Era dos descubrimentos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O mapa de Fra Mauro (1459) en Venecia, constituíu unha das primeiras descricións prácticas de Europa, África e Asia

A chamada era dos descubrimentos ou era das exploracións foi un período histórico que deu comezo a principios do século XV estendéndose ata comezos do século XVII. Durante esta época os navíos de Europa percorreron os mares do mundo en busca de novos socios e rutas comerciais cos que contribuír ao incipiente capitalismo europeo. Durante estas exploracións, os europeos descubriron nacións e cartografiaron territorios que anteriormente non coñecían. Entre os exploradores máis famosos de Era dos Descubrimentos atópanse Cristóbal Colón, Vasco da Gama, Pedro Álvares Cabral, Juan de la Cosa, Bartolomé Díaz, Juan Caboto, Juan Ponce de León, Fernão de Magalhães e Juan Sebastián Elcano. Afrontaron a navegación oceánica cuns medios precarios: non podían determinar con precisión a lonxitude,[1] os cascos de madeira das naves eran atacados por bromas,[2] a alimentación resulaba inaxeitada para as longas travesías[3] e a hixiene e as condicións de vida a bordo eran malas. Con todo, impulsados pola economía, e para acrecentar territorios de imperios e nacións, aqueles homes realizaron expedicións que ensancharon o mundo coñecido.


A sociedade da época[editar | editar a fonte]

Imprenta do século XV
Toma da Bastilla, levada a cabo durante a Revolución Francesa

A comezos da era dos descubrimentos, no século XV, Johannes Gutenberg inventou un dos obxectos que máis mudeou o curso da historia: a imprenta de caracteres móbiles.[4] Dende finais do citado século ata a segunda metade do século XVI tiveron lugar as chamadas Guerras italianas, que son un conxunto de conflitos europeos que tiveron lugar entre Francia, España, Sacro Imperio Romano Xermánico, Inglaterra, Escocia, a República de Venecia, os Estados Pontificios e outras cidades estado italianas.

Ao longo do século XVI, varios relixiosos, filósofos e políticos intentaron provocar un cambio profundo e xeneralizado nos usos e costumes da Igrexa Católica na Europa Occidental. Así comezou a Reforma Protestante, mediante a predicación do sacerdote católico agostiño Martiño Lutero. Como resposta a esta xurdiu a Contrarreforma cuxos obxectivos foron renovar a Igrexa e evitar o avance das doutrinas protestantes. Durante a segunda metade do devandito século desencadeáronse unha serie de oito conflitos que foron bautizados baixo o nome de Guerras de relixión de Francia. Nestes sucesos enfrontáronse os hugonotes e os católicos. Ata finais deste século mantívose de forma hexemónica en Europa unha corrente filosófica, filolóxica, intelectual, artística e educativa denominada Humanismo, o cal estaba estreitamente vencellado ao Renacemento. Precisamente sería esta era a que marcaría o comezo da expansión mundial da cultura europea, o cal rompe a concepción medieval do mundo, fundamentalmente xeocéntrica. Algúns dos personaxes máis importantes do Renacemento foron Leonardo da Vinci, Michelangelo, Miguel de Cervantes, o xa nomeado Martin Lutero, Durero, Johannes Kepler, Tycho Brahe, Joachim Patinir, Quentin Metsys, Antonio Moro, O Bosco, Erasmo de Róterdam e Bruegel o vello.

Durante o século XVII tiveron lugar a expulsión dos mouriscos de España e a Guerra dos Trinta Anos. O Renacemento do século XVI é a porta de entrada para que nos 100 anos que correron de 1600 a 1700, a sociedade puidese zafarse do vello molde que implantaba métodos ríxidos de comportamento e actuación, especialmente de impostos, pola Igrexa.

Xa no século XVIII producíronse importantes avances tecnolóxicos como a máquina de vapor, culturais como a aparición da enciclopedia e o desenvolvemento da astronomía, e bélicos como a Guerra de Independencia dos Estados Unidos, a Revolución Francesa, as guerras de sucesión española, austríaca e polaca, e a Guerra dos Sete Anos.

