Chipre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kypriakí Demokratía
Κυπριακή Δημοκρατία
Kıbrıs Cumhuriyeti


República de Chipre
Bandeira de Chipre Escudo de Chipre
Bandeira Escudo
Himno nacional: Υμνος είς την Ελευθερίαν
 
EU-Cyprus.svg
 
Capital
 • Poboación
Nicosia
309.500 hab (2005)
Cidade máis poboada Nicosia
Linguas oficiais
Grego e turco
Forma de goberno República presidencialista
Nicos Anastasiades[1]
Independencia
 • Data
Do Reino Unido
16 de agosto de 1960
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 160º
9.250 km²

0 km
648 km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 155º
793.963 (2009 est.)
117 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total (2008)
 • PIB per cápita
Posto 86º
US$ 24.922 millóns
US$ 32.745
PIB (PPA)
 • Total (2008)
 • PIB per cápita
Posto 107º
US$ 22.721 millóns
US$ 29.853
IDH (2007) 0,914 (32º) – Moi alto
Moeda Euro1 (€, EUR)
Xentilicio Chipriota
Fuso horario
 • en verán
UTC+2
UTC+3
Dominio de Internet .cy2
Prefixo telefónico +357
Prefixo radiofónico C4A-C4Z, 5BA-5BZ, P3A-P3Z, H2A-H2Z
Código ISO 196 / CYP / CY
Membro de: UE, ONU, OSCE, COE

1 Antes de 2008, libra chipriota.
2 Tamén se utiliza o .eu como en toda a Unión Europea.

Tódolos países do mundo

Chipre (en grego: Κύπρος/Kýpros, en turco: Kıbrıs) é un república que abrangue o territorio da illa homónima, situada ó leste do mar Mediterráneo, 113 km ao sur de Turquía, 120 km ao oeste de Siria e 150 km ao leste da illa grega de Kastellorizo. Chipre ingresou como membro das Nacións Unidas o 20 de setembro de 1960 e foi un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados até o seu ingreso na Unión Europea o 1 de maio de 2004.

Segundo a lei internacional, a illa no seu todo é un estado independente, mais de facto atópase dividida dende o 15 de xullo de 1974 en dúas partes. Os dous terzos do sur forman o Chipre propiamente dito e o resto da illa, o terzo norte, é a coñecido como a República Turca do Norte de Chipre, baixo protección turca e sen recoñecemento internacional. Ámbolos dous territorios teñen a súa capital en Nicosia.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome de Chipre ten unha etimoloxía algo incerta. Unha das teorías suxire que se trata da palabra grega para denominar á árbore coñecida como ciprés do Mediterráneo (en grego: κυπάρισσος/kypárissos), ou do nome grego da planta da henna (en grego: κύπρος/kypros). Porén outra teoría suxire que deriva da palabra da antiga lingua chipriota para cobre, debido aos grandes depósitos deste mineral que se atopan na illa, dándolle logo a través do comercio exterior o seu nome á palabra latina clásica de cobre a través da expresión aes cyprium ou "metal de Chipre", máis tarde acurtado a Cuprum. Debido á evolución histórica do nome quizais a forma correcta sería a de Cipro, en vez do galicismo Chipre.

Chipre é tamén coñecida como a illa de Afrodita, Venus, ou do Amor, xa que segundo a mitoloxía fenicia, Astarté, deusa do amor e a beleza, que posteriormente foi identificada coa deusa grega Afrodita, naceu na costa de Pafos, ao oeste da illa. Os habitantes da illa son chamados chipriotas.

Historia[editar | editar a fonte]

Monumento á Guerra de Independencia en Nicosia

Chipre foi colonizada por diversas culturas ao longo da súa historia. A civilización micénica chegaría preto do 1600 a.C., estabelecéndose posteriormente colonias fenicias e gregas. O Faraón Thutmose III de Exipto someteu a illa no ano 1500 a.C. e forzouna a pagar tributos, o que se mantivo até que o dominio exipcio foi substituído polo dos hititas (que chamaban Alashiya a Chipre na súa lingua) no século XIII a.C. Trala invasión dos pobos do mar (aproximadamente no 1200 a.C.), os aqueos-gregos asentáronse na illa, actuando decididamente na conformación da súa identidade cultural.

