Realismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escaping criticism-by pere borrel del caso.png

O realismo é unha corrente que abrangue moitas artes, entre as que destacan a pintura, a fotografía, o cine, a literatura e a filosofía.

Como corrente literaria e pictórica europea deuse entre 1850 e 1900. Caracterízase polaa observación rigorosa da realidade (de aí o nome), o obxectivismo, a temática extraída da vida e intereses da clase social burguesa e pola veracidade absoluta na descrición e creación de personaxes. Por outra parte, o realismo é tamén unha constante estética que tivo diversas formulacións ó longo da historia e así pode falarse xa de realismo na novela picaresca ou en Miguel de Cervantes, ou pode falarse de distintas versións ó longo da historia da literatura, por exemplo, durante o século XX, o realismo socialista ou o realismo sucio estadounidense.

Realismo literario[editar | editar a fonte]

A estética do Realismo, fascinada polos avances da ciencia, intenta facer da literatura un documento que sirva de testemuño sobre a sociedade da súa época, á maneira que a recentemente nacida fotografía. Por iso describe todo o cotián e típico e prefire os personaxes vulgares e correntes, dos que toma boa nota a través de cadernos de observación, ós personaxes extravagantes ou insólitos típicos do anterior Romanticismo. Esta estética propugna á súa vez unha ética, unha moral fundamentada na moderación e síntese de calquera contradición, a obxectividade e o materialismo.

En canto ós procedementos literarios do Realismo, son característicos o abuso da descrición detallada e prolixa, o uso do parágrafo longo e complexo provisto de abundante subordinación, a reprodución case magnetofónica da fala popular tal cal se pronunciaba e sen corrección ningunha que pretenda idealizala e o uso dun estilo pouco caracterizado, unha linguaxe "invisible" que exprese obxectivamente sen chamar a atención sobre o escritor.

Ó igual có Romanticismo, o Realismo tivo dúas correntes, unha conservadora, que gababa os vellos costumes populares (José María de Pereda, Juan Valera), e outra progresista, caracterizada pola denuncia social (Benito Pérez Galdós, Leopoldo Alas "Clarín").

Evolución do realismo europeo[editar | editar a fonte]

A orixe do realismo literario europeo hai que procurala na literatura española medieval e na novela picaresca española e, en concreto, na versión que configurou sobre esa tradición o novelista Miguel de Cervantes. O desmitificador modelo cervantino influíu poderosamente na literatura europea posterior, pero o descrédito polo que pasou o xénero narrativo durante o século XVIII aprazou o seu influxo europeo, salvo o caso de Inglaterra, ata ben entrado o século XIX.

A novela realista europea vén a ser a épica da clase media ou burguesa que conseguiu —ó longo de sucesivas revolucións que lle foron conferindo cada vez maior poder (1789, 1820, 1830 e 1848)—, instalarse como clase dominante en tódolos aspectos da vida, incluído o cultural e o estético. Os ideais burgueses (materialismo, utilitarismo, busca do éxito económico e social) irán aparecendo na novela pouco e pouco, e na súa fase final tamén irán aparecendo algúns dos seus problemas interiores (o papel da muller instruída e así a todo desocupada; o éxodo do campo á cidade e a mutación de valores subsecuente, por exemplo). Por outra parte, cando se vaian reiterando e esgotando os temas relativos á burguesía, a descrición realista irá penetrando noutros ámbitos e deixará a mera descrición exterior das condutas para pasar á descrición exterior das mesmas, volvéndose novela psicolóxica e creando procedementos narrativos introspectivos como o monólogo interior, e artellando movementos en certa maneira opostos como, por un lado, o Espiritualismo, que influíu a última etapa de narradores realistas como Benito Pérez Galdós, Fiódor Dostoievski e Lev Tolstói, e por outro o Naturalismo, que esaxeraba os contidos sociais, documentais e científicos do Realismo e que se aproximaba á descrición das clases humildes, marxinadas e desfavorecidas..

