Terremoto de Lisboa de 1755

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Terremoto de 1755 en Lisboa
Gravado de 1755 mostrando as ruínas da cidade en chamas e un tsunami batendo contra os barcos do porto
Serie
Historia de Portugal
Portugal na prehistoria
Portugal prerromano
Romanización: Lusitania e Gallaecia
Visigodos e Suevos
Dominio árabe e a Reconquista
Condado Portucalense
Independencia de Portugal
Dinastía de Borgoña
Crise de 1383-1385
Dinastía de Avis
Descubrimentos e Expansión Portuguesa
Imperio portugués
Crise sucesoria de 1580
Dinastía Filipina
Restauración da Independencia
Dinastía de Braganza
Terremoto de Lisboa de 1755
Guerra Peninsular
Revolución Liberal (24/08/1820)
Vilafrancada e Abrilada
Guerras liberais
Convención de Évora-Monte
Revolución de Setembro,
Revolta dos Marechais e Patulea
Rexeneración e Fontismo
O mapa cor-de-rosa e o ultimato británico
Revolución do 5 de outubro de 1910 e Proclamación da República
Goberno Provisorio
I República
Ditadura militar e o Estado Novo
Guerra de Ultramar
Revolución dos Caraveis
III República
Por tópico
Historia militar
Historia diplomática
Historia cultural
Categoría: Historia de Portugal

O terremoto de Lisboa de 1755 tivo lugar o 1 de novembro de 1755, ás 9:20. Foi un dos terremotos máis destrutivos e mortais da historia, causando a morte de entre 60.000 e 100.000 persoas.

O sismo foi seguido por un tsunami e un incendio, causando a destrución case total de Lisboa. O terremoto acentuou as tensións políticas en Portugal e interrompeu abruptamente as ambicións coloniais de Portugal durante o século XVIII.

O acontecemento foi discutido extensamente polos filósofos ilustrados europeos, inspirando progresos importantes na teodicea e a filosofía do sublime. Ademais, ao ser o primeiro terremoto cuxos efectos sobre unha área grande foron estudados cientificamente, sinalou o nacemento da sismoloxía moderna. Os xeólogos estiman hoxe que a magnitude do terremoto de Lisboa sería dun 9 na escala de Richter, co seu epicentro no océano Atlántico a uns 200 km ao oeste-suroeste do Cabo de San Vicente.

O terremoto[editar | editar a fonte]

O terremoto tivo lugar na mañá do 1 de novembro, o día de Todos os Santos para os católicos. Os informes contemporáneos indican que o terremoto durou entre tres e medio e seis minutos, producindo fendas xigantescas de cinco metros de ancho que se abriron no centro de cidade. Os superviventes fuxidos na procura de seguridade ao espazo aberto que constituían os peiraos puideron observar como a auga retrocedía, revelando o leito do mar, cuberto de restos de carga caída ao mar e os vellos naufraxios. Varias decenas de minutos despois do terremoto, un tsunami enorme con olas de entre 6 e 20 m enguliu o porto e a zona centro, subindo augas arriba do río Texo. Foi seguido por dúas ondas máis. Nas áreas non afectadas polo tsunami, os incendios xurdiron rapidamente, e as lapas asolaron a cidade durante cinco días.

Ruínas do Convento do Carmo en Lisboa

Dunha poboación lisboeta de 275.000 habitantes, ata 90.000 resultaron mortos. Outros 10.000 morreron en Marrocos. O 85% dos edificios de Lisboa resultaron destruídos, incluíndo pazos e famosas bibliotecas, así como a maioría dos exemplos da arquitectura manuelina, distintiva do século XVI portugués. Varios edificios que sufriran poucos danos a causa do terremoto foron destruídos posteriormente polo lume. O recentemente estreado teatro da ópera (inaugurado soamente seis meses antes), resultou destruído polo lume ata os seus alicerces. O Palacio Real, situado xunto ao río Texo onde hoxe se atopa o Terreiro do Paço, foi destruído polos efectos sucesivos do terremoto e o tsunami, do mesmo xeito que o Teatro Real do Paço da Ribeira, situado fronte ao pazo. Dentro deste, a biblioteca real que constaba duns 70.000 volumes, así como de centenares de obras de arte, incluíndo pinturas de Tiziano, Rubens e Correggio, resultou destruída.