Os asirios invadiron a illa no ano 800 a.C., até que o faraón Amasis II a reconquistou no ano 600 a.C., para daquela ser substituído polos persas tras a conquista de Exipto por parte destes. Salamina, a máis poderosa das distintas cidades-reino de Chipre nesa época rebelouse contra o dominio persa no ano 499 a.C., baixo o Rei Onisilos. con todo, tanto esta rebelión como os consecuentes intentos gregos de liberar Chipre fracasaron, entre eles os do Rei Evágoras de Salamina, no ano 345 a.C. No entanto, no ano 331 a.C. Alexandre o Grande conquistou Chipre dos persas volvendo ao mundo helénico, logo axudándolle a conquistar Fenicia. Trala morte de Alexandre Magno, Chipre foi obxecto das rivalidades entre os xenerais que lle sucederon debido á súa riqueza e estratéxica situación, caendo finalmente baixo o dominio dos Tolomeos de Exipto. O Imperio Romano, finalmente, apoderouse da illa no ano 57 a.C.

A partir do ano 45 da Era Cristiá, os predicadores San Paulo e San Bernabé introduciron o cristianismo na illa e Chipre foi o primeiro país do mundo gobernado por un cristián. Trala caída de Roma, Chipre pasou pola dominación bizantina e árabe. En 1192 foi conquistada polos cruzados ao mando de Ricardo I Corazón de León, que se coroou como Rei de Chipre. A República de Venecia exerceu o seu dominio sobre Chipre desde 1489, até a invasión turca otomá en 1570. Tralo Congreso de Berlín, Chipre pasou a administración británica o 12 de xullo de 1878, sendo convertida oficialmente en colonia en 1914, co inicio da Primeira Guerra Mundial.

En 1931 comezan as primeiras revoltas a favor da enosis (unión de Chipre con Grecia). Trala fin da Segunda Guerra Mundial, os greco-chipriotas aumentan a presión pola fin do dominio británico. O Arcebispo Makarios lidera a campaña pola enosis e é deportado ás Seychelles en 1956 tras unha serie de atentados na illa. En 1960, Turquía, Grecia e o Reino Unido, xunto ás comunidades turco-chipriota e greco-chipriota, asinan un tratado que declara a independencia da illa e a posesión británica das bases de Akrotiri e Dhekelia. Así pois Makarios asume a Presidencia, indicando a constitución indica que os turco-chipriotas estarán a cargo da vicepresidencia e terán poder de veto. Esa peculiar Constitución que lle foi imposta dificultou o funcionamento de Estado e as relacións entre greco e turco-chipriotas fixéronse tensas, desembocando nas explosións de violencia intercomunitaria de 1963 e 1967.

O 15 de xullo de 1974 un golpe pro-grego, apoiado pola "ditadura dos coroneis" grega, depuxo ao goberno lexítimo, o que provocou a reacción de Turquía, quen invadiu e ocupou militarmente o terzo norte da illa, incumprindo ambas as partes a legalidade internacional. Este é a orixe da República Turca do Norte de Chipre, un estado de facto que só é recoñecido por Turquía e a Organización da Conferencia Islámica.

A República de Chipre entra como membro da Unión Europea en 2004, ano no que se aplica un plan para a reunificación apoiado polas Nacións Unidas. Con todo, o referendo é rexeitado polo 76% dos greco-chipriotas. Nas eleccións presidenciais, trala segunda volta dos comicios o 24 de febreiro de 2008, saíu vencedor, co 53,36% dos votos, Dimitris Christofias, secretario xeral do Partido Comunista de Chipre (AKEL, antes Partido Progresista dos Traballadores de Chipre), fronte ao 46,64% do ex-ministro de Asuntos Exteriores Ioannis Kasulides. Un dos obxectivos da súa candidatura era a continuación das negociacións para a reunificación de Chipre.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Vista satélite da Illa de Chipre
Monte Olimpo de Chipre
Artigo principal: Xeografía de Chipre.

