Bosnia e Hercegovina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bosna i Hercegovina
Босна и Херцеговина


Bosnia e Hercegovina
Bandeira de Bosnia e Hercegovina Escudo de Bosnia e Hercegovina
Bandeira Escudo
Himno nacional: Intermeco
 
Europe-Bosnia and Herzegovina.svg
 
Capital
 • Poboación
Saraxevo
297.416 (2006)
Cidade máis poboada Saraxevo
Linguas oficiais
Bosníaco, serbocroata, croata
Forma de goberno República federal
Xefes de estado
Membro bosníaco
Membro serbio
Membro croata
Presidencia colexiada
Bakir Izetbegović
Nebojša Radmanović
Željko Komšić
Independencia
 • Data
De Iugoslavia
5 de abril de 1992
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 124º
51.129 km²
12
1.459 km
22 km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 120º
4.613.414 (est. 2009)
90,2 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total (2008)
 • PIB per cápita

US$ 55.469 mill.
US$ 7.235
PIB (PPA)
 • Total (2008)
 • PIB per cápita

US$ 30.441 millóns
US$ 11.489
IDH (2007) 0,803 (66º) – Alto
Moeda Marco convertible (BAM)
Xentilicio Bosníaco, hercegovino
Fuso horario
 • en verán
CET (UTC+1)
CEST (UTC+2)
Dominio de Internet .ba
Prefixo telefónico +387
Prefixo radiofónico T9A-T9Z
Código ISO 070 / BIH / BA
Membro de: ONU, OSCE, COE
Tódolos países do mundo

Bosnia e Hercegovina (en bosníaco, croata e serbio latino: Bosna i Hercegovina, en cirílico: Босна и Херцеговина) é unha república federal dos Balcáns, que limita ao norte, oeste e sur con Croacia, ao leste con Serbia, e ao sueste con Montenegro, dispoñendo aínda dunha minúscula extensión de litoral, no Mar Adriático.

O poboación do país está composta por tres "pobos constituíntes" diferenciados, os bosníacos, o maior dos tres, en segundo lugar os serbios e finalmente os croatas. A distinción entre bosníaco e hercegovino é considerada simplemente rexional e, en ningún momento, unha distinción étnica. O país está politicamente descentralizado e consta de dúas entidades de goberno principais, a Federación de Bosnia e Hercegovina e a República Serbia, sendo o pequeno Distrito de Brčko unha terceira entidade de facto.

Antigamente foi unha das seis unidades federais que constituían a República Federal Socialista de Iugoslavia, obtendo a súa independencia durante as guerras iugoslavas da década de 1990. O estado podo ser descrito como unha república democrática federal, sendo un dos candidatos potenciais para ser membro nun futuro da Unión Europea e da OTAN.

Historia[editar | editar a fonte]

Ponte de Mostar
Bosnia-Hercegovina no século XVII, dentro do Imperio Otomán

Densamente poboada durante o neolítico, a rexión da Bosnia e Hercegovina estivo habitada dende o século IV a.C. polos ilirios. No século III a.C., o Imperio Romano incluíu este territorio como parte da provincia da Iliria. Eslavizada dende o século VII, formou parte do Imperio Bizantino. A primeira vez que se empregou o nome Bosníaca foi en 950, nun libro chamado De administrando imperio do emperador bizantino Constantino VII no que se consigna a Bosnia como parte do territorio dunha incipiente Croacia (o actual territorio de Bosnia era coñecido como a Croacia Vermella). No século XII fórmase un reino de Bosnia, que permanece independente ata 1463, cando é anexionada ao Imperio Otomán por Mehmet II.

Coa chegada dos otománs, remata a idade media en Bosnia. A maioría dos habitantes aceptan o islam como nova relixión, que ata hoxe segue sendo un factor social moi importante na Bosnia-Hercegovina. A maior parte do patrimonio cultural da Bosnia, como a ponte de Mostar, proveñen dese período. Ata 1878 o país permaneceu baixo dominio turco, coa excepción do período comprendido entre 1718 e 1739, en que estivo baixo control austríaco. No século XIX creceu a inimizade entre o sultán e o pobo, alentada polo triunfo nacionalista na veciña Serbia. A represión de Abdulhamit II das revoltas de 1875 provocarían a intervención rusa, que declarou a guerra ao Imperio Otomán en 1877. Rematado o conflito, o Congreso de Berlín outorga en 1878 a administración do país ao Imperio Austrohúngaro, que en 1908 a anexionaría, formando parte deste ata a súa disolución en 1918, tralo final da Primeira Guerra Mundial, que se iniciou co asasinato do arquiduque Francisco Fernando e a súa dona en Saraxevo (véxase Atentado de Saraxevo).

