Ponte... nas ondas!

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ponte... nas ondas!
Tipoasociación cultural, programa de radio, Organización non gobernamental e accredited NGO for intangible cultural heritage
Campo de traballopatrimonio cultural
Data de fundación1995
PaísEspaña
Na rede
http://www.pontenasondas.org/
Facebook: pontenasondas Twitter: pontenasondas Instagram: pontenasondasoficial Youtube: UC_PoSbQFvoiOegMrWlC1mPQ Vimeo: user894356 Flickr: 32237694@N07 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! é unha asociación cultural, nada en 1995, que realiza actividades educativas con centros de ensino de Galiza e do norte de Portugal. Entre as súas finalidades están a promoción da identidade común dos dous pobos e o traballo na recuperación e difusión do Patrimonio Cultural común a galegos e portugueses.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Reportaxe en Nós Televisión.

A asociación xurdiu a partir dunha iniciativa que pretendía unir as dúas marxes do río Miño mediante un programa de radio que celebraba a inauguración da ponte entre Salvaterra e Monção. Na primeira emisión participaron 16 escolas das dúas beiras do río, chegando no ano 2003 a emitir durante 24 horas con programas producidos por máis de 50 centros educativos. O éxito da iniciativa levou á constitución da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, que continúa na actualidade a traballar pola divulgación do Patrimonio Inmaterial galego-portugués.[2]

Actividades[editar | editar a fonte]

Celebración do Congreso Pontes de cultura, pontes de futuro. Verbum

En 2001, a Asociación abraza o proxecto da UNESCO ‘A ruta do escravo’ para, a partir do ano 2002, centrar as súas accións no patrimonio inmaterial.

Neste contexto, impulsada polas primeiras proclamacións das Obras Mestras do Patrimonio Oral e Inmaterial, promóvese a primeira Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

O colectivo tamén comezou en 2002 unha campaña de investigación de tradicións orais galego-portuguesas (tradicións orais, costumes, música, baile, festas, medicina tradicional...) para o promocionar o patrimonio común galego-portugués e presentou en 2004 ante a UNESCO a Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas, a primeira Candidatura Multinacional promovida por centros educativos de dous países. Desde o ano 2005, Ponte...nas ondas! vén solicitando a inscrición deste patrimonio na Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Co colectivo colaboraron distintos grupos profesionais de música tanto de Galiza como de Portugal así como de África ou do Brasil: Treixadura, Uxía Senlle, Andrea Pousa, Gaiteiros de Lisboa, Vozes da Rádio, Guadi Galego, Pancho Álvarez, Chico César, Margareth Menezes, María Solleiro...

Santiago Veloso, presidente da asociación.

O proxecto Meniños cantores -un traballo coral de escolas galegas e portuguesas- co patrimonio musical realizado para promover e divulgar o patrimonio común galego-portugués entre os máis novos. O resultado foi un libro-cd-dvd onde se inclúen videoclips, karaokes e dous documentais. Cores do Atlántico é un traballo divulgativo-musical sobre as cantigas de amigo que ofrece unha nova perspectiva do xénero máis autóctono da nosa lírica medieval, desde unha dobre dimensión: a interpretación teórica da catedrática holandesa Ria Lemaire Mertens e a interpretación musical da cantautora brasileira Socorro Lira. Publícase no formato de libro-disco, en 2010, en galego e portugués, por Ponte...nas Ondas! e PAI Música, en España e Portugal.

Na Ponte é unha historia de Ponte...nas ondas! en formato de libro-disco-dvd. Unha mostra de toda a actividade da Asociación Ponte...nas ondas! ao longo de dúas décadas. O CD recolle colaboracións de artistas de Galiza, Portugal e o Brasil realizadas para a experiencia de comunicación. O libro recolle artigos de persoas colaboradoras nos ámbitos da educación, o patrimonio, as TICs e a radio. O DVD contén o documental " Pontes...nas ondas" e diversos videoclips.

Diploma acreditativo como Xuíz Honorario.

No ano 2013 foi nomeada Xuíz Honorario do Couto Mixto. En 2023 concedéronlle o Premio Cultura Galega de Lingua.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Que é Ponte… nas Ondas?". Ponte... nas Ondas!. Consultado o 2022-09-13. 
  2. "A orixe". Ponte... nas Ondas!. Consultado o 2022-09-18. 
  3. Os Premios da Cultura Galega recoñecen Yolanda Castaño e Ponte... nas Ondas!

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]