Tenis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
O Aberto de Estados Unidos é un prestixioso torneo Grand Slam.

O tenis é un deporte que disputado entre dous xogadores (individuais) ou entre dous equipos formados por dous xogadores cada un (dobres). Cada xogador usa unha raqueta para golpear unha pelota de goma oca cuberta de feltro por riba dunha rede cara á cancha do opoñente.

O tenis moderno orixinouse no Reino Unido a finais do século XIX como "tenis de céspede"[1], que tiña moitas similitudes con varios xogos de herba, así como co xogo antigo do tenis real[2]. O tenis é un deporte olímpico, ademais de ser xogado por persoas de distintos niveis sociais de tódalas idades. O deporte pódese xogar por calquera que poida agarrar unha raqueta, o que inclúe as persoas en cadeira de rodas.

As regras do tenis cambiaron moi pouco desde a década de 1890. Dúas excepcións son que desde 1908 ata 1960 o xogador que sacaba debía ter un pé no chan todo o tempo e a adopción do tie-break nos anos 70. Ademais, recentemente produciuse a inclusión no tenis profesional dunha tecnoloxía electrónica de revisión xunto a un sistema de impugnación de puntos que permite a un xogador rebater a decisión dun xuíz (de liña ou cadeira) de se a pelota entrou ou non.

O tenis é moi popular en todo o mundo grazas aos catro torneos Grand Slam: o Aberto de Australia, Roland Garros, Wimbledon e o Aberto de Estados Unidos.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia do tenis.

O tenis moderno naceu no Reino Unido a finais do século XIX.

Equipamento[editar | editar a fonte]

Unha raqueta de tenis moderna e dúas pelotas.

Raquetas[editar | editar a fonte]

A raqueta de tenis está formada por unha empuñadura ou mango que une cun marco máis ou menos circular que contén un conxunto de cordas fortemente tensadas e entrelazadas as unhas coas outras de xeito vertical e horizontal. Durante o primeiro século do xogo moderno, as raquetas eran de madeira e de tamaño estándar, e as cordas estaban feitas de intestinos de animal. A construción de raquetas de madeira laminada proporcionou máis forza durante gran parte do século XX ata a primeira de metal e, máis tarde, a introdución das compostas de grafito, cerámica e metais pouco pesados como o titanio. Estes materiais máis fortes permitiron a produción de raquetas de máis tamaño que tiñan un rendemento aínda maior. Entrementres, a tecnoloxía conduciu ao uso de cordas sintéticas que dan a mesma sensación que os intestinos, pero con maior durabilidade.

Os xogadores avanzados melloran o seu rendemento cunha serie de trebellos postos na raqueta. Existen os amortecedores de vibración que se colocan na zona das cordas máis preto do mango. Tamén hai recubrimentos absorbentes para os mangos.

Pelotas[editar | editar a fonte]

As pelotas de tenis están feitas de goma oca cun revestimento de feltro. Malia seren orixinalmente de cor branca, a cor predominante foi cambiando gradualmente ata un amarelo óptico[3][4] durante a última parte do século XX para permitir unha mellor visibilidade. A pelota debe ter un diámetro comprendido entre 6,350 e 6,668cm e a súa masa pode variar desde os 56,7 ata os 58,5 gramos. Lanzada desde 254 centímetros de altura sobre unha base de formigón, unha pelota debe rebotar entre 134,62 e 147,32cm[5].

Vestimenta[editar | editar a fonte]

A vestimenta non cesou de evolucionar desde o inicio dos anos 80, facéndose máis lixeira e cómoda; pantalóns curtos e camisas para os homes e faldras para as mulleres. A chegada de novos tecidos e teas de poliéster a finais dos anos 90 permitiron a mellora da transpiración, e polo tanto da comodidade. As roupas máis frecuentes actualmente son a camiseta e os pantalóns curtos nos homes e a camiseta sen mangas e os pantalóns curtos nas mulleres.

Ademais, os xogadores usan a miúdo cintas nos seus pulsos para limpárense a suor da fronte e manteren as súas mans tamén secas. Por último, aínda que os partidos se poden xogar cunha gran variedade de zapatos, o calzado especializado ten solas anchas e chás que achegan estabilidade e estruturas frontais para evitar un desgaste excesivo.

Cancha[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cancha de tenis.
Dimensións dunha pista de tenis.

A pista de xogo é un rectángulo de superficie chá, adoito de herba, arxila[6], cemento ou asfalto (pistas duras) ou moqueta para pistas en interior. A pista ten 23,77 metros de longo e 8,23m de largo, para individuais, e 10,97m, para dobres[7]. De todos os xeito, existe un espazo adicional en torno á cancha, necesario para que os xogadores poidan atinxir as pelotas que sobrepasan as liñas ao botaren. Como división equitativa dos campos de cada xogador, hai unha rede separadora do largo da pista e paralela ás liñas de fondo. Esta rede ten unha altura de 1,07m na zona dos postes que a suxeitan e 91,4cm na parte central[7].

A cancha de tenis moderno debe o seu deseño a Walter Clopton Wingfield que, en 1873, patentou unha pista moi semellante á actual para o tenis stické (sphairistike), un deporte inventado por el. Este modelo foi modificado en 1875 ata o actual que existe hoxe, con marcas similares ás da versión de Wingfield, mais coa súa forma de reloxo de area convertida nun rectángulo[8].