Por outra banda, un dos grandes desastres que aconteceron no século XVIII tivo lugar en Lisboa, que foi arrasada por un terremoto que esnaquizou practicamente a cidade. A corrente cultural que predominou neste século foi a Ilustración.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O comercio tivo moito que ver coas orixes de Era das Exploracións. Tratábase de atopar unha ruta marítima cara Asia para traer á Europa occidental as especias de Oriente,[5] que ata ese momento chegaban por terra, en caravanas que tiñan que cruzar os territorios dos países asiáticos, e cuxo comercio en Europa era practicamente un monopolio dos mercaderes italianos, fundamentalmente venecianos e xenoveses.[6]

Dende a Antigüidade establecéronse dúas rutas comerciais cara o Oriente, o Leste: unha ruta marítima, que partía de Exipto e Iraq, e outra terrestre, a ruta da Seda.[7] A primeira, estacional, aproveitaba os ventos monzónicos: entre abril e xuño partían as naves cara Asia oriental, dende Súez ou Basora navegando polo mar Vermello ou o golfo Pérsico, respectivamente,[8] ata o mar de Arabia, onde o monzón do suroeste -que sopra cara a terra- impulsábaas cara o océano Índico e o mar de China.[9] Uns seis meses despois, entre outubro e decembro, o monzón do nordeste -que sopra cara o mar- facilitaba o retorno aos portos de orixe.[10][11]

A Ruta da seda, vía terrestre, afundía as súas raíces occidentais nas costas do Mediterráneo oriental principalmente -Alexandría, Damasco e Alepo-,[12][13] e do mar Negro, dende onde se internaba en Asia pasando por Bagdad e o sur do mar Caspio, recibindo ramais de territorios interiores de ata as proximidades do mar de Aral. De Bujara, no centro de Asia, partía unha derivación ata Delhi e Agra na India. Máis aló de Bujara, en Samarcanda,[14] ao norte do Pamir, a ruta da seda bifurcábase de novo: polo norte, ata Almaty; polo Leste, percorrendo toda a Asia central, e bordeando o Himalaia, acadaba a cidade chinesa de Xian.[15] Finalmente, dende aquí sendas vías remataban en Pequín e Shanghai.

Dende as costas do Mediterráneo oriental a Ruta da seda percorría toda Asia ata Xian na China, e aínda máis aló, chegando ata o Océano Pacífico

O acceso a esa inmensa vía de comunicación con Oriente adoitaba estar pechado en mans musulmás. Alexandría, Alepo e Damasco eran un telón de aceiro[16] infranqueable. Só entre mediados do século XIII e do XIV os europeos tiveron libre acceso a Catay[17] durante o apoxeo do imperio tártaro de Kublai Khan,[18] anfitrión de Marco Polo.

As vías comerciais existentes traían as cobizadas especias, pero tamén as encarecían extraordinariamente polos innumerables tributos que se pagaban ao cruzar tan vastos territorios. E isto sen contar con avatares políticos, ou ata a bandizaxe. Urxía resolver o problema: atopar unha ruta cara o Poñente. Ademais houbo unha serie de melloras das técnicas de navegación así como os avances en cartografía, navegación e construción naval. O logro técnico que posibilitou a aventura foi a invención da carraca e posteriormente da carabela na Península Ibérica. Estes barcos eran unha combinación de modelos tradicionais de navíos árabes e europeos e foron os primeiros capaces de saír do apracible mar Mediterráneo para facelo con certa seguridade en augas abertas do océano Atlántico.

A organización social dos reinos da Península Ibérica determinaba unha empresa así. As grandes familias tiñan a institución do morgado, pola que o primoxénito herdaba as posesións familiares. Os segundoxénitos podían adicarse á Igrexa ou probar fortuna na guerra contra os mouros, na que podían gañar honras e terras co seu esforzo. Ao rematar a conquista acabáronse as terras por conquistar, aínda que se podía seguir a reconquista polo norte de África, a Mauritania Tinxitana dos romanos. Portugal terminou a súa reconquista antes cá Coroa de Castela e lanzouse a establecer colonias no norte de África como paso previo a seguir a ruta polo sur do continente. Aragón, tamén rematou antes cá Castela e lanzouse a buscar a ruta directamente polo Mediterráneo.