Chipre é unha das grandes illas do Mar Mediterráneo (xuntamente coa Sicilia, Sardeña, Córsega e Creta), a máis oriental de todas, localizada entre a costa sur da Anatolia e a costa mediterránea do Medio Oriente. Xeograficamente, pertence á Asia, aínda que culturalmente sexa unha mestura de elementos europeos e asiáticos, predominando os primeiros, dado o seu pasado grego e os dous terzos actuais de poboación de orixe heleno. Atópase concretamente a 480 km ao leste de Grecia (costa oriental da illa de Rodas), 415 km ao norte de Exipto, 130 km ao oeste de Siria e 94 km ao sur de Turquía. Mide 240 quilómetros de longo e 100 de ancho, con 648 km de costa.

Con 9.250 km², e unha illa montañosa, con dúas zonas accidentadas separadas por un val amplo (a Mesaoria), onde se ergue a capital, Nicosia. Ao suroeste érguense os montes Troodos, que abrigan o punto máis elevado da illa, o monte Olimpo, con 1.953 m de altitude. Ao norte érguense os montes Kyrenia, unha cordilleira bastante estreita que comeza na costa norte e que se prolonga cara o leste na longa península que confire á illa a súa forma característica. Hai tamén pequenas chairas costeiras no sur.

Nicosia é a maior cidade e a capital coñecida internacionalmente. Outras cidades importantes son Limasol na parte grega e Famagusta na parte turca. O clima é mediterráneo, con cálidos e secos veráns e invernos mornos en xeral, aínda que máis rigorosos nas alturas dos montes Troodos. A pluviosidade media anual é de 500 mm, representando as precipitacións de decembro a febreiro case dous terzos do total anual.

Xeopoliticamente, a illa atópase dividida en catro partes principais. A República de Chipre, o goberno recoñecido internacionalmente, ocupa os dous terzos meridionais da illa, concretamente 5.896 km². A República Turca do Norte de Chipre ocupa o terzo setentrional da illa, supoñendo 3.355 km², aínda que este estado só está recoñecido internacionalmente por Turquía. A Liña Verde, controlada polas Nacións Unidas é una zona tapón que separa ás dúas. Finalmente atópanse na illa dúas bases de soberanía británica, Akrotiri e Dhekelia.

Política e goberno[editar | editar a fonte]

Chipre é unha república presidencial, onde o xefe do Estado e do goberno é o Presidente, que é elixido por un proceso de sufraxio universal para un mandato de cinco anos. O poder executivo é exercido polo Goberno, o poder lexislativo recae na Cámara de Representantes, mentres que o poder xudicial é independente.

A Constitución de 1960 prevía un sistema de goberno presidencial con executivos independentes, lexislativo e xudicial, así como un complexo sistema de controis e equilibrios, deseñando un coeficiente de participación para protexer os intereses dos turco-chipriotas. O executivo, estaba encabezado por un presidente greco-chipriota e un vicepresidente turco-chipriota, elixidos polas súas respectivas comunidades por períodos de cinco anos, posuíndo cada un dereito de veto sobre determinados tipos de leis e decisións executivas. Dende 1964, tralos enfrontamentos entre as dúas comunidades, os asentos turco-chipriotas na Cámara permanecen vacantes, adoptando unha actitude ríxida contra calquera medida que faga que os membros das dúas comunidades vivan e traballen xuntos, de feito comprometéronse á separación física e xeográfica das dúas comunidades coma obxectivo político, o que resultou nunha política deliberada de auto-segregación.[2]

A Cámara de Representantes ten actualmente 59 membros elixidos para un mandato de cinco anos, 56 membros de representación proporcional e 3 membros observadores en representación das minorías armenia, latina e maronita. Os 24 escanos asignados á comunidade turca permanecen vacantes dende 1964. O ambiente político está dominado polo comunista AKEL, o liberal conservador Dimokratikós Sinayermós, o centrista Dimokratikó Kómma, os social-demócratas EDEK e o centrista Partido Europeo.

