Arquitectura gótica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catedral de Notre-Dame de París, unha das catedrais góticas máis senlleiras.

A arquitectura gótica é o estilo arquitectónico propio da arte gótica, o estilo artístico, comprendido entre o románico e o renacemento, que se desenvolveu na Europa Occidental na Baixa Idade Media, dende finais do século XII até o século XV, aínda que máis aló de Italia continuou até os comezos do século XVI.

O vocábulo «gótico» é o adxectivo correspondente a godo. Foi empregado neste contexto por primeira vez polo tratadista florentino Giorgio Vasari, quen na súa famosa obra de biografías de pintores toscanos, inclúe varios capítulos sobre a arte na Idade Media. Vasari usou este termo en sentido pexorativo para denominar a arquitectura anterior ao Renacemento, propia dos bárbaros ou godos, cuxos compoñentes lle parecían confusos, desordenados e pouco dignos, por contraste á perfección da arte clásica. Na súa época adoitábase denominar como opus francigenum (estilo francés), por referencia á orixe da innovación.

Características[editar | editar a fonte]

A arquitectura gótica puxo especial énfase na lixeireza estrutural e a iluminación das naves do interior dos edificios. Xurdiu do románico, mais rematou opóndose á masividade e a escasa iluminación interior das súas igrexas. Desenvolveuse fundamentalmente na arquitectura relixiosa (mosteiros e igrexas). Tivo o seu cumio na construción de grandes catedrais, aínda que tamén tiveron importancia os edificios civís (palacios, lonxas comerciais, concellos, universidades, hospitais e vivendas da nova burguesía urbana) e militares (castelos e murallas urbanas).

Os dous elementos estruturais básicos da arquitectura gótica son o arco apuntado ou oxival e maila bóveda de crucería.

O medievalismo suscitado polo romanticismo e o nacionalismo do século XIX fixo reelaborar como arquitectura historicista un neogótico que reproducía a linguaxe arquitectónica propia do estilo con formas máis ou menos xenuínas. Neste eido destaca o labor restaurador e reconstrutor do francés Eugène Viollet-lle-Duc.

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

Catedral de Chartres

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Os elementos senlleiros que caracterizan o estilo gótico xa existían con anterioridade ao seu nacemento, tendo en conta que se achan dispersos en edificios de idades anteriores. O arco apuntado foi coñecido polos exipcios, asirios, indios e persas da dinastía sasánida, aínda que o seu uso non era moi corrente. A arquitectura islámica tamén o coñeceu e fixo un amplo uso del. O seu exemplo coñecido máis antigo atópase na Cúpula da Rocha, en Xerusalén, construído entre os anos 687 e 691. Outros exemplos de gran calidade son as mesquitas de Samarra, en Iraq, e Amr, no Exipto, de mediados do século IX.

A bóveda de crucería foi empregada en construcións árabes de Córdoba do século IX e nalgunhas mozárabes do século X. Tamén nas bóvedas romanas dende o primeiro século do Imperio, cando entraban nelas arcos diagonais embebidos. Os arcobotantes atópanse orixinariamente, e de forma rudimentaria, nas bóvedas de cuarto de canón cando serven de contraforte. O principio de diferenciación de elementos activos e pasivos que caracteriza a arquitectura oxival espallouse e foi aplicada polos antigos asirios.

Puido existir unha transmisión destes elementos a través das visitas realizadas polos cruzados a Xerusalén e a través do norte de África para chegar a España e de alí ao resto de Europa. Foi, con todo, a nova relación entre estes elementos a que deu como resultado un novo tipo de edificio cunhas proporcións diferentes, moito máis esvelto que os edificios románicos e con maior luminosidade, no que os muros poden case chegar a desaparecer[1].

Nacemento[editar | editar a fonte]

Un erro mantido até moi avanzado o século XIX foi supor que a arquitectura gótica naceu en Alemaña e era peculiar do xenio xermánico. Os alemáns, fundándose principalmente nos textos renacentistas, avogaban por que o estilo gótico, das grandes catedrais, se orixinou ás beiras do río Rin.

Porén, a arquitectura gótica tivo a súa orixe nas rexións de Normandía e Illa de Francia, desde onde se espallou primeiro a todo o reino de Francia e posteriormente (xa a mediados do século XIII), sobre todo pola extensión da arte cisterciense e as rutas xacobeas, polo Sacro Imperio Romano Xermánico e os reinos cristiáns do norte de Península Ibérica. En Inglaterra penetrou pronto o estilo francés, aínda que adquiriu un forte carácter nacional. A Italia chegou tarde, non tivo moita aceptación e o seu impacto foi moi desigual nas distintas rexións, sendo axiña substituído polo Renacemento.

O estilo gótico naceu como tal no norte de Francia, a principios do século XII, como unha evolución técnica das formas das escolas románicas rexionais, aínda que xa a finais do século XI se construíu en Inglaterra a catedral de Durham, con bóveda de crucería e estrutura gótica. Nos primeiros momentos, no denominado estilo de transición, que se alarga até finais do século XII, séguese mantendo certa forma ou fisionomía románica. Por exemplo, no primeiro gótico mantense unha estrutura de proporcionalidade, base clásica, nas fachadas, propia do románico, que se pode observar na catedral de Nôtre Dame de París, que máis adiante se perderá en beneficio de efectos moito máis verticais. De forma esquemática dise que a arquitectura deste período é unha arquitectura románica con bóvedas e arcos apuntados.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Catedral de Burgos

A comezos do século XIV a arquitectura aumenta a súa esvelteza, tende á estilización, iniciándose a independización da pintura e a escultura. A partir da metade do século XV comeza o denominado gótico tardío, a súa fase máis barroca cunha crecente riqueza decorativa.

