Macaronesia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Macaronesia

Macaronesia é unha designación moderna para identificar os varios grupos de illas no océano Atlántico Norte preto da Europa e do norte de África, que comparten unha serie de riscos, en especial bioxeográficos comúns.

O nome cuñouse a través do grego (makáron= feliz, afortunado; nesoi = illas) que vale por "illas abenzoadas" ou "illas afortunadas, un termo usado por antigos xeógrafos para as illas a Oeste do estreito de Xibraltar.

A Macaronesia consta de cinco arquipélagos:

As illas da Macaronesia son de orixe volcánica, producidas por fenómenos de intraplaca ligados, talvez, a un ou varios puntos quentes no océano Atlántico. Tampouco se descarta a súa relación coa mesma actividade tectónica que orixinara o Atlas africano.

A pesar de ser Islandia tamén unha illa de orixe volcánica e estar situada na dorsal do Atlántico medio, non é considerada parte da Macaronesia.

O clima da Macaronesia oscila entre subtropical e tropical. Os arquipélagos portugueses das Azores e Madeira teñen en xeral un clima máis frío e máis chuvioso que o das Canarias e Cabo Verde.

As illas posúen unha bioxeografía única, sendo fogar de varias plantas e comunidades animais distintas. Como ningunha das illas formou xamais parte de ningún continente, a flora e fauna nativas chegaron até as illas a través de diversas dispersións orixinadas a grandes distancias. Bosques de loureiros, chamados laurisilva, cubriron outrora as Azores, Madeira e partes das Canarias entre os 400 e 1.200 m de altitude (as Canarias orientais e Cabo Verde eran demasiado secos). Eses bosques lembran os antigos que cubriran a cunca do Mediterráneo e a África do Noroeste antes do enfriamento e sequedade da Idade do xeo. Árbores dos xéneros Apollonias (Lauraceae), Clethra (Clethraceae), Dracaena (Ruscaceae), Ocotea (Lauraceae), Persea (Lauraceae) e Picconia (Oleaceae), que se atopan nos bosques de loureiros da Macaronesia, sonos coñecidos por fósiles que noutro tempo viviran na bacía mediterránea.