Xapón - 日本
| Esta páxina contén texto en xaponés. Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños. |
O Xapón (en xaponés, Nippon ou Nihon), é un país do Extremo Oriente, formado por un arquipélago, situado ao longo da costa leste da Asia, enteiramente dentro da zona temperada. A súa área territorial é de 377.815 km², e a densidade media da poboación (aproximadamente 328 hab./km²) faise máis impresionante cando se sabe que máis do 70% da superficie do país constitúena montañas inhabitábeis.
Índice |
[editar] Características xerais
Comprende as catro grandes illas de Honshu (a máis extensa e longa), Shikoku (nun entrante ó sur da anterior), Kyushu (ó sur) e Hokkaido (a máis norteña), alén de máis de tres mil illas menores nas adxacencias, localizadas entre o Mar de Okhotsk a norte, o Océano Pacífico a oeste e ao sur e o Mar da China Oriental e o Mar do Xapón a oeste. A través do Mar do Xapón e do Mar de Okhotsk, contacta con Rusia, o Estreito da Tsushima, ao sueste, lígaa á Corea do Sur, e no estremo sur das illas Ryukyu achégase a Taiwan. A súa poboación, estimada en 2007, era de 127.433.494 habitantes. A capital, Toquio, é a maior concentración urbana do mundo.
O movemento de placas da cortiza terrestre na zona, afundindo a placa do Pacífico no norte e a das Filipinas no sur. fan do Xapón un lugar inestable xeoloxicamente, cuns 1500 sismos ó ano e frecuentes erupcións volcánicas.
As illas de Xapón levan sendo habitadas desde o período Paleolítico Superior. As primeiras mencións escritas encóntranse brevemente en libros chinos do século I.[1] A influencia do mundo exterior seguido de longos períodos de illamento caracterizaron a historia do Xapón. Dende que se adoptou unha constitución en 1947, a forma de goberno do Xapón é unha monarquía constitucional, cun emperador e un parlamento, coñecido co nome de Dieta.
Coñecido como «A terra do sol nacente», é unha das maiores potencias económicas do mundo.[2] É membro das Nacións Unidas, do G8, do G4 e da APEC. Tamén é o sexto país exportador e o oitavo importador.[3][4] Posúe un alto nivel de vida (8º IDH no mundo), coa maior expectativa de vida do mundo (de acordo coas estimacións da ONU e da OMS) e coa terceira menor taxa de mortalidade infantil.[5][6]
[editar] Etimoloxía
A verba Xapón (Nippon/Nihon 日本, significado literal: 'a orixe do sol'), ven do chino: pinyin rì běn, Wade-Giles jih pen, o oriente, o lugar desde o que sae o sol. O carácter 日 é a evolución dun círculo cun punto central que representa ao sol, e 本 representa a raíz dunha árbore e tamén ten o significado de orixe. A expresión «país do sol nacente» fai referencia a esta etimoloxía do nome en xaponés.
O nome en xaponés, Nippon, é utilizado en selos e en eventos deportivos internacionais, mentres que Nihon é empregado máis comunmente dentro do Xapón. A versión occidental e galega, Xapón, provén do nome chinés. Na lingua malaia a palabra china transformouse en Japang e foi máis tarde adoptada polos mercadores portugueses do século XVI. Estes últimos foron os primeiros en introducir o nome en Europa.
[editar] Historia
- Artigo principal: Historia do Xapón.
Segundo a lenda escrita no Kojiki e no Nihonshoki (dous antigos libros), O Xapón foi fundado no século VII a. C. polo Emperador Jinmu. Durante os séculos V e VI, o sistema caligráfico chino e o budismo introducíronse xunto outros costumes chinos a través da península coreana ou directamente dende China. Os emperadores foron os gobernantes oficiais, mais tamén existían poderosos nobres, rexentes ou shoguns (gobernadores militares) con poder.