En España tivo principio a arte gótica pura nos primeiros anos do século XIII coa nave maior da catedral de Cuenca (ano 1208) e as catedrais de Burgos e de León, ás cales axiña seguiron as de Toledo e Burgo de Osma. Medio século antes desenvolvérase o estilo de transición con carácter verdadeira e propiamente gótico, como o proba, entre outros monumentos, a catedral de Santo Domingo de la Calzada, construída na súa parte esencial entre os anos 1158 e 1180.

Interpretacións sobre as orixes e esencia do gótico[editar | editar a fonte]

A interpretación da arte gótica foi causa de enfrontamentos doutrinais ao longo dos séculos XIX e XX, ademais de ser exposta a grandes transformacións pasando por unha gran variedade de modificación na súa estrutura.

Interpretación da escola alemá[editar | editar a fonte]

Ten como cabeza a Wilhelm Worringer. Trátase dunha interpretación espiritualista, para a que o gótico é a expresión da alma nórdica, en oposición á alma mediterránea ou clásica. Entre os antergos desta liña atópanse os prerrománticos, que se opoñen á predominancia do gusto francés. É significativo, neste contexto, o encontro entre Johann Gottfried Herder e Johann Wolfgang von Goethe ante a Catedral de Estrasburgo en 1770, no que Herder lle fará ver a Goethe o sublime desa arte alemá.

Esta liña de interpretación foi seguida por algúns historiadores do século XX, como Max Dvořák, Wilhelm Pinder e Hans Seldmayr. A concepción xermánica da arte gótica presta atención ás ideas, e non tanto aos medios técnicos para a súa realización. As formas só interesan en relación coa súa significación mental.

Interpretación da escola francesa[editar | editar a fonte]

Ten como cabeza a Viollet-le-Duc. Esta liña foi seguida por relevantes historiadores da Escola de Arquiveiros de París, Quicherat, Félix de Verneiuil e despois Lasteyrie e Enlart, que defenden a teoría funcional. Caracterizouse por pór o acento na técnica, nos procesos de construción e nos seus condicionamentos formais. Determinaron a orixe territorial e técnica do estilo.

Interpretación de Panofsky[editar | editar a fonte]

Erwin Panofsky, na súa obra Arquitectura gótica e pensamento escolástico, establece unha analoxía entre a arquitectura gótica e o sistema de pensamento escolástico. Segundo Panofsky, a catedral gótica trátase dunha summa de saberes, que constitúe un conxunto intelixible, que participa dunha estrutura mental común. Baséase na idea de totalidade.

Edificios góticos[editar | editar a fonte]

Catedral de Durham

Arquitectura relixiosa[editar | editar a fonte]

O edificio onde o gótico acada a súa expresión máis plena é a catedral, na que se reflicte o esforzo e a achega de toda unha cidade. Na súa construción adoitaban colaborar as confrarías ou gremios que teñen a súa manifestación nas capelas laterais.

Tamén destaca a arquitectura monástica, entre a que se distingue:

  • a arquitectura cisterciense, con mosteiros situados no campo, desconectados da vida civil, que desenvolven un estilo protogótico e que servirá para que o estilo gótico se espalle por toda Europa. Aínda que tampouco todos os compoñentes desta arquitectura servirán de fundamento para o gótico.
  • a orde cartuxa.
  • as ordes dos dominicos e franciscanos.

Arquitectura civil[editar | editar a fonte]

A arquitectura civil mostra a puxanza económica na Baixa Idade Media, co auxe das actividades comerciais e artesanais, a apertura de novas rutas comerciais e o próximo descubrimento de América. Na arquitectura militar desenvólvese e perfecciona a construción de castelos e murallas; as pontes fortifícanse con portas aos extremos e no medio. A arquitectura civil amosa a consolidación de formas municipais fronte ao poder señorial ou eclesiástico coa construción de concellos, lonxas comerciais, pazos urbanos, concellos, universidades, hospitais e vivendas burguesas. Destacou durante o século XV, no derradeiro período do gótico, a arquitectura civil en Flandres.

Elementos da arquitectura gótica[editar | editar a fonte]

Planta orixinal de Notre-Dame de París

A arquitectura gótica presenta innovacións técnicas e construtivas notables, que permitiron levantar estruturas esveltas e lixeiras con medios e materiais sinxelos. As principais achegas construtivas, do mesmo xeito que no románico, céntranse nas cubertas.

Planta[editar | editar a fonte]

A planta das grandes igrexas góticas responde a dous tipos principais:

  • de tradición románica. Nel obsérvanse case as mesmas formas que no estilo románico, e máis comunmente a de cruz latina, con deambulatorio ou sen el, mais cos brazos pouco saíntes e coas ábsidas ou capelas absidais frecuentemente poligonais. As igrexas abaciais, sobre todo cistercienses, seguen este tipo con brazos moi saíntes, como na época románica. Nas igrexas menores adóptase como planta máis común a de cruz latina ou a rectangular e cunha soa ábsida poligonal na cabeceira;
  • de salón. A planta carece de cruceiro de brazos saíntes (aínda que non deixa de ostentarse máis ou menos a simbólica cruz do medio), o templo de salón presenta unha disposición basilical e posúe, como mínimo, tres naves de igual altura e, por conseguinte, un sistema de iluminación lateral. Os espazos interiores son amplos e desafogados, abranguibles cunha soa ollada e tremendamente unitarios.