O 17 de febreiro de 2008, Dimitris Christofias do AKEL, foi elixido presidente de Chipre, sendo Chipre un dos dous únicos países do mundo en ter un goberno comunista elixido democraticamente xunto con Nepal, e en consecuencia o único da Unión Europea. O 28 de febreiro de 2013 foi elexido presidente Nicos Anastasiades cun 57'5% dos sufraxios, devolvéndolle o poder á democracia cristiá e ó conservadorismo.

División Política[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Liña Verde (Chipre).

Chipre gañou a independencia do Reino Unido no 1960, co dereito do Reino Unido, Grecia e Turquía de intervir nos asuntos internos do país. A República de Chipre é o goberno internacionalmente recoñecido da illa, e esta controla os dous terzos do sur da illa. Case todos os países estranxeiros e as Nacións Unidas recoñecen a soberanía da República de Chipre sobre a enteira illa de Chipre.

Os chipriotas turcos, xunto con Turquía, non aceptan o poder da República no resto da illa e chámanlle a "Autoridade Grega do Sur de Chipre". Eles controlan o terzo norte da illa, continuando a ocupación militar por Turquía desde 1974. O territorio Turco-Chipriota proclamou a súa independencia no 1975, e a República Turca do Norte de Chipre estableceuse no 1983. Este acto foi soamente recoñecido por Turquía. Ademais disto, a Organización da Conferencia Islámica, deulle os status de membro baixo o nome de "Plataforma Turco Chipriota".

O outro poder con territorio en Chipre é o Reino Unido. Baixo o acordo de independencia, o Reino Unido retivo dous pequenos territorios na costa sur da illa, ao redor de Akrotiri e Dhekelia, coñecidas coma bases áreas de soberanía británica. Son usadas para acoller bases militares.

Reunificación[editar | editar a fonte]

Moitas negociacións foron mantidas para conseguir a reunificación da illa, mais non tiveron moito éxito. Un plan das Nacións Unidas, anunciado o 31 de Marzo do 2004 en Suíza, propuxo un referendo separado en ambos lados o 24 de abril do 2004.

No referendo, a proposta reunificación foi favorábel no lado Turco por unha maioría de 2 a 1, mentres que no lado grego foi rexeitada por unha marxe de 3 a 1. Como resultado, mentres oficialmente todo o Chipre uniríase á Unión Europea o 1 de maio de 2004, as fronteiras da Unión percorren pola Liña Verde, dividindo o país entre a parte Grega e a Turca. As leis da Unión non se aplican na parte turca. A Unión prometeu axudar e traballar para o levantamento das sancións económicas impostas polo Tribunal Europeo, pero eles levantaron o recoñecemento diplomático da rexión norte de Chipre.

Na madrugada do 8 ao 9 de marzo de 2007, o goberno greco-chipriota comezou a derrubar parte da Liña Verde que separa ambos estados nun "sinal de boa vontade", segundo afirmou o voceiro gobernamental Christodoulos Pashardes, o que foi ben recibido polo líder turco-chirpiota Mehmet Ali Talat, aínda que se advertiu que a medida, con ser positiva, non é nin definitiva nin constitúe o final do conflito de ambas as comunidades.

Divisións administrativas[editar | editar a fonte]

Bazar en Nicosia Norte, parte baixo dominio turco-chipriota
Bandeira de Chipre baixo dominio británico antes de obter a súa soberanía en 1960

A República de Chipre está dividida en seis distritos:[3] Nicosia, Famagusta, Kyrenia, Larnaca, Limassol e Pafos.

Mapa de Chipre Distritos Nome grego Nome turco
Cyprus districts.jpg Famagusta    Αμμόχωστος (Ammochostos)    Gazimağusa   
Kyrenia Κερύvεια (Keryneia) Girne
Larnaca Λάρνακα (Larnaka) Larnaka/İskele
Limassol Λεμεσός (Lemesos) Limasol/Leymosun
Nicosia Λευκωσία (Lefkosia) Lefkoşa
Pafos Πάφος (Pafos/Bafos) Baf/Gazibaf

Enclaves e exclaves[editar | editar a fonte]

Chipre ten catro enclaves, todos nun territorio pertencente á Zona de Soberanía Británica de Dhekelia. Os dous primeiros son as vilas de Ormidhia e Xylotymvou. A terceira é a central nuclear de Dhekelia, que está dividida por unha estrada británica en dúas partes. A parte norte é un enclave, como as dúas aldeas, mentres que a parte sur atópase á beira do mar e por tanto non é un enclave, aínda que non ten augas territoriais propias.

