Hispania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Territorio da diocese romana de Hispania coa división provincial de Diocleciano

Hispania foi o nome dado polos fenicios á Península Ibérica, posteriormente utilizado polos antigos romanos a toda a península (Portugal, España, Andorra e Xibraltar) e ás dúas provincias creadas posteriormente durante a República Romana: Hispania Citerior e Hispania Ulterior. Durante o Principado, a Hispania Ulterior foi dividida en dúas novas provincias: a Bética e a Lusitania, en tanto a Hispania Citerior foi rebautizada como Tarraconense. Máis tarde, a parte occidental da Tarraconense foi separada, inicialmente como Hispania Nova, e máis tarde rebautizada como Callaecia (ou Gallaecia, correspondente á actual Galiza, Norte de Portugal e Asturias e parte de León). Durante a tetrarquía de Diocleciano (284), o sur da Tarraconense foi separado para constituír a provincia Cartaxinense. O conxunto de todas as provincias hispánicas formaban unha única diocese civil, baixo a dirección do vigairo de Hispaniae, cuxas competencias se estendían tamén á Mauretania Tinxitana (ao redor de Tánxer) que, polo tanto, eran oficialmente consideradas 'hispánicas'.

A ocupación romana comezou o 218 a.C. co desembarque dos romanos en Empúries e terminou a mediados do século V, época en que toda a península asistiu á invasión dos suevos, alanos e vándalos e, máis tarde, dos visigodos. Ao longo de todo este período, tanto os pobos como a organización política do territorio sufriran profundas e irreversíbeis mudanzas, e a Hispania converteuse nunha parte fundamental do Imperio Romano, proporcionándolle un enorme caudal de recursos materiais e humanos, ao mesmo tempo que foi unha das rexións máis estábeis do Imperio.

O termo "Hispania" tamén foi utilizado, polo menos ata finales da idade media para refirirse a diferentes territorios da peninsula iberíca.

Historia anterior[editar | editar a fonte]

Nativos ibéricos[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Pobos ibéricos prerromanos.

Ademais dos pobos autóctonos, xa entre os séculos -VIII e -VII os fenicios (e, posteriormente, os cartaxineses) se fixaran na zona oriental, ao sur do río Ebro. Instaláronse na faixa costeira mediterránea, establecendo grandes emporios comerciais que, ademais de lles servir para canalizar para o comercio mediterráneo os minerais e outros recursos abundantes na península, introduciron tamén na rexión algúns dos produtos elaborados no outro extremo mediterráneo.

Como potencia comercial, Cartago ampliaba os seus intereses até a illa da Sicilia e ao sur da península Itálica, o que pronto resultou nun conflito de intereses entre esta e o incipiente poder que xurdía en Roma, enfrontando as dúas potencias nas célebres Guerras Púnicas. Á primeira, que culminou nun inestábel armisticio, logo seguiu a segunda, que terminaría doce anos despois co dominio efectivo de Roma sobre as rexións cartaxinesas no sueste da península.

A Iberia cartaxinesa[editar | editar a fonte]

Despois da Primeira Guerra Púnica, os descendentes de Amílcar Barca iniciaron a submisión efectiva da península, que se estendeu a unha grande parte, sobre todo no sur e na costa oriental. O feito foi conseguido mediante tributos, alianzas, matrimonios ou, simplemente, usando a forza. A península iria proporcionar a Cartago un importante abastecemento de tropas, quer mercenarias quer aliadas, así como de recursos minerais, con que podería enfrontarse a Roma e reafirmar o seu dominio no Norte de África.

Entre tanto, o conflito pola hexemonía de Sagunt, cidade costeira helenizada e aliada de Roma, daba inicio á Segunda Guerra Púnica. Como reacción á presión do conflito, foron asasinados os partidarios de Cartago e, en resposta, Aníbal cercou a cidade (218 a.C. ) —que, a pesar de solicitar a axuda de Roma, nunca a chegou a recibir—, apoderándose dela, aínda que sen se librar dunha dura e sanguenta loita, durante a cal foi ferido. Moitos dos habitantes preferiron suicidarse a someterse á escravitude que os esperaba nas mans de Cartago.

Coa rexión dominada, Aníbal conduciu os exércitos en dirección á península Itálica. Roma, asistindo ás vitoriosas mobilizacións cartaxinesas, responde cortando os subministracións a Aníbal, atacando a Península Ibérica.

Conquista[editar | editar a fonte]

Muralla romana de Empúries, porta de entrada inicial de Roma na Península Ibérica.

Iniciada no século -III como unha invasión estratéxica para cortar as liñas de abastecemento cartaxinesas que sustentaban a invasión da península Itálica durante a Segunda Guerra Púnica, logo pasou a asumir a forma dunha invasión de conquista que, en cerca de doce anos, expulsaba totalmente as forzas cartaxinesas da Península Ibérica. No entanto, foron necesarios case dous séculos para dominar a totalidade da rexión, devido, sobre todo, á forte resistencias dos pobos do interior (Celtiberos, Lusitanos, Cántabros, etc.).