Os arquivos reais desapareceron xunto cos detallados expedientes históricos que describían as exploracións de Vasco da Gama e outros exploradores temperáns portugueses. O terremoto tamén destruíu importantes igrexas de Lisboa, como a catedral de Santa María, as basílicas de São Paulo, Santa Catarina, São Vicente de Fora, e a igrexa da Misericordia. O Hospital Real de Todos os Santos (o hospital público máis grande da época) foi consumido tamén polo lume, e centenares de pacientes morreron carbonizados. A tumba do heroe nacional Nuno Álvares Pereira perdeuse tamén. Os visitantes de Lisboa poden aínda camiñar entre as ruínas do Convento do Carmo, que foron preservadas para recordar aos lisboetas a destrución causada polo terremoto.

Dise que moitos animais detectaron o perigo e fuxiron a un terreo máis elevado antes de que chegase a auga. O tremor de Lisboa foi o primeiro evento do seu tipo documentado en Europa.

Lisboa non foi a única cidade portuguesa afectada pola catástrofe. En todo o sur do país, sobre todo no Algarve, a destrución foi xeral.

Os efectos do terremoto fóra de Portugal[editar | editar a fonte]

As ondas sísmicas causadas polo terremoto foron sentidas a través de Europa ata Finlandia e África do Norte. Tsunamis de ata 20 metros de altura varreron a costa do Norte de África, e golpearon as illas de Martinica e Barbados alén do Atlántico. Un tsunami de 3 metros bateu tamén na costa meridional inglesa.

En España produciu polo menos 1.275 mortos e abundantes danos. En Sevilla houbo nove vítimas, o 89 % das vivendas resultaron danadas e afectou ata á Giralda. O tsunami posterior afectou gravemente ás costas de Huelva e Cádiz. En Ayamonte morreron 1.000 persoas; en Cádiz as ondas romperon as murallas, e o mar invadiu a cidade ata tres veces, ocasionando numerosas vítimas. Conil foi destruída, Sanlúcar de Barrameda, El Puerto de Santa María e Xerez da Fronteira sufriron vítimas e danos.

Os efectos do terremoto en Galiza[editar | editar a fonte]

En Galiza afectou ao retablo renacentista do altar maior da catedral de Lugo, obra de Cornelius de Holanda. Tralo sismo, dividiuse en varios fragmentos, os dous maiores dos cales atópanse actualmente en ambos os extremos da nave de cruceiro.

Existe un completo estudo elaborado por investigadores da Universidade de Vigo e da Universidade Politécnica de Madrid sobre os efectos do sismo na daquela existente provincia de Tui.[1] Nel sinálase que non houbo vítimas mortais entre a poboación e que os danos materiais foron escasos, agás nalgunhas localidades. O maremoto asociado provocou ondas na costa de ata 3 metros de altura, tamén con escasos efectos.

O estudo baséase nos datos fornecidos por 22 informes da época. No concello de Tui afírmase que se sentiu mexer a terra con tanta violencia que se erguían as pedras das sepulturas. En Vigo, o mar sobresaíu dos seus límites naturais máis de dúas brazas (3,3 m)[2], medrando e minguando por espazo de seis a sete veces (...). Neste País, a auga do mar acostuma a baixar e subir de doce en doce horas e no devandito cuarto de hora fíxoo seis ou sete veces. En Baiona descríbese como a furia do tsunami partiu unha embarcación en dous, ademais de causar danos noutras. En Covelo sufriu danos a igrexa de Mourentán[3]. Outras construcións danadas foron a igrexa de Reboreda, no actual concello de Redondela, e as de Forcadela, Tomiño, Goián e Amorín, todas situadas no que hoxe é o concello de Tomiño. Tamén rexistrou danos o mosteiro de Oia, ademais de numerosas casas dos veciños da provincia, mais sen particular perigo.

Un aspecto curioso que sinala o estudo é que non hai indicios de que ningunha das persoas que padeceron o tremor razoasen sobre a orixe do mesmo, limitándose a pregarlle a Deus pola súa fin. Soamente hai un informe de Baiona no que se intenta dar unha explicación científica ao fenómeno. Di o seguinte:

A tarde dese mesmo día observei que o mar non tivo refluxo, todo procedido do devandito tremor, pois ao se orixinar este do aerofilacio que en si pechan as entranas da terra (segundo común sentenza de Astrónomos e Philomatemáticos), xira procurando saída ou amplitude (...), e recolléndose a auga do mar no seu refluxo ao centro da terra, achándose o devandito centro ocupado polo aerofilacio axitado, expelía as augas, e estas volvían a se estenderen aínda con máis forza que nun natural fluxo acostuman.

