Millo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Millo
Mazarocas de millo
Mazarocas de millo
Clasificación científica
Reino: Plantae
Clase: Liliopsida
Subclase: Commelinidae
Orde: Poales
Familia: Poaceae
Subfamilia: Panicoideae
Tribo: Andropogoneae
Subtribo: Tripsacinae
Xénero: Zea
Nome binomial
Zea mays
L., Sp. Pl., 2: 971, 1753[1]
Subespecies
Millo "amorodo", orixinal de Norteamérica.
Millo "Oaxacan Green"orixinal de Norteamérica.

O millo ou maínzo[1] (Zea mays) é unha planta gramínea anual e na mesma planta (monoica) atópanse as súas inflorescencias masculinas (nos extremos terminais) e femininas (nas vaíñas axilares). Ten un crecemento rápido, chegando aos 2,5 metros de altura nun ano, que é a súa quenda de colleita. As follas teñen forma alongada saíndo do talo cun lixeiro ángulo e coa punta caída cara abaixo. As mazarocas están cubertas por filas de grans.

A especie forma parte do xénero Zea, que non ten conxéneres achegados. As flores masculinas e femininas (estas nun eixo esponxoso chamado zuro ou olote) aparecen en inflorescencias separadas pero dentro do mesmo pé. Esta característica permite a obtención do millo híbrido, hoxe en día tan estendido. É tal a variabilidade do gran verbo da forma e cor, na mazaroca ou na mesma planta, que aínda non se acadou a clasificación científica de tódalas súas variedades. Ademais da híbrida, as variedades máis importantes son "dente marelo", "Krug" e "dentalla marela de Reid".

Historia[editar | editar a fonte]

Produción mundial de millo en 2001; fai un clic para ampliar

Todo parece indicar que a cultura do millo comezase onde hoxe se localizan México e América Central hai millares de anos. O seu nome, de orixe indíxena caribeña, significa “sustento da vida”. Alimentación básica de varias civilizacións importantes ao longo dos séculos, os Maias, Aztecas e Incas reverenciaban o cereal na arte e relixión. Gran parte de súas actividades diarias estaban ligadas ao seu cultivo.

O millo era plantado por indios americanos nos montes, usando un sistema complexo que variaba a especie plantada de acordo co seu uso. Ese método foi substituído por plantacións dunha única especie.

Coas grandes navegacións do século XVI e o inicio do proceso de colonización da América, a cultura do millo expandiuse cara outras partes do mundo. A súa orixe está entón en América, e foi traída a Europa por Cristóbal Colón en 1492. A primeira referencia do seu cultivo en Galiza data de 1610, na zona do Barbanza. O novo millo véu a substituír ao antigo, que hoxe chamamos millo miúdo ou paínzo, e que se viña cultivando e secando en hórreos e celeiros en Europa dende a antigüidade. O seu cultivo é fundamental na zona setentrional dos Balcáns, no sur de Rusia e en Sudáfrica. En España é o cultivo típico da zona húmida e en América os maiores focos encóntranse en Estados Unidos (no chamado Corn belt, o cinto do millo) e Arxentina. Hoxe é cultivado e consumido en todos os continentes e a súa produción só é menor que a de trigo e a do arroz[Cómpre referencia].

No Brasil, o cultivo do millo vén desde antes da chegada dos europeos. Os indios, principalmente os guaranís, tiñan o cereal como o principal ingrediente da súa dieta. Coa chegada dos portugueses, o consumo aumentou e novos produtos a base de millo foron incorporados aos hábitos alimentarios dos brasileiros.

O cultivo de millo na forma ancestral continua a praticarse na América do Sur, especialmente en rexións pouco desenvolvidas, no sistema coñecido no Brasil como de rozas.

No final da década de 1950, grazas a unha gran campaña a favor do trigo, o cereal comezou a perder espazo na mesa brasileira. Actualmente, aínda que o nivel de consumo do millo no Brasil veña crecendo, ainda está lonxe de ser comparado a países como México e aos da rexión do Caribe.

Grans[editar | editar a fonte]

Debuxo da planta

O gran componse de embrión ou xermolo (onde se concentra a graxa) e endospermo con amidón (órgano de reserva que forma o corpo da semente). Xunta cada gran de amidón esténdese unha rede de proteínas, substancia que tamén aparece na capa de aleurona que rodea a superficie do endospermo. Este gran pode moerse separando primeiro a cuberta (o xermolo do endospermo) ou o enteiro, coma no trigo. A súa fariña constitúe unha das principais fontes de amidón e o xermolo fornece un excelente aceite. Ademais o millo vale coma un instrumento de investigación xenética extraordinario.

Cultivo[editar | editar a fonte]

A sementeira faise en sucos ou foxiños con 3-4 grans e o seu período vexetativo oscila entre 4 e 5 meses. Durante o mesmo non precisa de excesivos coidados, aínda que algo si no comezo. Despois da fecundación procédese á poda. A planta medra en medios tan diferentes que se podería dicir que non existe ningunha enfermidade de carácter universal para ela. Os máis comúns son o tizón (Ustilago maydis), que pode producir formacións tumorosas en calquera parte da planta, e a carie de raíz, talo e mazaroca (que agosta as partes mencionadas). Para combatelas aconséllase o emprego de variedades resistentes. Canto ás pragas, destaca o "barreno", combatido eliminando os individuos hibernantes.

