Entroido
O entroido, antroido[1] ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma.
O entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interés turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.[2]
Índice |
[editar]
|
A palabra entroido deriva do latín introitus, que significa "entrada" ou "comezo" da primavera e do rexurdimento da vexetación. Na zona norte de Galiza emprégase antroido, como no antroido ribadense e na zona da Fonsagrada, incluso Monforte de Lemos e Viana do Bolo, mentres que no sur é máis frecuente entroido. A palabra aparece citada desde o século XIII[3]. O entroido coñécese tamén como carnaval (vid. infra), que tamén é un termo galego, ou co francés mardi gras, literalmente "martes graxo" (derivado de graxa, touciño). Nalgúns países onde o entroido desapareceu por presión eclesiástica ou policial, cando foi recuperado utilizouse o termo "carnaval" (así no Brasil[4]). Tamén é carnaval o termo correcto para festas similares celebradas fóra dos días anteriores á Coresma, como os carnavais de verán.
[editar]
A palabra vén do italiano carnevale, que ten como orixe, segundo a maioría dos etimoloxistas modernos[5] o latín vulgar carne-levare, que significaba "abandonar a carne" (o cal xustamente era a prescrición obrigatoria para todo o pobo durante todos os venres da Coresma). Noutras zonas de España as denominacións populares de carnestoltes ou carnestolendas, respectivamente, parecen indicar que esta é a opción etimolóxica máis sensata (do latín tolere, retirar).
Posteriormente xurdiu outra etimoloxía manexada no ámbito popular: a palabra italiana carnevale significaría que durante a época do carnaval a "carne vale", ou sexa que se pode comer. Tamén se propón outra etimoloxía sen fundamento [6]que provén da expresión latina carrus navalis, ou sexa unha carroza decorada que posiblemente saíse en desfile durante estas datas.
Pero a fins do século XX varios autores [Cómpre referencia] comezaron a sospeitar a orixe pagá do nome. Carna é a deusa celta das fabas e o touciño. Tamén estaría conectada con festas indoeuropeas, dedicadas ao deus Karna (que no Mahabhárata aparece como un ser humano, irmán maior dos Pándavas, fillo do deus do Sol e a raíña Kuntí).
Calendario[editar]
O entroido, ao variar conforme a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro.
É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda. En realidade non é o ciclo máis longo pois este é o de Laza onde o ciclo comeza segundo se dan as badaladas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións máis longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o entroido de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido pois en Verín o ciclo dá comezo o día de San Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso o ciclo dá comezo o día de Candelas (2 de febreiro).
As súas datas fundamentais, por orde, son:
-
- Domingo fareleiro
- Domingo oleiro
- Xoves de compadres
- Domingo corredoiro
- Xoves de comadres
- Domingo de entroido
- Luns de entroido
- Martes de entroido
- Mércores de cinza
- Domingo de piñata
Non en todas as vilas se conservan ou existiron todas estas festividades. Ademais, aínda que os días grandes adoitan ser o domingo e o martes de entroido, noutras localidades, como Laza, a data referencial é o luns de entroido.
As máscaras[editar]
As máscaras do entroido galego presentan, segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir dous grandes grupos:
-
- As máscaras ourensás, que pertencen aos entroidos dun arco de vilas que nace en Maceda e Allariz, esténdese polo sur da provincia e remonta polo leste ata chegar á Ribeira Sacra. Son, habitualmente, máscaras coloristas que cobren a cara, realizadas moitas delas en madeira e que teñen como misión meter medo, asustar, bater nos veciños ou escorrentalos. Aínda que ás veces van en grupo, a súa presenza é habitualmente individual. Entre elas están os cigarróns de Verín, os peliqueiros de Laza, os felos de Maceda, os boteiros de Vilariño de Conso, de Manzaneda e de Viana do Bolo, os irrios de Castro Caldelas, as charrúas de Allariz, as pantallas de Xinzo, os vergalleiros de Sarreaus, os murrieiros da Teixeira, os troteiros de Bande, os vellarróns de Riós, etc.
-
- As máscaras da zona atlántica, nunha zona non continua que vai dende Cangas e Vilaboa ao sur ata as comarcas do Deza e o val do Ulla. Son traxes tamén coloristas, pero que frecuentemente deixan o rostro descuberto. Neles o traballo individual de elaboración do vestido é importante, pero máis o é a performance, que adoita ser colectiva. É o caso dos xenerais de Deza e de Ulla, as damas e galáns de Cangas e Vilaboa e as madamitas e madamitos do entroido de Cotobade.
Tamén existen outros costumes:
-
- Mecos bonitos e mecos feos de Froxás das Viñas.
- Volantes da Ribeira do Miño (Parroquias de Santiago de Arriba, San Pedro, Camporramiro e Nogueira).