A guerra contra Cartago[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Segunda Guerra Púnica.

Roma enviou as súas tropas a Hispania ao mando de Gnaeus e Publius Cornelius Scipio. Gnaeus chegou primeiro, en tanto que o seu irmán se dirixiu a Massalia para conseguir apoios e tratar de cortar o avance cartaxinés. Emporion (ou Empúries) foi o punto de partida de Roma na península. A primeira misión foi encontrar aliados entre os iberos da zona costeira, que probabelmente non resultou como se esperaba xa que, por exemplo, os ilerxetes eran coñecidos aliados de Cartago. Así, Gnaeus foi obrigado a someter (ora pola forza, ora mediante tratados) a zona costeira ao norte do río Ebro, incluíndo a cidade de Tarraco, onde estableceu a súa residencia.

O primeiro combate importante entre cartaxineses e romanos tivo lugar en Cisa (-218), probabelmente próximo de Tarraco, malia que se teña, pretendidamente, identificado con Guissona, na actual provincia de Lleida. Os cartaxineses, a mando de Hannón, foron derrotados polas forzas romanas encabezados polo propio Gnaeus. O líder dos Ilerxetes, Indíbil, que combatía pola facción cartaxinesa, foi capturado. Aínda que a vitoria de Gnaeus parecese cousa feita, xurdiu Aníbal Barca con reforzos, dispersando os romanos, sen os derrotar. Os cartaxineses regresaron a Nova Cartago (actual Cartagena), e os romanos á súa base principal, a cidade de Tarraco.

Seguíronse varias batallas, das cales se destacan a de Hibera e a de Baecula. Ao culminar das loitas contra a presenza cartaxinesa na península, Roma dominaba unha rexión que ía desde os Pireneos ao Algarve, até Huesca, organizando a zona en dúas provincias: as Hispanias Citerior e Ulterior. A partir de aí, impelida quer pola política imperial, quer pola ameaza fronteiriza dos pobos rebeldes, Roma proseguiu a conquista da península, cuxa dominación perduraría até a entrada das invasións bárbaras, xa no século V, formando durante os sete séculos baixo a súa influencia, unha poboación homoxénea na Hispania, coñecida como hispano-romana.

Romanización[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Invasión romana da Península Ibérica.

Na secuencia da presenza romana case forzada na península, Roma expandiu as súas fronteiras ao noroeste, alcanzando o Atlántico ao oeste e o mar Cantábrico ao norte, conquistando así a totalidade da península. Durante este proceso, a influencia romana (romanización) foi progresivamente asimilada, ao longo dos dous séculos que demorou.

Talvez devido á natureza e cultura dos pobos nativos — especialmente os que tiveron pouco ou ningún contacto coas outras potencias mediterráneas (gregos e cartaxineses) —, que ofreceron maior oposición ao avance de Roma, a lingua e costumes ancestrais foron practicamente extintos, á excepción do euskera (vasco), que sobreviviu nos outeiros occidentais dos Pireneos, onde a romanización non foi tan intensa, xa que a cultura romana se propagaba paralelamente aos intereses comerciais da metrópole, tradando, polo tanto, en chegar aos lugares de menor importancia.

Desta forma, os pobos que xa tiveran algún contacto con outras culturas, como os iberos, ilerxetes e turdetanos, asimilaron rapidamente o modo de vida romano e nas rexións por estes ocupadas se fundaron as primeiras cidades romanas, que servirían tamén de bases militares para as lexións.

No entanto, o proceso foi moito máis lento no que toca aos pobos do interior, como os lusitanos, e aos do noroeste peninsular, como os brácaros - especialmente na zona de Calle, onde encontraron feroz resistencia durante longos anos, feito que levou a que os romanos chamasen a todo o restante territorio Callaecia, téndose Décimo Xunio Bruto autointitulado Callaecus (o galego) - que cos máis enraizados coa cultura celtibera, manifestándose a través dunha forte resistencia armada, como demostran os episodios de Numancia ou da rebelión de Viriato.

Non obstante, a romanización de toda a península foi inevitábel. Roma impulsou o repoboamento, non só repartindo as terras entre as tropas licenciadas, senón tamén permitindo a fixación de familias orixinarias da península Itálica, que viñeron a Hispania en busca das riquezas e do territorio fértil, transformando toda a rexión nun notábel polo de desenvolvemento económico. Non foi por casualidade, polo tanto, que Traxano e Hadriano fosen naturais da Hispania.

Cidades fundadas[editar | editar a fonte]

Malia que a influencia romana teña tido gran repercusión nas cidades xa existentes en toda a península, foi nas cidades formadas polos propios romanos onde se centraron os maiores esforzos urbanísticos, como:

Outras cidades que se volveron notábeis, malia non seren de fundación romana, algunhas das cales ascenderon ao estatuto de capital provincial, foron: en España: Corduba, Carthago Nova; en Portugal: Bracara Augusta, Balsa e Olisipo.

Arquitectura romana[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Arquitectura romana.

