Grândola, Vila Morena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mural conmemorativo en Grândola.

Grândola, Vila Morena é o nome da canción composta e cantada por Zeca Afonso que foi escollida polo Movemento das Forzas Armadas (MFA) para ser o segundo aceno para o comezo da Revolución dos caraveis. Zeca Afonso compuxo esta canción en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense. A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo, e sería censurada polo réxime Salazarista por ser unha canción asociada ao comunismo. Ás 00:20 do día 25 de abril de 1974, a canción era transmitida nunha radio nacional, cantada por militares, como sinal para confirmar as operacións da revolución. Por ese motivo, a ela quedou asociada, así como ó comezo da Democracia en Portugal.

Historia[editar | editar a fonte]

A canción foi incluída no álbum Cantigas do Maio, editado en decembro de 1971, disco que conta cos arranxos e dirección musical de José Mário Branco. "Grândola, Vila Morena" é a quinta canción do álbum, gravado en Herouville, Francia entre o 11 de outubro e o 4 de novembro de 1971. Foi cantada por primeira vez en público o 10 de maio de 1972 na cidade de Compostela, nun concerto dificilmente esquecíbel para os que alí estiveron. Pero foi o día 29 de marzo de 1974 cando foi cantada no peche dun espectáculo no Coliseu de Lisboa, e entre a asistencia estaban militares do MFA, que escollerían a canción como un dos acenos para o arranque da Revolución dos caraveis cando se iniciou a xestación do mito. Curiosamente, para ese espectáculo a censura do réxime fascista prohibira a interpretación de varias cancións do Zeca, entre as cales "Venham Mais Cinco", "Menina dos Olhos Tristes", "A Morte Saiu à Rua" e "Gastão Era Perfeito". Ás 00:20 da madrugada do día 25 de abril de 1974, "Grândola, Vila Morena" foi pinchada no programa Limite da Rádio Renascença. Era o segundo aceno que confirmaba a boa marcha das operacións e daba inicio ó avance das forzas organizadas polo MFA. O primeiro aceno, tocada preto de hora e media antes, ás 22:55 do día 24 de abril, foi o tema E depois do adeus, cantada por Paulo de Carvalho. En 1987 foi regravada polo grupo de rock brasileiro 365 no LP Mix da Música São Paulo, constando na 7ª canción co nome de "Vila Morena".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]