Autarquía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A autarquía (ambas as dúas do griego αὐτάρκεια) ou autosuficiencia é a condición das persoas, lugares, mecanismos, sociedades, sistemas industriais ou nacións que non necesitan ou que rexeitan toda axuda externa, apoio, ou (en casos máis extremos) interaccións de calquera tipo; trátase pois dunha forma extrema de autonomía tendente ao ostracismo ou illamento.

Definición xeral[editar | editar a fonte]

Referido aos individuos e aos grupos, o termo aplícase a formas máis limitadas de autosuficiencia, como cultivar un estilo de vida no cal a persoa se desliga do sistema social no que está inmersa para satisfacer as súas necesidades básicas. Como medios para unha supervivencia autosuficiente os individuos e os grupos humanos van dende, por exemplo, producir os seus propios alimentos, até condicións máis radicais, como excluírse dos demais. Unha comunidade autárquica é aquela cunha economía pechada aos intercambios con axentes alleos a esta, onde se produza o suficiente para abastecerse, tal situación pode darse en organizacións pouco complexas.

No caso dos Estados, a autosuficiencia implica configurarse economicamente independentes da axuda (humanitaria, técnica, en pos de máis desenvolvemento, etc.) que poden ofrecerlle outros Estados, vía subsidios, crédito externo ou subvencións; é propia dalgúns Estados na súa fase inicial de capitalismo. No caso das entidades políticas centrais (os países independentes), a autosuficiencia concrétase cando se evita solicitar préstamos a organizacións internacionais coma o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, entre outras institucións financeiras, e resistíndose a poñer en funcionamento as súas políticas.

No espectro político a autarquía como ideal social vincúlase ao programa político do fascismo (véxase: corporativismo). Está vinculado tradicionalmente a formas extremas de nacionalismo e socialismo e máis recentemente a formas extremistas de comunitarismo e ecoloxismo (véxase: antiglobalización).

A autarquía como ideal filosófico[editar | editar a fonte]

Na Antiga Grecia varias correntes filosóficas viron na autarquía un ideal de vida. Para as escolas cínica, estoica, epicúrea e cirenaica, a autarquía é a situación propia do sabio, que se basta a si mesmo para ser feliz, pois non necesita para iso outra cousa que o exercicio da virtude.

Autarquía no Dereito[editar | editar a fonte]

No dereito administrativo, a autarquía é a forma de descentralización administrativa que permite o goberno en por si no administrativo, personalidade xurídica e patrimonio propio, e ademais unha finalidade pública nas súas funcións; é característica do ente autárquico. Segundo o dereito constitucional é a capacidade de autoadministrarse ou autogobernarse, pero conforme a estatutos orgánicos provenientes dun poder superior. Os conceptos de autonomía e autarquía, para adquirir precisión, deben estar necesariamente referidos a un sistema xurídico-político determinado, xa que existen diferenza de matices.

Autarquía na política[editar | editar a fonte]

En política un réxime autárquico é aquela política económica que propugna o autoabastecemento limitando ao mínimo as importacións.

Autarquía en economía[editar | editar a fonte]

Sistema económico segundo o cal unha nación debe ser capaz de abastecerse a si mesma e subvenir a todas as súas necesidades cun mínimo de intercambios comerciais co exterior e rexeitando os capitais estranxeiros. É sinónimo de economía pechada ao comercio exterior ou ao mercado global, o que leva establecer restricións ao intercambio entre individuos de distintos sitios.

A Alemaña de Hitler é un dos mellores exemplos de autarquía económica, con vistas a reducir ao mínimo a dependencia co exterior; foron mobilizadas todas as forzas económicas da nación co fin de producir as materias primas e os produtos agrícolas indispensables e limitar ao máximo o consumo de produtos estranxeiros, á conta de substituír produtos de primeira necesidade por outros sintéticos. Tratábase de evitar os problemas que xurdiron na Alemaña da Primeira Guerra Mundial cando os británicos bloquearon a maior parte de importacións do país.

Así mesmo, dentro do franquismo, o período que vai desde 1939 a 1959 caracterizouse por unha autarquía económica.

Estados ostracistas como Corea do Norte ou a Albania socialista practicaron a autarquía económica motivados polo estalinismo da súa ideoloxía de Estado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]