Tratado de Svalbard

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo sobre os pomor na colonia rusa de Barentsburg.

O Tratado de Svalbard, asinado en París a 9 de febreiro de 1920, é un tratado multilateral que recoñece a soberanía da Noruega sobre o arquipélago de Svalbard e as súas augas territoriais, mais garante que os cidadáns de tódolos Estados contratantes se beneficien de igualdade de dereitos no acceso aos recursos naturais da rexión. O Tratado permite á Noruega regular a explotación e tomar as medidas de protección ambiental necesarias, mais impide calquera discriminación positiva a favor dos seus cidadáns ou de empresas norueguesas. O tratado tamén obriga á desmilitarización do territorio e prohibe a construción de calquera tipo de fortificación.

Contexto político[editar | editar a fonte]

A soberanía sobre Svalbard foi mantida indefinidamente durante case 300 anos, con representantes de varios Estados exercendo actividades económicas e de explotación científica no territorio, destacando especialmente os intereses ligados a Noruega e Rusia. A cuestión agudizouse cando se descubriu que a illa de Spitsbergen era rica en carbón e en 1906 a empresa de capitais americanos Arctic Coal Company (ACC) pretendeu iniciar a explotación industrial. O poboado fundado entón recibiu o nome de Longyearbyen, hoxe a capital do arquipélago, en honra do americano John Munroe Longyear, propietario de ACC.

En 1916, en plena gran guerra, ACC vendeu a súa posición a intereses nórdicos e á compañía norueguesa (hoxe estatal) Store Norske Spitsbergen Kulkompani, alén doutras dúas empresas escandinavas e dunha neerlandesa, formando as primeiras colonias permanentes de dimensión apreciable no arquipélago. O interese dos rusos, que tamén pretendían acceso ao carbón da illa, levou a unha crecente tensión en torno ao dominio da illa. Terminada a guerra, as potencias aliadas vencedoras resolveron apoiar as pretensións norueguesas, o que levou á sinatura en París (Sèvres), o 9 de febreiro de 1920, dun tratado que clarificase estas materias.

O Tratado de Svalbard foi inicialmente asinado entre Noruega, Estados Unidos, Reino Unido (e dominios integrados no entón Imperio Británico), Francia, o Canadá, Australia, Dinamarca, Italia, os Países Baixos, Suecia e o Xapón. A Unión Soviética adheriuse en 1924 e Alemaña en 1925. Hoxe o Tratado ten máis de 40 asinantes. O tratado, a pesar de recoñecer a soberanía norueguesa sobre as illas, impón como condición a súa perpetua desmilitarización e o dereito dos cidadáns dos países asinantes a estabelecerse libremente nelas para a explotación dos seus recursos naturais, aínda que subordinados ás leis promulgadas por Noruega, que, con todo, non pode discriminar positivamente os seus cidadáns fronte aos dos restantes Estados asinantes.

Efectos do Tratado[editar | editar a fonte]

A internacionalización económica de Svalbard levou a que durante a maior parte do século XX a illa de Spitsbergen tivese entre os seus residentes máis cidadáns soviéticos que noruegueses, xa que a Unión Soviética investiu fortemente na explotación do carbón a través da empresa estatal Trust Arktikugol (Арктикуголь), a única que, xunto coa norueguesa Store Norske Spitsbergen Kulkompani, aínda mantén actividade mineira na illa. Esta empresa adquiriu en 1932 as minas neerlandesas de Barentsburg, cuxa explotación aínda mantén.

As actuais minas rusas pertenceran á Nederlandsche Spitsbergen Compagnie (Nespico) N.V., empresa que a partir de 1921 explotara carbón nun local que chamou Barentsburg en homenaxe ao explorador polar neerlandês Willem Barents. Nos seus tempos dourados, por mediados da década de 1920, a Nespico chegou a ter 500 traballadores na illa. Nos termos do Tratado, a partir de 1925 Noruega asumiu a administración da illa tendo, entre outras medidas, estabelecido normas de protección ambiental que foron pioneiras en Europa.

A pesar de ser unha zona desmilitarizada, Spitsbergen está situada nunha posición estratéxica importante, pois controla o acceso aos portos rusos de Múrmansk e Arkhangelsk, os únicos de Rusia que teñen acceso sen restricións ao Atlántico. Desencadeada a II guerra mundial, e ocupada Noruega por Alemaña, a actividade mineira foi suspendida e a illa case totalmente evacuada o 3 de setembro de 1941. Mesmo así, forzas alemás bombardearon Longyearbyen e Barentsburg en setembro de 1943 e Sveagruva ao ano seguinte. Terminada a guerra, a illa pasou a desempeñar un papel importante na guerra fría, cos seus mares a seren escenario de frecuentes incursións submarinas e aéreas. Sendo Noruega membro da OTAN, a convivencia coa presenza soviética en Svalbard foi complexa, sobre todo porque o número de cidadáns soviéticos era maior que o de noruegueses.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]