Até avanzado o século XX, os labregos galegos distinguían entre o millo do monte e o millo da leira. Tratándose da mesma especie, aquel sementábase en claros abertos nos bosques mediante lumes e pagábase o dobre que estoutro.

Procesado[editar | editar a fonte]

Cultívase moito nas zonas costeiras, onde se sementa nos meses de abril e maio, e colléitase entre setembro e outubro. Posteriormente esfóllase e gárdase no hórreo ou en sitio seco. O de peor calidade dáse aos animais, e o mellor dedícase ao consumo humano, aínda que non é moi apreciado. En Galiza adóitase facer pan con el (normalmente mesturándoo con centeo), filloas e empanadas. A variedade botánica chamada popularmente millo pego foi fondamente estudada pola Misión Biolóxica de Galicia para a súa mellora xenética.

Hibridación[editar | editar a fonte]

As variedades híbridas conséguense fecundando artificialmente as variedades orixinais de polinización directa durante cinco xeracións continuas. Con catro castas A, B, C e D, as dúas primeiras seméntanse en sucos alternos nun campo illado doutro coas dúas segundas. Dentro de cada leira procúrase escoller posteriormente como proxenitor masculino a casta que destacase pola abundancia de pole nas flores masculinas; a outra raza será o proxenitor feminino pola súa boa graneirada. Tanto nunha coma noutra leira, as flores masculinas novas arríncanse da parte superior da casta feminina consonte queren florecer. Así, todo o pole que transporte o ar ata a ringleira feminina será orixinario da masculina e tódalas plantas da ringleira feminina darán semente híbrida, AB nunha leira e CD na outra parcela.

No ano seguinte, estes millos híbridos seméntanse xuntos en aliñamentos alternativos e a maior escala. Repítese a operación de separar as flores masculinas dunha delas e a semente resultante será híbrida das catro liñas. As variedades híbridas así conseguidas non se reproducirán a si mesmas, polo que hai que facerse con sementes tódolos anos.

Usos[editar | editar a fonte]

"Tamales mexicanos"

O millo é basicamente utilizado na alimentación, sexa en forma direta (consumo humano directo), ou indirecta (na alimentación de animais).

No mapa inferior móstrase a taxa de consumo de millo per cápita a nivel mundial; como se ve no mapa México, Guatemala, El Salvador, e os países do Sur de África, encabezan a lista dos principais consumidores de maínzo.[2]

Taxa de consumo per capita de millo:

██ máis de 100 kg/ano

██ de 50 a 99 kg/ano

██ de 19 a 49 kg/ano

██ de 6 a 18 kg/ano

██ 5 ou menos kg/ano

Uso na alimentación humana directa[editar | editar a fonte]

Nos Estados Unidos, o uso do millo na alimentación humana directa é relativamente pequeno -aínda que haxa grande produción de cereais matinais como flocos de cereais ou corn flakes e xarope de millo, utilizado como adozante. No México o seu uso é moi importante, sendo a base da alimentación da poboación (é o ingrediente principal das tortillas, e outros pratos da culinaria mexicana).

De acordo coa Embrapa, no Brasil só o 5% do millo producido se destina ao consumo directo humano. No Brasil, é a materia-prima principal de varios pratos da culinaria típica brasileira como canxica, cuscuz, polenta, angu, mingaus, cremes, entre outros como bolos, pipoca ou simplemente millo cocido.

Véxase tamén artigo millo doce.

Usos alternativos[editar | editar a fonte]

O uso primario do millo nos Estados Unidos e no Canadá) é na alimentación para animais. O Brasil ten situación parecida: o 65% do millo é utilizado na alimentación animal, e 11% é consumido pola industria, para diversos fins.

O seu uso industrial non se restrinxe á industria alimenticia. É largamente utilizado na produción de elementos espesantes e colantes (para diversos fins) e na produción de óleos e de etanol. O etanol é utilizado como aditivo na gasolina, para aumentar a octanaxe.

Algunhas formas da planta son ocasionalmente cultivadas na xardinaría. Para este propósito, son usadas especies con follas de cores e formas variadas, así como especies con espigas de cores vibrantes.

Pesquisas xenéticas[editar | editar a fonte]

O millo é a especie vexetal máis utilizado para investigacións xenéticas. En 1940, Barbara McClintock gañou o Premio Nobel de Medicina pola súa descoberta de transposons, mentres estudaba o millo.

A produción de millo é unha das máis difundidas entre as de alimentos transxénicos, en parte por que o seu consumo é basicamente para razón animal, onde a resistencia do consumidor é menor.

Algunhas variedades exóticas de millo son cultivadas soamente para adicionar diversidade xenética durante procesos de selección de novas sementes para uso doméstico -inclusive millo transxénico-.

