Afonso II de Oviedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Afonso II O Casto. Estatua en Santiago de Compostela

Afonso II de Oviedo, o Casto, nado en Oviedo no 760 e finado na mesma vila no 842, foi un rei de toda a Galicia alto-medieval ou de Galicia e Asturias, non obstante, é común a suplantación da súa titulación ovetense pola de rei de Asturias, denominación esta, creada na España do século XIX polos primeiros historiadores romanticistas como Modesto Lafuente en pleno período de creación do nacionalismo español contemporáneo, mantendo gran vixencia na actualidade. Fillo do rei Froila I, foi durante o seu reinado cando o caudillismo que exerceran Paio ou Afonso I acada un verdadeiro nivel de monarquía organizada.

Reinado[editar | editar a fonte]

Foi alonxado da Corte polos seus parentes (ao parecer, pechado nun mosteiro). Subiu ao trono no 791, logo da abdicación do seu curmán Vermudo I, consagrado diácono da Igrexa. Nese ano, 791, comezou a reinar en Córdoba Hisham I, que tomou de novo en serio a guerra santa, e atacou en dúas expedicións conxuntas o pequeno reino ástur. Atopouse cun exército de Vermudo na confluencia do río Válcarcel, onde hoxe se levanta Vilafranca do Bierzo, e infrinxiulle unha grande derrota. Con isto Vermudo recoñeceu que un home de armas debería reinar e fixo nomear rei o seu sobriño Afonso, vivindo rente do novo rei con subordinación e como conselleiro até a súa morte.

Unha das súas primeiras decisións foi trasladar a Corte a unha nova vila que estaba a coller un forte pulo, e que medrara arredor dun mosteiro levantado polo monxe Máximo. Era Oviedo, rodeada polos ríos Caudal e Nalón, e protexida polos montes Naranco, Aramo e Monsagro. As expedicións de ataque dos musulmáns, chamadas aceifas ou campañas de verán, non ían remitir e repetíanse cada ano. Xa no 794 produciuse a máis forte delas. Ab al-Malik percorreu as terras case desertas do río Orbigo, remontou o curso do río Luna, e pola antiga calzada chegou até o Grao, no corazón de Asturias, e atacou e destruíu a cidade de Oviedo, sen encontrar rastro do rei Afonso. Pero na súa retirada, no lugar de Lutos, a uns quilómetros de Grado, Afonso sorprendeu o exército musulmán nunha especie de cantil que se dirixía cara o porto da Mesa, e aniquilouno, deixando os árabes uns 70.000 homes no campo de batalla, número moi exaxerado, pero que dá idea da importancia da vitoria.

As aceifas non ían remitir e moito máis coidadas, polo que Afonso tratou de buscar o apoio de Carlomagno, a pesar dos atrancos postos polos magnates palatinos da súa Corte.

Coa morte de Hisham, os exércitos musulmáns non volveron ás terras ástures. Aínda continuaron durante un longo tempo as aceifas con novas expedicións contra o reino ástur. No ano 798, vendo que non atacaban, Afonso tomou a iniciativa, saíu á meseta, dirixiuse cara o oeste, atacou e saqueou Lisboa, e volveu ás montañas cargado do botín, parte do cal lle enviou a Carlomagno. A fronte volve a coller un novo pulo coa subida en Córdoba de Abd al-Rahman II. No ano 825, dous exércitos entraron na Galiza, pero foron vencidos, un nun lugar chamado Naharon e outro no río Anceo. No ano seguinte comezou unha tregua pactada que durou os últimos doce anos do rei Afonso, que chegou á vellez vendo que os seus exércitos eran desfeitos unha e outra vez, pero que o reino estaba salvado cando estaba a piques de desaparecer.

Unha grande importancia ten a organización interior que levou a cabo o rei Afonso II. Voltou á lexislación visigótica, cunha organización político-administrativa da antiga monarquía toledana. Esta especie de restauración veu poñer nas conciencias da xente a súa razón de ser. Considerábase lexítima herdeira dos reis visigóticos, e como tal aparecen na corte palaciana os diversos cargos que xa existiran antes da batalla do Guadalete. Rodeouse de cregos e homes de letras, escribíndose nesta época os libros Hispana, destinado a manter os canons na orde relixiosa e o Liber Judiciorum, que trazaba o dereito legal. Dividiuse o territorio gobernado por comités, judices ou potestates. O propio rei esforzouse en estimular aquelas tendencias tratando de imitar o que antes sucedera en Toledo.

Estimulou a industria da ourivaría e da arte industrial da época anterior. Un exemplo é a Cruz da Vitoria que regalou á basílica de Oviedo no ano 808, e que aínda se expón nela. Chamou ao seu carón a decoradores e arquitectos, para que embelecesen a cidade de Oviedo, destruída polos árabes, e construíronse baños, fortalezas, casas de campo e basílicas como as San Salvador, Santa María, San Tirso, a Cámara Santa coa súa cripta de Santa Leocadia ou a de San Xulián.

No seu tempo descubriuse o sepulcro do Apóstolo Santiago, aínda que nada facía pensar que Santiago, o fillo de Zebedeo, estivese en España. A tumba do Apóstolo converteuse rapidamente en patrón do reino e a el se encomendou para librar as batallas contra os musulmáns. Serviu de vínculo de unión de todas as xentes do reino. Afonso II ergueu unha igrexa de pedra e barro, en homenaxe ao grande apóstolo que o sostivera na súa heroica resistencia (Crónica de Sampiro).

O rei Afonso continuou loitando até o derradeiro intre da súa vida. A súa morte deu lugar a unha pequena guerra civil, xa que o rei nomeara como sucesor un fillo de Vermudo I o diácono, chamado Ramiro, que chegaría a reinar co nome de Ramiro I.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]



Predecesor:
Vermudo I o Diácono
Rei de Galicia
791?-842
Sucesor:
Nepociano

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Afonso II de Oviedo

Bibliografía[editar | editar a fonte]