de Martín Codax son todas elas, en boca de Carolina Vasconcelos, queixas saudosas, lamentos, suspiros exhalados por bocas femininas que, en contacto coa natureza, falan ás ondas do mar en monólogos nos que confesan mágoas e esperanzas, a fin de aliviar o corazón oprimido. Na extensa obra de don Dinís de Portugal hai un intento salientable de interpretar de modo fiel a mente feminina, construíndo unha definición poética da psicoloxía amorosa[4].

Xa entre os autores incluídos habitualmente na escola galego-castelá, Macías o Namorado e Xoán Rodríguez de Padrón traballaron tamén co tema da saudade amorosa. Macías é continuador da tradición lírica galego-portuguesa, á que engade unha visión romántica que non precisa de ausencia nin de separación para sentir a "negrura da alma". Xoán Rodríguez de Padrón pecha o último capítulo da escola galego-portuguesa, aínda que só se conservan composicións súas en castelán. Trasladou ás súas coplas unha vaguidade mística e un sentimentalismo apaixonado que son herdeiros da escola que lle precedeu[4].

Acordéi... O meu soño dourado
como fume pasou de repente,
e magoado o meu peito se sente
de soidades e amor palpitar.
Marmulei... -Adourada Galicia...
- E dos ollos chovíanme as bagoas-
¡Quen poidera beber túas ágoas
e teus aires feliz respirar!
.
—Francisco Añón, A Galicia

Rexurdimento[editar | editar a fonte]

Centos de anos máis tarde, no século XIX, produciuse o renacer das letras galegas, entre autores que non eran coñecedores desta rica produción medieval (os Cancioneiros non saíran aínda dos arquivos). Esta literatura de novo cuño, especialmente a poesía, recolleu de novo a saudade como tema, alentada polo romanticismo en voga. A obra dos primeiros poetas do Rexurdimento inspírase no sentimento da terra e da raza, sexa por morriña dun pasado lendario ou por separación da terra patria. A emigración galega a América esperta sentimentos de perda nos que marchan, pero tamén nos que quedan, e uns e outros serán proclives a recibir con agrado as composicións poéticas que reflicten este sentimento. Ademais, frecuentemente os poetas responden a personalidades saudosas que buscan reconstruír na súa poesía un tempo e un lugar que non atopan no mundo no que viven.

¡Que no fondo ben fondo das entrañas
hai un deserto páramo
que non se enche con risas nen contentos,
senón con froitos de delor amargos!
.
—Rosalía de Castro, Follas novas

A poesía de Francisco Añón, cuxa vida azarosa o levou en ocasións lonxe da terra ata a súa morte en Madrid, está sempre impregnada dunha nostalxia dos tempos perdidos e dun desexo de retornar. A súa obra tivo especial eco entre os emigrantes galegos en América, que atopaban nela expresadas as sensacións que experimentan os que viven lonxe da súa terra. A de Juan Manuel Pintos é unha poesía máis descritiva, pero inspirada nos infortunios da xente do campo. O lirismo de Alberto Camino foi tachado ás veces de mol e pegañento, case feminino. O mesmo retoma n'O desconsolo o motivo medieval da saudade do namorado pola ausencia da súa amada, agora afastada del pola morte, motivo máis romántico; ou a dor da nai que perde ó seu fillo, en Nai chorosa; ou a saudade do emigrado en Lexos d'ela, escrita probablemente durante a súa estancia en Madrid.

Na obra de Rosalía de Castro, en especial nas súas composicións poéticas, a saudade está moi presente. Robert Havard analiza a súa presenza na súa poesía e aprecia nela aspectos relativos á orfandade, á desolación, ó martirio e ó pecado. As vicisitudes vitais de Rosalía orixinaríanlle un sentimento de abandono e de perda que quedou expresado na súa poesía como un desexo de recuperar algo perdido, como saudade do que xa se foi. Segundo Torres Queiruga, "Rosalía é unha mística que non pasou da noite escura. (...) Abondaría con comparar a súa simboloxía coa de Xoán da Cruz nesa etapa: deserto, sede, abismo, sepulcro, sombra, falta de ar, agua que afoga, lume que abrasa, noite, morte, loita... son temas do místico que todos eles poden atopar versos paralelos na poetisa"[5].

