Rusia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Rossiyskaya Federatsiya
Российская Федерация

Federación Rusa
Bandeira de Rusia Escudo de Rusia
Bandeira Escudo
Himno nacional: Государственный гимн Российской Федерации (Himno da Federación Rusa)
 
Russian Federation (orthographic projection).svg
 
Capital
 • Poboación
Moscova
11.503.501 (2010)
Cidade máis poboada Moscova
Linguas oficiais
Ruso1
Forma de goberno República federal
democrática semipresidencialista
Vladimir Putin
Dmitri Medvedev
Formación
Imperio Ruso
R.S.S.F. Rusia
Unión Soviética
Federación Rusa

22 de outubro de 1721
7 de novembro de 1917
10 de decembro de 1922
25 de decembro de 1991
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 1º
17.075.400 km²
13
20.139 km
37.653 km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 9º
143.200.000 (2012 est.)
8,3 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total (2009)
 • PIB per cápita
Posto 4º
US$ 1.850.000 millóns
US$ 12.993
PIB (PPA)
 • Total (2011)
 • PIB per cápita
Posto 6º
US$ 2.383.000 millóns
US$ 16.736
IDH (2011) 0,755 (66º) – Alto
Moeda Rublo (р., RUB)
Xentilicio Ruso, rusa
Fuso horario UTC+3 a +12 (exc. +5)
Dominio de Internet .ru, .su, .рф
Prefixo telefónico +7
Prefixo radiofónico RAA-RZZ, UAA-UIZ
Código ISO 643 / RUS / RU
Membro de: ONU, COE, OSCE, CBSS, CEI, G8

1 Ademais do ruso existen outras 27 linguas co-oficiais en varias rexións.

Tódolos países do mundo

Rusia (en ruso: Россия, transliteración: Rossiya), ou Federación Rusa (en Ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiyskaya Federatsiya), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no Mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Cembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangell. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sahalín, as illas Kuriles e as illas Komandorskie. A porción continental limita ao norte co Mar Branco, o mar de Kara, o mar de Laptev, o mar da Siberia Oriental e o Mar de Chukchi, ao leste co Estreito de Bering e Mar de Bering, que establecen comunicación con Alasca, o Océano Pacífico, o mar de Okhotsk e co mar do Xapón, a través do cal contacta con Xapón, ao sur con Corea do Norte, China, Mongolia, Casaquistán, o Mar Caspio, Acerbaixán, Xeorxia e co mar Negro, do outro lado do cal está a Turquía, e a oeste limita co Mar de Azov, Ucraína, Bielorrusia,Letonia, Estonia, co Golfo de Finlandia, Finlandia e Noruega. A capital de Rusia é a cidade de Moscova.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Rusia.

Imperio Ruso[editar | editar a fonte]

O tsar Nicolao II foi o derradeiro tsar de Rusia.

O imperio ruso foi establecido en 1721 polo tsar Pedro o Grande. O imperio foi o inmediato sucesor do tsarato ruso que fora creado polo tsar Iván o Terrible en 1547 coa súa coroación como tsar.

O Imperio ruso era una monarquía hereditaria liderada por un emperador autocrático (tsar) dende a dinastía Romanov. O cristianismo ortodoxo foi a relixión oficial do imperio e era controlado polo monarca a través do Sagrado Concilio. Os habitantes do Imperio dividíanse en estratos (clases) tales como dvoryanstvo (nobreza), o clero, comerciantes, cosacos e campesiños. Os nativos de Siberia e a Asia central rexistráronse oficialmente como o estrato chamado inorodsty (estranxeiros).

En 1914 e tras o asasinato do arquiduque de Austria-Hungría, estala a Primeira Guerra Mundial, na cal Rusia uniuse ao bando aliado. Por entón o Imperio tiña unha extensión de 23.000.000 de km² e unha poboación de 171.000.000 de habitantes, cun crecemento demográfico do 1,8% anual. O goberno tsarista mandou mobilizar a máis de 8.000.000 de homes superando con creces ao exército alemán, que soamente tiña 3.000.000, dous terzos estaban na fronte francesa, polo cal quedaban para a fronte do oeste 1.000.000 de persoas, ou sexa que o exército ruso superaba ao alemán en 8 a 1, pero o exército ruso non estaba ben adestrado para a guerra, e iso quedou marcado na batalla de Tanneberg, onde 250.000 alemáns venceron a 700.000 soldados rusos. A partir dese momento, os rusos non fixeron máis que retroceder en número de efectivos.

