Fundación Calouste Gulbenkian
A Fundación Calouste Gulbenkian («Fundação Calouste Gulbenkian») é unha institución privada portuguesa de utilidade pública cuxos estatutos teñen como fin promover a arte, a caridade, a educación e a ciencia. A Fundación foi creada en 1956 coa herdanza de Calouste Gulbenkian, un magnate do petróleo de orixe armenia, e a súa sede principal atópase en Lisboa. A Fundación dispón de orquestra, compañía de ballet, salas de espectáculos, bibliotecas, un Museo Calouste Gulbenkian (con preto de 6000 pezas) e un Centro Moderno de Arte.
A Fundación [editar]
Calouste Gulbenkian era ante todo un coleccionista de obxectos que á súa morte (en 1955), legou os seus bens a Portugal en forma dunha fundación, localizada na súa antiga residencia de Lisboa. As grandes instalacións, abertas en 1969, abranguen a sede mesma e o Museo Calouste Gulbenkian, e foron deseñadas por Ruy Athouguia, Pedro Cid, e Alberto Pessoa. Ademais das áreas ocupadas polos varios departamentos da Fundación, as instalacións inclúen un gran auditorio, un espazo para exposicións temporais, un área de congresos con auditorios e outras dependencias, así como un gran edificio que alberga o Museo de Calouste Gulbenkian e a Biblioteca de arte. O complexo enteiro está situado no parque Gulbenkian, deseñado por Ribeiro Telles.
En 1983 abriuse nun dos extremos do parque o «Centro Moderno de Arte José de Azeredo Perdigãou» (CAMJAP) (en homenaxe ao primeiro Presidente da Fundación), que consiste nun museo e nun centro educativo. O Instituto Gulbenkian de Ciência está situado nun multi-edificio situado en Oeiras (proximidades de Lisboa), próximo ao Palacio do marqués de Pombal. A Fundación de Calouste Gulbenkian tamén ten unha delegación no Reino Unido e un centro en París (o Centro Cultural de Calouste Gulbenkian).
No museo poden verse pezas de vaixela, xoias, útiles de escritura, de orixes diversas, reunidos sen unha aparente coherencia. O criterio pronto se presenta non como unha cuestión de homoxeneidade ou de predilección, senón como unha vontade de converter o parcial, o precario desde o punto de vista da extenuación dunha orde ou dun xénero, no centro mesmo da colección. Os exemplares das xoias de René Lalique, nos que a beleza terrible é feito afiligranado e non evocación, son unha boa metáfora da precariedade ínsita na que se fortalece o maior das ordes.