Xulio César
Caio Xulio César (en latín Gaius Julius Caesar), nado o 13 de xullo do 100 a.C. e finado o 15 de marzo do 44 a.C., foi un líder político e militar da antiga Roma que conquistou a Gallia Comata, estendendo a República romana ata o océano Atlántico.
Índice |
Traxectoria [editar]
Inicios [editar]
Procedente dunha das máis antigas familias do patriciado romano, os Xulios, foi educado con esmero con mestres gregos. Pasou unha xuventude disipada, na que comezou axiña a achegarse ao partido político "popular", ao cal o unía a súa relación familiar con Mario. Por esta razón, a animadversión do ditador Sila obrigouno a exiliarse por algún tempo a Bitinia. Gañou o apoio da plebe subvencionando festas e obras públicas. E foi acrecentando o seu prestixio nos diferentes cargos que ocupou: cuestor (no ano 69 a.C.), edil (65), gran pontífice (63), pretor (62) e propretor da Hispania Ulterior (61-60 a.C.). Alí tivo éxito nunha campaña militar contra os lusitanos. Tras esta, realizou unha expedición ao litoral da Gallaecia ata chegar a Brigantium.
O triunvirato [editar]
De volta a Roma, conseguiu un gran éxito político ao reconciliar os dous líderes rivais, Craso e Pompeio, aos que uniu consigo mesmo mediante un acordo privado para repartírense o poder formando un triunvirato e así opoñerse aos optimates que dominaban o Senado (60). Ao ano seguinte, César foi elixido cónsul e as medidas que adoptou viñeron a acrecentar a súa popularidade: repartiu lotes de terra entre veteranos e parados, aumentou os controis sobre os gobernantes provinciais e deu publicidade ás discusións do Senado.
Pero a ambición política de César ía máis alá e, buscando a base para obter un poder persoal absoluto, fíxose conceder por cinco anos -do 58 ao 51- o control de varias provincias: (Galia Cisalpina, Galia Narbonense e Iliria). O triunvirato foi fortalecido polo Convenio de Luca (56), que aseguraba vantaxes para cada un dos seus compoñentes; pero respondía a un equilibrio inestable, que habería de evolucionar cara á concentración do poder nunha soa man. Craso morreu durante unha expedición contra os partos (53) e a rivalidade entre César e Pompeio non encontrou freo unha vez morta Xulia, a filla daquel, casada con este (54). .
Guerra das Galias [editar]
Entrementres, César lanzárase á conquista do resto das Galias. Derrotou aos helvecios en Bribacte e ao caudillo Ariovisto en Alsacia. Derrotou aos nervios e eburones, o que lle permitiu ocupar todo o territorio das tribos belgas. Venceu tamén aos Vénetos de Armórica. Como consecuencia, triunfou na conquista das Galias que non só completou, se non que asegurou lanzando dúas expedicións a Britania cruzando o Canal da Mancha e outras dúas a Xermania, cruzando o río Rin. Con isto chegou a dominar un vasto territorio, que ofrecía a Roma unha obra comparable á de Pompeio en Oriente.
Esmagou a rebelión de Vercinxetórix, que depositou as armas aos seus pés tras o asedio e toma de Alesia. Isto supuxo a derrota definitiva dos galos (52 a de C.).
Guerra civil [editar]
O prestixio e o poder acadados por César preocuparon a Pompeio, elixido cónsul único en Roma en medio dunha situación de caos polas loitas entre mercenarios (52). Conminado polo Senado a licenciar as súas tropas, César preferiu enfrontarse a Pompeio, a quen o Senado confiara a defensa da República como última esperanza de salvagardar a orde oligárquica tradicional.
Tras pasar o río Rubicón -que marcaba o límite da súa xurisdición-, coa súa célebre frase alea iacta est (a sorte está deitada), César iniciou unha guerra civil de tres anos (49-46) na que resultou vitorioso: conquistou primeiro Roma e Italia, despois invadiu Hispania derrotando aos pompeianos en Ilerda. Posteriormente, a campaña trasladouse aos Balcanes; alí acadou a brillante vitoria da batalla de Farsalia que supuxo a rendición de 20.000 pompeístas e a derrota directa do propio Pompeio. Finalmente, dirixiuse a Oriente, onde este se refuxiara. Perseguíndoo, chegou a Exipto, onde aproveitou para intervir nunha disputa sucesoria da familia faraónica, tomando partido en favor de Cleopatra ("Guerra alexandrina", 48-47).