Trala finalización da contenda integraríase no Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, que en 1929 adoptou o nome de Iugoslavia. Durante a Segunda Guerra Mundial, entre 1941 e 1944, o territorio foi anexionado polo estado fascista croata. Con todo, derrotado o Eixo, volveu formar parte da Iugoslavia como unha das seis repúblicas constituíntes da República Federal Socialista de Iugoslavia. En 1992 proclamou a súa independencia tralo referendo do 1 de marzo de 1992.

Os bosníacos (maioritariamente musulmáns) e os bosnio-croatas (a maioría católicos) de Bosnia e Hercegovina apoiaron a independencia, máis a maioría dos serbo-bosníacos (principalmente ortodoxos), o que supoñía un 30% da poboación e apoiados polo resto dos serbios da ex-Iugoslavia, opuxéronse e comezaron a que se coñeceu como a Guerra de Bosnia nun intento de creación dunha Gran Serbia. Nos primeiros anos desa guerra os serbios ocuparon un 70% do territorio bosníaco de xeito violento, realizando unha limpeza étnica. A guerra rematou coa Batalla de Bosnia Occidental e a derrota do exército serbo-bosníaco, que inmediatamente despois accedeu a que Slobodan Milošević asinase no seu nome os acordos de Dayton o 21 de novembro do 1995. O prezo da guerra foi enorme: 250.000 mortos e máis de 2,5 millóns de refuxiados.

Actualmente Bosnia e Hercegovina é un país encamiñado cara a súa unificación administrativa aínda que con grandes inestabilidades provocadas polos ultra-nacionalistas serbo-bosníacos. De momento segue sendo un crebacabezas territorial con diversos corpos de policía, poderes xudiciais separados, e asembleas distintas onde os partidos nacionalistas de cada unha das comunidades étnicas seguen conservando o poder, obstaculizando o seu acceso á Unión Europea.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Monte Cincar

Bosnia atópase ao oeste dos Balcáns, facendo fronteira con Croacia (932 km) ao norte e ao sudoeste, Serbia (302 km) ao leste, e Montenegro (225 km) ao sueste. O país é principalmente montañoso, abarcando o centro dos Alpes Dináricos e tan só ten vinte e dous quilómetros de costa ao redor da cidade de Neum, ao sur do Estado. Aínda que a cidade está rodeada por penínsulas croatas, mais pola lei das Nacións Unidas Bosnia ten un dereito a un paso até o mar exterior, ademais Neum ten moitos hoteis e é un importante destino turístico.

O nome do país provén de dúas rexións Bosnia e Hercegovina, que teñen unha fronteira moi pouco definida entre elas. Bosnia ocupa as zonas do norte, que son aproximadamente catro quintas partes de todo o país, mentres que Hercegovina ocupa o resto na parte sur do país. As cidades principais son a capital Saraxevo, Banja Luka, Bijeljina e Tuzla ao nordés, Zenica e Doboj na parte central de Bosnia e Mostar, a capital da Hercegovina.

Río Bosna, coa "pirámide" en Visoko.

A parte sur de Bosnia ten clima mediterráneo e unha gran cantidade de terreo agrario. A parte central é a parte máis montañosa, ao igual que e a oriental, onde se levaron a cabo os Xogos Olímpicos de Inverno de 1984. Bosnia oriental é moi boscosa ao longo do río Drina, e en xeral preto do 50% do país está cuberto de bosques.

Hai sete grandes ríos en Bosnia e Herzegovina:

  • O Sava, o río máis grande do país, que constitúe parte da fronteira natural con Croacia.
  • O Una, Sana e Vrbas, afluentes á marxe dereita do río Sava. Están situados na rexión de Bosanska Krajina.
  • O Bosna, río que deu o seu nome ao país, sendo ademais o máis longo contido dentro do territorio. Esténdese a través de Bosnia central, desde a súa orixe preto de Saraxevo até Sava ao norte.
  • O Drina, que flúe a través da parte oriental de Bosnia, formando na súa meirande parte unha fronteira natural con Serbia.
  • O Neretva, é o río principal de Hercegovina e o único gran río que flúe cara ao sur, ao Mar Adriático.