En todo caso, a planta divídese en tramos rectangulares ou cadrados, determinados polas columnas e os arcos transversais. Sobre estes cargan as bóvedas de crucería. Dende mediados do século XIII faise común abrir capelas nos lados das igrexas, entre os contrafortes, para satisfacer a devoción dos gremios ou confrarías e do pobo en xeral, xa que antes desta época era raro admitilas fóra das ábsidas.

Arco apuntado[editar | editar a fonte]

Arco apuntado

O arco apuntado é un dos elementos técnicos máis característicos da arquitectura gótica e veu suceder ao arco de medio punto, propio do estilo románico. O arco apuntado, a diferenza do arco de medio punto, é máis esvelto e lixeiro porque transmite menores tensións laterais, permitindo adoptar formas máis flexibles. Ademais resulta máis eficaz, pois grazas á súa verticalidade os pulos laterais son menores que no arco de medio punto, o que permite salvar maiores espazos[2]. Durante o gótico o arco apuntado mostrou variantes, como o arco conopial durante o denominado gótico flamíxero, ou o arco Tudor, durante o denominado gótico perpendicular inglés.

Bóveda de crucería[editar | editar a fonte]

Bóveda de crucería na capela maior da Igrexa da Santísima Trindade de Ourense, Ourense.

A bóveda de crucería, conformada por arcos apuntados, a xeito de esqueleto, é máis lixeira cá calquera outro tipo de bóveda construída até a data. A utilización deste tipo de arco formando un esqueleto tridimensional unitario reflicte o alto coñecemento técnico que acadaron os construtores de catedrais.

O período primeiro distínguese pola sinxeleza dos arcos cruceiros ou diagonais que son simples e levan poucas molduras. No segundo, auméntase a crucería con arcos ou nervios secundarios e os chamados terceletes, que tiñan a función de soster os tímpanos de plementría, xa que as bóvedas se fan máis amplas. Á vez, moldúranse todos os arcos, maiormente as diagonais e estes e demais nervios reciben máis perfís e líganse con nervios transversais. No terceiro período engádense novos terceletes e nervios secundarios coas súas ligaduras, aínda sen necesidade algunha, xeneralízase a bóveda chamada estrelada (pola figura do conxunto) e os nervios e arcos perfílanse con máis delicadeza. No primeiro período empregouse con algunha frecuencia a bóveda sexpartida (dividida en seis tímpanos) para os tramos de bóveda da nave central cando eses se facían cadrados e correspondían cada un deles con dous das naves laterais.

Dende finais do século XV adornábanse as claves das crucerías en moitos edificios con floróns de madeira ou de metal, dourados ou policromados, coñecidos co nome de arandelas. Pero xa desde os principios do estilo decóranse ditas claves con variados relevos.

As ábsidas góticas cóbrense tamén con diferentes bóvedas de crucería, de tal sorte que os arcos ou nervios concorren todos a un tempo á clave central, formando crucería radiada. Moi a miúdo dáselle á casca unha forma gallonada, ou dividida en compartimentos de bóvedas parciais máis ou menos saíntes ou profundas. Esta disposición, á vez que reforza e embelece a ábsida, contribúe moito á sonoridade da igrexa, sobre todo para os cantos dende o presbiterio.

Contrafortes e arcobotantes[editar | editar a fonte]

Estrutura de soporte por arcobotantes

Para soportar o empurre do peso das bóvedas, no canto de construír grosos muros como se realizaba no románico, nos que os contrafortes adoptaban a forma de estribos abeirados ó muro, os arquitectos góticos idearon un sistema máis eficiente: os contrafortes con arcobotantes. Os contrafortes sepáranse da parede, recaendo o empurre sobre eles por medio dun arco de transmisión denominado arcobotante. Aínda pódese acadar unha maior resistencia colocando a continuación un segundo contraforte. Os arcobotantes tamén cumpren a misión de albergar as canles por onde descenden as augas dos tellados e evitar así que escorreguen polas fachadas.

Por unha banda, a disposición destes machóns transversais permitía facer fachadas non portantes, esveltas, con enormes ocos. Por outra banda, ao conectar os contrafortes por medio de arcobotantes á estrutura principal ceibábase espazo para situar naves laterais, paralelas á nave principal.

Os botareis e demais contrafortes decóranse, montando pináculos sobre eles para que teñan máis peso e resistencia, logrando así con estes remates o dobre fin construtivo e estético. O sistema de arcobotantes e contrafortes das igrexas góticas constitúe un elemento característico que embelece o exterior dos edificios, pero á vez, pon de manifesto a propia fraxilidade estrutural, xa que suxeitan o edificio a modo de cimbra externa.