A raíña Isabel a Católica no seu testamento encargou ca reconquista seguira por terras de África,[19] pero o descubrimento da ruta ás Indias por Occidente (en realidade o continente americano) cambiou os plans destes segundoxénitos e abriu posibilidades inesperadas para continuar o ímpeto conquistador dos oito séculos anteriores.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Este asunto trouxo de cabeza aos matemáticos e navegantes durante séculos, así como aos Imperios do momento. A cuestión da lonxitude converteuse en materia de Estado: a cada vez máis frecuente navegación oceánica carecía de algo tan elemental como poder determinar con precisión unha das coordenadas da posición dun buque en alta mar. As consecuencias eran perdas de tempo, de cargas, e, como non, naufraxios frecuentes. Non será senón ata o século XVIII cando o reloxeiro inglés John Harrison resolva o problema ao construír un cronómetro eficaz. A partir de entón calquera nave coñecía a hora do porto de saída, en calquera momento, de xeito que comparándoa coa hora de a bordo ao culminar o Sol -mediodía-, ou outro astro coñecido, a lonxitude da posición, o meridiano, calculábase inmediatamente.
  2. Os bromas ou teredos son uns moluscos mariños que taladran a madeira mergullada, excavando túneles nela. Podían ser devastadores nas naves de entón, destruíndo, literalmente, os cascos,
  3. O escorbuto cebábase nas tripulacións.
  4. http://www.biografiasyvidas.com/monografia/gutenberg/imprenta.htm Gutenberg e a imprenta Biografiasyvidas.com
  5. Coñecidas xa polos antigos exipcios, as especias chegaron a ter un valor comercial de primeira orde. O empeño en logralas a bo prezo puxo en marcha algunhas das grandes expedicións da Historia, sendo elemento esencial na estratexia das potencias da época
  6. http://iris.cnice.mec.es/kairos/ensenanzas/eso/media/sigloxi_xv_01_04.html Europa do século XI ao XV Ministerio de Educación e Ciencia de España
  7. Foi Ferdinand von Richthofen, coñecido tamén como o barón Von Richthofen, xeógrafo alemán, quen bautizou á ruta como Seidenstrasse ou Ruta da Seda, porque era a seda un dos principais produtos exportado por China. Dende logo, outros bens circulaban por ela: vidro, coral, marfil, ámbar, peles, cerámica, xade, e moitos máis, entre eles as especias.
  8. Entre o mar Vermello e o golfo Pérsico atópase a península arábiga, dividida en varios países, dos que o máis extenso é Arabia Saudita.
  9. Con máis precisión, o mar de China Meridional. Este e o mar de China Oriental conforman o mar de China, en augas do océano Pacífico.
  10. http://www.jmarcano.com/planeta/monzon.html Os monzóns
  11. http://www.jmarcano.com/planeta/monzon2.html#3 Ventos superficiais no Hemisferio Norte
  12. Cidade do norte de Siria, é Patrimonio da Humanidade dende o ano 1986
  13. http://www.musulmanesandaluces.org/hemeroteca/39/comercio%20y%20rutas%20del%20Islam.htm Comercio y rutas comerciais do Islam
  14. Samarcanda ou Samarkanda atópase así mesmo en Usbequistán. Foi declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2001.
  15. Considerada tradicionalmente como o extremo oriental da Ruta da Seda
  16. Boorstin, op. citada.
  17. Catay é o nome que Marco Polo lle deu aos territorios chineses coñecidos por el.
  18. Kublai Khan, ou Kublai Jan, neto de Gengis Khan -Gengis Jan- estableceu un Imperio Mongol que abranguía dende o Danubio, ao Oeste, ata o río Amarelo polo Leste, entre Siberia ao norte, e o golfo Pérsico ao Sur.
  19. http://www.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/79161618323583619754491/p0000001.htm Isabel a Católica, África e América Joseph Pérez

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]