Investigación e desenvolvemento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «I+D»)

A expresión investigación e desenvolvemento, tamén coñecida polas siglas I+D, refírese segundo o Manual de Frascati da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico ó "conxunto de traballos creativos levados a cabo de modo sistemático co fin de incrementa-lo volume de coñecementos, incluíndo coñecementos do home, a cultura e a sociedade, así como o uso desta suma de coñecementos para idear novas aplicacións."[1]

Introdución[editar | editar a fonte]

O deseño e desenvolvemento de novos produtos constitúe un factor clave na supervivencia dunha empresa. Nunha industria en constante cambio tanto a nivel tecnolóxico como de competencia, as empresas vénse na obriga de revisar o deseño e rango dos seus produtos para seguiren a ser competitivas.

Un sistema levado pola mercadotecnia é aquel que pon as necesidades do consumidor por diante e só produce bens que poidan ser competitivos no mercado. Para isto, realízanse estudos de mercado que definirán cales son as necesidades e cales os produtos que poden satisfacelas. Pola contra, se o desenvolvemento está impulsado pola tecnoloxía, entón os produtos que chegarán ó mercado son aqueles que as empresas sexan capaces de realizar. Neste último caso, os produtos son desenvoltos pola propia empresa polo que o proceso de produción deséñase da forma máis eficiente posible e os produtos resultantes son tecnicamente superiores, polo que posúen unha vantaxe propia no mercado final. Este é o obxectivo da investigación e desenvolvemento no seo da industria.

A I+D ten un significado económico especial, amais do propio significado a nivel de desenvolvemento científico e tecnolóxico, xa que o investimento neste mecanismo reflicte de forma xeral o desexo dunha administración pública ou organización de deixar a un lado os produtos unicamente comerciais para mellorar os resultados e retornos futuros.

Tipos de actividades[editar | editar a fonte]

Segundo o Manual de Frascati[1], considérase que a I+D engloba tres tipos de actividades: investigación básica, investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico.

Investigación básica[editar | editar a fonte]

Tamén coñecida como investigación fundamental. Consiste en traballos orixinais, experimentais ou teóricos, que se emprenden principalmente para obter novos coñecementos sobre os fundamentos dos fenómenos e dos feitos observables, sen estar dirixida a unha aplicación ou utilización determinada.

Por norma xeral, os resultados da investigación básica non se poñen á venda, senón que se publican en revistas científicas os difúndense directamente entre os organismos ou persoas interesadas.

Investigación aplicada[editar | editar a fonte]

Tamén coñecida como investigación industrial. Ó igual ca no caso da investigación fundamental, consiste en traballos orixinais emprendidos coa finalidade de adquirir novos coñecementos, aínda que neste caso está dirixida cara a un obxectivo práctico específico.

Podemos considerar que a investigación aplicada empréndese para determinar os usos posibles dos resultados da investigación básica, ou para determinar novos métodos ou formas de acadar obxectivos específicos predeterminados.

Por norma xeral, os resultados desta investigación acaban sendo recoñecidos a través dunha patente.

Desenvolvemento tecnolóxico[editar | editar a fonte]

Consiste en traballos sistemáticos que aproveitan os coñecementos existentes obtidos mediante investigación e/ou experiencia práctica, e están dirixidos á produción de novos materiais, produtos ou dispositivos; á posta en marcha de novos procesos, sistemas e servizos, ou á mellora substancial dos xa existentes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Todas as edicións do "Manual de Frascati". ICONO (en castelán). 13 de xullo de 2016. Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2019. Consultado o 25 de maio de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]