En Francia foron escritores realistas Henrý Beyle, "Stendhal", Honoré de Balzac, Prosper Mérimée ou Gustave Flaubert. No Reino Unido, William Makepeace Thackeray, Charles Dickens e Mary Ann Evans (mellor coñecida polo seu pseudónimo, George Eliot); en Rusia, Iván Turguiéñef, Lev Tolstói e Fiódor Dostoievski. En Estados Unidos, Mark Twain, Henry James e Theodore Dreiser. En Italia, o movemento denominouse verismo e ten ó seu máis caracterizado representante en Giovanni Verga. En canto á literatura escrita en alemán poden considerarse realistas o suízo Gottfried Keller e os alemáns Albert Bitzius (que utilizaba o pseudónimo Jeremías Gotthelf), Hans Theodor Storm e Wilhelm Raabe, inda que esta estética inda continuou renovándose durante o século XX a través da obra literaria de Thomas Mann.

Realismo en filosofía[editar | editar a fonte]

O termo realismo é mal interpretado con facilidade na súa aplicación á filosofía. Non significa nin defensa dun mundo natural, nin oposición ó idealismo (o oposto deste sería, en todo caso, o empirismo), nin sequera está ligado de forma directa ou explícita coa verdade. As teses fundamentais de todo realismo son:

  • o obxecto de coñecemento é independente do suxeito de coñecemento,
  • no fundamental, o coñecemento do obxecto non é diferente do obxecto.

A razón pola que o termo realismo se aplica a correntes filosóficas moi diferentes entre si é a natureza do obxecto. Pode ser material, pero tamén un obxecto espiritual, unha creación matemática, unha idea, unha teoría científica etc.

Analogamente, as posturas non realistas defenden que o obxecto só existe na nosa mente, ou ben que nin sequera ten sentido falar de que dito obxecto exista. Como posturas non realistas nalgún sentido dado encontramos os idealismos, o instrumentalismo, o nominalismo, etc.

Filosofía antiga e medieval[editar | editar a fonte]

O uso máis antigo do termo é en contraposición ó nominalismo e ó conceptualismo e referido ó problema dos universais. O realismo sostén que os universais son realidades independentes das cousas. O conceptualismo é un realismo moderado no cal os universais son realidades na mente e, inda que carecen de existencia independente, teñen o seu fundamento nas cousas existentes. O nominalismo afirma que os universais non existen en absoluto, son flatus vocis, palabras que utilizamos para describir grupos de obxectos.

Con arranxo a estas categorías, a teoría das Ideas de Platón denominouse realismo platónico xa que asumía a existencia de universais. Pero non hai que perder de vista que se trata dunha denominación aplicada en séculos posteriores a Platón e que se trata dunha simplificación das súas ideas. Algo similar pódese dicir de Aristóteles, ó que se denominou realista moderado, inda que isto en realidade é máis adecuado para o aristotelismo tomista medieval.

Renacemento e Ilustración[editar | editar a fonte]

A partir do Renacemento e, principalmente, da idade moderna, o realismo entrou en crise na filosofía ante o empuxe dos idealismos. O realismo metafísico defendía que o ser (as cousas) ten existencia independente da conciencia. O realismo gnoseolóxico (que se ocupa do modo de coñecer as cousas) afirmaba que, en contraposición ó idealismo transcendental de Kant, nos é posible coñecer as cousas sen que a nosa conciencia impoña as súas categorías.

Filosofía contemporánea[editar | editar a fonte]

Na idade contemporánea o realismo recuperou prestixio entre os filósofos. O principal responsable quizabes sexa o neorrealismo que naceu a finais do século XIX nos países anglosaxóns.

O realismo inxenuo identifícase co naturalismo filosófico no sentido de que o punto de partida é a existencia da natureza. É a posición intuitiva, do "sentido común".

O realismo crítico afirma que existe a cousa en si, pero que o obxecto inmediato de coñecemento non é necesariamente esta, senón un conxunto de calidades pertencentes á cousa.

Para o realismo absoluto non hai diferenza, nin pode haber, entre o obxecto de coñecemento e a cousa en si. O realismo materialista do materialismo dialéctico é un tipo de realismo absoluto que foi desenvolvido polos seguidores de Karl Marx, fundamentalmente Lenin. Engade as teses de que o noso coñecemento non é invariable, e sempre hai que razoar dialecticamente.

O neotomismo defende un realismo non naturalista. Existe a cousa en si independentemente de nós, pero esta existencia non se reduce ós obxectos naturais, tamén existen os obxectos espirituais.

O existencialismo analiza a existencia do home no mundo, polo que o realismo forma parte da súa mesma base.