Política e goberno[editar | editar a fonte]

Mapa coas entidades e os municipios.

Bosnia e Hercegovina ten varios niveis de estruturación política baixo o nivel de goberno federal. A división de máis importancia é a división entre a República Serbia e a Federación de Bosnia e Hercegovina. A Federación de Bosnia e Hercegovina abarca o 51% da superficie total, mentres que a República Serbia cobre ao redor do 49%. As entidades, baseadas principalmente nos territorios ocupados polas dúas partes belixerantes no momento, estabelecéronse formalmente a partir do acordo de paz de Dayton en 1995 debido aos tremendos cambios na estrutura étnica de Bosnia e Hercegovina, con todo, dende 1996 o poder das entidades en relación ao goberno federal diminuíu considerablemente, aínda que seguen mantendo numerosas competencias. O distrito de Brčko ao norte do país foi creado no ano 2000, nun territorio pertencente ás dúas entidades. Oficialmente, pertence a ambas, mais non se rexe por ningunha delas, funcionando baixo un sistema descentralizado de goberno local. O distrito de Brčko foi eloxiado polo mantemento dunha poboación multiétnica e un nivel de prosperidade moi por encima da media nacional.[1]

O seguinte nivel de subdivisión política de Bosnia e Hercegovina son os cantóns, aínda que só se atopan na Federación de Bosnia e Hercegovina, sendo en total dez deles. Tódolos teñen o seu propio goberno cantonal, que está baixo a lei da Federación no seu conxunto. Algúns cantóns son étnicamente mixtos e teñen leis especiais aplicadas para garantir a igualdade de tódolos pobos que a compoñen.

Edificio do Parlamento de Bosnia.

Despois do nivel dos cantóns están os concellos. A Federación de Bosnia e Hercegovina está dividida en setenta e catro municipios, e a República Serbia en sesenta e tres. Os municipios tamén teñen o seu propio goberno local, normalmente con sede na cidade máis importante do seu territorio. Como tal, moitos municipios teñen unha longa tradición e historia coas súas fronteiras actuais. Algúns outros, con todo, só foron creados como consecuencia da recente guerra despois de que algúns dos municipios tradicionais foran divididos durante as guerras iugoslavas. Ademais das entidades, os cantóns e as municipalidades, Bosnia e Hercegovina tamén ten catro cidades oficiais, Banja Luka, Mostar, Saraxevo, e Saraxevo Oriental. O territorio e o goberno das cidades de Banja Luka e Mostar corresponde aos municipios do mesmo nome, mentres que as cidades de Saraxevo e Saraxevo Oriental oficialmente constan de varios municipios.

Como resultado dos Acordos de Dayton, a aplicación da paz civil é supervisada polo Alto Representante para Bosnia e Hercegovina, seleccionado polo Consello de Aplicación da Paz. O Alto Representante ten moitos poderes executivos e lexislativos, incluíndo o despedimento de funcionarios electos e non electos. Máis recentemente foron estabelecidas varias institucións centrais (como o Ministerio de Defensa, o Ministerio de Seguridade, o Tribunal do Estado, etc) no proceso de transferencia de parte da xurisdición das entidades do estado.

A Presidencia de Bosnia e Hercegovina rota entre tres membros (un bosníaco, un serbio e un croata), cada un exerce como Presidente durante un prazo de oito meses dentro do seu mandato de catro anos como membro. O tres membros da presidencia son elixidos directamente polo pobo (o croata e o bosníaco pola Federación e o serbio pola República Serbia). A Asemblea Parlamentaria representa ó poder lexislativo de Bosnia e Hercegovina. Consta de dúas cámaras: a Casa dos Pobos e a Casa de Representantes. A Casa dos Pobos conta con quince delegados, cinco da República Serbia e dez da Federación de Bosnia e Hercegovina, dos cales cinco son bosníacos e cinco croatas. A Casa de Representantes conta á súa vez con catorce membros da República Serbia e vinte e oito membros da Federación (catorce bosníacos e catorce croatas).

