Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos é un tratado multilateral, adoptado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas mediante a Resolución 2200A (XXI), de 16 de decembro de 1966. Entrou en vigor o 23 de marzo de 1976.

Foi adoptado ao mesmo tempo que o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e faise referencia a ambos co nome de Pactos Internacionais de Dereitos Humanos ou Pactos de Nova York. Á súa vez, estes, xunto coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, comprenden o que algúns chamaron Carta Internacional de Dereitos Humanos.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos comprende un Preámbulo e seis partes:

  • Parte I (artigo 1). Dereito de libre determinación dos pobos.
  • Parte II (artigos 2 a 5). Disposicións transversais sobre o alcance dos dereitos humanos e as obrigacións dos Estados.
  • Parte III (artigos 6 a 27). Dereitos recoñecidos.
  • Parte IV (artigos 28 a 45). Creación do Comité de Dereitos Humanos.
  • Parte V (artigos 46 e 47). Cláusulas interpretativas.
  • Parte VI (artigos 48 a 53). Disposicións xerais.

Dereitos recoñecidos[editar | editar a fonte]

En virtude do artigo 2, os Estados partes no Pacto asumen a obrigación, respecto de toda persoa no seu territorio ou baixo a súa xurisdición, de respectar e garantir os dereitos humanos recoñecidos. Isto implica que deben absterse de violar estes dereitos ("respectar"), pero tamén adoptar medidas positivas para que os dereitos sexan efectivos ("garantir"). De acordo co artigo 3, deben pór a disposición de toda persoa vítima dunha violación un recurso imparcial e efectivo para a súa defensa.

Os dereitos deben garantirse "sin distinción alguna de raza, color, sexo, idioma, religión, opinión política o de otra índole, origen nacional o social, posición económica, nacimiento o cualquier otra condición social".

Os dereitos só son susceptíbeis de restrición por lei e nos casos en que así se indique. Ademais, algúns dereitos poden suspenderse en situacións excepcionais por un período limitado, debéndose informar diso aos Estados partes no Pacto a través do Secretario Xeral de Nacións Unidas.

O artigo 5, por outra banda, prohibe o abuso do dereito, así como a restrición dun dereito por estar recollido cun alcance menor no Pacto que no Dereito interno.

A seguinte táboa recolle os dereitos plasmados en cada artigo do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, así como cales son susceptíbeis de limitación ou suspensión.

Artigo Dereito recoñecido Limitación Suspensión
Art. 6 e Protocolo segundo Dereito á vida e limitacións á pena de morte Non Non
Art. 7 Prohibición da tortura e penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes Non Non
Art. 8 Prohibición da escravitude, a servidume e os traballos forzados Non Só 8.3
Arts. 9 e 10 Dereito á liberdade e a seguridade. Garantías para detidos e presos Non Si
Art. 11 Prohibición de prisión por débedas Non Non
Art. 12 Liberdade de circulación Si Si
Art. 13 Garantías na expulsión de estranxeiros Non Si
Art. 14 Garantías xudiciais Non Si
Art. 15 Principio de legalidade penal e irretroactividade das normas Non Non
Art. 16 Dereito á personalidade xurídica Non Non
Art. 17 Dereito á vida privada e de familia Non Si
Art. 18 Liberdade de pensamento, conciencia e relixión Só 18.3 Non
Art. 19 Liberdade de expresión Si Si
Art. 20 Prohibición da propaganda en favor da guerra Non Si
Art. 21 Dereito de reunión Si Si
Art. 22 Dereito de asociación Si Si
Art. 23 Dereito a contraer matrimonio Non Si
Art. 24 Dereitos do neno a unha protección específica, ao nome e á nacionalidade Non Si
Art. 25 Dereitos de participación política Non Si
Art. 26 Igualdade ante a lei e prohibición da discriminación Non Si
Art. 27 Dereito das minorías a preservar a súa cultura, relixión e idioma Non Si

O Comité de Dereitos Humanos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Comité de Dereitos Humanos.

O Comité é un órgano convencional formado por 18 expertos independentes elixidos por un período de catro anos. A súa finalidade é controlar o cumprimento do Pacto polos Estados, a través dos seguintes mecanismos:

  • Un sistema de informes periódicos.
  • Reclamacións interestatais, polas que o Comité estuda unha a unha as alegacións dun Estado sobre o incumprimento doutro.
  • Queixas individuais, polas que persoas que se consideran vítimas de violacións de dereitos poden alegalo ante o Comité.

A presentación de informes periódicos é obrigatoria para os Estados partes no Pacto, pero a aceptación dos sistemas de reclamacións interestatais ou queixas individuais é voluntaria.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carrillo Salcedo, J.A. (2001). Soberanía de los Estados y Derechos Humanos en Derecho internacional contemporáneo.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]