O Saudosismo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Saudosismo.
Cego Rabequista (1855), de José Rodrigues.

O Saudosismo é unha corrente cultural, literaria, política e filosófica nacida do Neorromanticismo. O Saudosismo tivo como órgano de expresión a revista A Águia, fundada en 1910, nun ambiente revolto pola recente proclamación da República Portuguesa, as posteriores tentativas de restauración monárquica e a proximidade da primeira guerra mundial. Os seguidores do Saudosismo agrupábanse na sociedade Renascença Portuguesa, que pretendía "revelar a 'alma lusitana', integrá-la nas suas qualidades essenciais e originárias".

O poeta Teixeira de Pascoaes, figura central do Saudosismo, falaba desde as páxinas d'A Águia da "alma excepcional, instintivamente naturalista e mística, que criou a saudade, promessa de uma nova civilização lusitana". Dende 1911 A Águia sería o órgano de expresión da Renascença. O Saudosismo foi definido por Pascoaes como celebración da saudade, na cal vía "o próprio sangue espiritual da Raça; o seu estigma divino, o seu perfil eterno". Se a saudade é un fenómeno eminentemente portugués, expresaría a alma lusitana[10].

Nunha vaga definición, Pascoaes afirma: "Eu chamei Saudosismo ao culto da alma pátria representada pela Saudade erigida en Pessoa divina e orientadora da nossa actividade literária, artística, religiosa, filosófica e mesmo social".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 PEETERS, B. (2006). Semantic primes and universal grammar: empirical evidence from the Romance languages. John Benjamins Publishing Company. ISBN 90-272-3091-9.  (en inglés)
  2. BECEIRO, G., Saudade y escritura en el Livro do desassossego. La vida lida de Pessoa; en VV.AA. (1998). Estética y religión: el discurso del cuerpo y los sentidos. ER, Revista de filosofía: Documentos; Editorial Montesinos. ISBN 84-89354-78-2.  (en castelán)
  3. RODRÍGUEZ, J.L. (2000). Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero: Literatura. Miscelánea, Volumen 2. Univ. Santiago de Compostela. ISBN 84-8121-827-8. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 LANDEIRA, R. (1970). La saudade en el renacimiento de la literatura gallega. Ed. Galaxia.  (en castelán)
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 TORRES QUEIRUGA, A. (1982). Nova aproximación a unha filosofía da saudade (Pdf). Real Academia Galega. Consultado o 31 de xullo de 2020. 
  6. HAVARD, R.G., Paralelos entre los sentimientos gallegos y galeses de la saudade/hiraeth: un espejo céltico de la neurosis rosaliana; en Volumen 1 de Actas do Congreso Internacional de Estudios sobre Rosalía de Castro e o Seu Tempo. Univ. Santiago de Compostela. 1986. ISBN 84-7191-400-X. 
  7. VILAREYO VILLAMIL, X., El señardismu y la poesía de Galo Fernández, en Academia Llingua Asturiana (1982). Lletres asturianes, nº 85. 
  8. LESSER, J. (2003). Searching for home abroad: Japanese-Brazilians and transnationalism. Duke University Press. ISBN 0-8223-3148-9.  (en inglés)
  9. PIÑEIRO, R. Para unha filosofía da saudade, en VV.AA. (1953). La Saudade. Ed. Galaxia, Vigo. 
  10. MOISÉS, M., Saudosismo, a Saudade como Ideologia; en HUMMELL, M.; WOLL, D.; OSSENKOP, Ch. (eds.) (1998). Lusitanica et Romanica. Buske Verlag. ISBN 3-87548-172-0. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2015. Consultado o 24 de decembro de 2010.  (en portugués)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]