Divisións administrativas[editar | editar a fonte]

Bandeira Escudo Nome Capital Poboación Área[2] Densidade[3] № munic. Linguas oficiais Etnias
Bandeira da Federación de Bosnia e Hercegovina
Escudo da Federación de Bosnia e Hercegovina
Federación de Bosnia e Hercegovina Saraxevo 2.852.732 26.110 117 74 Bosníaco, croata, serbio Bosníacos e croatas
Bandeira da República Serbia
Escudo da República Serbia
República Serbia Banja Luka[4] 1.439.673 24.857 58 63 Serbio, bosníaco, croata Serbios
Bandeira
Escudo
Distrito de Brčko[5] Brčko 78.863 493 160 1 Bosníaco, croata, serbio -

Relacións internacionais[editar | editar a fonte]

A integración dentro da Unión Europea é un dos principais obxectivos políticos de Bosnia e Hercegovina, iniciando o Proceso de Estabilización e Asociación en 2007, proceso no que os países participantes teñen a posibilidade de converterse, unha vez que se cumpren as condicións necesarias, os Estados membros. Bosnia e Hercegovina é por tanto un país candidato potencial á adhesión.[6] A aplicación dos Acordos de Dayton de 1995, centraron os esforzos dos políticos en Bosnia e Herzegovina, así como da comunidade internacional, na estabilización rexional dos países sucesores da ex-Iugoslavia. En Bosnia e Hercegovina, as relacións cos seus veciños Croacia, Montenegro e Serbia foron bastante estables dende a sinatura do acordo.

Economía[editar | editar a fonte]

Na actualidade a República da Bosnia e Hercegovina é unha das ex-repúblicas máis pobres da antiga Iugoslavia debido entre outras cousas á Guerra de Bosnia (1992-1995). Durante os anos da guerra, a economía sufriu un grande retroceso subsistindo a maior parte da poboación grazas á axuda humanitaria do exterior. Ao deterioro da economía uniuse o bloqueo económico por parte de países veciños como Serbia e Croacia. En 1991, un ano antes da guerra, en plena crise económica, e coa ex-Iugoslavia a medio desintegrar (Eslovenia e Croacia xa se atopaban fóra da federación), o produto interior bruto era de 14.000 millóns de dólares, máis esta taxa decreceu un 37% dende entón.

Bosnia enfróntase ao dobre problema da reconstrución dun país devastado pola guerra e a introdución das reformas de mercado na súa antiga economía de planificación centralizada. Durante a maior parte da historia de Bosnia, a agricultura baseouse en pequenas e ineficientes granxas de propiedade privada e a comida foi tradicionalmente unha importación neta da República. A guerra na década de 1990 provocou un cambio dramático na economía de Bosnia. O PIB caeu 75% e a destrución da infraestrutura física devastou a economía.

Aínda que gran parte da capacidade de produción foi restaurada, a economía de Bosnia aínda se enfronta a dificultades considerables, as cifras mostran que o PIB e o ingreso per cápita aumentou un 10% entre 2003 e 2004 e a diminución da débeda pública ten tendencias positivas, mais o alto desemprego e un gran déficit comercial seguen sendo causa de preocupación.

Bosnia e Hercegovina ten un dos mellores coeficientes de igualdade de ingresos do mundo, este coeficiente representa a repartición dos ingresos e o consumo entre a poboación, sendo 0 que están repartidos por igual entre tódolos habitantes e 1 o hipotético caso no que toda a riqueza a posuirá unha soa persoa. Cun valor de 0,262 ocupa o oitavo posto do ranking de 193 nacións.

Moeda[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Marco convertible.
Mostar

O marco convertible bosníaco (en bosníaco: konvertibilna marka, BAM) é a unidade monetaria da república. Divídese en 100 pfennig e a súa paridade co euro é de 0,51129 EUR por 1 BAM (é dicir 1 EUR = 1,95583 BAM), a mesma que se fixou co antigo marco alemán coa aparición do euro. Na actualidade existen en circulación moedas de 5, 10, 20 e 50 pfennig, e de 1, 2 e 5 marcos; así como billetes de 1, 2, 5, 10, 20, 50, 100 e 200 marcos. Salvo o billete de 200 marcos, os demais presentan dous modelos, un para a Federación de Bosnia e Hercegovina e outro para a Republika Srpska.

Telecomunicacións[editar | editar a fonte]

O mercado de comunicación bosníaco foi totalmente liberalizado en xaneiro de 2006. Hai tres provedores de telefonía fixa, aínda que cada un serve de xeito predominante a unha rexión en particular. A penetración de Internet está a aumentar, cos servizos de banda ancha, incluíndo acceso a Internet por cable e ADSL aumentando en popularidade. Os servizos de telefonía móbil son prestados por tres operadores a nivel nacional, estes servizos inclúen os de alta velocidade EDGE e 3G.