Economía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía de Chipre.

A economía de Chipre está claramente afectada pola división da illa en dous territorios. Ten unha economía altamente vulnerable, máis estabilizada trala entrada na Unión Europea, cunha forte dependencia do sector servizos e problemas de illamento con respecto a Europa.

Nos últimos vinte e cinco anos, Chipre pasou de depender da agricultura (onde só a produción de cítricos ten relativa importancia comercial), a ter unha estrutura máis acorde co contexto da Unión Europea, cunha presenza importante do sector industrial que sustenta a maior parte das exportacións e emprega ao 25% da poboación.

Preto do 70% depende do sector servizos, e en concreto do turismo. A localización xeográfica preto de Oriente Próximo provoca grandes oscilacións de ano en ano á hora de converterse en destino turístico. A frota de buques con matrícula chipriota é a cuarta máis importante do mundo e reporta grandes ingresos. O 1 de xaneiro de 2008 Chipre incorporouse á Eurozona, deixando de utilizar a libra chipriota.

Demografía[editar | editar a fonte]

Famagusta
Pafos
Artigo principal: Demografía de Chipre.

No ano 2007, Chipre tiña unha poboación de 1.103.790 habitantes, unha esperanza de vida de 77,9 anos e unha media de 1,80 fillos por muller. Ademais o 97,6% da poboación está alfabetizada.

Os chipriotas gregos (greco-chipriotas) e turcos comparten moitos costumes, pero á súa vez manteñen a súa etnicidade baseada na relixión, idioma e outros fortes lazos coas súas respectivas terras de orixe.

Despois de 1974 o grego é falado principalmente no centro e no sur da illa, mentres que o turco predomina no norte. Esta delimitación dos idiomas só corresponde ao actual período, debido á división da illa despois de 1974, a cal implicou unha expulsión dos chipriotas gregos do norte e un movemento análogo dos chipriotas turcos dende o sur. Con todo, historicamente, o grego (no seu dialecto chipriota) era falado por un 82% da poboación aproximadamente, a cal estaba regularmente distribuída ao longo de toda a área de Chipre, tanto no norte como no sur. De xeito semellante, os falantes turcos estaban distribuídos tamén de maneira regular. O inglés é amplamente espallado.

A composición étnica é a seguinte:

Cultura[editar | editar a fonte]

A cultura chipriota pode dividirse, a grandes liñas, en dous grupos. Por unha banda, a influencia grega, da que a illa herdou o idioma maioritario e o grupo étnico do 80% dos chipriotas. Por outro, a cultura turca define o modo de vivir do turco-chipriotas.

É mundialmente coñecido o antigo receo histórico entre Grecia e Turquía, debido ás interminables loitas por dominar as numerosas illas do Mar Exeo, entre elas Chipre. O gran poderío do Imperio Otomán logrou dobregar aos helenos, polo que se agudizaron aínda máis as rifas. O fin deste imperio e o nacemento de Grecia e Turquía como nacións modernas estableceu a paz oficialmente, aínda que se deron situacións explícitas de inimizade: Grecia opúxose firmemente á entrada de Turquía á Unión Europea.

Con respecto a Chipre é un país que recibiu grandes influencias gregas e de outras civilizacións antigas, porén, a vida cultural de Chipre actualmente demostra a súa colonización británica. Así pois Chipre recibe unha grande cantidade de turistas durante o período de verán, cando a calor e o sol son moi fortes. A vida nocturna ademais é bastante axitada cun gran número de bares, sendo o país de Europa con mais deste tipo de establecementos por habitante.[4] En canto as relixións, a maioritaria é a Igrexa Ortodoxa Grega, seguido por un 78% da poboación, seguida do Islam co 18% e outras crenzas que abranguen o 4% restante.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Chipre

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]