O realismo liberal (Antonio Muñoz Ballesta) analiza as sociedades do século XXI baseadas nos principios realistas do político e na ciencia social e económica da Escola austríaca de economía.

Filosofía da ciencia[editar | editar a fonte]

Na actualidade, a controversia do realismo - antirrealismo desenvólvese fundamentalmente en filosofía da ciencia. Nesta disciplina filosófica, un trazo particular do realismo é que non se ocupa tanto da natureza ou a existencia do obxecto como do tipo de relación que hai entre o coñecemento e o obxecto.

Pero non é só a cuestión de se a ciencia estuda ou non a realidade. Hai varias concepcións do realismo, non excluíntes mutuamente, segundo fagan fincapé en un ou outro aspecto:

  • Así, o realismo epistemolóxico defende que as teorías científicas proporcionan coñecemento ou que describen a estrutura da realidade.
  • Para o realismo ontolóxico a realidade existe independentemente de que a ciencia poida proporcionar coñecemento sobre ela. As teorías científicas permitirían (en función do paradigma epistemolóxico en que nos situemos) en descubrir ou achegamos a esta realidade. As cousas existen independentemente de que os humanos teñamos a capacidade de observalas. Popper sería un realista ontolóxico, inda que considera que as teorías científicas sempre se manteñen no ámbito das conxecturas.

Outras variantes do realismo en filosofía da ciencia están relacionadas coa verdade. O realismo semántico defende que as teorías científicas son verdadeiras ou falsas segundo a súa correspondencia coa realidade. Segundo o realismo progresivo o avance da ciencia nos permite un mellor coñecemento da realidade.

Karl Popper e Mario Bunge son defensores estritos do realismo da ciencia. Os realistas en sentido forte defenden que as teorías e conceptos científicos nos proporcionan coñecemento sobre a realidade porque hai algún tipo de relación de correspondencia entre as teorías científicas e a natureza. Mario Bunge analiza os problemas de diversas epistemoloxías, dende o racionalismo crítico popperiano ata o empirismo, o neopositivismo, o subxectivismo ou o relativismo. Considerase un realista crítico que ve a ciencia como falible (o coñecemento do mundo é provisional e incerto), pero inda así afirma que a realidade existe e é obxectiva.

Larry Laudan e Ronald N. Giere presentan unha postura intermedia entre o realismo e o subxectivismo estritos. Giere afirma que referencia á realidade debe valorarse caso por caso porque o grao de realismo varía entre as ciencias ou, cando menos, nalgunhas delas resulta máis sinxelo encontrar a súa correspondencia coa realidade. Así, a astronomía e a bioloxía posúen un grao de realidade moi elevado, mentres que a mecánica cuántica utiliza construcións teóricas moi abstractas.

O realismo crítico de Rom Harré e Roy Bhaskar destaca que o empirismo e o realismo conducen a dous tipos diferentes de investigación científica. A liña empirista busca novas concordancias coa teoría, mentres que a liña realista intenta coñecer mellor as causas e os efectos. Isto implica que o realismo é máis coherente cós coñecementos científicos actuais.

Arthur Fine promove a actitude ontolóxica natural como postura entre o realismo científico e os antirrealismos. A diferenza do realismo e do antirrealismo, a actitude ontolóxica natural non interpreta a verdade. Considera a esta un concepto básico e como tal o seu uso e a súa lóxica están xa categorizados, polo menos parcialmente. Non é necesario dar conta do, nin tampouco sería posible.

Como movementos non realistas na ciencia encontramos o instrumentalismo, o pragmatismo, diversos tipos de fenomenoloxía ou fenomenismo e o idealismo epistemolóxico.

Realismo en música[editar | editar a fonte]

Na musica, Alexander Dargomizhsky trazou un terceiro camiño na musica rusa, no da melodía motivada polo significado. Inspirou a moitos músicos posteriores, na maior parte ós músicos da escola romántica, de feito Modest Mussorgsky, considerado o pai do realismo musical, denomina a Dargomizhsky como verdadeiro artífice deste movemento.

Realismo en fotografía[editar | editar a fonte]

En fotografía existiron diferentes movementos coñecidos como realismos fotográficos que emprestaron maior atención á documentación fotográfica da realidade en defecto dos valores estéticos da fotografía.

Ver información complementaria en[editar | editar a fonte]

Realismo literario non:Realisme