Fernando Pérez de Traba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fernan Peres de Trava. Tumbo de Toxosoutos.

Fernando Pérez de Trava (como se escribía na época) foi un nobre galego do século XII, Conde de Traba e de Trastámara. Foi líder da nobreza galaico-portuguesa e titor de Fernando II de León e Galicia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Levantamento galaico-portugués[editar | editar a fonte]

Pertencente á estirpe máis poderosa do Reino de Galicia, era fillo de Pedro Froilaz de Traba. Participou na revolta galaico-portuguesa liderada polo seu pai contra Urraca de León. Tal levantamento, producido en 1116, facíase en alianza con Tereixa de Portugal. Pretendían os insurxentes defender os dereitos do coroado rei de Galicia Afonso Raimúndez, o futuro Afonso VII, así como garantir a autonomía do condado portucalense fronte á raíña leonesa.

Os triunfos de Vilasobroso e Lanhoso selaron a alianza entre os Traba e Tareixa de Portugal. Fernando Pérez de Traba pasou así a gobernar Porto e Coímbra e a asinar importantes disposicións e documentos conxuntamente con Tareixa de Portugal.

Adiantado de Afonso VII[editar | editar a fonte]

Á morte de Urraca, erixiuse nun dos baluartes do rei Afonso VII no Reino de Galicia. Tanto foi así que se lle confiou a tarefa de ser preceptor do seu fillo, o futuro Fernando II de León e Galicia. A Crónica Latina de Castilla considera que a súa influencia foi determinante para que no testamento de Afonso VII de Galicia e León se separasen de Castela e Toledo. Xa antes da morte de Afonso VII, aparece coasinando documentos con Príncipe Fernando, aparecendo co título de rex.

Derrota en Portugal[editar | editar a fonte]

Tareixa exerceu a rexencia durante a minoría de idade do seu fillo Afonso Henriques, o primeiro monarca portugués. Este aglutinou os cabaleiros portugueses e o apoio da Igrexa de Braga contra o dominio de Fernando Pérez de Traba e a súa propia nai. Estes últimos acabaron sendo derrotados na batalla de San Mamede (1128) cando pretendían facerse coa soberanía do espazo galaico-portugués. Determinada historiografía portuguesa fai desta batalla o nacemento da súa nación.

Liderado en Galicia[editar | editar a fonte]

A partir dese momento concentra a súa influencia na Galicia propiamente dita, asinando como Comes Fernandus de Gallecie. Aquí realiza un labor de apoio aos mosteiros cisterciences, podéndoselle atribuír a refundación do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Disputou o seu liderado sobre o Reino de Galicia co arcebispo de Santiago de Compostela Diego Xelmírez, con quen mantivo un tenso entendemento.

Labor militar[editar | editar a fonte]

Comanda as tropas galegas ao servizo do monarca Afonso VII o Emperador nas súas incursións contra os almohades. As crónicas salientan o seu valor na conquista de Almería.

Defendeu o val do Miño a duras penas contra as acometidas de Afonso Henriques ata a paz de Zamora de 1143. Serviu en varias campañas andaluzas, a da toma de Córdoba (1146) e Almería (1147)

Coñécenselle dúas estadías en peregrinación á Terra Santa ao fío da segunda cruzada. Cedeu terreos aos templarios na actual costa coruñesa. Foi introdutor desta orde militar no Reino de Galicia.

Pervivencia[editar | editar a fonte]

Morto probablemente en 1161, recibiu sepultura no mosteiro de Sobrado dos Monxes. A súa neta Sancha (filla do conde Nuño de Lara e da súa filla Tareixa Fernández) casou con Fernando II. Os seus descendentes mantiveron o seu protagonismo na corte de León. A súa irmá, Estefanía Pérez de Traba, contraería matrimonio con Rodrigo Fernández de Castro, da familia, os Castro, que non tardaría en tomar o relevo dos Traba no seu dominio de Galicia.

Fernando Pérez de Traba
Nacemento: 1090 Falecemento: 1155


Aristocracia galega
Precedido por
Pedro Froilaz de Traba


Conde de Traba e Trastámara
1128 – 1155
Sucedido  por
Gonzalo Fernández de Traba

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]