Lince ibérico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lince ibérico
Lynx pardinus
Macho
Macho
Estado de conservación
Crítico
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Felidae
Subfamilia: Felinae
Xénero: Lynx
Especie: L. pardinus
Nome binomial
Lynx pardinus
(Temminck, 1827)
Distribución do lince ibérico en 1980

Distribución do lince ibérico en 1980
Distribución en 2003

Distribución en 2003

O lince ibérico, Lynx pardinus (Temminck, 1827),[1] tamén coñecido como lobo cerval e lobo rabaz,[2] é un mamífero carnívoro pertencente á familia dos félidos, subfamilia dos felinos.

É semellante a unha versión do lince eurasiático, Lynx lynx, aínda que é menor que estoutra especie de lince. O lince ibérico é moito maior ca un gato doméstico. Este mamífero ten un aspecto robusto, unhas patas longas (polo que é un animal moi veloz) e un rabo curto que nos momentos de perigo ou excitación mantén erguido.

O lince ibérico garda gran semellanza con outras especies de felinos, tales como o gato montés, o guepardo ou mesmo o puma.

Atópase exclusivamente en zonas moi restrinxidas de España e Portugal tales como áreas do bosque mediterráneo nas cales non hai actividade humana con abundantes matorrais.

En Galicia considérase extinguido desde os anos 1980-85, datas nas que aínda se cazaba en zonas do leste e sur da provincia de Ourense.[3] Sarmiento escribía xa no século XVIII que "no es animal muy frecuente, ni tampoco muy raro en Galicia".

É o único carnívoro especializado en coellos; tamén é un áxil cazador que vive de maneira solitaria e nómade. Móstrase de maneira máis sociable na época de celo, que comeza entre xaneiro e febreiro; alcanza a súa madurez sexual ao ano e medio de vida e adoita vivir entre 10 e 15 anos.

Grupos ecoloxistas denunciaron que o último gran felino en Europa podería desaparecer de non se tomar medidas de conservación do medio ambiente. Trátase dun animal que xa dende 1966 está clasificado como en perigo de extinción, xa que pasou de ocupar gran parte da Península Ibérica a ocupar soamente zonas restrinxidas de Andalucía, Castela A Mancha, Estremadura, Castela e León, Madrid e Portugal. Os núcleos máis importantes destes felinos atópanse na Serra Morena oriental e Doñana. Calcúlase que quedan arredor de 200 exemplares na península.[4]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Caza á primeira hora da mañá e á última da tarde. Localiza a presa coa vista e o oído. Agóchase entre os matos, achégase coidadosamente á presa e posteriormente arrebólase sobre ela cun chimpo curto e rápido, para despois apresala coas garras ou mordela no colo producindo o esmagamento do cranio e unha luxación das vertebras. Tras a caza, os linces desprázanse a un lugar tranquilo e oculto onde comezan a devorala pola cabeza e non consumindo nin o estómago nin os intestinos.

No verán, ademais de coellos e lebres (a súa comida principal) aliméntase de aves e pequenos mamíferos. Mentres que no inverno, de cervatos e muflóns e mesmo corzos, gatos monteses, lontras e raposos.

Costumes[editar | editar a fonte]

Adoita vivir de maneira solitaria e nómade e a súa época máis sociable é a do celo, que comprende desde finais de decembro avmediados de febreiro, na que crea parellas ata que a femia queda embarazada. Os partos teñen lugar en primavera e as camadas non son moi numerosas (normalmente 3 crías). As crías permanecen sobre medio ano cabo da nai e ao ano de idade deixan de vivir no territorio maternal.

As femias poden criar no seu primeiro inverno, pero a época da primeira reprodución pode variar por factores demográficos e ambientais. Nunha poboación de gran densidade como a de Doñana, a idade da primeira reprodución depende de cando unha femia adquire un territorio. Isto ocorre normalmente debido á morte ou a expulsión dun residente.

Reprodución[editar | editar a fonte]

O lince ibérico é un animal que vive só durante a maior parte do ano, polo que só mantén o contacto cos outros individuos da súa especie na época de celo que dura dous meses, na estación de inverno (xaneiro e febreiro). Nesta época os machos, cando xa está ben entrada a tarde, comezan a emitir unha serie de sons para atraer ás femias; cando o macho xa seduciu a femia constrúen as tobeiras, que habitualmente están situadas en lugares protexidos e escondidos e onde despois a femia dará a luz e coidará aos seus cachorros despois de máis de dous meses de xestación. Xeralmente os linces femia acostuman parir entre dous e tres cachorros entre os meses de abril e marzo. A nai é a que acostuma quedar ao cargo das crías, e estas quedarán a vivir na mesma zona que ocupa a nai ata que cumpran o ano, despois do cal acostuman ocupar outra zona dun territorio próximo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lince ibérico no dicionario da RAG.
  2. Sarmiento recolleu xa en 1760 cinco nomes populares: lobo cerval, loberno, lubicán, lobo rabaz e tigre, denominacións que pasaron a outros vocabularios e dicionarios posteriores. Comenta que o nome de tigre "es falso, pues no hay tigres en Europa, pero se llama tigre porque tiene la piel manchada". Engade que "Los 4 nombres primeros, aunque comienzan con lobo, sólo aluden a su voracidad, no a que sea el animal del género lobo, pues sólo lo es del género gato" (Sarmiento, carta 159, de 6 de xuño de 1760). Eladio Rodríguez explica que "el nombre de lobo cerval viénele de ser su grito parecido al de los ciervos".
  3. O lince. O lobo cerval. Lynx pardinus. Unha xoia que xa non temos en Galicia.
  4. Miguel Delibes: "Alertan sobre la rápida extinción de especies" en Galicia-Hoxe.com.