Cantigas de Santa María
As Cantigas de Santa María son un conxunto de catrocentas vinte e sete composicións en galego-portugués, que no século XIII era a lingua fundamental da lírica culta en Castela. Atópanse repartidas en catro manuscritos, un deles na Biblioteca Nacional en Madrid (Codex To, por Toledo), dous en San Lorenzo de El Escorial (Codex E e T) e o cuarto en Florencia (Codex F).
Índice |
[editar] Autoría
Existen dúbidas sobre a autoría directa do Rei Afonso X o Sabio, pero ninguén dubida da súa participación directa como compositor en bastantes delas. W. Mettmann, autor dunha edición crítica dos textos das Cantigas, cre que ao poeta e trobador galego Airas Nunes se poden atribuír moitas delas. A cuestión da autoría non está resolta aínda.En todo caso, e dado que é visíbel nun bo número destas composicións -Jesús Montoya, Xosé Ramón Pena...- un afán propagandístico por parte de Afonso X, a participación do monarca tivo que ser sempre moi activa.
[editar] Clasificación
As Cantigas de Santa María pódense dividir en dous grupos:
- O primeiro fórmano as cantigas da nosa Señora, son cantigas narrativas con louvanzas á Virxe Santa María e que é un verdadeiro compendio de historias, milagres, xogos, etc relacionados coa Virxe, ben sexa pola súa intervención directa ou polos amores místicos que a súa figura xera nas almas piadosas.
- O segundo son as cantigas de loor, máis reducido (posto que son as cantigas cuxo número de orde é múltiplo de dez); trátase de poemas máis serios, profundos, case místicos, nos cales en lugar de cantar os milagres da Virxe reflectese sobre ela, como nunha oración.
[editar] Códices
As Cantigas de Santa María están recollidas en catro códices, que expoñemos a seguir:
- Toledano: recibe este nome porque pertenceu á Catedral de Toledo, pese a que agora está custodiado na Biblioteca Nacional de Madrid. Contén 128 cantigas con notación musical.
- "O códice rico": actualmente pertence á Biblioteca de El Escorial, e posúe notación musical e miniaturas.
- Escurialense: actualmente pertence á Biblioteca de El Escorial, e posúe notación musical e miniaturas.
- Florentino: permanece na Biblioteca Nacional Florencia. Por ser o máis recente, ficou incompleto, debido á morte de Afonso X.
[editar] Orixe e lingua
A devoción mariana estaba en auxe nese século e frades, clérigos e cabaleiros en xeral participaban dela. O rei alentaba nas súas cantigas poetas e xograres para que dedicasen os seus esforzos e inspiracións á Santa Dama.
A lingua das cantigas marianas abandona os esquemas da lírica profana, con paralelismos e dobres, e oferece unha lingua máis coloquial, con frases e refráns que aínda sobreviven na lingua galega actual, e con menos provenzalismos presentes nas cantigas amorosas.
Fronte ao resto das cantigas, a medida dos versos é moi variada e oscila entre as catro e as dezaseis sílabas. Aparecen irregularidades rítmicas que se axustan, con todo, ás estruturas musicais. Nelas áchase maior variedade de rexistros e riqueza léxica. Aparecen estranxeirismos occitanos, franceses e casteláns.
As Cantigas de Santa María é unha das coleccións de miniaturas máis ricas de todo o Medievo, e un documento moi útil para coñecermos a vida cotiá da época, desde o vestiario até os instrumentos.
Como manuscrito iluminado, quíxose ver nas Cantigas de Santa María a primeira historieta da Península Ibérica e un dos primeiros exemplos da banda deseñada no Occidente, anticipando recursos de sintaxe da imaxe como raccords de espazo e tempo que tardarían sete séculos en volver a desenvolverse.
[editar] Cantiga
A continuación imos ver un extracto dunha cantiga en galego-portugués medieval (á esquerda), e tamén vemos a súa adaptación ao galego actual (á dereita):
|
De quanto ali trouxera, |
|
De canto alí trouxera |
[editar] Galería de imaxes
- Véxase o artigo principal en Galería de imaxes das Cantigas de Santa María