As repercusións[editar | editar a fonte]

Debido a un golpe de sorte, a familia real escapou ilesa da catástrofe. O rei Xosé I de Portugal e a corte saíran da cidade, logo de asistir a misa ao amencer, satisfacendo o desexo dunha das fillas do rei de pasar o día de festa lonxe de Lisboa. Logo da catástrofe, Xosé desenvolveu un gran medo a vivir baixo teito, e a corte foi acomodada nun enorme complexo de tendas e pavillóns nos outeiros de Ajuda, entón nas proximidades de Lisboa. A claustrofobia do rei non diminuíu nunca, e non foi ata logo da súa morte que a súa filla Maria I de Portugal comezou a construír o palacio real de Ajuda, que se atopa no sitio do vello campo de tendas.

Do mesmo xeito que o rei, o primeiro ministro Sebastião de Melo (o Marqués de Pombal) sobreviviu ao terremoto. Cóntase que respondeu a quen lle preguntou que facer: "Coidar dos vivos, enterrar aos mortos". Co pragmatismo que caracterizou todas as súas accións, o primeiro ministro comezou inmediatamente a organizar a recuperación e a reconstrución. Enviou bombeiros ao interior da cidade para extinguir as incendios, e grupos organizados para enterrar os milleiros de cadáveres. Había pouco tempo para dispoñer dos cadáveres antes de que as epidemias se estendesen. Ó contrario do costume e contra os desexos da Igrexa, moitos cadáveres foron cargados en barcazas e tirados ao mar, máis aló da boca do Texo. Para previr as desordes na cidade en ruínas, e, sobre todo, para impedir o saqueo, levantáronse patíbulos en puntos elevados arredor da cidade e foron executados polo menos 34 saqueadores. O exército foi mobilizado para que rodease a cidade e impedise que os homes sans fuxisen, de modo que puidesen ser obrigados a despexar as ruínas.

Non moito logo da crise inicial, o primeiro ministro e o rei rapidamente contrataron arquitectos e enxeñeiros, e en menos dun ano, Lisboa estaba xa libre de cascallos e comezando a reconstrución. O rei estaba ansioso de ter unha cidade nova e perfectamente ordenada. Bloques grandes de casas e rectilíneas e amplas avenidas foron os lemas da nova Lisboa. Cando alguén lle cuestionou ó Marqués de Pombal a necesidade de tales rúas anchas, este contestou: "un día serán pequenas". De feito, o caótico tráfico da actual Lisboa reflicte a sabedoría da resposta.

Os edificios pombalinos están entre as primeiras construcións resistentes aos terremotos no mundo. Construíronse pequenos modelos de madeira para facer probas, e os terremotos foron simulados polas tropas que marchaban ao redor deles. A nova zona céntrica de Lisboa, coñecida hoxe como Baixa Pombalina, é unha das atraccións turísticas máis coñecidas da cidade. Seccións doutras cidades portuguesas, como Vila Real de Santo António no Algarve, reconstruíronse tamén seguindo os principios pombalinos.

Implicacións sociais e filosóficas[editar | editar a fonte]

Voltaire

O terremoto sacudiu moito máis que cidades e edificios. Lisboa era a capital dun país devotamente católico, cunha longa historia de investimentos na Igrexa e a evanxelización das colonias. Máis aínda, a catástrofe tivo lugar un día de festa católico e destruíu practicamente cada igrexa importante. Para a teoloxía e filosofía do século XVIII, esta manifestación da cólera de Deus era difícil de explicar.

O terremoto influíu profundamente en moitos pensadores da Ilustración europea. Moitos filósofos contemporáneos mencionaron ou fixeron referencia ao terremoto nos seus escritos, notablemente Voltaire en Candido e no seu Poème sur le désastre de Lisbonne (Poema sobre o desastre de Lisboa).

O carácter arbitrario da supervivencia foi probablemente o que máis o marcou, levándose a satirizar a idea, defendida por autores como Gottfried Wilhelm Leibniz ou Alexander Pope, de que "este é o mellor dos mundos posibles". Como Theodor Adorno escribiu, "o terremoto de Lisboa foi suficiente para curar a Voltaire da teodicea de Leibniz". A finais do século XX, seguindo a Adorno, o terremoto de 1755 foi presentado ás veces como análogo ao Holocausto no sentido de catástrofe tan enorme que tivo un impacto transformador na cultura e a filosofía europeas.