En 1915 os alemáns volven a derrotar ás forzas rusas na batalla dos Lagos Mazurianos, o que provocou un descontento social en Rusia. En 1917, tras varios fracasos na fronte, apareceron movementos revolucionarios marxistas. O goberno tivo que desprotexer a fronte para deter aos insurrectos, e isto foi aproveitado polas forzas xermanas que avanzaron rapidamente polo territorio ruso. En 1917, tras a Revolución de Outubro, o goberno Bolxevique firma un tratado de paz cos alemáns (Tratado de Brest-Litovsk), que puxo fin á participación rusa na Primeira Guerra Mundial.

Revolución de Febreiro e Goberno Provisional Ruso[editar | editar a fonte]

Cando a autoridade do goberno do tsar empezou a fallar en marzo de 1917, a Duma e o Soviet de Petrogrado competiron polo poder. Como compromiso, formouse o Goberno Provisional Ruso (composto maioritariamente por membros do Partido Democrático Constitucional) entre os partidos liberais burgueses e os moderados socialistas que debía dirixir o país ata as eleccións da asemblea constituínte. Cando o tsar Nicolao II abdicou o 15 de marzo de 1917 e o seu irmán, o gran duque Miguel, rexeitou o trono o día seguinte, o goberno provisional dirixiu Rusia de xeito formal, mais o seu poder estaba limitado pola crecente autoridad do Soviet de Petrogrado.[1]

O novo goberno pareceu contar inicialmente cun apoio abrumador e estivo formado por moitas das máis brillantes figuras dos liberais rusos, como o novo primeiro ministro Georgy Lvov, progresista e respectado veterano do traballo nos zemtsvos.[2]

Republica Socialista Soviética Federativa de Rusia[editar | editar a fonte]

Bandeira da RSSFR.

Repetidas e devastadoras derrotas das tropas rusas na Primeira Guerra Mundial levaron a motíns xeralizados nas principais cidades do Imperio Ruso e á derrota, en 1917, da dinastía dos Romanov, que reinou durante 300 anos. Os comunistas, baixo o comando de Vladimir Iliych Ulyanov (coñecido por Lenin) conquistaron o poder deseguido, e formaron a URSS, na que Rusia ingresou como a República Socialista Soviética Federativa de Rusia. Baixo o goberno de Iosif Stalin (nado en Xeorxia) o dominio Ruso baixo a Unión Soviética fortaleceuse, ao custo de millóns de mortos e deportacións. A economía e a sociedade soviética ficaran atufadas en anos posteriores até que o Secretario Xeral do Partido Comunista Mikhail Gorbachev introduciu a chamada glasnost (abertura, transparencia) e a perestroika (reestruturación) nunha tentativa de modernizar o comunismo, mais as súas iniciativas, sen que o desexase, estimularon forzas que, máis tarde, en 1991 provocaron a independencia das 15 repúblicas. Aínda que as constitucións soviéticas establecesen o dereito dunha república a separarse, quedou en teórico e moi improbable dado o centralismo soviético. Naquel momento, as repúblicas chegaron a ser países independentes, con algunha aínda frouxa organización baixo o título de Comunidade de Estados Independentes.

Dende entón, Rusia ten feito esforzos para construír un sistema político democrático e unha economía de mercado, para substituír o ríxido plantexamento e control social, político e económico do período comunista. Un conflito de guerrillas forte aínda ocorre na rexión do Cáucaso Ruso, na república da Chechenia.

Federación Rusa[editar | editar a fonte]

Boris Yeltsin, primeiro Presidente da Rusia post-soviética

Coa independencia en 1991 da Unión Soviética creouse a actual Federación Rusa. Rusia era a máis grande das 15 repúblicas que formaban a Unión Soviética, acumulaba máis do 60% do PNB e máis da metade da poboación. Os rusos tamén dominaban ó exército soviético e o Partido Comunista. Por isto, Rusia foi amplamente aceptada como o estado sucesor da antiga URSS en canto ós asuntos diplomáticos se refire, e pasou a formar parte como membro permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

A pesar desa aceptación, a Rusia post-soviética carecía do poder militar, político e económico da URSS. Rusia conseguiu que as demais ex Repúblicas Soviéticas entregaran voluntariamente as armas nucleares, concentrándoas así baixo o mando das aínda efectivas forzas aéreas, pero a maior parte do exército e a frota rusa estaban inmersos na confusión en 1991. Antes da disolución formal da Unión Soviética, Boris Yeltsin fora elexido Presidente de Rusia en xuño de 1991 na primeira elección presidencial directa da historia rusa. En outubro de 1991, cando Rusia estaba ao bordo da independencia, Yeltsin anunciou que o país procedería cunha reforma radical cara á economía de mercado seguindo as directrices do "big bang" polaco, tamén coñecido como terapia de choque.

