Maria João Pires

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Maria João Pires, nada en Lisboa o 23 de xullo de 1944, é unha pianista portuguesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sendo moi noviña aprendeu a tocar o piano. Aos cinco anos deu o seu primeiro recital e aos sete tocou publicamente concertos de Mozart. Con nove anos recibiu o premio da Xuventude Musical Portuguesa. Entre 1953 e 1960 estudou co Profesor Campos Coelho no Conservatorio de Lisboa. Proseguiu os estudos musicais na Alemaña, primeiro na Musikakademie na cidade de Múnic con Rosl Schmid e despois en Hannóver con Karl Engel.

Maria João Pires foi recoñecida internacionalmente ao vencer o concurso internacional do bicentenario de Beethoven en 1970, que se realizou na cidade de Bruxelas (Bélxica).

Ao longo da súa carreira realizou numerosas digresións onde interpretou obras de Bach, Beethoven, Schumann, Schubert, Mozart, Brahms, Chopin e moitos outros compositores dos períodos clásico e romántico. Maria João Pires foi convidada con regularidade polas grandes orquestras mundiais para tocar nas mellores salas de concerto de Europa, Canadá, Xapón, Israel e dos Estados Unidos.

A pianista ten realizado actuacións tanto a nivel individual (recitais, concertos, gravacións) como en música de cámara: dos numerosos éxitos discográficos, destacan as gravacións "Moonlight", con Sonatas de Beethoven; "Le Voyage Magnifique", integral dos Impromptus de Schubert; Nocturnos e outras obras de Chopin; Sonatas de Grieg; e os Trios de Mozart con Augustin Dumay (violín) e Jiang Wang (violoncello).

É a fundadora e dirixente do Centro de Belgais para o Estudo das Artes, no concello de Castelo Branco, de cariz pedagóxico, cultural e social.

Foi distinguida co Premio Pessoa no ano 1989.

No ano 2006 a pianista mudouse ao Brasil tendo declarado que sufriu moito en Portugal debido ao seu proxecto, o Centro de Belgais para o Estudo das Artes. No Brasil adquiriu unha casa nos arredores da cidade de Salvador, capital do estado da Bahia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]