Asasinado Pompeio en Exipto, César proseguiu a loita contra os seus partidarios. Primeiro tivo que vencer o rei do Ponto, Farnaces, na batalla de Zela (47), que definiu coa súa sonada sentenza "veni, vidi, vici" ("cheguei, vin e vencín"); despois derrotou os últimos pompeístas que resistían en África (batalla de Tapso, 46) e os propios fillos de Pompeio en Hispania (batalla de Munda, preto de Córdoba, 45). Vencedor en tan longa guerra civil, César calou os descontentos repartindo dádivas e recompensas durante as celebracións que organizou en Roma pola vitoria.
Ditadura [editar]
Unha vez dono da situación, César acumulou cargos e honras que fortaleceron o seu poder persoal: cónsul por dez anos, prefecto dos costumes, xefe supremo do exército, pontífice máximo (sumo sacerdote), ditador perpetuo, emperador con dereito de transmisión hereditaria...; a súa estatua comezou a colocarse en todos os templos, mais tamén rexeitou o diadema real que lle ofreceu o seu xeneral Marco Antonio. O Senado foi reducido a un mero consello do príncipe. Estableceu así unha ditadura militar disimulada pola aparencia de acumulación de maxistraturas civís. Reservouse o dereito a nomear e cesar funcionarios, organizou un censo de cidadáns, ditou a Lex Iulia Municipalis, repartiu terras entre as súas tropas, reformou o calendario, o fornecemento das provincias, ampliou o número de senadores a 900 e promoveu grandes obras civís.
Final e significación [editar]
O temor a que abolira o sistema republicano a prol dunha acumulación de poderes na súa persoa alentou unha conspiración contra el. Morreu asasinado no senado nos idus (quince) de marzo nunha conxura dirixida por Casio e Bruto que lle impediu completar as súas reformas. Porén, deixou terminadas algunhas, como o cambio do calendario (que se mantivo até o século XVI), unha nova lei municipal que concedía maior autonomía ás cidades, a reconversión como agricultores das masas italianas proletarizadas, o establecemento de colonias en lugares propicios para o comercio...; todo apuntaba a transformar Roma, da cidade-estado que fora, en cabeza dun imperio que abranguera a práctica totalidade do mundo coñecido, ao mesmo tempo que se transformaba a súa vella constitución oligárquica por unha monarquía autoritaria de tinturas populistas; a dita obra sería completada polo seu sobriño-neto e sucesor, Octavio Augusto.
Vencellos familiares [editar]
Xulio César casou tres veces, con Cornelia Cinilla, filla do sucesor de Mario e xefe dos populares, Lucio Cornelio Cinna; Pompeia Sulla, neta de Sila, a quen repudiou ao pretender que á súa muller non só tiña que ser honesta senón parecelo; e, finalmente, con Calpurnia Pisonis, filla de Lucio Calpurnio Pisón, que moi cedo chegaría á cónsul da man de César.
Xulio César casou á súa filla Xulia con Pompeio. Esta finou antes da guerra civil.
Ademais de político e xenio militar, César foi un importante orador e literato. Escribiu a Guerra das Galias
| Imperio Romano | ||
|---|---|---|
Segue a: República Romana |
Xulio César | Precede a: Octavio Augusto |
| Dinastía Xulio-Claudia | ||
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Canfora, Luciano (2006). Julius Caesar: The People's Dictator. Edinburgh University Press. ISBN 0-7486-1936-4.
- Freeman, Philip (2008). Julius Caesar. Simon and Schuster. ISBN 0-7432-8953-6.
- Fuller, J. F. C. (1965). Julius Caesar: Man, Soldier, and Tyrant. New Brunswick, NJ: Rutgers University Press.
- Goldsworthy, Adrian (2006). Caesar: Life of a Colossus. Yale University Press. ISBN 0-300-12048-6.
- Grant, Michael (1969). Julius Caesar. New York: McGraw-Hill.
- Grant, Michael (1979). The Twelve Caesars. New York: Penguin Books. ISBN 0-14-044072-0.
- Holland, Tom (2003). Rubicon: The Last Years of the Roman Republic. Anchor Books. ISBN 1-4000-7897-0.
- Jiménez, Ramon L. (2000). Caesar Against Rome: The Great Roman Civil War. Praeger. ISBN 0-275-96620-8.
- Kleiner, Diana E. E. (2005). Cleopatra and Rome. Harvard University Press. ISBN 0-674-01905-9.
- Meier, Christian (1996). Caesar: A Biography. Fontana Press. ISBN 0-00-686349-3.
- Weinstock, Stefan (1971). Divus Julius. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-814287-4.
Ligazóns externas [editar]