Sardiña
As sardiñas (Sardina pilchardus, Walbaum 1792) son peixes da familia Clupeidae. Cando son pequenas, denomínanse xoubas nas Rías Baixas[1], e parrochas nas Rías Altas.
A sardiña captúrase con artes de cerco e de enmalle (xeito), durante a noite, e destínase a consumo en fresco, afumada, salgada ou en conserva. Abunda en tódalas costas españolas e foi precisamente a riqueza en sardiña das augas galegas no que se baseou a industria conserveira galega, hoxe diversificada noutras especies de peixe e moluscos.
Índice |
[editar] Descrición
As sardiñas son de corpo alongado e sección ovalada, algo comprimida lateralmente. Xeralmente son de pequenas dimensións (10-25 cm de comprimento). A talla mínima é de 11 cm.
A cor é azul verdosa no dorso e prateada nos costados e no ventre, este moito máis claro. No lombo poden observarse pequenas manchas máis ou menos aliñadas. As escamas son grandes e na liña ventral forman unha quilla. O opérculo mostra estrías lonxitudinais.
Caracterízanse por posuíren unha única aleta dorsal, que nace por diante da metade do corpo; este carácter serve para diferencialo do arenque, coa aleta dorsal máis posterior: se se toma o peixe pola aleta, a sardiña bascula cara atrás e o arenque cara adiante. As aletas dorsal e anal carecen de espiñas. As aletas ventrais ou pelvianas nacen en posición posterior á dorsal, e a caudal é bifurcada.
Boca con dentes moi pequenos nas maxilas, e sen dentes no vómer. Maxila curta, algo máis saínte cá superior.
Especies semellantes son o arenque (Clupea harengus), a alacha (Sardinella aurita) e o trancho (Sprattus sprattus).
[editar] Hábitat
Son peixes peláxicos que forman frecuentemente grandes cardumes ou mansíos e alimentan importantes pescarías. A época da desova é a primavera e verán.
Viven en aguas costeiras, por riba dos 50 m de profundidade, desde os 12 aos 24 graos; en inverno busca augas máis profundas, ata 150 m. É un peixe típico do verán, pois aliméntase de plancto e larvas doutros peixes, e é nesta estación cando dispoñen de máis alimento. Por esta razón, as sardiñas do verán son máis gordas e graxas.
En Galicia, as capturas de sardiña concéntranse nos meses do verán, con cifras comprendidas entre 1,7 e case 2 millóns de quilogramos (datos de xuño a outubro de 2009) para descender bruscamente a cifras de 200.000 a 400.000 kg entre decembro e febreiro. A cifra total anual foi de 13.828.968 kg no ano 2009 [3].
[editar] Uso culinario
Consómese tanto en fresco como en conserva, con numerosas formas de preparación na cociña. É un peixe azul por excelencia, con niveis de graxa en torno ó 6,3% ou máis no seu mellor momento, proporcionando unhas 134 calorías por 100 g. Pola súa riqueza en ácido omega-3, considérase un "protector" do corazón, en contra da crenza hoxe superada de que, por ser peixe graxo, incrementaba o colesterol. Tamén resulta especialmente rico en vitamina B12.
As xoubas ou as sardiñas en conserva, polo feito de comerse enteiras, coa espiña, constitúen unha interesante fonte de calcio e fósforo [2].
No caso das conservas, baixo a denominación sardina podían enlatarse diversas especies próximas. Desde o 2003, un Regulamento europeo [3] obriga a etiquetar como "conservas de sardiñas" só as elaboradas a partir da especie Sardina pilchardus, e como "conservas de produtos tipo sardiña" as elaboradas a partir doutras especies [4].
[editar] Festas gastronómicas
O verán é o tempo das sardiñadas e, probablemente, en tódolos pobos costeiros pódense degustar sardiñas á brasa. Numerosos concellos introduciron este peixe nas súas festas gastronómicas, das que as seguintes son só unha mostra:
- Festa da xouba: o 25 de xullo en Rianxo.
- Festa da sardiña:
- Festa da sardiña lañada: o 8 de agosto en Cariño.
[editar] A sardiña na cultura popular galega
- Artigo principal: A sardiña na cultura popular galega.
- A muller e a sardiña, canto máis pequeniña, máis xeitosiña.
- Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín.
- En abril, a sardiña val pernil.
- En San Xoán, xa a sardiña molla o pan.
- Por Santa Mariña pinga a sardiña.
[editar] Notas
- ↑ Ríos Panisse recolle de Cornide, Cuveiro, Valladares ou Crespo Pozo, o nome de xouba para o bocarte (Engraulis encrasicholus), probablemente a causa dun erro de identificación polas semellanzas entre as dúas especies.
- ↑ La sardina, fuente de fósforo, mineral fundamental para huesos y músculos [1].
- ↑ Regulamento (CE) nº 1181/2003, de 2 de xullo de 2003, que modifica o Regulamento (CEE) nº 2136/89, polo que se establecen normas comúns de comercialización para as conservas de sardiñas (DO nº L 165, de 3.07.2003).
- ↑ Sardinops melanosticus, S. neopilchardus, S. ocellatus, S. sagax, S. caeryleus; Sardinella aurita, S. brasiliensis, S. maderensis, S. longiceps, S. gibbosa; Clupea harengus, Sprattus sprattus, Hyperlophus vittatus, Nematalosa vlaminghi, Etrumeus teres, Ethmidium maculatum, Engraulis anchoita, E. mordax, E. ringens ou Opisthonema oglinum.
- ↑ [2].
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- RODRÍGUEZ VILLANUEVA, X. L. e VÁZQUEZ, Xavier: Peixes do mar de Galicia, Xerais, Vigo 1995.
- ANÓNIMO: Guía do consumidor de peixe fresco. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, 1999.
[editar] Ligazóns externas
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||