Columnas[editar | editar a fonte]

Columna con nervios da Colexiata de Medina del Campo
Columnas cilíndricas en Notre-Dame de París

Os soportes ou columnas da arte gótica consisten no alicerce composto, o cal, durante o período de transición, é o mesmo soporte románico. Pero no estilo gótico máis evolucionado preséntase cilíndrico o núcleo do alicerce, rodeado de pilastras e apoiado sobre un zócolo poligonal ou sobre un baseamento moldurado, a diferenza do estilo románico, no que tal zócolo era uniforme e cilíndrico.

Estes baseamentos áchanse máis divididos e moldurados conforme avanza máis o estilo. Distínguense especialmente os do período flamíxero, por destacarse deles pequenas bases parciais de diferentes alturas que corresponden ás columniñas que rodean o núcleo do alicerce. Mais no século XVI vólvese con frecuencia ao uso do zócolo primitivo prismático ou cilíndrico sen divisións. As columniñas encostadas ao redor do núcleo correspóndense cos arcos e nervios das bóvedas, cada unha co seu, segundo o principio seguido no estilo románico de que debe corresponder a cada peza sostida o seu propio soporte.

Estas columniñas van aumentando en número a medida que progresa o estilo. Nun comezo, adoitan ser catro ou seis nos alicerces illados, de xeito que a sección transversal ou horizontal destes forme na maioría dos casos unha especie de cruz de núcleo prismático. Mais logo vanse multiplicando de tal maneira nas novas construcións, dende mediados do século XIII, apenas queda visible o núcleo central (que en diante adoita ser redondo). Aparece agora todo o soporte como un feixe de cilindros, os cales no século XV redúcense a sinxelos xuncos ou mediacanas por aumentar o seu número e non ter xa cabida se non é con esta forma; pois non só adxudícase unha columniña para cada arco e nervio da bóveda senón que até os molduras principais destes teñen a súa columniña correspondente no soporte.

Capiteis[editar | editar a fonte]

Capitel gótico no Palacio Ducal de Venecia
Ciborio da catedral de Burgos

O capitel gótico vai perdendo a súa importancia segundo adianta o estilo. Despois do período de transición no que se segue o capitel románico, preséntase como un tambor cónico abrazado con follaxe. Os motivos tómanse da flora do país, aínda que, ás veces, sobre todo durante o século XIV, admítense figuriñas e historias entre a follaxe, sempre con máis pulcritude que no estilo románico, e coróanse por un ábaco circular ou poligonal de varias molduras.

Posteriormente, o capitel vaise facendo máis pequeno e delicado. Por fin chega a suprimirse cando no século XV o feixe de canas se ramifica directamente nos nervios da bóveda sen que medie solución de continuidade en moitos casos, ou queda en forma de simple anel.

Cúpulas[editar | editar a fonte]

As cúpulas fórmanse de tímpanos sostidos por nervios radiantes que, arrincando do octógono formado polos arcos torais e polas pendentes entre eles, se unen concorrendo a unha clave superior central.

O ciborio maniféstase ao exterior en forma de prisma octógono ou hexágono, coroado por unha pirámide con máis atrevemento e elegancia que na arte románica. Moitas veces, no canto de cúpula, acádase unha simple lanterna prismática a modo de torre sobre o cruceiro.

Xanelas e vidreiras[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Vidreira gótica.

A redución da estrutura sustentante ao mínimo imprescindible permitiu abrir grandes ocos nos muros das fachadas. Os artistas da época puideron dar renda solta á súa imaxinación creando unha arte descoñecida até a data. As xanelas do período de transición adoitan ser como as románicas de arco apuntado. Máis adiante aparece o vitral gótico, amplo e decorado na súa parte superior con fermosos calados de pedra, os cales se forman de rosetonciños combinados, sempre sostidos por columniñas ou parteluces. No século XIV complícase a trazaría, multiplicándose os rosetonciños e, adiantando xa o XV, combínanse as liñas formando curvas serpeantes que constitúen o calado flamíxero.

Unha cousa parecida obsérvase nos grandes rosetóns que se colocan no alto das fachadas: ao principio toman unha forma radiante e sinxela, aínda que en igrexas suntuosas é algo máis complicada. Multiplícanse os adornos da rosa no século XIV e no XV a trazaría chega a ser un verdadeiro labirinto de curvas enlazadas. Non faltan en todas as épocas xanelas menores de traza máis sinxela. Xanelas e rosetóns adoitan pecharse con magníficas vidreiras polícromas e historiadas onde se exercita a arte pictórica monumental, xa que apenas lle deixan espazo para o seu desenvolvemento os escasos lenzos de parede que median entre os referidos vans nas igrexas suntuosas. Nas máis humildes substitúense as vidreiras por láminas de pedra translúcida, e ás veces por encerados.

Portas[editar | editar a fonte]

Portada da Catedral de León
Estilización das formas na catedral de Laon

Nas portas e a fachada desprega a arte gótica toda a súa magnificencia e a súa concepción teolóxica. A portada gótica admite a mesma composición fundamental de forma abucinada que na románica, pero multiplícanse as arquivoltas e engádese unha maior elevación de liñas con máis riqueza e finura escultórica. Encima da porta adoita colocarse un elevado gablete.