Hoxe en día Rusia aínda ten parte da cultura política e a estrutura social do seu pasado soviético.

Organización político-administrativa[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Subdivisións de Rusia.

Rusia divídese en 89 subdivisións. Dentro da federación existen 21 repúblicas que desfrutan dun alto grao de autonomía sobre a maior parte das cuestións internas e estas corresponden a algunhas minorías étnicas de Rusia (aínda que non sempre sexan maioritarias nese territorio). Cada república ten a súa propia constitución. O territorio restante consiste en 9 krais (territorios), 46 provincias coñecidas como óblasts, 4 distritos autónomos e un óblast autónomo. Aparte destes hai dúas cidades federais, Moscova e San Petersburgo. Recentemente, engadíronse sete distritos federais extensos como unha nova capa entre as subdivisións e o nivel nacional.

Mapa das subdivisións da Federación Rusa.
Mapa das repúblicas de Rusia.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Xeografía de Rusia.
Mapa topográfico de Rusia

O relevo de Rusia é variado: dominan chairas e vales (3/4 do territorio). As chairas Leste-Europea e Oeste-Siberiana, divididas polos montes Urais, son as maiores do planeta. Punto máis elevado: monte Elbrus (5.642 m).

Catro zonas climáticas -ártica, subártica, temperada e subtropical- determinan o clima da Rusia con 4 seguintes estacións no ano: inverno longo e nevoso, primavera temperada, verán curto e quente e outono chuvioso. As temperaturas medias varían en todo o territorio: en xaneiro -de -1 °C a -50 °C, en xullo- de 1 °C a 25 °C. Preto do 14 % do territorio (Siberia Norte e Norte do Oriente Extremo) fican alén do círculo polar co chan perennemente conxelado. A noite alá é de 60 días. As paisaxes severas dos desertos árticos do Norte sucédeas a tundra con mofo e lique. O inverno na tundra conta con 8-9 meses por ano. Máis para o Sur están espalladas as famosas florestas rusas que ocupan por volta de 43% do territorio do país. Os bosques densos de coníferas de difícil acceso chámanse "taigas".

Na zona central da Rusia atópanse as fragas máis claras, mixtas, dominadas por bidueiros, ameneiros, carballos. As fragas das zonas centrais están divididas por estepas. A maior parte de estepas é labrada e sementada con trigo, centeo, millo, xirasois, etc. No Sur do país, principalmente na costa do Mar Negro, o clima é subtropical co inverno curto e húmido e verán longo e quente. Praias bonitas, sol e augas cristalinas atraen aos turistas de todo o país.

En Rusia hai preto de 120 mil ríos. A maioría están conxelados no inverno.

Economía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía de Rusia.

Rusia ten pasado por importantes transformacións desde o fin da Unión Soviética, saíndo dunha economía illada e planeada centralmente, para unha economía de mercado globalmente integrada. As reformas económicas dos anos 1990 privatizaron gran parte da industria, coa notable excepción dos sectores de enerxía e militar.

Con todo, o rápido proceso de privatización, incluíndo un sistema de imprestimo para a compra de accións, permitiu a formación de "oligarquías" económicas con fortes relacións políticas, que deixaron a propiedade das empresas privatizadas altamente concentrada en poucas mans. A protección aos dereitos de propiedade é pequena e o sector privado está suxeito a intervencións do Estado.

O 2006 a economía de Rusia creceu polo oitavo ano consecutivo despois da crise de 1998. O petróleo e seus derivados, así como o gas natural son hoxe os seus principais produtos de exportación. A súa industria pode ser dividida en dous bloques: un con grandes produtoras de materias primas, que teñen competitividade global -en 2009 Rusia transformouse no principal exportador de petróleo e gas natural do mundo, así como o terceiro exportador mundial de aceiro e aluminio primario- e outro con outras industrias pesadas menos eficientes, altamente dependentes dos mercados consumidores locais.[3]

O país asinou un acordo bilateral cos Estados Unidos como un preludio a unha futura adhesión á OMC.