A civilización romana ficou coñecida como grande emprendedora no que toca ás infraestruturas; foi a primeira civilización en se esforzar seriamente nas obras civís como parte do desenvolvemento e conservación dos dominios (non só xeográficos, senón tamén militar e economicamente falando) do seu extenso imperio. Hispania, na forma das súas varias provincias, asistiu tamén a grandes proxectos:

  • Estradas: os romanos proxectaron estradas que unían de Cádiz aos Pireneos e das Asturias a Murcia, cubrindo os litorais mediterráneos e atlánticos polas coñecidas vias: Via Lata (actualmente coñecida como Vía da Prata), Vía Augusta e Vía Exterior son os máis notábeis exemplos. Para sinalizar as distancias, eran colocados os miliarios que, en forma de columna ou grandes pedras, marcaban a distancia desde o punto de orixe en millares de pasos (millas). O coidado aplicado na proxección destas estradas subsiste ata o día de hoxe, xa que a maior parte do trazado foi aproveitado nos trazados das autoestradas e estradas nacionais actuais. Segundo o Itinerario de Antonino, existían en territorio portugués 11 eixes viarios que ligaban esta rexión ás grandes vías que conducían a Roma.
  • Pontes: grande parte das numerosas pontes romanas conserváronse ata a actualidade e son aínda utilizadas por toda a rexión.
  • Acuedutos: destacan, polo seu estado de conservación, o acueduto de Segovia, Tarraco (Ponte do Diabo) e tamén as ruínas do acueduto de Mérida, coñecido como Acueduto dos Milagres.
Esquema de termas romanas sobre as Termas de Azaila (Teruel).
  • Termas: Na Península Ibérica existe unha grande diversidade arqueolóxica deste tipo de construción, destacándose, polo seu estado de conservación, as termas de Alange (próximas a Mérida) que, tras varias reformas ao longo dos séculos XVIII e XIX, se encontran actualmente abertas ao público como parte dun balneario.
  • Teatros: como actividade lúdica favorita dos hispano-romanos, o teatro era indispensábel á cidade que desexase subir a ese estatuto. É desa forma como xurde o teatro de Emerita Augusta, construído practicamente ao mesmo tempo que o resto da cidade, polo cónsul Marco Agripa. Destácanse aínda os anfiteatros de Itálica, Sagunt, Clunia e Zaragoza, entre outros do legado arqueolóxico, algúns destes aínda utilizados para festivais de teatro.
  • Anfiteatros: Diferentes dos anteriores, eran tipicamente utilizados para un tipo de espectáculos diferentes, como a loita de gladiadores, ou mesmo batallas navais (como no caso do Coliseo de Roma). En Hispania chegáronse a construír varios, cuxos restos aínda se conservan en Itálica, Tarragona e Mérida.

Historia posterior[editar | editar a fonte]

Distribución dos pobos bárbaros en Hispania, cerca de 560.

Como consecuencia da presión dos hunos, varios pobos foron forzados a moverse por Europa. En 405, dúas tribos xermánicas, os vándalos e os suevos, xuntamente cos alanos, atravesaron o río Rhin en dirección á Galia e, máis tarde, para a península, onde os visigodos xa pensaban na quebra das ligazóns da Hispania romana co restante Imperio. Os suevos estableceran un reino no noroeste; os vándalos, pouco máis de 80.000, ocuparon o sur, na actual Andalucía. Con grande parte da península xa fóra do seu control, o Emperador Romano do Occidente, Honorio (r. 395-423), encargou a súa irmá, Gala Placidia, e ao seu marido, Ataúlfo, o rei visigodo, que restaurasen a orde, concedéndolles o dereito de se instalaren na península contribuíndo, para iso, na defensa e manutención da rexión. Os visigodos conseguiron subxugar os suevos e expulsar os vándalos, que migraron para o Norte de África. En 484, estableceron Toledo como capital. Nótese, polo tanto, que a ocupación visigótica non constituíu, de forma ningunha, unha invasión propiamente dita, xa que estes eran, mesmo, asistidos no goberno por hispanorromanos, e o latín permaneceu como lingua oficial.

O cristianismo, introducido logo no século I e en diante sustentado como relixión oficial do Imperio Romano, tornouse fundamental durante a ascendencia visigótica, xa que a Igrexa permitía a cohesión dos pobos.

Economía[editar | editar a fonte]

Antes da ocupación cartaxinesa, xa circulaban no Mediterráneo lendas sobre as riquezas de Tartesos, e sobre expedicións comerciais que regresaban da Hispania cargadas de prata.

Coa derrota na Primeira Guerra Púnica, Cartago perdeu importantes mercados e foi obrigada a pagar tributo a Roma. Como reacción, decidiu expandirse pola costa ibérica, que aínda permanecía fóra dos dominios de Roma, en busca de riquezas que poderían financiar unha eventual retaliación. Interesada sobre todo en obter beneficio rapidamente, explorou as minas de prata por todo o litoral andaluz e oriental, extraendo importantes cantidades deste metal, que serian utilizadas para financiar en grande parte a Segunda Guerra Púnica e as campañas itálicas de Aníbal.