As portadas máis suntuosas levan imaxes de apóstolos e doutros santos baixo doseletes entre as columniñas. A miúdo hai outras menores entre as arquivoltas. O ingreso está dividido por un parteluz que serve de apoio ó tímpano, que é soporte de imaxinería escultórica. As igrexas do Cister e outras que as imitan carecen de imaxinaría na portada, polo cal esta se compón dun grande arco abucinado e decorado con sinxelas mediacanas e algunha ornamentación vexetal ou xeométrica. A finura na execución da obra escultórica e a multiplicación progresiva das columniñas e molduras co adelgazamento delas, denuncian mellor que outras os sinais da época da construción das portadas. Pero as do último período, dende mediados do século XV, recoñécense sobre todo pola multitude e pequenez dos detalles da arquivolta conopial, cargada de frondas retortas e por outros ornamentos.

Estrutura xeral[editar | editar a fonte]

O novo sistema construtivo, eficiente e lixeiro no seu conxunto, permitiu elevar os edificios até alturas inimaxinables, colmando unha das aspiracións históricas tanto da arquitectura como da relixión.

A estrutura xeral interior dunha igrexa gótica infírese de todo o devandito sobre a planta, bóvedas e alicerces. É de notar que o paramento lateral nas grandes igrexas está dividido en sete zonas:

  • a inferior consta da arcada que separa as naves laterais ou as capelas.
  • a media, formada polo triforio que no estilo gótico é moito máis estreito cá no románico.
  • a superior que contén as grandes xanelas, o claristorio.
  • a media superior.
  • a media inferior.
  • a intermedia.
  • a continental.

Unhas igrexas erguen todas as súas bóvedas a igual altura (ou polo menos a nave central e laterais inmediatas) e outras (o máis común) presentan moito máis baixas as naves laterais e sitúan por riba destas os arcobotantes. O exterior do edificio adoita acusar a estrutura interna, de modo que a fachada ven ser como unha sección transversal das naves. O imafronte constitúese polas tres fermosas portadas correspondentes ás tres naves e, entre elas, os contrafortes que resisten o pulo das arcadas. Enriba das portas corre unha galería que responde aos triforios interiores. Ábrese máis arriba un rosetón calado e remata o frontispicio en gablete ou en ático de crestería. As torres, coas súas frechas que rematan e gardan os costados da fachada; os pináculos e doseletes que animan o contraforte; as estatuas e relevos que poboan as entradas e os tímpanos.

Elementos secundarios[editar | editar a fonte]

Ménsula con anxo músico.
Sasamón, Burgos, España, s. XIII

Entre os membros secundarios dun edificios gótico son notables polo característico da súa forma:

  • apoios, a xeito de repisa, xa soa xa cunha media columna enriba dela, encostados a certa altura dos muros, sosteñen os arcos e os nervios que parten como arrincando do muro, segundo se observa sobre todo na arquitectura cisterciense.
  • repisas e doseletes, para estatuas que nos séculos XII e XIII adoitan levar figuras de castelos, no século XIV semellan bóvedas de crucería con pequenos gabletes e no XV se adornan con calados flamíxeros e arcos conopiais ou se rematan por unha elevada torre e altos gabletes.
  • antepeitos para triforios e galerías que ao principio constan de arcadas oxivais e despois teñen a forma de pretil con calados propios da época.
  • pináculos, agullas, gárgolas, caireles, cresterías etc. cuxa traza de estilo gótico é inconfundible coa doutros.

Ornamentación[editar | editar a fonte]

Detalles da Catedral de Notre-Dame

A ornamentación gótica fúndase na construción e serve para acentuar máis os elementos desta. Os motivos máis comúns e propios, no terreo escultórico, son nos comezos do estilo gótico, sobre todo, no período de transición os adornos xeométricos herdados do estilo románico, molduras e calados xeométricos que nacen do propio arco. O emprego do arco conopial no século XV permite unha ampla utilización da curva e contracurva na ornamentación.

A parte máis nova en canto á decoración vén da flora e a fauna locais, que se interpretan en forma estilizada durante os séculos XII e primeira metade do XIII. A natureza interprétase con bastante realismo e neste último século propéndese ás formas retortas. O trevo, a hedra retorta, os brotes de vide, as follas de carballo ou de aciñeira empolícanse polos arcos e as agullas dos edificios góticos, asociándose ao novo estilo. Posteriormente abandónanse para dar lugar ás frondas, cardinas (follas de cardo), grumos, trifolios, cuadrifolios etc. Na arte clásica só dúas ou tres plantas (o acanto, a hedra e o loureiro) tiveran aceptación no repertorio decorativo, pero o gótico válese de todas as especies do reino vexetal e reproduce tamén paxaros e até seres fantásticos, monstros que unhas veces están dereitos como gardiáns nos alto de balaustradas e outras axeonllados condenados a servir de gárgolas para botar a auga dos tellados.

Os molduras góticas distínguense das grecorromanas en que non ofrecen corte ou sección circular como estas, senón semielíptica, piriforme, cordiforme etc. todo para que á vista aparezan moi tenues e case aéreos os arcos e demais membros que se molduran.

A decoración pictórica de varios dos mencionados elementos debeu ser, no seu tempo, común mais chegou escasa aos nosos días. Con frecuencia pintábanse as esculturas das portadas, sepulcros, capiteis, claves de bóvedas, nervios destas e máis o teitume se se facía de madeira. E aínda que foron pouco abundantes os cadros de figuras nos muros, suplíronse en gran parte polas vidreiras policromadas. Na Península Ibérica, participando máis ou menos da arquitectura mudéxar, empregouse a decoración de azulexos en frisos e zócolos.