Durante o século XVI, mercadores de Portugal, dos Países Baixos, de Inglaterra e de España chegaron a Xapón e fundaron misións cristiás.[7][8] No 1549, chegou ao Xapón para predicar o cristianismo o misioneiro español xesuíta San Francisco Javier tras desembarcar en Kagoshima, Kyushu, aproveitando as rotas comerciais portuguesas.[9] A comezos do século XVII, o shogunato comezou a sospeitar das misións cristiás, considerándoas precursoras dunha conquista militar por forzas europeas e, como medida de protección, ordenou o encerro de Xapón a toda relación co mundo exterior a excepción de contactos restrinxidos con mercadores chinos e neerlandeses na cidade de Nagasaki. Este illamento prolongouse durante 251 anos, até o 1854, no que o comodoro estadounidense Matthew Perry obrigou a apertura do Xapón a Occidente baixo o Tratado de Kanagawa.
Durante un longo período, o restablecido contacto con Occidente provocou trocos na sociedade xaponesa. Tras un forte conflito civil denominado Guerra Boshin, o shogunato foi obrigado a renunciar e o poder recaeu no emperador. A Restauración Meiji de 1868 iniciou varias reformas. O sistema feudal foi abolido e numerosas institucións occidentais foron adoptadas, incluíndo un sistema legal e de goberno occidentais, xunto con outras reformas no económico, social e militar que transformaron a Xapón nunha potencia mundial. Como resultado da guerra chino-xaponesa e da guerra ruso-xaponesa, Xapón anexionouse Taiwán, Corea e outros territorios ao seu imperio en expansión.
Así se afianzou de maneira definitiva como unha potencia mundial e a única de Asia. Despois da Primeira Guerra Mundial, 1918, Xapón ocupaba unha sólida posición no Afastado Oriente; contaba coa mariña máis poderosa da zona, exercía gran influencia sobre China e beneficiarase economicamente da guerra (ocupábase dos pedidos dos países asiáticos, aos que o resto das potencias non lograban atender).
Durante a década dos anos 1920, apareceron problemas que a democracia non puido resolver. Por un lado, os grupos máis conservadores como a milicia, os pares, etc. que se encontraban posicionados na cámara alta do parlamento e no Consello, consideraban que a democracia era moi débil. A corrupción dentro do goberno era insostíbel, as acusacións entre os membros da Cámara Baixa provocaban continuamente disturbios. O auxe comercial que acadara trala Primeira Guerra Mundial minguou cando, no 1921, Europa empezou a recuperarse. Tivo nefastas consecuencias da Gran depresión, aumento das tarifas dos países estranxeiros para os produtos xaponeses e a pobreza que se reflectiu no norte onde os labregos culpaban ao goberno nipón da súa miseria (moitos campesiños uníanse ao exército). A suma destes problemas e a actitude de China, tratando de desprazar os negocios xaponeses, derivou na invasión a Manchuria (setembro de 1931). Esta invasión produciuse sen a autorización do goberno nipón.
Cando o primeiro ministro Inukai reprobou os actos extremistas, foi asasinado por un grupo de oficiais (maio de 1932), o seu sucesor considerou que debía apoiar as accións do exército e así foi que durante os 13 anos seguintes, o goberno adoptou un estrito control da educación, fortalecemento do arsenal bélico e unha política exterior agresiva apuntada a conquistar territorios. Isto culminou na segunda invasión a Manchuria, desatando unha segunda guerra chino-xaponesa (1937-1945).
O Xapón atacou a base naval estadounidense de Pearl Harbor en decembro de 1941, o cal levou ao país norteamericano a declarar a guerra ao Imperio xaponés no marco da Segunda Guerra Mundial. Despois dunha longa campaña no Pacífico, Xapón perdeu Okinawa e foi forzada a retroceder ás catro illas principais. O exército estadounidense atacou Tokio, Osaka e outras cidades con bombardeos estratéxicos convencionais e en Hiroshima e Nagasaki con dúas bombas atómicas. Xapón finalmente aceptou a capitulación incondicional ante o exército estadounidense o 15 de agosto de 1945 dando con isto fin á guerra.
Finalizado o conflito, o exército estadounidense ocupou o territorio xaponés até 1952, tralo cal Xapón comezaría unha moi importante recuperación económica que devolvería a prosperidade ao arquipélago. Okinawa permaneceu ocupada até 1972, e actualmente, o exército estadounidense mantén diversas bases nesta illa. O 17 de xaneiro de 1995 o terremoto de Kobe causou a morte de 6,433 persoas. Durante o marzal do mesmo ano a seita Verdade Suprema levou a cabo un ataque no metro de Tokio que causa a morte a 12 persoas e feridas a máis de 1.000. En outubro de 1998, condénase coa sentencia de cadea perpetua ao máximo responsable da seita, e pena capital a outro dos membros fundadores.[10] Máis tarde, un novo ataque terrorista no aeroporto de Narita fixo perigar a celebración dos Xogos Olímpicos de Inverno de Nagano 1998, mais ao final celebráronse tal e como estaban previstos en febreiro de 1998.[10]
[editar] Política
- Artigo principal: Política do Xapón.
