Cortiza
A cortiza é a casca exterior feita de materia morta e dura da sobreira (Quercus suber) e dalgunhas outras árbores. É incorrecto utilizar cortiza para denominar a casca doutras especies (un castelanismo pola influencia da palabra corteza), pois para iso esta verba: casca (ou codia). A cortiza foi o primeiro material biolóxico en ser observado ó microscopio e, debido á súa especial estrutura de macrocélulas, permitiu supoñer que os tecidos están formados por células. Os usos da cortiza son moi variados debido ás súas características, moi importantes e dificilmente conseguibles mediante materiais sintéticos:
- resistencia térmica e estrutural: debido a proceder dunha planta de tendencia mediterránea, resiste ben o lume creando unha pátina de material carbonizado que evita a combustión de subseguintes materiais interiores: isto acontece tamén en situacións de temperatura non extrema, pois é un moi bo illante térmico;
- illante acústico: pola súa estrutura en capas presenta cualidades perfectas para a hermetización sónica;
- compresible elasticamente: en situacións de presión física tamén resulta útil, pois recupera a estrutura inicial tras unha deformación;
- pouca densidade: isto permítelle flotar, o que fai un complemento ideal na práctica da pesca;
- durabilidade: baixo pouco coidado, o seu grao de putrefacción e biodegradación é moi baixo, tendo poucos inimigos microbióticos naturais;
Os seus usos máis comúns son como rollas para selar botellas, pezas industriais pequenas e de características moi especiais (xuntas, amortecedores) e material de decoración (a súa cor e textura permiten a creación de ambientes moi cálidos, coma no uso da madeira). O seu uso está restrinxido polo seu prezo moito maior cós materiais sintéticos, pero o seu rendemento e duración son moito maiores.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Hongos y micotoxinas en tapones de corcho. Propuesta de límites micológicos aceptables de Margarida Pi i Contallé. 2006. Responsable de laboratorio de Manuel Serra (en castelán)