Alfabetización
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A alfabetización é a habilidade de usar texto para comunicarse a través do espazo e o tempo. Redúcese con frecuencia á habilidade de ler e escribir, ou ás veces, só á de ler. Os estándares para os que se constitúen os niveis de alfabetización varían entre as diferentes sociedades. Algunhas outras destrezas coma a informática ou as nocións elementais de cálculo aritmético básicas tamén se poden incluír.
O alfabetismo, ou máis ben o seu contrario, o analfabetismo, serve como indicador da cultura dun país; é un factor máis a ter en conta en canto ao grao de desenvolvemento. Mídese o número de persoas adultas que non lograron os niveis mínimos de alfabetización. Esta cifra incide na capacidade de producir riqueza, en acceso a novas oportunidades e na igualdade social.
Alfabetizar considérase o primeiro nivel da educación de adultos e equivale ós primeiros cursos de educación primaria.
Hai grandes diferenzas entre o número de analfabetos nos países desenvolvidos e os denominados do "terceiro mundo", e nestes, tamén entre homes e mulleres (que a cotío teñen menos acceso ó ensino). Calcúlase que no ano 2000 había uns 90 millóns de persoas analfabetas, segundo a UNESCO. A opacidade dos datos de determinados gobernos non axuda á detección e solución do problema. Os países do antigo bloque soviético son os que máis esforzos fixeron neste campo.
Determinados técnicos educativos diferencian entre analfabetismo e analfabetismo funcional ou suxeitos iletrados. Unha persoa iletrada pode entender unha mensaxe sinxela, a súa pero o seu mecanismo lector non é capaz de discriminar idea principal e ideas secundarias e non sabe usar os conceptos que le (carencia de vocabulario). O iletrismo é moito máis difícil de medir e afecta tamén zonas do mundo desenvolvidas. Está moi relacionado coa calidade da educación.
O Día Internacional da Alfabetización celébrase o 8 de setembro.
[editar] Tendencias en alfabetización
A tendencia tradicional parte do recoñecemento das letras e, asociando cada fonema e a súa grafía, chegar a descifrar as palabras e as frases. É o método usual das escolas cos nenos.
Outros expertos, con todo, opinan que con adultos é mellor usar palabras significativas para estimulalos, posto que a capacidade de aprendizaxe adoita ser menor que cos nenos. Con frecuencia as palabras apóianse en obxectos reais ou ilustracións para aclarar o seu significado. O coñecemento da contorna, que é moito máis grande que o dos nenos, axuda a adiantar máis rapidamente. Estes métodos son denominados métodos globais, visuais ou analíticos.
Un problema engadido é cando o alumno descoñece o idioma e provén doutra cultura, como pasa co fenómeno da inmigración. Neste caso é aconsellable o axudar a correlacionar aquilo aprendido coa lingua de orixe.
[editar] Alfabetización dixital
O novo reto que se nos expón en canto ó alfabetismo é o descoñecemento das novas tecnoloxías da comunicación por parte de grandes sectores da poboación. É o que tamén se coñece como fractura ou brecha dixital.
No mundo académico existe un antigo debate sobre que é e en que debe consistir a alfabetización dixital. Non existe un claro acordo sobre como debemos chamar ó proceso de achegamento dos cidadáns ás tecnoloxías da información e o coñecemento: Alfabetización dixital, informacional, computacional, tecnolóxica, electrónica, etc., son algúns dos termos que se barallan e cada autor introduce matices característicos para diferenciar uns doutros.
Xa que logo, podemos entender por Alfabetización Dixital o proceso de adquisición dos coñecementos necesarios para coñecer e utilizar adecuadamente as infotecnoloxías e poder responder criticamente ós estímulos e esixencias dunha contorna informacional cada vez máis complexa, con variedade e multiplicidade de fontes, medios de comunicación e servizos.
En definitiva, estar alfabetizado dixitalmente sería posuír a capacitación imprescindible para sobrevivir na Sociedade da Información e poder actuar criticamente sobre ela. Trátase de atender ós fins últimos da educación como ferramenta de transformación social.
Por todo iso, fiap [1] aposta por un modelo de alfabetización dixital multidimensional, activo e dinámico, cun transfondo ético-político fundamental, que vai moito máis alá da simple adquisición de destrezas para utilizar o computador ou acceder á Rede e que, polo tanto, transcende amplamente o campo da informática. Un concepto que require habilidades e coñecementos, pero tamén concienciación e actitudes críticas. Nese sentido, achégase ó concepto de "alfabetización informacional", entendida como a capacidade para acceder e usar de modo reflexivo, crítico e intencional a información.