A arquitectura gótica en Europa[editar | editar a fonte]

A difusión da arquitectura gótica foi moi ampla dende o seu nacemento en Francia, acadando de cheo Inglaterra, España, Italia e Alemaña, e con ela todo o Sacro Imperio Romano Xermánico. Contribuíu á súa difusión a expansión da orde de Cluny. Acadou puntos tan afastados como os países nórdicos europeos e lugares do oriente mediterráneo como Rodas, Chipre e Siria, onde arribaría da man dos cruzados.

Divulgación e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

A arquitectura divídese en temperá, alta e de estilo gótico tardío, que se desenvolveu de forma diferente nas diferentes rexións:

Temperán Alto Tardío
Francia 1140–1200 1200–1350 1350–1520
Italia seit 1200
Inglaterra 1170–1250
Early English
 
1250–1350
Decorated
 
1350–ca. 1550
Perpendicular,
Flamboyant
Alemaña 1220–1250 1250–1350 1350–ca. 1520/30

A comezos do século XVI o estilo gótico comeza a perder a súa influencia en favor do Renacemento, que avanza axiña ao cruzar os Alpes.

Gótico francés[editar | editar a fonte]

Catedral de Reims

Francia supón o punto de orixe do estilo gótico e o lugar dende onde se foi creando esta arquitectura para espallarse por toda Europa.

A característica principal das catedrais francesas, e daquela en Alemaña e Flandres que seguían as formas francesas, é a súa altura e a impresión de verticalidade que ofrecían. Cada catedral francesa tende a ser estilisticamente unificada en aparencia, se se comparada cunha catedral inglesa, onde se distingue unha grande diversidade en case tódolos edificios. Son compactas, cunha lixeira ou nula proxección dos transeptos e capelas secundarias. A fachada occidental é altamente consistente, composta por tres portais superados por unha fiestra elevada, e dúas grandes torres. Ás veces inclúense torres adicionais nos remates dos transeptos. A parte leste, onde se atopa o deambulatorio, é poligonal. Nela é habitual que ao redor do deambulatorio se dispoñan unha serie de absidiolos radiais, cada un dos cales alberga unha pequena capela. No sur de Francia moitas igrexas carecen de transepto e algunhas de capelas adicionais.

Os historiadores da arte dividiron tradicionalmente o gótico francés en catro períodos:

  • Gótico preclásico, inicial, primitivo ou primeiro gótico; os primeiros templos construídos son a abadía de Saint Denis, en 1144, e a catedral de Sens en 1140. Destaca a catedral de Nôtre-Dame de París.
  • Gótico clásico ou alto gótico (1190-1240), neste período desaparecen os derradeiros vestixios do estilo románico, os templos presentan tres andares, arcadas, triforio e claristorio. Bo exemplo deste período é a catedral de Chartres, que serviu de modelo para outras grandes catedrais da época como a catedral de Soissons e a de Reims.
  • Gótico radiante (1240-1350), chamado así polo deseño de grandes rosetóns, que constitúen unha das súas principais características. Estas xanelas forman parte da evolución do tamaño dos vans en xeral, a súa trazaría e o papel que tiveron na articulación dos edificios. A trazaría cobra unha crecente importancia e pon de manifesto un cambio de puntos de interese. Pode destacarse dentro da evolución deste estilo a Sainte Chapelle, en París, considerada como unha das xoias da arte gótica.
  • Gótico flamíxero (dende 1350).

Gótico inglés[editar | editar a fonte]

Fachada oeste da abadía de Westminster, Londres
Espazoso interior da catedral de Regensburg

A arquitectura gótica inglesa segue unha evolución independente do resto do continente. A finais do século XII comeza a substituír o estilo normando reinante, denominación que recibe neste país o estilo románico, e prolongarase até máis dun século despois de que en Florencia se introducise o estilo renacentista a comezos do século XVI.

A característica distintiva das catedrais inglesas é o seu enorme tamaño, así como a súa énfase interna polo horizontal, moito máis enfatizado visualmente que as liñas verticais. Cada catedral inglesa, coa excepción da de Salisbury, ten un grao extraordinario de diversidade estilística, comparado coas catedrais francesas, xermanas e italianas. Non é infrecuente que cada parte do edificio estea edificada nun século diferente e cun estilo arquitectónico distinto, sen ningunha intención de crear unha unidade estilística. A diferenza das catedrais francesas, as catedrais inglesas espállanse ao longo do terreo no que están edificadas, con dobres transeptos fortemente proxectados e capelas engadidas en séculos posteriores. Na fachada occidental as portas non son tan significativas coma en Francia, adoitándose atopar a porta de entrada nun lateral. A fiestra da fachada adoita ser moi grande, mais nunca en forma de rosetón. A fachada occidental pode ter dúas torres, ao igual que as catedrais francesas, ou ningunha. Case sempre hai unha torre no cruzamento entre a nave central e o transepto, moitas veces dun enorme tamaño e coroada por unha agulla. A distintiva parte leste da catedral adoita ser cadrada, aínda que ás veces pode ter outra forma. Tanto dentro coma fóra, o traballo de cantería a miúdo está ricamente decorado con tallas, especialmente os capiteis.