O Xapón ten un sistema político democrático e pluripartidario. Todos os cidadáns adultos teñen o dereito ao voto e a concorrer nas eleccións nacionais e locais. Hai seis grandes partidos políticos. O máis forte deles, o Partido Liberal Demócrata, está no poder desde 1955.
O Xapón ten un réxime monárquico. De acordo coa constitución xaponesa, o emperador é o símbolo do Estado e da unidade do pobo. El non posúe poderes relacionados ao Goberno.
A monarquía xaponesa é a máis antiga monarquía ininterrupta do mundo. O actual emperador, Akihito, subiu ao trono en 1989. El e maila súa esposa, a emperatriz Michiko, teñen tres fillos. O emperador e demais membros da familia imperial viven no Palacio Imperial de Toquio.
[editar] Prefecturas
- Artigo principal: Prefecturas do Xapón.
As 47 Prefecturas do Xapón son as seguintes:
- Observación: En xaponés úsanse as seguintes palabras para designar as 47 Prefecturas do país: to (metrópole), dō (territorio), fu (Prefectura urbana), e ken (outras Prefecturas ou departamentos). Así, Xapón está formado por 47 to-dō-fu-ken.
[editar] Xeografía
- Artigo principal: Xeografía do Xapón.
O Xapón é un país insular que se estende ao longo da costa leste, ou Pacífica, da Asia. As illas principais, de norte a sur, son: Hokkaido, Honshu, Shikoku e Kyushu, conxunto destas 4 illas maiores tamén chámase Hondo. Alén destas illas maiores, o Xapón inclúe numerosas illas máis pequenas, preto de 3.000, parte das cales constitúen as illas Ryukyu, que se estenden ao sueste de Kyushu ata preto de Taiwan. Nas illas Ryukyu tamén fica Yonaguni, a illa máis occidental do Xapón.
Arredor do 73% do país é montañoso, cunha cordilleira a ocupar o centro de cada unha das illas principais. A montaña máis alta do Xapón é o famoso monte Fuji, con 3.776 m de altitude.
[editar] Economía
- Artigo principal: Economía do Xapón.
As principais actividades económicas do Xapón concéntranse nas illas de Hokkaido, Honshu, Shikoku e Kiushu. Para acurtar a distancia entre as illas, os enxeñeiros xaponeseses construíron dous túneles e unha ponte entre Honshu e Kiushu. Entre Honshu e Shikoku estanse construíndo dúas grandes pontes; un inmenso túnel de 54 km liga Honshu e Hokkaido.
Cerca do 80% do territorio xaponés presenta un relevo montañoso. As montañas das illas Honshu, Shikoku e Kyushu exhiben unha vasta vexetación tropical. A illa de Hokkaido está cuberta pola taiga. Esas condicións permitiron unha intensa utilización da madeira, mesmo para a construción de embarcacións.
Aínda tendo un relevo maiormente montañoso, o cultivo tradicional é o arroz (rizicultura). mais hai moito que o país se dedica tamén á pesca, explotada simultaneamente por pequenas e grandes empresas. Atópanse pequenos portos pesqueiros por toda a súa área costeira, principalmente no litoral do Océano Pacífico, que ten as augas máis ricas en peixe.
Ata a metade do século XIX, a rizicultura foi a principal actividade económica do Xapón. Iso mostra o espírito traballador do pobo xaponés que, ao longo da historia, precisou conquistar un medio natural particularmente inhóspito para as actividades agrícolas: apenas o 16% do territorio xaponés son planicies.
A rizicultura transformou a chaira de Kanto na zona máis densamente poboada do país. Iso garantiu un mercado consumidor para a industria que se estabeleceu na era Meiji.