Por este motivo, entre outros, un dos obxectivos estratéxicos de Roma seria precisamente cortar a ligazón das minas hispánicas con Cartago, e é por iso que se dirixen de inmediato contra as minas de Carthago Nova. En parte debido á perda destes e doutro tipo de recursos, con especial impacto nas campañas de Aníbal, este renunciaba á guerra itálica en -206.

Boca de entrada dunha mina de cobre en Texeo (Principado de Asturias), explorada durante a época romana.

A pesar de a moeda xa ser utilizada na península, foi Cartago a que xeneralizou o seu uso, como forma de pagamento ás tropas, antes e despois da invasión romana. Serian, no entanto, os romanos quen impuxeron a utilización da moeda en todo o territorio hispánico. A abundancia de moedas encontradas, sobre todo as de valor máis pequeno, proba que o uso monetario estivo amplamente aplicado no cotián. Unha vez consolidado o poder romano na península, moitas cidades cuñaron moeda: Tarraco (a primeira), Itálica, Barcino, Caesaraugusta, Emérita Augusta, etc.

Roma continuou as prácticas de extracción mineira, xa iniciadas polos iberos e melloradas polos cartaxineses, importando as técnicas usadas no Exipto Ptolemaico. En relación aos minerais, os de maior interese foron prata, cobre e ferro. Desta produción, ademais dos vestixios encontrados en antigas minas, foron encontrados lingotes de prata e cobre cos selos dos fundidores hispánicos.

Na agricultura, destácase o cultivo da oliva, xa desde o século -II, especialmente no litoral tarraconense e bético. En efecto, a Bética especializouse na produción de aceite para exportación para Roma e norte de Europa. Os innúmeros achados arqueolóxicos no monte Testaccio, en Roma, permiten deducir a dimensión do comercio do aceite bético e, polo tanto, a importancia que tivo na agricultura hispánica: segundo os estudos[1], máis de 80% do volume do monte está composto por ánforas de aceite béticas. Ademais diso, foron tamén encontradas ánforas de orixe bética en Alexandría e mesmo en Israel. Tamén existe rexistro dun importante comercio de aceite no século II con destino ás guarnicións romanas na Xermania. Ademais dos achados xa citados, destaca tamén Lora del Río, na provincia de Sevilla, pola cantidade de ánforas encontradas.

Arte romana[editar | editar a fonte]

ver artigo principal: Arte romana.

Pintura[editar | editar a fonte]

Segundo Vitruvio, a pintura romana pasou por varias fases de desenvolvemento, desde a decoración de paredes con texturas que se asemellaban ás do mármore ou de columnas (con incrustacións), pasando pola recreación de escenas teatrais, paisaxísticas, relixiosas ou épicas (estilo arquitectónico), até a recreación de criaturas monstruosas ou obxectos imposíbeis da primeira época imperial (estilo ornamental). Xa en pleno século I asístese a un novo estilo máis abstracto (estilo ilusionista).

En toda a Hispania subsisten probas deses mesmos estilos pictóricos nos conxuntos arqueolóxicos das primeiras cidades, como Itálica, Mérida, Tarragona ou Astorga, ben como Almedinilla, Alcudia, Alcolea del Río, Osuna, Carmona, etc. A partir do século III, as correntes artísticas procedentes do norte de África esténdense polo oeste peninsular ao longo da Vía da Prata. Entre as decoracións máis frecuentes, pódense destacar:

  • Imitación de mármores: Moi frecuente en todos os asentamento romanos, imítanse placas de mármore con ampla gama cromática; de grande extensión no tempo, desde o século I ao IV. Menos frecuente é a imitación de incrustacións, consistente na imitación de mármore recortado e formando figuras.
  • Decoración en relación continua: Nesta decoración, o motivo xeométrico é repetido en cadea e encadeado. Un exemplo deste estilo encóntrase na Casa del Mitreo, en Mérida. Este estilo pertence principalmente á segunda metade do primeiro século.
  • Decoración figurada: Consiste na pintura de pequenos cadros no centro das paredes, con representacións humanas e escenas mitolóxicas, relixiosas ou sexuais (frecuentemente moi explícitas). Tamén se encontran grandes frisos decorados con escenas de caza ou corridas, aínda que con menor frecuencia. O estilo esténdese durante case todo o período de influencia romana na península, pero é máis abundante entre os séculos I a IV.
  • Animais, vexetais: aínda se poden encontrar en necrópoles, como a de Carmona, inseridos en motivos relixiosos. Os animais usábanse con frecuencia como simples obxecto pictórico decorativo, en ocasións inseridas en esquema de relación de continua (enchendo o interior de figuras xeométricas) e en candelabros, con paxaros entre os motivos florais. Os motivos vexetais usábanse con abundancia tanto na pintura funeraria como na decoración doméstica.
  • Decoración arquitectónica: Imitación de columnas ou pilares, tipicamente usados como división das paredes. Tamén eran imitados capiteis. Non existe, con todo, exemplo documentado ningún deste estilo en Hispania.