Política[editar | editar a fonte]

O Presidente electo de Rusia Vladimir Putin e o actual Presidente Dmitri Medvedev.

Segundo a Constitución, que foi adoptada en referendo nacional o 12 de decembro de 1993 logo da crise constitucional rusa de 1993, Rusia é federación e unha república semipresidencialista, onde o Presidente é o Xefe do Estado e o Presidente do Goberno (primeiro ministro) é o Xefe de Goberno. A Federación Rusa está constituída como unha democracia representativa. O poder executivo exérceo o goberno. O poder lexislativo é responsabilidade das dúas cámaras da Asemblea Federal. O goberno está regulado por un sistema de controles e balances definidos pola Constitución da Federación Rusa, a Constitución do país é o contrato social para o pobo ruso.

O goberno federal está composto por tres ramas:

  • Lexislativa: a Asemblea Federal de Rusia é bicameral, está formada pola Duma Estatal (cámara baixa) e o Consello da Federación Rusa (cámara alta), adopta leis federais, declaracións de guerra, aproba tratados, manexa as finanzas e pode destituír o Presidente.
  • Executiva: o Presidente de Rusia é o Comandante en Xefe do exército, pode vetar os proxectos de lei, designa o Gabinete e outros funcionarios, quen administran e fan cumprir as leis federais.
  • Xudicial: a Corte Constitucional, a Corte Suprema, a Corte Suprema de Arbitraxe e as cortes federais de menor nivel, cuxos xuíces son nomeados pola Asemblea Federal por recomendación do Presidente, interpretan as leis e poden abolir leis se estiman que son inconstitucionais.

Segundo a Constitución, a xustiza constitucional na corte está baseada na igualdade de todos os cidadáns, os xuíces son independentes e están sometidos só a lei. Os xuízos son abertos e ao acusado garánteselle a defensa. Desde 1996, Rusia estableceu unha moratoria sobre a aplicación da Pena de morte, aínda que esta non foi abolida por lei.

O Presidente elíxese por votación popular para un mandato de seis anos (desde as modificacións constitucionais de 2008) coa opción de ser elexido para un segundo mandato consecutivo (no hai restrición sobre o número total de veces que a mesma persoa pode ser elixida). Os ministerios do goberno están compostos polo Presidente do Goberno (primeiro ministro) e os seus viceprimeiros ministros, ministros e outros individuos; todos son designados polo Presidente por recomendación do primeiro ministro co requirimento do consentimento da Duma. Os principais partidos de Rusia están representados na Duma Estatal, estes son: Rusia Unida, o Partido Comunista da Federación Rusa, o Partido Liberal Democrático de Rusia e Rusia Xusta.

Fachada do edificio no que se atopan as dependencias da Corte Constitucional rusa.
O Kremlin de Moscova, residencia oficial do Presidente.

Relacións exteriores[editar | editar a fonte]

Líderes do BRIC en 2008 (de esquerda a dereita): Manmohan Singh da India, Dmitri Medvedev de Rusia, Hu Jintao de China e Luiz Inácio Lula da Silva de Brasil.

A Federación Rusa é recoñecida no Dereito internacional como continuidade da personalidade xurídica da antiga Unión Soviética.[4] Rusia continúa incorporando os compromisos da URSS, asumindo o asento permanente da URSS no Consello de Seguridade de Nacións Unidas[5], así como a afiliación noutras organizacións internacionais, ademais dos dereitos e obrigacións baixo os tratados internacionais, as propiedades e débedas. A política exterior rusa é polifacética, manten relacións diplomáticas con 178 países e ten 140 embaixadas. Esta política está dirixida polo Presidente da Federación e está incorporada polo Ministro de Asuntos Exteriores.

Como un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Undia, Rusia ten un importante papel no mantemento da paz e seguridade internacionais, así mesmo xoga un rol moi importante na resolución de conflitos internacionais participando no Cuarteto de Madrid, nas conversas a seis bandas con Corea do Norte, promovendo unha solución ó conflito de Kosovo e resolvendo asuntos sobre a proliferación nuclear. Rusia é membro do G8, Consello de Europa, OSCE e APEC, ademais de liderar organizacións como a CEI, EurAsEC, OTSC, e a OCS. Rusia, xunto con Bielorrusia, forman o chamado Estado da Unión. O ex Presidente Vladimir Putin avogou por unha alianza estratéxica con maior integración en varias dimensións incluíndo o establecemento dos catro espazos comúns entre Rusia e a Unión Europea.