Os historiadores da arte dividiron tradicionalmente o gótico inglés en tres períodos:

  • Primeiro gótico inglés ou gótico primitivo (Early English), constitúe a primeira fase, que se inicia co coro da catedral de Canterbury, construída conforme o modelo francés. En 1192 comézase a construír a catedral de Lincoln, os traballos prolongaranse durante todo o século XIII. O máis puro gótico inglés desta época represéntao a catedral de Salisbury. O estilo é máis horizontal que en Francia e desenvólvese un tipo de fachada, denominada de pantalla, que xorde como unha pantalla cunha reducida porta de acceso e numerosas arquerías ornamentadas con estatuas que cobren toda a superficie, incluídas as torres. A abadía de Westminster, comezada en [[1245[[, está influenciada polo estilo francés.
  • Gótico curvilíneo ou decorado (Decorated Style), abrangue o período comprendido entre finais do século XIII e a metade do século XIV. Característico deste período son as xanelas con trazaría. Tamén constrúense salas capitulares de forma poligonal.
  • Gótico perpendicular (Perpendicular Style): desenvólvese a partir da metade do século XIV e corresponde á fase do gótico máis tardio. Caracterízase polas bóvedas de abano e o uso de molduras verticais nos muros e trazarías. Xeneralízase o arco Tudor. As obras máis representativas atópanse nas universidades de Oxford e Cambridge. Destacan o King's College, que se comezou a construír en 1443, a igrexa de San Xurxo en Windsor e a de Henrique VII, na abadía de Westminster. Existe tamén un gran desenvolvemento da arquitectura civil.

Península Ibérica[editar | editar a fonte]

A arquitectura gótica introduciuse na Península Ibérica a través dos mosteiros da Orde do Císter, acadando unha ampla difusión en todo o territorio. O estilo de transición dende o románico plásmase nas catedrais de Tarragona, Lleida e Ávila. No século XIII, de máximo apoxeo do gótico, constrúense as manifestacións máis puras deste estilo, como son as catedrais de Burgos, León e Toledo. Na Meseta están presentes dúas influencias, a borgoñoa, no Reino de León, debido á orixe da dinastía leonesa; e a inglesa, no Reino de Castela, chegada a través da alianza matrimonial dos reis casteláns coa Casa de Lancaster.

O século XIV supón o esplendor do gótico na zona de Cataluña, Valencia e Mallorca. Son construcións de exteriores sobrios e macizos, as igrexas presentan a denominada planta de salón, con naves laterais da mesma altura que a central e ausencia de contrafortes, con escasa decoración escultórica. Está caracterizado pola influencia das igrexas do sur de Francia e a case nula achega da arte mudéxar. Os seus mellores exemplos son as catedrais de Barcelona, comezada a construír en 1298, a de Xirona, comezada a construír en 1317, e a de Palma de Mallorca, que dispón de tres naves sen deambulatorio e foi consagrada en 1346, tamén destacan mosteiros coma o de Santa María de Pedralbes, fundado en 1326 por Elisenda de Montcada, esposa de Xaime II[3]. Igualmente, aparecen numerosas construcións civís: fábricas, pontes e edificios militares como os arsenais de Barcelona.

Durante os séculos XV e XVI, mentres en Italia medraba con forza o Renacemento, a actividade construtiva do gótico é abafadora en España. Xorden numerosos edificios de grandes proporcións, caracterizados pola sinxeleza da construción e a complicación ornamental. Eríxense as grandes catedrais de Sevilla, Segovia e Salamanca.

Italia[editar | editar a fonte]

O gótico chegou a Italia de forma tardía e arraigou pouco, foron os cistercienses os introductores da arquitectura gótica en Italia. Monxes vidos de Francia fundaron na rexión do Lacio a abadía de Fosanova, primeiro monumento gótico italiano. No século XIII as ordes mendicantes de dominicos e franciscanos adhírense ao estilo cisterciense. O mellor edificio gótico italiano deste século é a catedral de Siena, marabilla do mármore. A finais do século XIII hai unha grande actividade gótica en Italia e iníciase a construción dos palacios comunais de Siena e o Palazzo Vecchio de Florencia, caracterizados pola construción de elevadas torres.

Durante o século XIV a arquitectura gótica italiana segue mantendo unhas peculariedades de seu. Destaca a catedral de Orvieto, moi relacionada coa de Siena. En Florencia destaca a igrexa da Santa Cruz, levantada pola orde franciscana, e o interior da Igrexa de Santa Maria Novella. Tamén nesta cidade comeza a construírse a catedral de Santa María del Fiore, que se finalizaría xa no novo estilo renacentista.

No século XV os finais do gótico empezan a confundirse cos inicios do Renacemento. En Venecia seguen construíndose numerosos palacios. Neste século remátase o Palacio Ducal, destacando tamén o palacio Contarini e Cà d'Oro. A obra magna do gótico italiano é a catedral de Milán, que destaca polo recargamento da súa decoración e cuxa construción se prolongou até o século XIX.

Alemaña[editar | editar a fonte]

Catedral de Colonia

Alemaña recibe o gótico a través da orde cisterciense, con atraso. O estilo que chega dende Francia está xa bastante formado e convivirá durante algún tempo coas formas románicas alemás, que resisten ao novo estilo. Os primeiros arcos oxivais non se constrúen até os primeiros anos do século XIII. A influencia francesa vai ser moi importante e os arquitectos franceses do século XIII viaxaron por toda Europa central, espallando tamén as súas técnicas. A obra máis perfecta da arquitectura gótica alemá, a catedral de Colonia, comézase a construír en 1248, sendo proxectada probablemente por un arquitecto de Francia que tomara parte na construción da catedral de Amiens.

