Polbo

Na Galipedia, a wikipedia en galego.


Polbo
octopus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Orde: Octopoda
Familias
14 en dúas subordes, ver abaixo

Os polbos son moluscos mariños da clase Cephalopoda e da orde Octopoda, que significa "oito pés". A súa característica principal é unha coroa de oito tentáculos con fortes ventosas na cabeza, arredor da boca. Como o resto dos cefalópodos, o polbo ten un corpo mol mais non ten esqueleto interno (como as luras) nin externo (como o náutilo. Como medios de defensa, o polbo posúe a capacidade de botar tinta, camuflaxe (conseguida a través dos cromatóforos) e a autonomía dos seus tentáculos.

É difícil decidir cal é o aspecto máis fascinante dos polbos. Poderiamos dicir que, variando amplamente os detalles, todos eles teñen a mesma estrutura básica, e todos son depredadores. Ou poderiamos comezar dicindo que a única parte ríxida do seu corpo é o bico córneo co cal desfai as súas presas. Talvez fose mellor iniciar polos seus ollos, moi semellantes en estrutura aos nosos propios, aínda que teñan evolucionado de forma enteiramente diferente; ou entón polo feito de posuír tres corazóns, ou pola combinación da incrible forza con delicadísimos sentidos de tacto e padal presentes nos seus centos de ventosas, grazas ás cales practicamente calquera cousa quedará irremediablemente capturada así que o brazo do polbo tocar a súa superficie.

Por outra banda, os polbos son moluscos, ou sexa, entre os seus parentes máis próximos podemos enumerar os caracois, as "danzarinas españolas" , un tipo de lesma do mar, e as ostras - todos eles animais de movementos lentos e simples, en grande parte herbívoros, raspadores de detritos ou filtradores de plancto, seres que case invariablemente pasan a vida agachándose dentro das súas cunchas e dificilmente dan a máis remota demostración de intelixencia.

Do mesmo tronco xurdiron, no Período Cámbrico, os cefalópodos, aparentemente a partir dos gasterópodos (caramuxos e os seus parentes). A semellanza é relativamente fácil de percibir, especialmente ao ver un náutilo, o máis primitivo dos cefalópodos vivos, que posúe unha grande cuncha espiral da cal abrochan os seus innumerábeis tentáculos e mailos seus ollos simples. Os tentáculos dun caracol de xardín, por exemplo, son catro: dous deles sustentan os ollos e dous os órganos olfactivos e gustativos. A "barriga" do caracol é na realidade o seu pé, que se vale de movementos ondulantes para movelo coa súa coñecida lentitude. Gasterópodos mariños de estrutura semellante poden ter desenvolvido unha forma con nado libre, multiplicando o número de tentáculos e creando unha forma de propulsión a chorro (un sifón que expele auga por medio de músculos poderosos e así permite un movemento bastante rápido).

Polbo. Acuario da Coruña

Máis tarde outros cefalópodos tiveron diferentes tipos de cunchas, con varias formas, por veces estrañas, e algunhas formas pasaron a prescindir da cuncha en favor dunha locomoción máis lixeira e maior liberdade de movemento. Xurdiron así as formas das xibas, que posúen unha pequena cuncha espiral escondida no interior do corpo, das luras, e as potas, que conservan só unha lamina fina que sustenta o eixo do corpo, e dos polbos, que perderon (case sempre) todo resquicio de cuncha.

Mais esas mudanzas foron acompañadas de moitas outras, que acabaron xerando unha das formas máis intrincadas e adaptábeis que coñecemos. Os tentáculos desenvolveron ventosas e outras estruturas para coller ás vítimas, e tamén gañaron músculos máis potentes e movementos máis áxiles (chegando a "chimpos" rápidos, como por exemplo o dos tentáculos da lura). Para permitir eses movementos vigorosos, o sistema circulatorio (que forma o esqueleto hidrostático) foi amplamente mellorado; e para coordinalos o sistema nervioso aumentou de tamaño e eficiencia. Para empregar mellor todos eses recursos, desenvolveron ollos de grande complexidade, capaces de enfocar, distinguir cores e producir a visión binocular (como a nosa, que dá mellor percepción de profundidade).

Non é realmente de estrañar que depredadores que desas maneiras estaban gañando tamaño, axilidade e vida libre, e polo tanto tornándose máis visíbeis, acabasen desenvolvendo estratexias de mimetismo. Os cefalópodos superiores (chocos, luras e polbos) chegaron ao extremo de teren todo o corpo cuberto por células pigmentadas ligadas a células musculares - os cromatóforos, que rexidas polo seu poderoso sistema neuronal producen mudanzas de cor e inclusive padróns móbiles (as ondulacións de branco e negro dun choco son tan asombrosas como as sucesivas mudanzas de tonalidade dun polbo).

O polbo, así, é membro dun grupo incriblemente orixinal, que creou as súas propias estratexias de supervivencia en canto a metade do reino animal innovaba ben menos nas solucións. De entre tódolos cefalópodos, o polbo é tamén bastante único: tendo perdido todo resquicio de cuncha, o seu corpo é capaz de estreitarse para pasar por case calquera abertura, encanto os seus tentáculos desenvolveron independencia e axilidade ata o punto de se tornaren verdadeiros brazos - oito deles (de onde o nome latino, Octopus, que é tamén o nome do xénero máis común de polbos). Cada brazo é un órgano incriblemente versátil, dotado de ventosas e dunha musculatura poderosísima. Se fose perdido durante a caza (ou durante unha fuga), o brazo crecerá novamente. E mesmo nos machos, un dos brazos fai as veces de pene (brazo hectocotilo)introducindo paquetes de esperma no manto da femia.

Festa do Corpiño, Lalín

A reprodución dos polbos, ademais, non é menos notable do que o resto das súas vidas. Despois do aparellamento, que pode durar varias horas entre o inicio da corte (durante a cal machos concorrentes poden competir de diversas formas para establecer dominación, sen necesariamente entrar en combate) e a fecundación, o macho e maila femia sepáranse e esta última continúa a vivir normalmente ata que chegue o momento de desovar. O niño, que xeralmente é un oco de pedra ou calquera outro lugar abrigado que ela limpa minuciosamente cos seus tentáculos (dotados de sensores de padal, os tentáculos poden identificar impurezas invisíbeis ao ollo), recibe de centenas a millares de ovas, dependendo da especie da femia; ela permanece mantendo o lugar limpo e soprando auga para dar orixe aos fillos en desenvolvemento.

A maioría das especies de polbos nace enteiramente formada, sen pasar polo estadio larval: adultos en miniatura, incluso exhiben as mudanzas de cor relampantes, desde antes mesmo de romperen a casca das ovas.

A femia, que non se alimenta durante a incubación, xeralmente enfraquece e morre pouco tempo despois da eclosión. O macho vive o bastante para se reproducir talvez unha ou dúas veces, envellecendo e morrendo pouco despois.

[editar] Galería de imaxes

[editar] Véxase tamén

[editar] Outros artigos

Ferramentas persoais