Forzas Armadas[editar | editar a fonte]

Desfile do Día da Victoria do 2010.

A defensa de Rusia está garantida polas Forzas Armadas da Federación de Rusia, unha organización militar estatal que segundo a lei federal № 61-ФЗ do 31 de maio de 1996 «Sobre a defensa» serve para rexeitar as agresións dirixidas contra a Federación Rusa, para a defensa armada da integridade e inviolabilidade do territorio da Federación, así coma a realización das tarefas dacordo coas leis constituíntes.

O comandante en xefe das Forzas Armadas é o Presidente de la Federación Rusa e o Ministerio de Defensa serve como corpo administrativo destas. Hoxe en día, o número de efectivos activos que compoñen as Forzas Armadas son 1.037.000 e todos os homes dispoñibles suman 3.037.000.

As Forzas Armadas da Federación Rusa teñen tres ramas principais: as Forza terrestre, a Armada e a Forza Aérea.

Demografía[editar | editar a fonte]

Segundo as estimacións preliminares ao censo de 2010, a poboación residente na Federación Rusa o 1 de xaneiro de 2010 era de 142,905 millóns de persoas. A inmigración creceu nun 50,2% en 2007 ata acadar 274.000. A maior parte dos inmigrantes chegaron desde a CEI e eran rusos ou rusoparlantes. A densidade de poboación é maior na parte europea de Rusia, preto dos montes Urais e ó suroeste de Siberia.

Listaxe Municipio Suxeito federal Pob. Listaxe Municipio Suxeito federal Pob.
Red Square, Moscow, Russia.jpg
Moscova
Petersburg-square.jpg
San Petersburgo
Сибирский банк Сбербанка России.jpg
Novosibirsk
Yekaterinburg skyline2.jpg
Ekaterimburgo
1 Moscova Moscova 10.563.038 11 Ufa Bashkortostan 1.030.812
2 San Petersburgo San Petersburgo 4.600.276 12 Volgogrado Óblast de Volgogrado 1.015.617
3 Novosibirsk Óblast de Novosibirsk 1.409.137 13 Perm Krai de Perm 986.497
4 Ekaterimburgo Óblast de Sverdlovsk 1.343.839 14 Krasnoyarsk Krai de Krasnoyarsk 962.466
5 Nizhni Nóvgorod Óblast de Nizhni Nóvgorod 1.271.045 15 Voronezh Óblast de Voronezh 847.620
6 Kazán Tatarstán 1.136.566 16 Saratov Óblast de Saratov 827.193
7 Samara Óblast de Samara 1.133.754 17 Togliatti Óblast de Samara 721.752
8 Omsk Óblast de Omsk 1.127.675 18 Krasnodar Krai de Krasnodar 713.426
9 Cheliabinsk Óblast de Cheliabinsk 1.095.909 19 Izhevsk Udmurtia 610.633
10 Rostov do Don Óblast de Rostov 1.048.124 20 Yaroslavl Óblast de Yaroslavl 606.888
Censo ruso (2010)[6]

Cultura[editar | editar a fonte]

Breves antecedentes da cultura rusa[editar | editar a fonte]

As tradicionais Matryoshkas.

Idade Media

(988) Adopción do cristianismo.
(1001-1100) Influencia artística e ideolóxica do Imperio bizantino.
(1237-1240) Batu Khan invade Rusia, impoñendo o autoritarismo na rexión.
(1480) Nace o estado soberano ruso.

Século XVIII

Occidentalización da cultura rusa a través das reformas de Pedro I.

Século XIX

(1801-1914) As clases altas de Rusia falan francés, algúns incluso como lingua materna.

Idade de Ouro da literatura rusa.

Século XX

(1914-1932) Avant Garde ruso.
(1917-1932) Construtivismo.
(1932–1953) Período estalinista (realismo socialista).
(1953-1991) Período pos-estalinista, aparece unha cultura máis liberal e aberta.
Ovo de Fabergé de 1906.

A cultura rusa[editar | editar a fonte]

A cultura rusa é un híbrido xerado a partir dos costumes propios de tantas civilizacións, que conformaron este gran estado multicultural e o resultado do seu desenvolvemento durante varias épocas. Está fortemente arraigada á cultura dos primeiros pobos eslavos.