Durante o século XIV, as columnas fanse extraordinariamente delgadas. Os nervios adquiren perfís moi curtantes, as bóvedas fanse chás e cóbrense con combinacións de nervios en forma de rede. No século XV, Alemaña, do mesmo xeito que sucede con Bélxica e Holanda, é un país próspero que produce unha arquitectura rica, de grande interese. Na Europa central, o edificio principal é a catedral de Santo Estevo, en Viena, rematada durante o século XV.

A arquitectura románica en Alemaña caracterízase pola súa natureza masiva e modular. Isto exprésase na arquitectura gótica do Sacro Imperio Romano Xermánico na magnitude do tamaño das torres e agullas, a miúdo propostas, mais non sempre rematadas.[4] A fachada occidental xeralmente segue o estilo francés, adoitando ter as torres un tamaño moito maior. Están coroadas, naquelas que se chegaron a rematar, por enormes agullas que constitúen unha característica rexional. Por mor do tamaño das torres, a sección da fachada que se atopa entre estas adoita semellar estreita e comprimida. O interior das catedrais góticas xermanas caracterízase pola súa amplitude de espazo, incluso naquelas catedrais, coma a de Colonia, que foron deseñadas a partir de modelos franceses. As catedrais alemás, coma as francesas, tenden a posuír transeptos lixeiramente proxectados. Destacan tamén as igrexas salón (Hallenkirchen) carentes de fiestras.

Escandinavia[editar | editar a fonte]

Catedral luterana de Trondheim, Noruega

En Dinamarca a recepción da arquitectura gótica francesa comezou aínda máis cedo do que en Alemaña. A igrexa de ladrillos de Roskilde a primeira vista parécese a unha ramificación do ladrillo alemán, mais reflicte claramente a influencia dos modelos occidentais, lembrando ás catedrais de Noyon e Laon. Asemade, o seu desenvolvemento dependeu dos modelos arquitectónicos do norte de Alemaña, especialmente da rexión da Renania do Norte-Westphalia. Unha característica especial son os teitos inclinados nas igrexas de ladrillo dinamarqués. Grandes catedrais pódense atopar tamén nas vilas de Aarhus e Odense. O estilo gótico tardío dinamarqués caracterizouse pola preferencia da construción de igrexas tipo pseudo-basílica. O interior destas igrexas imita o estilo caleado das igrexas do norte alemán.

En Suecia as grandes catedrais góticas de Uppsala e Skara foron remodeladas en estilo neogótico durante o século XIX. En Uppsala esta reconstrución foi en gran parte desmantelada de novo en 1970. Nestes templo aprézase de xeito directo unha clara influencia francesa. Con todo, ao igual que no caso de Roskilde, non se volveron construír edificios semellantes.

O traballo principal da arquitectura gótica en Finlandia é a gran catedral nova, en Turku (Abo), unha basílica de ladrillo construída baixo o réxime sueco (a altura da bóveda da nave é de 24 metros).

Na catedral de Trondheim, en Noruega, reflíctese unha maior influencia do gótico inglés, coa típica fachada de pantalla.

Bélxica e Holanda[editar | editar a fonte]

Pola súa situación xeográfica, estes países reciben de forma temperá e directa a arte gótica francesa. A súa gran prosperidade durante o século XV explica a suntuosidade da súa arquitectura gótica flamíxera. Predomina a arquitectura civil, na que unha burguesía acomodada, agrupada en gremios de artes e oficios, erguen casas corporativas e nas prazas das cidades edifícanse soberbios concellos como os de Lovaina, Bruxas ou Bruxelas, lonxas de contratación, entre as que destaca a Halle des Drapiers de Ypres, reconstruída tras a primeira guerra mundial. Tamén abundan vivendas particulares, que se caracterizan polo remate denominado de piñón, de forma graduada e triangular de grande altura. Os tellados adoitan ser altos e de gran pendente. Na actualidade pódense atopar algunhas rúas aínda como na Idade Media, por exemplo o Grasslei ou peirao da herba de Gante, a praza central de Delft ou a Grand-Place de Bruxelas.

Gótico báltico[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Gótico báltico.

O gótico báltico, ás veces chamado gótico de ladrillos (en alemán, Backsteingotik) é un estilo simplificado de arquitectura gótica e neogótica prevalecente na Europa setentrional, especialmente ao norte de Alemaña e as beiras do Mar Báltico, ou sexa, rexións que non posúen recursos naturais para facer edificios de pedra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ESCRIG PALLARES, F.; PÉREZ VALCÁRCEL, J. La modernidad del gótico. Seis puntos de vista sobre la arquitectura medieval. Universidad de Sevilla. ISBN 8447208370.  (en castelán)
  2. Aznar Almazin, Sagrario; Cámara Muñoz, Alicia (2002). Historia del Arte. Universidad a Distancia (UNED ). p. 176. ISBN 84-362-4640-3. 
  3. "Sitio oficial do Mosteiro de Santa María de Pedralbes". Consultado o 02-02-1917. 
  4. Friburgo, Regensburgo, Estrasburgo, Viena, Ulm, Colonia, Antuerpen.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]