Inmanuel Kant

O concepto do sublime, aínda que existiu antes de 1755, foi desenvolvido en filosofía e elevado a súa máis alta expresión por Immanuel Kant, en parte como resultado dos seus intentos para comprender a enormidade do sismo e do tsunami de Lisboa. Kant publicou tres textos separados sobre o terremoto de Lisboa. O mozo Kant, fascinado co terremoto, recolleu toda a información dispoñible en gacetiñas de noticias, e usouna para formular unha teoría sobre as causas dos terremotos. A súa teoría, que implicaba cambiar de sitio enormes cavernas subterráneas cheas de gases quentes, foi (aínda que erróneo en última instancia) unha das primeiras tentativas sistemáticas modernas para explicar os terremotos mediante causas naturais, antes que sobrenaturais. Segundo Walter Benjamin, o delgado libro elaborado por un mozo Kant sobre o terremoto "representa probablemente o principio da xeografía científica en Alemaña. E certamente o comezo da sismoloxía."

Por outra banda, Werner Hamacher (un pensador posmoderno, entusiasta de Hegel, e como tal cunha postura anti-Ilustración e anti-modernidade) afirmou que as consecuencias do terremoto penetraron no vocabulario da filosofía, facendo inestable e incerta a común metáfora que establecía firmes bases sobre a terra nas discusións dos filósofos: "baixo a impresión exercida polo terremoto de Lisboa, que tocou a mentalidade europea nunha das súas épocas máis delicadas, a metáfora do chan e o tremor perdeu totalmente a súa aparente inocencia; xa non se usaron máis como figuras do discurso"(263). Hamacher afirma que a certeza fundacional da filosofía de Descartes comezou a convulsionarse como consecuencia do terremoto de Lisboa.

A política portuguesa[editar | editar a fonte]

Na política interna portuguesa o terremoto foi devastador. O primeiro ministro era o favorito do rei, aínda así a aristocracia desdeñábao como un intruso, fillo dun facendado rural (aínda que hoxe se coñece ao primeiro ministro Sebastião de Melo como o Marqués de Pombal, o título non lle foi concedido ata 1770, quince anos despois do terremoto). Pola súa banda, o primeiro ministro sentía aversión polos vellos nobres, aos que consideraba corruptos e incapaces de tomar accións prácticas. Antes do 1 de novembro de 1755 había unha loita constante para conseguir o poder e o favor real, pero máis tarde, a resposta competente do Marqués de Pombal eliminou con eficacia o poder das vellas faccións aristocráticas. A oposición e o resentimento silenciosos cara ao rei Xosé I comezaron a manifestarse, o que culminaría cun intento de magnicidio na persoa do rei, e a eliminación do poderoso duque de Aveiro e da familia Távora.

O nacemento da sismoloxía[editar | editar a fonte]

Epicentro estimado do terremoto

A resposta do primeiro ministro non se limitou aos aspectos prácticos da reconstrución. O Marqués ordenou que unha detallada enquisa fose enviada a todas as parroquias do país con respecto ao terremoto e os seus efectos. As preguntas incluíron:

  • Canto tempo durou o terremoto?
  • Cantas réplicas se sentiron?
  • Que danos foron causados?
  • Comportáronse os animais de modo estraño? (esta pregunta adiantouse aos estudos dos sismólogos chineses nos anos 60)
  • Que sucedeu nos pozos e estanques?

As respostas a estas preguntas e outras aínda se atopan arquivadas na torre do Tombo, o arquivo histórico nacional. Estudando e comparando os informes dos sacerdotes, os científicos modernos puideron reconstruír o acontecemento desde unha perspectiva científica. Nada diso sería posible sen a enquisa ideada polo Marqués de Pombal. O Marqués é considerado o precursor dos sismólogos modernos, xa que foi o primeiro que tratou de conseguir unha descrición científica obxectiva das variadas causas e consecuencias dun terremoto.

As causas xeolóxicas deste terremoto e da actividade sísmica na rexión continúan sendo discutidas polos científicos contemporáneos. Algúns xeólogos suxeriron que o terremoto pode ser un dos primeiros signos do desenvolvemento cedo dunha zona atlántica de subdución, e o principio da desaparición do Océano Atlántico.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Amaré, M. P., Orche, E. e Puche O. (2005) Efectos del terremoto de Lisboa de 1 de noviembre de 1755 en la antigua provincia de Tuy (Galicia) Cuadernos Dieciochistas, nº6, páxs. 117-152
  2. Nota dos autores
  3. O informe da época sitúa a parroquia de Mourentán no municipio de Covelo, aínda que hoxe en día pertence ao concello de Arbo.