A ocorrencia de catro estacións do ano nitidamente marcadas proveñen a calor e humidade que o cultivo do arroz esixe. O emprego de irrigación constante favorece o seu desenvolvemento.
Mesmo despois de terse transformado nun dos países mais industrializados do mundo, o Xapón mantivo a agricultura como unha das súas actividades estratéxicas. Mais os intereses industriais e urbanos medraron nas áreas que foran tradicionalmente ocupada por labouras. A diminución da área cultivada ven sendo compensada polo constante aumento da produtividade, grazas á aplicación de técnicas avanzadas e de novos instrumentos. Hoxe en día, a actividade agrícola xaponesa ten unha importancia máis histórica e cultural, pois é posible importar os outros produtos a prezos ben mais baixos. Un dos focos de conflitos diplomáticos no Xapón é a súa política proteccionista.
[editar] Demografía
- Artigo principal: Demografía do Xapón.
Shoshika (少子化) é unha verba de recente creación (anos 1990), que quere dicir «diminución de número de nenos», actualmente empregada para referirse á carencia de cativos cada vez maior na sociedade xaponesa.
Xapón sofre un descenso no seu índice de natalidade (1,3 fillos por muller), causado entre outras razóns polo elevado custo de criar e educar un fillo. Ademais, se a isto lle engadimos o feito de que posúe o terceiro posto na poboación máis lonxeva do mundo (82,07 anos[11]), a combinación de menos nacementos con decesos máis tardíos, fai temer pola viabilidade do sistema de pensións e a dispoñibilidade no futuro de man de obra suficiente. No 2005 por primeira vez o número de xaponeses decreceu, pois rexistráronse menos nacementos que decesos, e prevese para as próximas décadas a continuidade desta declinación da poboación.
En resposta a este problema, o goberno elevou a idade de xubilación. Ademais, en 1999 reforzáronse as leyes contra a discriminación das mulleres no trabalo. A súa vez, creáronse tres proxectos: Plan Anxo, Novo Plan Anxo e Unha Proposta Más, todos eles orientados a facilitar que as mulleres poidan traballar e ser mais á vez. Mais estas medidas chocan coa fuerte tradición que existe na sociedade xaponesa.
Como medida complementaria, as empresas solicitan que se baixen as barreiras inmigratorias, para permitir a entrada de man de obra non cualificada, aínda que esta idea está fortemente cuestionada. Como plan a longo prazo, as compañías invisten grandes sumas de diñeiro en investigación e desenvolvemento de robótica, posuíndo uns 410.000 robots dos 720.000 robots industriais que hai no mundo.
| Posición | Cidade | Prefectura | Pob. | Posición | Cidade | Prefectura | Pob. | |||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 1 | Tōkyō (23 barrios especiais) | Tōkyō | 8.483.050 | 11 | Hiroshima | Hiroshima | 1.159.391 | |||
| 2 | Yokohama | Kanagawa | 3.579.133 | 12 | Sendai | Miyagi | 1.028.214 | |||
| 3 | Ōsaka | Ōsaka | 2.628.776 | 13 | Kitakyūshū | Fukuoka | 993.483 | |||
| 4 | Nagoya | Aichi | 2.215.031 | 14 | Chiba | Chiba | 924.353 | |||
| 5 | Sapporo | Hokkaidō | 1.880.875 | 15 | Sakai | Ōsaka | 835.333 | |||
| 6 | Kōbe | Hyōgo | 1.525.389 | 16 | Niigata | Niigata | 813.847 | |||
| 7 | Kyōto | Kyōto | 1.474.764 | 17 | Hamamatsu | Shizuoka | 804.067 | |||
| 8 | Fukuoka | Fukuoka | 1.400.621 | 18 | Shizuoka | Shizuoka | 710.944 | |||
| 9 | Kawasaki | Kanagawa | 1.327.009 | 19 | Sagamihara | Kanagawa | 701.568 | |||
| 10 | Saitama | Saitama | 1.176.269 | 20 | Okayama | Okayama | 696.172 | |||
| Censo 2005 | ||||||||||
[editar] Inmigración e emigración
