Peixe espada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Peixe espada
Rango fósil: Oligoceno ata Actualidade
Xiphias gladius1.jpg
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Familia: Xiphiidae
Xénero: ''Xiphias''
Especie: ''X. gladius''
Nome binomial
''Xiphias gladius''
Linnaeus, 1758

Os peixes espada (Xiphias gladius) son grandes peixes predadores altamente migratorios, caracterizados polo seu bico longo e aplanado, diferente do dos seus parentes, as agullas, que é cónico. O peixe espada constitúe a única especie pertencente á familia Xiphiidae, e a súa pesca é un deporte popular. Son estilizados e teñen a característica de perder todos os seus dentes e escamas ao chegar á idade adulta. Acadan un tamaño máximo de 4,3 m (14 pés) e un peso de 540 kg (1.190 libras). A marca da International Game Fish Association corresponde a un espécime de 536 kg (1.182 libras) capturado en 1953 en Iquique, Chile, onde é coñecido como albacora.

O peixe espada é coñecido comunmente coma "o gladiador" (de alí ao epíteto do seu nome científico, gladius), debido á forma do seu corpo e á semellanza do seu bico cunha espada, a cal emprega como arma tanto para atacar ás súas presas, como para defenderse dos seus depredadores naturais. En ocasións, tamén se lle denomina "emperador", malia referirse este nome a unha especie ben distinta: Luvarus imperialis. Esta confusión está provocada pola semellanza da carne dos filetes de ambas as dúas especies.

O marraxo é unha das poucas criaturas mariñas o suficientemente grande e rápida como para atrapar e matar un peixe espada adulto; os mozos son moito máis vulnerables á depredación por parte doutros peixes peláxicos de maior tamaño.

Hábitat e área de distribución[editar | editar a fonte]

Os peixes espada están distribuídos ao redor do mundo en augas tropicais, subtropicales e tépedas, entre o 45º norte e o 45º sur aproximadamente. Tenden a concentrarse onde se atopan correntes mariñas importantes. Habitan en augas superficiais onde a temperatura supera os 15 °C, pero tamén poden nadar e cazar en augas de ao redor de 5 °C por curtos períodos debido a órganos especiais que quentan os seus ollos e cerebro.

As áreas de aparentemente maior abundancia son o norte de Hawai, ao longo da zona de transición do Pacífico norte; as costas orientais dos Estados Unidos e México; e o oeste do Pacífico, principalmente o leste do Xapón. Non se sabe demasiado sobre a migración desta especie, pero estudos de captura e liberación indican un movemento xeral cara ao leste, dende o norte de Hawai e o Pacífico central cara á costa oeste de Estados Unidos.

As poboacións do Atlántico Norte catalóganse como En Perigo (EN)[1]

Características[editar | editar a fonte]

As femias son meirandes cós machos, os cales de cando en cando superan o 135 kg (300 libras). Segundo estudos levados a cabo no Pacífico noroccidental, as femias maduran aos 4 ou 5 anos de idade, mentres que os machos aos 3 ou 4 anos.

O peixe espada é homeotermo, o cal lle permite manter unha temperatura 10 ou 15 °C superior á da auga na que se move. O quecemento dos ollos mellora a visión, e subsecuentemente aumenta as posibilidades de atrapar unha presa. Das máis de 25.000 especies de peixes óseos, só se sabe que, unhas 22 aproximadamente, teñen a capacidade de manter a temperatura do seu corpo por riba da temperatura da auga, entre as que se atopan tamén as agullas, atúns e algunhas especies de quenlla (familias Lamnidae e Alopidae).

Hábitos[editar | editar a fonte]

A alimentación dos adultos inclúe peixes peláxicos coma o atún, barracuda, peixe voador, verdel, etc. Tamén comen luras cando estas están dispoñibles.

Sábese que os peixes espada adoitan manterse en augas máis profundas durante o día, mentres que á noite ascenden a zonas máis superficiais.

Reprodución e crecemento[editar | editar a fonte]

As estimacións varían considerablemente, mais é posible que as femias carguen entre 1 e 29 millóns de ovos nas súas gónadas. Os machos e as femias forman parellas durante a época de apareamento. A desova lévase a cabo durante todo o ano no Caribe, Golfo de México, costas de Florida e noutras zonas de augas cálidas ecuatoriais, mentres que nas zonas máis frescas só acontece na primavera e no verán. O sitio de desova máis coñecido é o Mediterráneo fóra das costas de Italia, onde a época de posta de ovos esténdese dende xullo até agosto, cando os machos son frecuentemente vistos perseguindo femias. Observouse a peixes espada desovando no océano Atlántico, en profundidades superiores aos 75 m (250 pés). No Pacífico norte, a desova adoita acontecer en augas de máis de 24 °C desde marzo a xullo, e todo o ano no Pacífico ecuatorial.

Os ovos miden entre 1,6 e 1,8 mm de diámetro. O desenvolvemento embrionario remata dous días e medio despois da fertilización. Ao ser o único membro da súa familia, a larva do peixe espada ten un aspecto único. Ao saír do ovo mide uns 4 mm de lonxitude e vive preto da superficie. Nesta etapa, o seu corpo case non ten pigmento. A medida que a larva medra, o seu corpo afínase e estilízase, e ao acadar os 12 mm (0,5 polgadas), o pico está notablemente desenvolvido, en comparación ao aínda diminuto tamaño do animal, sendo a parte superior e a inferior daquel de igual tamaño. A aleta dorsal desenvólvese logo. A medida que o crecemento continúa, a parte superior do bico medra proporcionalmente máis axiña cá inferior, podéndose notar a característica lonxitude e prominencia da parte superior. Os especimes de máis de 23 cm (9 polgadas) aproximadamente, posúen unha aleta dorsal que se estende por todo o longo do corpo. Nunha etapa de crecemento máis avanzada, a aleta dorsal desenvolve un único lóbulo. Cando o peixe acada uns 52 cm (20 polgadas), a segunda aleta dorsal xa se desenvolveu.

Contaminación por mercurio[editar | editar a fonte]

Os peixes espada foron identificados como unha das especies comerciais que conteñen maior nivel de mercurio na súa carne. O mercurio é un metal pesado tóxico que se acumula nos tecidos dos seres vivos en forma de metilmercurio, altamente persistente e difícil de eliminar. Por isto pasa a través da cadea alimenticia de especie en especie acumulándose en maior cantidade naquelas que son predadoras as cales acumulan o mercurio que previamente inxeriron as súas presas. Así os predadores de grán tamaño como os peixes espada, as quenllas ou certas especies de atún conteñen nos seus tecidos niveis considerables de metilmercurio que é moi tóxico para os riles, o sistema cardiovascular e sobre todo para o sistema nervioso, polo que se aconsella que se limite o consumo destas especies sobre todo a nenos e a mulleres embarazadas por posible dano ao sistema nervioso en formación do feto.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Peixe espada
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Peixe espada

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]