Escultura[editar | editar a fonte]

A tradición romana de esculpir procede directamente da cultura grega, pero foi adaptada á estrutura político-social da Roma Antiga. As clases dominantes utilizaban a escultura como manifestación da súa elevada posición social, non só no ámbito privado -como nas súas villae– senón tamén en público, en que a escultura era usada como modo de promoción política. Como parte integrante do Imperio Romano, Hispania non ficou á marxe desta corrente artística.

A escultura romana baseábase en dous materiais: o mármore e o bronce. Poucas son as esculturas romanas que sobreviviron á corrosión provocada polo tempo ou intemperie, ou mesmo á reutilización do material para outros fins.

A escultura romana concentraba a súa atención no busto do personaxe retratado, así como nas mans e antebrazos, e o resto do corpo era construído e adquirido de forma separada. Ao longo do tempo, esta tendencia evoluíu a modelos de medio corpo, xa no século II. A acentuación dos detalles do rostro delata a influencia etrusca da escultura romana.

No ámbito público, a escultura desempeña un papel fundamental na ornamentación dos edificios públicos, mostrando ao pobo as imaxes dos gobernantes e, durante a época imperial, enaltecendo a figura do emperador. Unha boa demostración desta profusión de esculturas públicas pode ser comprobada nos teatros, foros, termas, etc.

Mosaico con peixes en Conímbriga, preto de Coimbra, Portugal.

Mosaico[editar | editar a fonte]

O mosaico utilizábase con abundancia para pavimentar o chan das casas romanas, especialmente cando se trataban das familias máis importantes de cada cidade. Grazas á grande profusión do mosaico, e polas características dos materiais usados — principalmente vidro, cerámica e pedra, coñecidos xenericamente como teselas —, os restos arqueolóxicos desta variedade artística son moi abundantes, e algúns encóntranse mesmo en excelente estado de conservación.

Organización político-administrativa[editar | editar a fonte]

División provincial[editar | editar a fonte]

Todo o Imperio Romano estaba dividido en provincias. Dentro de cada provincia, o goberno era exercido a partir dunha capital, por un pretor, procónsul ou cónsul, dependendo da súa importancia estratéxica e dos niveis de inestabilidade dentro ou fóra das súas fronteiras. No caso da Hispania, que tardaría cerca de dous séculos en ser definitivamente conquistada, as estruturas administrativas foron reorganizadas sucesivamente, en función da adaptación aos costumes e estilo de vida romanos.

Cada provincia era, á súa vez, dividida en conventus (circunscricións administrativas e xurídicas), con sede nas cidades máis significativas da zona.

División provincial da República[editar | editar a fonte]

Primeira división administrativa da Hispania en dúas provincias: Citerior e Ulterior.

Nos primeiros tempos da romanización, a parte da Península Ibérica xa ocupada polos Romanos foi organizada administrativamente en dúas partes que, no seu conxunto, eran referidas como "as Hispanias" (Hispaniae). Á parte máis próxima de Roma foi dado o nome de Citerior e, á máis remota, de Ulterior. A fronteira entre as dúas eran unha liña sinuosa desde Nova Cartago (actual Cartagena) e o mar Cantábrico:

Aínda que tecnicamente toda a península teña sido dividida en dúas metades, na práctica o dominio romano centrábase unicamente na costa mediterránea, xa que a maior parte da península aínda era, nesta época, controlada polos pobos autóctonos (celtiberos, lusitanos, ilerxetes, etc). Entre os anos -218 e -205, época en que os cartaxineses foron definitivamente expulsados do territorio ibérico, o poder político era exercido desde a capital Tarraco, fundada durante a Segunda Guerra Púnica. Posteriormente, ao crearse esta primeira división territorial, o centro do goberno pasaría a ser exercido a partir de Córdoba.

Xa no século -I, xorde Quinto Sertorio, que se aliñaba no partido popular que se opuña ao goberno oligárquico dos primeiros ditadores, como Sila, e se estableceu na Hispania aliándose cos lusitanos. Aproveitou as estruturas republicanas, xa en decadencia no resto do Imperio, para crear un goberno autónomo da metrópole romana. A pesar das sucesivas incursións militares que pretendían restaurar o dominio romano na península, soubo contelas durante polo menos oito anos, até ser asasinado a -72, por mandato de Cneo Pompeio Magno que, ademais do dominio da rexión, procuraba erradicar os vestixios do republicanismo romano.

División provincial de Augusto[editar | editar a fonte]

Reorganización de Augusto en tres provincias tras as Guerras Cantábricas (69): Bética, Lusitania e Tarraconense.

O -27, o xeneral e político Marcus Vipsanius Agrippa reorganizou a península en tres partes, basicamente pola división da Hispania Ulterior na Bética (con correspondencia coa actual Andalucía) e na Lusitania (que incluía a Gallaecia e as Asturias), e na anexión da actual Cantabria e do País Vasco á Hispania Citerior.

