Eurozona
A eurozona ou zona euro é unha rexión europea que agrupa aos países da Unión Europea que teñen como moeda oficial o euro (€). O Banco Central Europeo é o responsábel da política monetaria na zona euro.
Historia e características [editar]
A eurozona foi creada en 1999 por 11 países da Unión Europea. Posteriormente incorporáronse Grecia o 1 de xaneiro de 2001, Eslovenia o 1 de xaneiro de 2007, Malta e Chipre o 1 de xaneiro de 2008, Eslovaquia o 1 de xaneiro do 2009 e Estonia o 1 de xaneiro de 2011.
Os 17 países membros da zona euro son: Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Malta, Países Baixos e Portugal.
Ademais destes 17 países existen outros fóra da Unión Europea que tamén teñen o euro como moeda única. Entre eles están Mónaco, San Mariño, Cidade do Vaticano (que emiten os seus propios euros grazas a que teñen acordos legais coa Unión Europea), Andorra (ten acordos legais coa Unión Europea pero non emite euros propios), Kosovo e Montenegro (non teñen acordos legais coa Unión Europea).
Os países da Unión Europea que non están na eurozona son: Bulgaria, Dinamarca, Reino Unido, Suecia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa e Romanía.