Turismo[editar | editar a fonte]

Bihać

Segundo unha estimación da Organización Mundial do Turismo, Bosnia e Hercegovina terá a terceira taxa de crecemento de turismo máis alta no mundo entre 1995 e 2020.[7]

Ademais Lonely Planet, no ranking das mellores cidades do mundo, clasificou a Saraxevo, o capital do país e anfitrioa dos Xogos Olímpicos de Inverno de 1984, como a número 43, por diante doutras cidades dos Balcáns como Dubrovnik no 59, Ljubljana no 84, Belgrado no 113 ou Zagreb no 135.[8] O turismo de Saraxevo está principalmente centrado en monumentos históricos, relixiosos e aspectos culturais. Bosnia converteuse tamén nun destino de esquí cada vez máis popular e nun destino do ecoturismo.

Bosnia e Hercegovina é ademais unha das últimas rexións sen descubrir dos Alpes do Sur, con amplas extensións de natureza salvaxe e virxe, que atraen aventureiros e amantes da natureza. Ademais os centrais Alpes Dináricos son favorables para os excursionistas e paseantes, xa que se poden atopar climas tanto mediterráneo como alpino. O rafting é algo parecido a un deporte nacional practicado en tres ríos, entre os que se atopa o que ten canón do río máis profundo de Europa, o río Tara.

As principais atracción turísticas do país son Saraxevo, cidade olímpica e histórica, Banja Luka, a "Cidade Verde" e das artes, Bihać co río Una e ás súas fervenzas, Doboj cunha fortaleza do século XIII, a cidade histórica de Počitelj, a coñecida cidade de Mostar coa súa ponte, a cidade costeira de Neum, Visoko onde se atopan as "pirámides" naturais bosníacas, Tešanj unha das cidades máis antigas de Bosnia ou Tuzla a "cidade do amor".

Demografía[editar | editar a fonte]

Composición étnica de Bosnia e Hercegovina
bosníacos
  
43.7%
serbios
  
31.3%
croatas
  
17.2%
iugoslavos
  
5.5%
outros
  
2.3%
Composición étnica de Bosnia e Hercegovina no 2005

Bosnia é o fogar de tres etnias ou "pobos constituíntes", os bosníacos, os serbios e os croatas. As tensións entre os tres pobos seguen a ser elevados e con frecuencia causa de desacordos políticos. Con todo, un estudo de haplogrupos do cromosoma Y publicado en 2005 atopou que "os tres grupos principais de Bosnia e Hercegovina, a pesar dalgunhas diferenzas cuantitativas, comparten unha gran parte do mesmo acervo xenético distintivo da área dos Balcáns".[9]

Os continuos desprazamentos de poboacións durante as guerras dos Balcáns na década de 1990 provocaron drásticos cambios na distribución da poboación. O último dato oficial data do censo iugoslavo de 1991, dende aquela desacordos políticos fixeron imposible a organización de un, con todo está planeada a realización dun novo censo en 2011. Así pois case a totalidade dos datos demográficos de despois da guerra son estimacións, porén a maioría das fontes estiman que a poboación ten diminuído en 350.000 habitantes dende ese ano. Segundo o último censo a poboación de Bosnia e Hercegovina era de 4.354.911, etnicamente dividida en:

  • Bosníacos:
    • 1.902.956 persoas.
    • 43% da poboación.
  • Serbios
    • 1.366.104 persoas.
    • 31,3% da poboación.
  • Croatas
    • 760.852 persoas.
    • 17,3% da poboación.
  • Autodenominados iugoslavos
    • 242.682 persoas
    • 5,5% da poboación.

No país existe ademais unha forte correlación entre o grupo étnico e a relixión xa que o 88% dos croatas son católicos, o 90% dos bosníacos musulmáns e o 93% dos serbios cristiáns ortodoxos. As tensións entre as tres etnias son o principal problema político no país, xa que as tres minorías teñen practicamente o mesmo poder: os bosníacos son os máis numerosos, os serbios teñen unha entidade política de seu e os croatas a pesares de non estar politicamente á marxe, teñen o poder económico. A estimación da poboación para xullo de 2009 é de 4.613.414 habitantes.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bosnia e Hercegovina