O emperador César Augusto regresaría á península aínda no mesmo ano, para consagrar a nova reorganización:

En tanto que as provincias Tarraconense e Lusitania eran provincias imperiais (o que presupón que o gobernador era directamente nomeado polo Emperador) debido ao seu nivel de inestabilidade, a Bética, menos conflitiva, era unha provincia senatorial, sendo que o gobernador era nomeado polo Senado.

División provincial de Caracalla[editar | editar a fonte]

A reorganización de Diocleciano, en 298.

Xa no século III, o emperador Marcus Aurelius Antoninus procedeu a nova reorganización, aínda que de duración efémera: nova división da Hispania Citerior en dúas partes, creando as novas provincias Provincia Hispania Nova Citerior e Asturiae-Callaeciae. Encóntrase aínda por xustificar esta estraña división de curta duración pero, en 238, a Hispania Citerior (agora Tarraconense) foi novamente reunificada.

División provincial de Diocleciano[editar | editar a fonte]

Iniciándose coa reforma da Tetrarquía de Diocleciano, en 298 a Tarraconense foi dividida en tres provincias (Gallaecia, Tarraconense, e a Cartaxinense). Hispaniae tornouse no nome de unha das catro dioceses — gobernadas por un vigairo — da prefectura pretoriana Galliae (das Galias, incorporando tamén as provincias das Galias, Xermania e Britania), tras a abolición da Tetrarquía imperial baixo o Emperador Romano do Occidente (en Roma e, máis tarde, en Rávena). As dioceses comprendían agora as cinco provincias peninsulares (Bética, Gallaecia e Lusitania, cada unha cun gobernador consularis; e a Cartaxinense e Tarraconense, ambas baixo un Praeses), as Insulae Baleares (tamén baixo un Praeses) e tamén a Mauretania Tinxitana (anexando, polo tanto, o norte de África, actual Marrocos; tamén baixo un Praeses).

Organización política local[editar | editar a fonte]

Na Hispania, tal como no resto dos territorios da República Romana e posterior Imperio Romano, as cidades compartían as mesmas formas de goberno herdadas de Roma, que non eran senón unha copia das propias institucións da capital imperial. Inicialmente, non todas as cidades gozaron do privilexio de tales institucións, se ben Augusto e, posteriormente, Vespasiano, incrementaron sensibelmente este número, estendendo estas institucións ás principais cidades da península.

Para adoptalas, as cidades debían previamente recibir o estatuto de municipios, o que permitira que os seus cidadáns notábeis puidesen optar pola cidadanía romana bastando, para iso, exercer algunha maxistratura. Para alcanzar o estatuto municipal, a cidade debería cumprir unha serie de requisitos relativos ao nivel de urbanización, como contar con adecuados servizos públicos, debidamente adaptados aos costumes e estilo de vida romano. Esa responsabilidade cabía, sobre todo, aos notábeis da cidade, a través da construción de obras públicas e outras actividades de bonificación social. Unha vez alcanzado o estatuto, cabía aos gobernadores da cidade impulsar e desenvolver a cidade a través deste tipo de obras para conseguir máis privilexios sociais.

Maxistraturas locais[editar | editar a fonte]

A política local asentábase sobre as maxistraturas que, segmentadas en varios niveis e de vixencia dun ano, eran as encargadas do goberno local. Así, existían os cuestores, encargados da colecta de impostos (os locais estaban en contacto cos provinciais para a administración dos impostos), os edís, encargados da seguranza pública e respectivas sancións, así como da organización dos xogos e regulamentación dos mercados, e os duoviros (ou quattuorviros), que tiñan o máximo poder executivo e se encargaban de elaboraren os censos, da designación de xuíces, da administración das finanzas e do cumprimento dos preceptos relixiosos da cidade.

As maxistraturas locais eran elixidas anualmente por sufraxio entre os cidadáns, sendo elixidos dous maxistrados para cada unha delas en que un deles, nalgunhas ocasións, dispuña do dereito de veto sobre as decisións do seu colega.

Por outro lado, o aceso á maxistratura encontrábase limitado aos cidadáns cuxa capacidade económica permitía soportar a «summa honoraria», un valor estipulado por lei que debería ser investido na organización de xogos, así como outras actividades municipais, como a organización de espectáculos lúdicos, ou a construción de templos e outros edificios públicos. Grazas a este sistema, resta actualmente unha rica epigrafía por toda a Hispania, xa que as familias importantes facían constar a súa contribución ao desenvolvemento das cidades. Tamén no aspecto económico estas actividades representaran un suporte fundamental, pois obrigaron á redistribución das riquezas acumuladas por estas familias.

Nalgúns municipios, consoante á súa importancia, podía existir, alén das maxistraturas convencionais, unha curia, elixida cada cinco anos e formada por cidadáns que anteriormente tivesen exercido algunha maxistratura local. Estes cidadáns, ao entrar na curia, pasaban a designarse decurións.

