Septimania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O mapa da Hispania visigótica, no s. VII, mostra a Septimania no Norleste

Septimania é unha rexión histórica que corresponde, aproximadamente, á actual rexión de Languedoc-Rosellón no sueste de Francia. En época romana era a parte occidental da provincia da Narbonense.

A denominación de "Septimania" comezou a utilizarse a partir da conquista visigótica en 462, máis pasaría a ser de uso máis frecuente a partir da ocupación carolinxia no 759. Dise que se chamou así porque posuía sete bispados ou cidades principais: Elna, Narbona, Carcassona, Béziers, Agde, Lodeva e Magalona. Outro posíbel orixe proviría dunha extensión do nome da cidade de Béziers, que en tempos romanos se denominaba Colonia Julia Septimanorum Beaterrae, que aludía ao estabelecemento nela de veteranos da Sáptima lexión romana.

Durante a época carolinxia, a Septimania foi erixida en ducado (gobernada por condes e duques) que xeralmente eran os titulares dos diversos condados que a integraban: Usès, Nimes, Melguelh (Magalona), Lodeva, Agde, Béziers, Narbona, Carcasona, Rasès, Conflent e Rosellón. dado que boa parte destes condados foran, con frecuencia, gobernados por vicecondes, moitos deles acabaron por se converter en vicecondados: Narbona, Béziers, Agde, Nîmes, e máis tarde Carcasona.

Recentemente, o topónimo Septimania foi proposto para designar a rexión francesa do Languedoc-Rosellón. Mais o goberno rexional tivo de renunciar a facer tal cambio a causa do rexeitamento que provocou na Cataluña do Norte, onde se consideraba que era un termo que esquecía o carácter diferenciado que tén esta zona a respeito do Languedoc na rexión.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]