- O Oso de Salcedo, en Salcedo (A Pobra do Brollón).
- O merdeiro en Vigo.
A comida do entroido[editar]
Parte da filosofía que rodea as festas do entroido inclúe a idea de comer e beber ben e ata encherse, sendo outra das facetas da idea de exceso e provocación destas festas.
Durante as festas tómanse grandes cantidades dos tradicionais chourizos, lacóns e cachuchas. As androllas e o caldo non faltan tampouco na maioría dos fogares xa que fan falta para repoñer as forzas de toda a foliada destes días.
Tamén nestas datas elabóranse sobremesas especiais como son as orellas e as filloas, que son os platos máis típicos do entroido.
Galería de imaxes[editar]
-
Entroido en Santiago de Compostela.
-
O Oso de Salcedo, típico da parroquia de Salcedo (A Pobra do Brollón).
-
Xigante no desfile de entroido de Viana do Bolo.
-
Boteiro no desfile de domingo de entroido de Viana do Bolo.
-
Detalle das campaíñas e a roupa dun boteiro no desfile de domingo de entroido de Viana do Bolo.
Refraneiro[editar]
- O Entroido ao tizón, a pascua ao sol.
- Pascua con quen quixeres, entroidos coas túas mulleres.
- A pascua onde quixeres, o Antroido onde as mulleres.
- O Entroido coas túas mulleres, a pascua con quen quixeres.
- Día de Antroido ou de pascua, cada papón na súa casa.
- O Entroido coas súas artes, botou a San Matías fóra do martes.
- Martes de Entroido, cando has de vir; casquiñas de ovos, case haberes de ruxir.
- Entroido larafuzán, comíchesme a carne e deixáchesme o pan.
- Non todos os martes son días de Entroido.
- Todos os días non son martes de Entroido.
- Se podas no martes de Carnaval desátase a viña e non dá uvas.
- O día de Entroido debes quentar o forno, cocer o pan e botar as cinzas na terra para ter bos nabos.
- No día de Entroido non comades verzas porque senón non saen os mosquitos enriba de ti.
- Antroido árdelle o coiro, árdelle ben ata o ano que vén.[7]
Cantiga de entroido[editar]
|
Adeus martes de Entroido,
adeus, meu amiguiño, Adios, martes de antroido, —Cantiga popular.
|
Notas[editar]
- ↑ A variante antroido, que malia ser usada decote, non figura como forma correcta no VOLGa.
- ↑ "Festas de interés turístico nacional de Galicia no Entroido" (en gl) (html). Turgalicia. http://www.turgalicia.es/sit/listarecurso.asp?R1=v1&nombre=&provincia=*&municipio=*&tipo=*&internet=*&congresos=*®ular=*&discrepcional=*&Celebracion=0&B1=Buscar&incremento=20&incremento=20&ctre=212&cidi=G. Consultado o 26/01/2011.
- ↑ Dicionário Houaiss s. v. entrudo.
- ↑ Dicionário Houaiss
- ↑ Segundo o Dicionario da RAE, del it. carnevale, haploloxía do ant. 'carnelevare', de 'carne', carne, e 'levare', quitar, e este calco do gr. ἀπόκρεως; e no Houaiss: latín medieval 'carneleváre' ou 'carnileária' (s. XI-XII) 'véspera do Xoves de Cinza, día en que se inicia a abstinencia de carne esixida na Coresma', do latín clásico 'carnem leváre'(...); ocorre en varios dialectos de Italia, provén do milanés 'carnelevale' (1130), fíxase no it. 'carnevale' (séc. XIV) e de aí no fr. 'carneval' (1552) 'carnaval' (1680), pasando ás demais linguas europeas aínda no séc. XVII.
- ↑ Houaiss: "Parecen sen fundamento histórico hipóteses que derivan a palabra da locución latina carrus navalis ('carro naval'), por asociación coa carreta en forma de barco usada en festas populares romanas, ou que lle atribúen ao 2º elemento do vocábulo orixinal no latín vale (adeus) ou no francés aval (abaixo).
- ↑ "O entroido" (en gl) (html). Asociación cultural Andarela. http://andarela.blogaliza.org/2010/02/10/o-entroido/. Consultado o 26/01/2011.
Véxase tamén[editar]
Bibliografía[editar]
- Federico Cocho (2008). O carnaval en Galicia. ISBN 978-84-9782-698-3.
- Nicolás Tenorio Cerero (1914). La aldea gallega.
Outros artigos[editar]
Ligazóns externas[editar]
- Artigo de Santiago Lamas sobre os cigarróns en tallerediciones.com
- Entroido de Santiago de Compostela en santiagodecompostela.org
- O entroido, Asociación cultural Andarela
- Álbum fotográfico do desfile do domingo de entroido de 2009 en Viana do Bolo en Flickr (en castelán)