É tamén de remaracr a reforma efectuada por Vespasiano en 73 ou 74, promulgando por toda a Península o chamado «Edicto de Latinidade», inserido na «Lex Flavia Minicipalis, unha reorganización xeral das estruturas de goberno locais en todo o Imperio, que outorgou ás cidades as institucións do dereito latino, nunha posíbel tentativa de integralas nunha rede de colecta de impostos máis eficiente. Este reforma tivo maior repercusión no interior peninsular, xa que romanización do sueste xa viña sendo feita desde o período republicano.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome "Hispania" é latino, cunhado polos Romanos (Hispaniae), malia que o territorio xa fose coñecido polos gregos como Iberia. Consecuentemente, a historiografía ten algún coidado na utilización dos termos iber ou hispanus, xa que a utilización de cada unha en referencia aos pobos ibéricos conleva diferenzas temporais e sociais. A literatura romana emprega sempre o nome "Hispania", citado pola primeira vez polo poeta Quinto Ennio, en -200, en canto que a literatura grega emprega sempre o nome "Iberia".

Sábese que os fenicios e os cartaxineses se referían á Península Ibérica polo nome de Span ou Spania tendo como significado "oculto" (país escondido e remoto). Existe outra versión de que a orixe do nome estaría na terminación fenicia I-shphanim, que literalmente significa "de dasies" (shphanim é a forma plural de shaphán, utilizada para designar a familia Hirax) que foi o vocábulo con que decidiron os fenicios, á falta de nome mellor, denominar o coello Oryctolagus cuniculus, por eles pouco coñecidos e que abundaba no extremo da península. Outra versión desta teoría apunta para a derivación de Hi-shphanim, ou "illa de coellos". Por outro lado, os hiraxes non eran os únicos animais a espertar a atención pola súa abundancia: os gregos chamaron á península Ophioúsa, que significa "terra de serpentes", e só máis tarde alteraron o nome para "Iberia" porque, segundo parece, iber era unha palabra moi utilizada polos habitantes da península, que é un vocábulo xeográfico, malia que non se poida asociar concretamente co río Ebro, pois tamén era usado en rexións máis distantes, como a actual Andalucía. Algúns lingüistas colocan a hipótese de significar simplemente "río", malia que na realidade non se posa ter a certeza.

Grande parte do conflito das Guerras Púnicas entre Cartago (fenicios, polo tanto) e Roma tivo lugar na Península Ibérica, co triunfo dos romanos. Durante a subsecuente invasión, os Romanos mantiveron o nome usado polos cartaxineses, Ispania, ao cal, máis tarde, engadiron un H, tal como fixeran con "Hiberia". Da mesma forma como fixeran coa Galia (as Galias), tamén se referían á península por "Hispanias" (Hispaniae). Esta foi a primeira provincia romana en ser invadida, e a última en ser totalmente dominada, xa baixo César Augusto.

Os romanos inicialmente dividiron as Hispanias en dúas provincias (-197), rexidas por dous pretores: a Citerior, ao norte do Ebro, e a Ulterior, ao sur. As longas guerras da conquista duraron dous séculos, e inclúense historiograficamente no proceso designado como romanización. Coa conquista, cortouse a evolución natural da civilización indíxena, substituíndoa pola helenolatina. Durante este proceso, tiveron lugar varios conflitos:

E, finalmente, no século I, conséguese a Pax Augusta: a Hispania é dividida en tres provincias. É neste período que xorden dous escritores cuxa obra é unha referencia actual para os historiadores: o xeógrafo Estrabón, e o historiador universal Trogo Pompeio. Ambos dedican algúns capítulos nas súas obras á Hispania:

Estrabón refire a Iberia no seu terceiro libro de Geographia:

«Algúns din que as designacións de Iberia e Hispania son sinónimos, que os romanos designaron a rexión enteira [a península] indiferentemente cos nomes Iberia e Hispania, e ás súas partes as chamaron Ulterior e Citerior».

Trogo construíu a imaxe dos seus habitantes:

«Os hispanos [de Hispania] teñen o corpo preparado para a abstinencia e fatiga, e ánimo para a morte: unha dura e austera sobriedade para todos[1]. [...] En tantos séculos de guerra con Roma, non tiveron ningún outro capitán a non ser Viriato, un home de tal virtude e continencia que, despois de vencer os exércitos consulares durante 10 anos, nunca quixo distinguirse no seu modo de vida de calquera soldado raso».

Outro historiador romano, Tito Livio (-59-17), escribe tamén sobre o carácter do home hispánico, segundo a súa perspectiva:

«Áxil, belicoso, inquieto. A Hispania é distinta da Itálica, máis disposta para a guerra por causa do agreste terreo e do xenio dos homes».

Lucius Anneus Florus (entre os séculos I e II), un historiador amigo de Hadriano, tamén teceu algunhas consideracións:

«A nación hispánica, ou a Hispania Universa, non soubo unirse contra Roma. Defendida polos Pireneos e polo mar, podía terse tornado inaccesíbel. O seu pobo foi sempre valoroso, pero moi mal xerarquizado» [i.e., malia cada tribo ou poboación dispor dun líder, non existía ningunha forma de coordinación].

