Pergamiño Sharrer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pergamiño Sharrer.

O Pergamiño Sharrer é un fragmento de pergamiño copiado a finais do século XIII ou comezos do XIV, que contén sete cantigas de amor compostas polo rei de Portugal, don Dinís. Consérvase en Lisboa, no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, Fragmentos, caixa 20, n. 2 (Casa Forte).

Historia[editar | editar a fonte]

O fragmento foi descuberto o 2 de xullo de 1990 por Harvey Leo Sharrer, profesor da Universidade de California, Santa Barbara, no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, en Lisboa. O pergamiño formaba parte da encadernación dun libro de rexistros notariais do século XVI.

Constitúe, xunto co Pergamiño Vindel, un dos dous únicos documentos achados de cantigas galaico-portuguesas con notación musical e o único deste tipo con cantigas de amor. É ademais, a fonte manuscrita portuguesa máis antiga de música profana en lingua vernácula que se conservou.

Descrición[editar | editar a fonte]

O seu tamaño é de 45,6 x 26,8 cm e está escrito polas dúas caras a tres columnas. O texto está manuscrito en letra gótica redonda e cursiva, e a música, en notación pre-franconiana con algúns trazos propios ibéricos. Cando se descubriu, o seu estado de conservación era bastante peor que o do Pergamiño Vindel, e non estaba completa a música de ningunha das sete cantigas que contén. En 1993 foi sometido a un proceso de restauración no cal se perdeu a maior parte da notación musical, que nos é coñecida só polas fotografías feitas denantes da restauración.[1]

Pénsase que podería ser un fragmento pertencente ao cancioneiro "Livro das Trovas de Dom Dinis", que como o seu nome indica, contiña composicións musicais da autoría do rei don Dinís e foi copiado no scriptorium real.

A música[editar | editar a fonte]

Musicalmente, as cantigas de amor do Pergamiño Sharrer son bastante diferentes ás cantigas de amigo de Martín Codax achadas no Pergamiño Vindel. Conteñen gran cantidade de melismas, cunha media de tres notas por sílaba e unha maior amplitude que as cantigas do Pergamiño Vindel, cun rango próximo á oitava.

A cantigas de amor que contén o pergamiño son as seguintes:

  • "Pois que vos Deus amigo quer guisar".
  • "A tal estado m'adusse senhor".
  • "O que vos nunca cuidei a dizer".
  • "Que mui gran prazer que eu ei senhor".
  • "Senhor fremosa non poss'eu osmar".
  • "Non sei como me salv'a mia senhor".
  • "Quix bem amigos e quer'e quereei".

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Cantigas from the Court of Dom Dinis (1994). Devotional, satirical & courtly medieval love songs. Theatre of Voices. Paul Hillier. Harmonia mundi HMU 90 7129.
  • Cantigas de amor e de amigo (2004). Paula Ceremuzynska, Zofia Dowgiallo. Clave Records 3015.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. María Gimena del Rio Riande (Marzo, 2007). “El Cancionero de Berkeley y el Fragmento Sharrer en el proceso de collatio de variantes. La fijación del texto del Cancionero del rey Don Denis de Portugal”. VII Congreso Nacional de la Asociación de Jóvenes Investigadores de Historiografía e Historia de la Lengua Española (AJIHLE). Asociación de Jóvenes Investigadores de Historiografía e Historia de la Lengua Española (AJIHLE)-Universidad de Alcalá de Henares, Alcalá de Henares.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ferreira, Manuel Pedro (2005). Cantus Coronatus. 7 Cantigas d'El-Rei D. Dinis. Inclúe facsímile e transcrición. Kassel: Edition Reichenberger. ISBN 3-937734-09-0. 
  • Montero Santalha, José-Martinho (1997). As sete cantigas de amor de Dom Dinis do fragmento Sharrer. Agália. 
  • Sharrer, Harvey L. (1993). Pergaminho Sharrer. Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa. Caminho (Lisboa). 
  • Sharrer, Harvey L. (1991). Fragmentos de Sete Cantigas d'Amor de D. Dinis, musicadas: uma descoberta. Edições Cosmos. Vol. 1:13-29. Actas do IV Congresso da Associação Hispânica de Literatura Medieval. (Lisboa).