No 2004 o Ministerio de Xustiza do Xapón estimou o número de estranxeiros legais en case dous millóns sendo estes principalmente coreanos, chineses, taiwaneses, brasileiros e filipinos. As outras minorías son, peruanos, norte-americanos, ingleses, tailandeses, australianos, canadenses, indios, iranianos, rusos, entre outros.[12]
Mais o número real de estranxeiros é incerto debido á existencia de moitos inmigrantes ilegais.[13] A maioría dos brasileiros residentes no Xapón son nikkei (descendentes de xaponeses ou cónxuxes de nipo-brasileiros) que viven e traballan legalmente e son coñecidos polos xaponeses como dekasseguis. Brasil empezou a recibir inmigrantes xaponeses en 1908. A maior parte dos inmigrantes chegou na década de 1930 e fixouse sobre todo en São Paulo. Hoxe, a poboación nipo-brasileira é de case 1,5 millóns de persoas, formando a maior colonia de descendentes de xaponeses do mundo. Moitos deses brasileiros de orixe xaponesa ou cónxuxes teñen inmigrado ao Xapón en busca de mellores condicións de vida, formando unha comunidade de cerca de 300 mil persoas no Xapón.[14]
O primeiro gran afluxo de estranxeiros occidentais ocorreu na década de 1980, cando o goberno xaponés aprobou unha política de bolsas de estudo a estudantes estranxeiros en universidades xaponesas. Alén diso, a economía xaponesa crecía rapidamente na década de 1980, e un número considerábel de occidentais comezou a chegar ao Xapón.
[editar] Cultura
- Artigo principal: Cultura do Xapón.
A cultura xaponesa foi historicamente influenciada maiormente pola cultura chinesa (grandemente a través do budismo) e, a través dela, polas culturas clásicas grega e indiana, así como pola próxima cultura da Corea. No último século, a cultura xaponesa tivo unha influencia principal da Europa e da América, especialmente da cultura anglosaxoa. O Xapón xerou un complexo único de artes (ikebana, origami, ukiyo-e), técnicas artesanais (bonecas, obxectos lacados, cerámica), espectáculo (danza, kabuki, teatro noh, raku-go), e tradicións (xogos, onsen, sento, cerimonia do té), alén dunha culinaria única.
O Xapón actual é un dos maiores exportadores do mundo de cultura popular. Os debuxos animados, filmes, literatura e música xaponeses acadaron popularidade en todo o mundo, e especialmente nos outros países asiáticos. Incluso a relixión zen está a ser exportada ao Occidente con relativo éxito.
[editar] Deportes
Tradicionalmente, considérase o sumo como o deporte nacional xa que é un dos deportes máis populares.[15] Artes marciais como o judo, karate e kendo tamén son amplamente practicados e gozan dun considerable número de espectadores no país. Despois da Restauración Meixi, moitos deportes occidentais foron introducidos e empezaron a propagarse no sistema educativo.[16] A Liga Xaponesa de Béisbol foi establecida en 1936 e hoxe en día é un dos deportes máis populares. No 2006 obtivo o primeiro campionato de béisbol, o Clásico Mundial de Béisbol, volvendo a ganar o clásico tamén no 2009 contra Corea.
Dende o establecemento da Liga de Fútbol Profesional en 1992, o fútbol tamén adquiriu numerosos seguidores.[17] Ademais foi sede da Copa Intercontinental entre 1981 e 2004 e co-anfitrión da Copa Mundial de Fútbol 2002 xunto a Corea do Sur. A Selección de fútbol de Xapón é tamén un dos mellores equipos de fútbol en Asia, ganando a Copa Asiática en tres ocasións.
Tamén é popular o golf,[18] ao igual que o automobilismo e a Fórmula Nippon.[19]
A mellor participación de Xapón nos Xogos Olímpicos foi no 2004 cando obtivo 37 medallas. Nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 tamén tivo unha actuación destacada con nove ouros, seis pratas e dez bronces, sendo finalmente oitava no medalleiro só por detrás de China, Estados Unidos, Rusia, Reino Unido, Alemaña, Australia e Corea do Sur.