Valerio Máximo referiuse á fidelidade hispánica como «fides celtibérica». Segundo esta fides, o ibero consagraba a alma ao seu líder e non consideraba correcto sobrevivilo en combate. Esta era a fidelidade ibérica, que se volveu coñecida durante a formación do Imperio Romano como devotio (xa na Idade Media, esta fidelidade dos celtiberos foi tida en conta, á cal designaron Lealdade Hispánica).

Máis tarde, no século IV, xorde outro escritor, un retórico galo chamado Drepanio Pacato, que dedica parte da súa obra a describir a xeografía, clima, habitantes, soldados e afíns da Península Ibérica, mostrando en todo o texto grande admiración:

«Esta Hispania produce durísimos soldados, hábiles capitáns, prolíficos oradores, iluminados artistas. É nai de xuíces e príncipes; Deu Traxano, Hadriano e Teodosio ao Imperio».

Aínda durante este período, xorde unha obra designada Expositio totius mundi en que se describe a Hispania como «Hispania, unha longa e vasta terra, de abundantes homes sabios»[2]. Por esta altura, o nome Hispania era alternado coa nova forma Spania.

Paulo Orosio (390-418), un historiador discípulo de Agostiño de Hipona e autor de Historiae adversus paganus, a primeira obra cristiá sobre Historia Universal, comenta, ao referirse a unha actitude reprobábel dun pretor:

«Para Orosio, Hispania é unha terra con vida colectiva e con valores propios»[3].

Co tempo, comezouse a utilizar unha forma secundaria, Spania, e de aí se derivaría o nome actual, España. Segundo Isidoro de Sevilla, coa dominación visigótica pasouse a esbozar a idea da unidade peninsular e, pola primeira vez, refírese a madre España (nai España) — até a data, tería sido usado o termo Hispania para designar todos os territorios da península. Na súa obra Historia Gothorum, Suintila xorde como o primeiro rei de "totius Spaniae"; o prólogo desta obra é o coñecido De laude Spaniae (sobre o orgullo hispánico) e aí se trata a Hispania como nación goda. O topónimo Hispania pasou a ser usado para designar o colectivo dos reinos medievais na península, coa posterior inclusión das Illas Baleares.

Coa invasión musulmá, a utilización do nome Spania - ou España (اسبانيا, Isbá-nía ) - foi totalmente desvirtuada. Curiosamente, os documentos da Alta Idade Media designan para España todo o territorio exclusivamente dominado polos musulmáns. Así, Afonso I de Aragón, o Batallador (1104-1134), que "reina en Pamplona, Aragón, Sobrarbe e Ribagorza", segundo se refire nos seus documentos, en 1126 procede a unha expedición a Málaga dicindo que ía a "terras de España".

Non obstante, a partir de finais do século XII, pasouse a designar, toda a península, incluíndo quer as rexións musulmás, quer as rexións cristiás, co nome España. É así como xorde a expresión dos cinco reinos de España: Granada (musulmá), León e Castela, Navarra, Portugal e a Coroa de Aragón, e o condado de Barcelona (cristiáns). O nome España é aínda utilizado (erradamente, e especialmente fóra da Península Ibérica) para se referir á Península e non ao país.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. MARTÍNEZ, Xosé M. Blázquez, La exportación del aceite hispano en el Imperio romano: estado de la cuestión, Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, consultado en Febreiro de 2006
  • ^ «[...] dura omnibus et adstricta parsimonia».
  • ^ «Spania, terra lata et máxima, et dives viris doctis».
  • ^ «Universae Hispaniae propter Romanorum perditiam causa maximi tumultus fuit».

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Fontes clásicas[editar | editar a fonte]

Fontes modernas[editar | editar a fonte]

  • Varios artigos doutras wikipedias.
  • MATTOSO, José (dir.), Historia de Portugal. Volume I: Antes de Portugal, Lisboa, Círculo de Leitores, 1992.
  • ALARCÃO, Jorge de, O domínio romano em Portugal, Mem Martins, 1989.
  • ALARCÃO, Jorge de, O Domínio Romano. Capítulo II: O Reordenamento Territorial, Nova História de Portugal, Joel Serrão e A.H. de Oliveira Marques (dir.), Editorial Presença, vol. I, p. 345-382.
  • MANTAS, V., As cidades marítimas da Lusitania, "Les Villes de Lusitanie Romaine", París, 1990.
  • LEBRUN, François, e CARPENTIER, Jean, Historia da Europa, Lisboa, Editorial Estampa, 1996, ISBN 972-33-1085-6.
  • AGUÑA, Julián Hurtado, Revista Lucentum, XIX-XX, 2000-2001, Las maxistraturas locales en las ciudades romanas del área septentrional del Conventus Carthaginensis (PDF), accedido en Febreiro de 2006.
  • BELLIDO, A. García, Esculturas romanas de España y Portugal.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]