Liñas[editar | editar a fonte]

As liñas de delinean o largo da cancha chámanse liña de fondo e liña de saque. As liñas máis exteriores que marcan o longo chámanse as liñas de dobres; úsanse ao xogar de dobres. As liñas que se atopan dentro das de dobres (paralelas a estas) son as de individuais; son o límite do campo en modalidade individual. A área que se atopa entre a liña de dobres e a liña de individuais denomínase canella de dobres, e forma parte da pista durante os partidos de dobres. Por outra banda, a liña que atravesa o centro do campo dun xogador é a liña de servizo, que coa liña que divide a liña de servizo en dous, a liña central ou liña central de saque, forma as áreas, denominadas cadros de saque, onde debe botar a pelota ao efectuar o saque. Dependendo da puntuación actual (que inflúe na posición dos xogadores) a pelota deberá botar nun ou no outro cadro[9]. Considérase que unha pelota sae fóra cando ningunha parte dela dá na liña ou na área contida nas liñas no seu primeiro bote. É obrigatorio que todas as liñas midan entre 25 e 51mm de largo; aínda que as liñas de fondo poden ser de ata 100mm se se quixese[10].

Regras de xogo[editar | editar a fonte]

Os xogadores (ou tenistas) golpean a pelota alternadamente cunha raqueta, facéndoa pasar por enriba dunha rede que divide o campo de xogo en dúas metades, de forma que a pelota caia no campo do contrincante. A pelota non debe botar máis dunha vez. Se un xogador non consegue ambas as dúas cousas cun só golpe, o rival gaña o punto. Ao mesmo tempo, hai que intentar que o adversario non consiga devolver facilmente a pelota ata a outra metade do campo correspondente ao seu rival. Vence o que obtén a maior puntuación. Os partidos xóganse en pistas (ou canchas) que poden ser cubertas ou descubertas (ao aire libre), podendo ser de distintos tipos de superficie (de terra batida, céspede...).

Ránking[editar | editar a fonte]

Na actualidade os xogadores están ordenados nun ránking chamado "sistema de entradas" (Entry Ranking), no cal se suman os puntos obtidos polos xogadores nas últimas 52 semanas, é dicir, nun ano. Polo tanto, ao finalizar cada semana, réstanse a cada xogador os puntos obtidos nesa mesma semana do ano anterior, e súmanse os gañados na semana actual. O actual número un do ránking é o español Rafael Nadal en categoría masculina e a dinamarquesa Caroline Wozniacki en categoría feminina.

O tenis en Galicia[editar | editar a fonte]

O tenis debeu entrar en Galicia a comezos do século XX. Existen unha fotografía dun grupo de mozas practicando tenis na Guarda en 1909, e neses anos é tamén cando se comezan a organizar as primeiras competicións entre as familias da burguesía de Vigo e da Coruña. En concreto, na cidade olívica un cenro difusor do tenis foi a empresa Cable Inglés, que cubría a liña de transporte marítimo con Gran Bretaña. Os nomes dos primeiros xogadores galegos, de feito, alternaban apelidos británicos con nomes vencellados á idustria da conserva, como Antonio e Jacobo Conde, Ventura Lago, Juan e Mimí del Río, Joaquín Yáñez, Javier Sensat, Manuel e Antonio Cominges, Guillermo de Oya ou Luis Pita. Nestes primeiros anos do século XX tamén se constrúen os primeiros campos de xogo, no Balneario da Toxa, na propiedade do indiano pontevdrés Casimiro Gómez en Monte Porreiro, ou nunha propiedade da familia Del Río no centro de Vigo[11].

En 1921 o Casino de Vigo inaugura o seu campo e alí xorde o primeiro trofeo estable de tenis en Galicia, a Copa de Vigo. Tamén dese ano data a constitución da primeira Federación Galega de Tenis, que encabeza o rexistrador da propiedade vigués Desiderio Martínez e que estaba formada sobre todo por persoas de clase elevada de Vigo e da Coruña. Entre esa década e a seguinte comezaron a abrollar por toda a costa recintos onde xogar ao tenis, en especial en propiedades ou clubes da alta sociedade: Vigo, Redondela, Poio, Padrón... Ao pouco Julio Curbera releva a Desiderio Martínez e a Federación organiza os primeiros torneos de carácter internacional, con presenza tanto de británicos como de portugueses e de xogadores vidos do resto de España[11].

É importante destacar que neste momento as mulleres participan do deporte tanto coma os homes, e nesas décadas destacan xogadoras como Luísa e Maruxa Puente, Elena Viturro, Isabel Bendamio, as irmás Vasco Guimeraens, Herminia Borrel e Carmelina García Barros. Os clubes máis importantes foron o Club de Campo de Vigo e o Sporting Club da Coruña[11].

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Pictograma do tenis usado durante os Xogos Olímpicos.
  • O tenis é coñecido dentro do mundo deportivo como o "deporte branco", debido a que antes os xogadores vestíanse enteiramente desa cor. De feito, este costumbre séguese mantendo ata agora, no Grand Slam de Wimbledon.
  • Para o tenis profesional necesítase unha gran forza, axilidade e reflexos: chegáronse a medir velocidades de servizo que alcanzaron os 250 km/h (Andy Roddick, Copa Davis no ano 2006).
  • Foi deporte olímpico entre 1896 e 1924, deixando de ser deporte oficial ata o seu regreso en 1988 (Xogos Olímpicos de Seúl).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tenis

Ligazóns extermas[editar | editar a fonte]