Variedades especiais[editar | editar a fonte]

Millo branco[editar | editar a fonte]

Unha das variedades máis difundidas no Brasil é o Millo branco. Ten como principais finalidades a produción de canxica, grans e silo.

A planta ten altura próxima de 2,20 metros, sendo que a espiga nace a 1,10 metro do solo. A espiga é grande, cilíndrica e presenta alta compensación. O espiga é fina. Os grans son brancos, profundos, pesados e de textura media. O colmo ten alta resistencia física e boa sanidade. A raíz ten boa fixación.

A planta é especialmente resistente ás principais doenzas foliares do millo, en diferentes altitudes e épocas de plantación. Poden ser collidas até dúas colleitas de millo branco por ano.

Nalgunhas épocas e rexións do Brasil, a cotación da saca de millo branco pode ser até 50% superior á do millo tradicional. O auxe da demanda ocorre no período inmediatamente anterior á Coresma, pois a canxica é un prato típico destas festas.

No Brasil, o millo branco é bastante difundido nos estados do Paraná e São Paulo, mais hai tamén plantacións isoladas nos estados de Santa Catarina, Minas Xerais e Mato Groso. Entre os principais municipios produtores están Londrina, Iratí e Pato Branco no Paraná, e Tatuí e Itapetininga en Sao Paulo.

Nos Estados Unidos, a produción de millo branco en 2004 correspondía ao 3% do total. Aínda que aínda minoritario, o millo branco ten gaño espazo no mercado nos últimos anos, e a área plantada ten reflectido o aumento na demanda. Un dos motivos é que o mercado recoñece que aínda non existen variedades transxénicas de millo branco, o que automaticamente aumenta o seu valor de mercado.

Millo transxénico[editar | editar a fonte]

A variedade transxénica máis coñecida é desenvolvida pola Monsanto, e é coñecida como RR GA21 (tolerante ao herbicida glifosato). Esta variedade é utilizada extensivamente nos Estados Unidos.

Variedades de millo

Outras empresas que tamén realizan millo trasxénico inclúen a Syngenta e a DuPont. En 1999, a Novartis foi a primeira empresa en recibir autorización do goberno brasileiro para realizar probas no país co millo transxénico BT, resistente a insectos.

Segundo os produtores de sementes, o millo transxénico trae un aumento medio do 8% na produtividade. Nos EUA, máis de 70% do millo plantado é transxénico. A produción de variedades transxénicas na Arxentina e no Brasil é crecente, aínda que nin sempre a práctica do cultivo desas variedades sexa legal.

Hai tamén relatos de millo transxénico en Honduras (terra de orixe do millo), onde variedades transxénicas "contaminaron" as variedades locais. No México, o millo transxénico tamén enfrenta seria oposición gobernamental: en 1998, foi prohibida a experimentación, o cultivo e a importación de millo transxénico.

O millo é un exemplo da manipulación de especies polo ser humano, sendo utilizado tanto polos defensores canto polos opositores dos transxénicos. O millo cultivado polos indios mal lembra o millo actual: as espigas eran pequenas, faltando cheas de grans, e boa parte da produción era perdida por doenzas e pragas. A través do melloramento xenético, o millo atinxiu a súa forma actual.

Os defensores dos transxénicos utilizan este exemplo para dicir que a manipulación das características xenéticas de vexetais non é novidade, e xa foi feita anteriormente, con moito menos control do que actualmente. Os opositores dos transxénicos utilizan o mesmo exemplo para defender que hai alternativas para a manipulación directa dos xens de especies vexetais, técnica á cal se opoñen.

Non sempre as remesas de millo importado dos Estados Unidos chegan aos países da América Latina sen etiqueta indicando iso aos consumidores. A pesar diso, pesquisas mexicanas indican que a contaminación do millo nativo pode ter sido causada pola polinización accidental, que talvez teña ocorrido tamén noutros países. Así ten acontecido mesmo en Europa, pois o pole do millo transxénico é transportado a grandes distancias polo vento.

En relatorio recentemente divulgado, notificouse que determinado tipo de millo transxénico (o MON 863) causou problemas en ratos (alteracións no sangue e riles).

Nomes vernáculos[editar | editar a fonte]

  • Catalán: Blat d'indi, blat de moro, moresc, panís, millot, mainzo;
  • Español: Maíz, Boroña, Danza, Mijo, Millo, Panizo, Zara, Choclo, Mazorca, Jojoto;
  • Éuscaro: Arto, mileka, panizu;
  • Francés: Maïs, blé d'Inde, gaude;
  • Galego: Millo, maínzo, milleiro, millo graúdo, millo americano;
  • Portugués: Milho, milhão, milho de Turquía, milho-grosso, milho-maês, milhao;
  • Guaraní: Abatí;
  • Quechua: Sara;

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A planta tamén se pode denominar milleiro pero nunca os grans. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para millo.
  2. According to 2000 CIMMYT World Maize Facts and Trends. (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]