Península Ibérica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe de satélite da Península Ibérica.

A Península Ibérica é unha península do suroeste de Europa. Está arrodeada polo mar Mediterráneo, o Océano Atlántico e os Pireneos, que separan a península do resto do continente. Politicamente, abrangue os estados de Portugal, España e Andorra, estes dous últimos fronteirizos con Francia. Xibraltar, territorio británico situado ó sur de Andalucía con apenas unha trintena de quilómetros. Polo sur, a península está separada do continente africano (Marrocos) polo Estreito de Xibraltar.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras noticias escritas que fan referencia á península proceden da época grega e fenicia, pobos que fundaron as primeiras colonias neste territorio. Posteriormente chegaron os romanos, que conquistaron a práctica totalidade da península, que dende entón se pasou a coñecer co nome de Hispania, xa que ata entón a denominación máis usual era a grega de Iberia.

Trala caída do imperio o territorio foi ocupado por pobos de orixe goda, principalmente suevos (no noroeste), vándalos (no sur) e visigodos (resto da península). Estes últimos acabarían por conquista-la totalidade do territorio.

Tempo despois chegarían os árabes, que unha vez máis se farían co poder en case toda a península, tirantes uns poucos territorios do norte, que ó final acabarían por se impoñer ó dominio musulmán nun proceso continuo de guerras coñecido como Reconquista. Entrementres, o territorio islamizado sería durante sete séculos un importante centro cultural ata a caída do reino taifa de Granada en 1492.

Durante o reinado dos Reis Católicos a península será unificada, salvo o territorio correspondente a Portugal, que unha vez conquistado o Algarve será un dos países que menos cambiou as súas fronteiras ó longo dos séculos. Xa no reinado de Filipe II a península vería a súa derradeira unificación baixo un mesmo gobernante, pero coa reconquista da independencia de Portugal o territorio peninsular quedaría xa dividido ata a actualidade nos dous estados: Portugal e España.

Linguas[editar | editar a fonte]

Hoxe en día o portugués e o español son linguas oficiais en cadanseu estado. O galego, o vasco e o catalán son linguas cooficiais nos seus respectivos territorios (o catalán tamén é a lingua oficial do Principado de Andorra), ao igual ca o mirandés (variedade leonesa falada en Portugal) é oficial no concello portugués de Miranda do Douro; o aranés éo no Val de Arán. O asturiano, o leonés e o aragonés son consideradas linguas tamén, pero non teñen carácter oficial. O inglés é oficial en Xibraltar.

División política da Península Ibérica[editar | editar a fonte]

A Península Ibérica comprende gran parte de España, Portugal, Andorra e Xibraltar. Historicamente, denominouse Península Ibérica ao territorio continental europeo que está situado ao sur dos Pireneos.

División política da Península Ibérica
Estado ou dependencia Poboación Extensión (km²) Capital
España España[1] 42.167.337[2] 493.519[3] Madrid
Portugal Portugal[4] 10.077.388 89.261 Lisboa
Andorra Andorra 81.222 467,76 Andorra a Vella
Xibraltar Xibraltar 27.967 6,50 Xibraltar
Península Ibérica 52.353.914 583.254

Xeograficamente, en sentido estrito, tamén incluiría a Francia meridional: a zona sur dos departamentos franceses de Aquitania (Pireneos Atlánticos) Mediodía-Pireneos (Altos Pireneos, Alto Garona, Ariège) e Languedoc-Rosellón (Aude, Pireneos Orientais).[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Non se inclúen Baleares, Canarias, Ceuta e Melilla.
  2. Esta cifra obtense restando da poboación total de España (45.200.894 hab.) o correspondente a Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla.
  3. Esta cifra obtense restando da superficie total de España (504.645 Km²) a correspondente a Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla.
  4. Non se inclúen Azores e Madeira.
  5. Estes departamentos meridionais áchanse ao sur do istmo xeográfico.