[editar] Feriados
| Data | Nome en galego | Nome local |
|---|---|---|
| 1 de xaneiro | Aninovo | 元旦 Gantan |
| Segundo luns de xaneiro (ata 1999, 15 de xaneiro) |
Día da maioría de idade | 成人の日 Seijin non hi |
| 11 de febreiro | Día da Fundación Nacional |
建国記念日 Kenkoku kinenbi |
| 3 de marzo | Día das nenas | ガールズデイ Gāruzudei |
| 20 de marzo | Día do equinoccio de primavera |
春分の日 Shunbun non hi |
| 29 de abril | Día do verdor | みどりの日 Midori non hi |
| 3 de maio | Día da Constitución | 憲法記念日 Kenpō kinenbi |
| 5 de maio | Día dos nenos | 子供の日 Kodomo non hi |
| Terceiro luns de xullo | Día do mar | 海の日 Umi non hi |
| Terceiro luns de setembro (ata 1999, 15 de setembro) |
Día do respeito aos anciáns |
敬老の日 Keirō non hi |
| Arredor do 23 de marzo | Día do equinoccio de outono |
秋分の日 Shūbun non hi |
| Segundo luns de outubro (ata 1999, 10 de outubro) |
Día do deporte | 体育の日 Taiiku non hi |
| 3 de novembro | Día da cultura | 文化の日 Bunka non hi |
| 23 de novembro | Día de grazas | 勤労感謝の日 Kinrō kansha non hi |
| 23 de decembro | Aniversario do emperador Akihito |
天皇誕生日 Tennō tanjōbi |
[editar] Notas
- ↑ Timeline of ancient Japan (inglés). Washington State University (1996). Consultado o 20 de setembro de 2009.
- ↑ World Factbook; Japan—Economy. CIA. Consultado o 20 de setembro de 2009.
- ↑ Rank Order - Exports (inglés). The World Factbook (2008). Consultado o 20 de setembro de 2009.
- ↑ Rank Order - Imports (inglés). The World Factbook (2008). Consultado o 20 de setembro de 2009.
- ↑ WHO: Life expectancy in Israel among highest in the worldHaaretz, May, 2009
- ↑ United Nations World Population Propsects: 2006 revision – Table A.17 for 2005–2010
- ↑ Chan, Lesley (1999), «3. Historia.» AA Publishing / Granica Japón, 192. ISBN 84-7577-493-8.
- ↑ Ibeas, Juan Manuel (traductor) (1991), Editorial Debate Asia oriental. Tierras y gentes. Volumen II, 1º ed., 166 páxs.. ISBN 84-7444-483-7.
- ↑ Conoce Japón - Religión (Castellano). Consultado o 20 de setembro de 2009.
- ↑ 10,0 10,1 Geografía e historia-Japón. Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo Americana. Suplemento actualizador 1997-1998. Madrid, Espasa Calpe, 1999. ISBN 84-239-4368-2
- ↑ The World Factbook. CIA. (en inglés)
- ↑ Ministerio de Xustiza do Xapón. Rexistro de estranxeiros. Visitado o 31 de outubro de 2009.
- ↑ Ministerio de Xustiza do Xapón. Residentes estranxeiros ilegais. Visitado o 31 de outubro de 2009.
- ↑ MAEDA, Toshi. Brasileiros e japoneses reúnem 500 mil em Carnaval em Tóquio
- ↑ Sumo: East and West. PBS. Consultado o 31 de outubro de 2009.
- ↑ Culture and Daily Life. Embassy of Japan in the UK. Consultado o 31 de outubro de 2009.
- ↑ Soccer as a Popular Sport: Putting Down Roots in Japan (PDF). The Japan Forum. Consultado o 31 de outubro de 2009.
- ↑ Fred Varcoe Japanese Golf Gets Friendly. Metropolis. Consultado o 31 de outubro de 2009.
- ↑ Len Clarke Japanese Omnibus: Sports. Metropolis. Consultado o 31 de outubro de 2009.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
|
||||||||
[editar] Ligazóns externas
- Páxina oficial do primeiro ministro do xapón (en xaponés)
- Páxina oficial da familia imperial (en inglés)
- Gabinete de estatística do Ministerio da Administración Interna e Comunicación (en xaponés)
- Organización Nacional de Turismo Xaponés (en portugués)
- Portal Xapón (en portugués)
- Fundación Xapón no Brasil (en portugués)
- Associação de amizade Portugal-Japão
- CIA World Factbook - Japan (en inglés)
- Encyclopaedia Britannica's Japan portal site (en inglés)
- Guardian Unlimited - Special Report: Japan (en inglés)