Lobo ibérico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lobo ibérico
Lobo ibérico no Zoo de Kerkrade.
Lobo ibérico no Zoo de Kerkrade.
Estado de conservación
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Canidae
Xénero: Canis
Especie: Canis lupus
Subespecie: Canis lupus signatus
Nome trinomial
Canis lupus signatus
Ángel Cabrera, 1907
Distribución Canis lupus signatus

Distribución Canis lupus signatus

O lobo ibérico (Canis lupus signatus) é unha subespecie de lobo (Canis lupus) autóctona da Península Ibérica.

Aspecto[editar | editar a fonte]

O seu tamaño é medio, algo máis pequeno que outros lobos europeos. De longo miden dende 130 ata 180 cm os machos, e dende 130 ata 160 cm as femias. A altura de cruz pode chegar aos 70 cm. Os machos adultos pesan xeralmente entre 30 e 40 kg, e as femias pesan de 20 a 35 kg. Presentan testa grande e maciza, orellas triangulares relativamente pequenas e ollos oblicuos de cor amarelenta. O fociño presenta unhas manchas brancas nos belfos denominadas bigoteiras. A súa pelaxe é heteroxénea, de tal xeito que se describen unhas franxas lonxitudinais escuras ou negras cubrindo a parte anterior das súas dúas patas dianteiras, unha mancha escura ao longo da cola, e outra mancha escura ao redor da cruz á que se lle coñece como cadeira de montar.

O conxunto destas marcas ou manchas escuras, son as que lle deron o nome "signatus" a esta subespecie de lobo, posto que "signatus" (en latín) significa "signado" ou "marcado".

Os lobatos ao nacer presentan tons escuros uniformes.

En movemento chama a atención o poderío dos cuartos dianteiros en relación á grupa, levemente caída.

Proceso histórico e poboación actual[editar | editar a fonte]

Distribución do lobo ibérico na península

O lobo ibérico estivo presente en toda a Península Ibérica durante séculos, tanto é así que chegou a habitar case todo o territorio peninsular ata os anos 1900, no entanto, estivo a piques de extinguirse nos anos 70 do século XX, debido a que en España e durante o goberno da ditadura franquista houbo unha campaña de exterminio contra este animal, unha campaña que comprendería os anos 1950 e 1960 e que erradicou a esta subespecie de todo o país agás na parte noroeste e algunhas áreas illadas de Serra Morena. Ademais, en Portugal, unha política semellante cun semellante resultado borrou dos seus campos ao lobo de todo o territorio que abrangue dende o Río Douro cara ao sur, sobrevivindo tan só algúns grupos reducidos nalgunhas áreas concretas. Se apenas puido ser salvado, sería grazas ao labor de varios naturalistas e divulgadores coma o español Félix Rodríguez de la Fuente.

Hoxe é un animal protexido e dende os anos noventa atópase en franca expansión ao que se engade o aumento de densidade nas zonas tradicionais. Tense noticia de que as poboacións asentadas en Castela e León están avanzando cara a Estremadura, Madrid, Aragón e Guadalaxara.[1]. As poboacións de Andalucía tiveron menos sorte e semella que os derradeiros lobos de Serra Morena desapareceron recentemente. O lobo é abondoso no noroeste da Península, sobre todo en Galicia onde conta cunha poboación de 600 exemplares (o 30 % da poboación peninsular[2]), o que fai de Galicia a comunidade onde se atopa a maior densidade desta especie[3].

Segundo algúns autores, cara 1988 estimouse que a poboación do lobo en España era de entre 1500 e 2000 exemplares. No ano 2002, calculáronse polo menos uns 2000, e en Portugal de 300 a 400 exemplares de lobo ibérico.[4]

O lobo ibérico está catalogado como especie vulnerable no Libro vermello dos vertebrados de España, e como especie case ameazada no Atlas do mamíferos terrestres de España.[5]

Cómo detectar a súa presenza[editar | editar a fonte]

É complicado para os non expertos, pois tanto as súas pegadas como os seus excrementos, e ata os danos ao gando, poden confundirse cos de cans de grande talla. A súa observación en liberdade resulta complicada. Porén, pódense oír (e provocar, imitándoos ou mediante gravacións) os seus ouveos.[6]

Dieta[editar | editar a fonte]

O lobo ibérico é un dos poucos grandes carnívoros que existen na Península Ibérica, e como depredador, aliméntase básicamente das presas que caza, grandes herbívoros e outros mamíferos de porte menor.

O doutor Félix Rodríguez de la Fuente, realizou diferentes estudos para concretar a dieta do lobo ibérico, e segundo os resultados extraídos, esta podería estar composta por: grandes mamíferos (como corzos, muflóns, cervos...) nun 35%, ovellas nun 24%, coellos nun 14%, ratos de campo nun 9%, prea nun 7%, réptiles e aves nun 5%, insectos e vexetais nun 4%, e outros carnívoros (coma raposos ou cans) nun 2%.[7]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El lobo vuelve al punto de mira", artigo de Rafael Méndez en El País, 4 de novembro de 2007(consultado o 22 de marzo de 2010).
  2. A Xunta non considera que sexa unha especie ameazada, pois a súa población non está en descenso, senón bastante estabilizada nesta autonomía. A Comunidade galega concentra unhas 80 mandas de lobos, entre 500 e 600 exemplares, unha cifra que supón o 30 % do total en España. La Voz de Galicia, 29 de novembro de 2005, Consultada o 11/07/09.
  3. "Os ecoloxistas esixen axudas para fomentar a pervivencia do lobo", artigo en La Voz de Galicia, 13 de agosto de 2008 (consultado o 22 de marzo de 2010).
  4. Juan Carlos Blanco, Mario Sáenz de Buruaga e Luis Llaneza. "Canis Lupus". www.mma.es. http://www.mma.es/portal/secciones/biodiversidad/inventarios/inb/atlas_mamiferos/pdf/47_carni.pdf. 
  5. Ministerio de Medio Ambiente (España). "Estado de conservación del lobo ibérico". http://www.udc.es/dep/bave/jfreire/CERA05_06/Ensayos/9_Conservacion%20lobo%20iberico.pdf. 
  6. Delibes de Castro, Miguel; Juan Carlos Velasco Marcos, Miguel Lizana Avia, Jacinto Román Sancho, Jesús Fernández Gutiérrez, Carlos Sánchez Alonso (2005). Guía de los peces, anfibios, reptiles y mamíferos de Castilla y León. ISBN 84-933730-1-X. 
  7. www.signatus.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lobo ibérico

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]