Historicamente, a condición dominante en Rusia foi ocupada pola cultura rusa, a cultura do idioma ruso e a nacionalidade rusa. Isto é parcialmente, porque os rusos constitúen a maioría da poboación do país e porque moitas veces na historia de Rusia, as culturas doutras nacionalidades foron aculturadas a través da rusificación, por exemplo o Ucase de Ems.

A cultura da antiga Rusia viuse involucrada na conversión ó cristianismo ortodoxo e a acollida da arte e arquitectura bizantinas. A Igrexa tiña recursos para encomendar grandes obras de arte, así como a vontade e intención de conservalas.

En 1890, unha nova forma de arte tivo o seu auxe, as vangardas. Porén, foron desenvoltas dentro do réxime da Unión Soviética cando o goberno tomou o control de toda actividade artística.

A política da URSS respecto da cultura, foi controvertida: por un lado, estivo o desexo (motivado politicamente) de crear un pobo exclusivamente "soviético", expresado na noción da cultura soviética e exemplificado polo Realismo socialista. Pola outra banda, houbo campañas recurrentes de preservación das culturas nacionais: cada etnicidade tiña os seus propios "grandes escritores autóctonos" e as prácticas culturais folclóricas foron oficialmente apoiadas.

Dentro da literatura Rusa atópanse grandes mestres da literatura universal, rusos coma Alexander Pushkin, Fiódor Dostoievski, Lev Tolstoi, Anton Chekhov, etc.

Lingua[editar | editar a fonte]

O ruso é a lingua oficial da Federación Rusa. Falado por case o 99% dos seus habitantes. O seu uso está amplamente estendido en moitas outras áreas adxacentes de Asia e Europa Oriental. Algunhas subdivisións de Rusia teñen outras linguas adicionais aparte da oficial.

Relixión[editar | editar a fonte]

Patriarca Filaret (Feodor Romanov).
Catedral de San Basilio, Moscova.

Rusia é un Estado laico.[7] A liberdade de culto está garantizada[8] pola Constitución.

Segúndo o Centro de Investigacións Sociolóxicas da Universidade Estatal de Lomonosov (Moscova), o 43.3% dos adultos considerase adherente da Igrexa Ortodoxa Rusa, mentres o 50.6% considerase simplemente cristiano.[9] Aínda que os ortodoxos rusos son predominantes (90 millóns, o 63% da poboación), outras comunidades cristianas como os ortodoxos armenios, católicos, protestantes, mormones e testemuñas de Xehová tamén existen en cantidades menores. Segundo a Lei do Parlamento Ruso de 1997 sobre a relixión, as catro relixións de Rusia son a Igrexa Ortodoxa Rusa, o Islam, o Budismo e o Xudaísmo. Todas as demais relixións deben cumprir unha serie de requisitos para a súa inscrición e dereito a predicar. Calculase que exiten aredor de 15 a 20 millóns de musulmáns rusos, sendo así o Islam a segunda relixión con máis seguidores do país. Rusia é o cuarto país con maior cantidade de xudeus logo de Israel, Estados Unidos e Arxentina. Ademais hai un gran porcentaxe de ateísmo, en parte como consecuencia do pasado soviético, que en base ós textos de Karl Marx, desalentaba ás relixións.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rabinowitch (1991), p. 29
  2. Rabinowitch (1978), p. XXI
  3. https://www.cia.gov/library/publications/the-world-factbook/rankorder/2001rank.html
  4. Country Profile: Russia
  5. https://archive.is/20120913181027/www.un.org/sc/members.asp
  6. "Censo ruso de 2010". http://ru.wikipedia.org/wiki/%D0%A4%D0%B5%D0%B4%D0%B5%D1%80%D0%B0%D0%BB%D1%8C%D0%BD%D0%B0%D1%8F_%D1%81%D0%BB%D1%83%D0%B6%D0%B1%D0%B0_%D0%B3%D0%BE%D1%81%D1%83%D0%B4%D0%B0%D1%80%D1%81%D1%82%D0%B2%D0%B5%D0%BD%D0%BD%D0%BE%D0%B9_%D1%81%D1%82%D0%B0%D1%82%D0%B8%D1%81%D1%82%D0%B8%D0%BA%D0%B8.
  7. Artículo 14 del capítulo 1 de la Constitución de Rusia
  8. Artigo 28 do capítulo 2 da Constitución de Rusia
  9. Overview of religious oppression and discrimination in Russia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Rusia

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Crónica del Siglo XX. Ed. Plaza Janes
  • Atlas histórico mundial. Ed. Akal

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]