Furón bravo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tourón
Parella de touróns
Parella de touróns
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Infraorde: Musteloidea
Familia: Mustelidae
Subfamilia: Mustelinae
Xénero: Mustela
Especie: putorius
Nome binomial
Mustela putorius
(Carl von Linné, 1758)
Distribución en Galicia

Distribución en Galicia
Distribución no continente

Distribución no continente
Pegadas do tourón

O tourón ou furón bravo (Mustela putorius) é un pequeno carnívoro da familia dos mustélidos, espallado por gran parte de Europa, o norte de África e Asia occidental. O tourón foi domesticado en tempos antigos co fin de que cazase coellos para o home, dando como resultado ao furón (Mustela putorius furo).

Características físicas[editar | editar a fonte]

Este animal posúe un corpo alongado e flexible, con patas curtas, apto para moverse con rapidez polo fondo do bosque e introducirse dentro dos tobos de roedores e coellos, dos que se alimenta. A súa testa é pequena, ancha e esmagada, e as súas diminutas orellas redondeadas apenas sobresaen. A lonxitude de cabeza e corpo é duns 30 a 50 centímetros, mentres que a cola (moi poboada) mide de 10 a 19. Mentres que os machos poden superar lixeiramente o quilo de peso, as femias acadan só entre 650 e 850 gramos. Estas dispoñen de 8 glándulas mamarias coas que amamantan ás súas crías durante o período de lactación.

A cor da pelaxe varía entre gris, marrón e amarelento no lombo, sendo negro en patas e bandullo. Un par de bandas brancas rodean os ollos, illando un característico antiface escuro en torno a eles. Tamén son de cor branca a boca e as orellas. Posúen un total de 34 dentes.

Normalmente, en liberdade non superan os 7 ou 8 anos.

Hábitat[editar | editar a fonte]

O tourón pode vivir case en calquera lugar que lle procure un lugar onde agocharse dende o cal poida axexar ás súas presas, incluíndo bosques, zonas de matogueira, pradeiras, terreos rochosos e ribeiras dos ríos. O territorio que reclama cada animal pode achegarse aos 2 quilómetros cadrados.

A distribución deste animal na Península Ibérica ocupa a maior parte desta, aínda que nos últimos anos viuse expulsado de moitas zonas debido á desertización e os incendios forestais. Atópase protexida en gran parte de Europa.

Os seus principais inimigos son as rapaces nocturnas, as grandes serpes como a víbora e a cobra bastarda e os carnívoros grandes coma o raposo e mailo lobo.

Identificación na natureza[editar | editar a fonte]

Malia seren difíciles de ver polo naturalista afeccionado, dada a súa capacidade para agocharse na maleza e no soutobosque, pódense identificar doadamente varios indicios da súa presenza, como poden ser as pegadas, sons e excrementos.

As pegadas son semellantes ás da marta cibelina, pero de menor tamaño. Constan de 4 ou 5 dedas coa impresión das poutas non retráctiles ben desenvolvida. As pegadas das patas traseiras miden máis que as das patas dianteiras, e ocasionalmente aparecen acompañadas da marca deixada pola cola no barro ou a neve.

O son máis característico desta especie soa semellante a un ¡que, que, que!. Berra de forma máis aguda se está asustado ou alporizado, e tamén cando a femia trata de alertar ás súas crías dun perigo. O seu vocabulario tamén inclúe bufidos e gruñidos de menor consideración.

Os excrementos miden de 6 a 8 centímetros de longo, aínda que só teñen 9 milímetros de grosor. A cor varía segundo o que o tourón coma, mais xeralmente son de cor negra. Deposítanse en puntos determinados do seu territorio, xeralmente á beira do seu tobo, e neles pódense apreciar ás veces varios restos das súas vítimas, como plumas, pelo, caparazóns e anacos de óso.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Ademais de pequenos mamíferos (ratas, ratos, coellos, lebres, toupas, furafollas...), o tourón pode capturar tamén aves, peixes, anfibios, réptiles e caranguexos de río. Complementa a súa dieta con insectos e as larvas destes, así como sementes e bagas. Tamén consume ovos, aínda que non rompe a casca destes, senón que só a fende e bebe o seu interior a través dun pequeno buraco. O seu baixo perfil e versatilidade permítelle cazar en calquera sitio, ata baixo a auga. Localiza as súas presas con facilidade grazas ao seu fino oído, vista aguda e sobre todo polo olfacto.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os touróns son animais solitarios, polo que só conviven con outros membros da súa especie durante a época de celo e cría. O período de apareamento acontece entre febreiro e abril, data na que os machos deixan os seus hábitos nocturnos, vólvense agresivos e poden observarse doadamente berrando e pelexándose durante todo o día. Cando un deles resulta vencedor, aproxímase á femia e sométea trabándoa no pescozo, procedendo a copular mentres lanza todo tipo de ruídos característicos.

Tras 6 semanas de xestación a femia pare de 3 a 12 crías que nacen case espidas e totalmente desvaídas no seu niño, xeralmente un tobo de coello ampliada ou un oco na base dunha árbore. O pouco pelo que teñen é completamente grisáceo e non comeza a diferenciarse ata as 3 semanas de idade. Logo da cuarta semana abren os ollos e deixan de mamar antes da sétima. Tras ser adestrados na caza pola súa nai, os novos touróns independízanse aos dous ou tres meses, mais non poden reproducirse ata logo dos nove meses, chegando ás veces a tardar ata dous anos en realizar a súa primeira cópula.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Furón bravo