TAP Portugal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Airbus A330 de TAP Portugal

TAP Portugal (antigamente TAP Air Portugal) é a aeroliña nacional de Portugal, con base en Lisboa e membro da Star Alliance dende o 15 de marzo do 2005. Opera a destinos en Europa, África e América, voando a 77 destinos en 34 países distintos. A sigla TAP significa Transportes Aéreos Portugueses, denominación orixinal da empresa.

Índice

Historia [editar]

Inicios [editar]

O 14 de marzo de 1945 Humberto Delgado, o director do Secretariado de Aviación Civil de Portugal, creou a sección de Transportes Aéreos baixo a denominación de Transportes Aéreos Portugueses. Ese mesmo ano TAP adquiriu os seus dous primeiros avións, dous DC-3 con capacidade para 21 pasaxeiros.

En 1946 comezou as súas actividades. A súa primeira liña comercial foi entre as cidades de Lisboa e Madrid, estreada o 19 de setembro. O 31 de decembro dese ano ínaugurouse a Linha Aérea Imperial. A Linha, Lisboa-Luanda-Lourenço Marques (actual Maputo), facía un percorrido de 24.540 quilómetros con 12 escalas e cunha duración de 15 días (ida e volta) e era a máis extensa liña no mundo cuberta por un DC-3.

A primeira liña doméstica, entre Lisboa e Porto, foi aberta en 1947, e ese ano foron adquiridos catro DC-4 Skymaster. Estes foron usados en rutas cara África e cara os principais destinos europeos.

Douglas DC-4 da aeroliña en Londres

Ata finais da década a aeroliña foi ampliando os seus destinos. Comezou a voar cara París en 1948 e cara Londres en 1949 cos DC-4, e cara Sevilla en 1948 co DC-3. No ano 1949 tamén comezou a voar a Casablanca e a Tanxer.

En 1953 TAP pasou a ser de dominio publico a unha sociedade anónima de responsabilidade limitada, con capitais mixtos pero coa maioría do Estado. TAP continuou apostando pola Linha Aérea Imperial, e en 1954 introduxo nesta liña o DC-4, que fixo o seu primeiro voo entre Lisboa e Luanda cunha duración de 17 horas.

En agosto de 1955 TAP recibiu o seu primeiro catrimotor de longo alcance, o Lockheed L-1049G Super Constellation, que en novembro comezou a operar cara África. Con esta adquisición o tempo de voo entre Lisboa e Lourenço Marques redúxose considerablemente. Nese mesmo ano realízouse unha viaxe experimental a Rio de Janeiro cun DC-4.

En 1958 o último dos DC-3 foi retirado do servizo e TAP comezou a estudar a transición cara os reactores.

En 1960 realízou o primeiro voo entre Lisboa e Porto Santo. Ese mesmo ano TAP inaugura o Voo da Amizade entre Lisboa e Rio de Janeiro, destinado sobre todo a brasileiros e portugueses, con tarifas a menos da metade do prezo normal da época para ese traxecto. Tamén realizouse a primeira viaxe entre Lisboa e Goa, con case 19 horas de duración total e cinco escalas. TAP retirou o último dos catro DC-4 do servizo en 1960.

A guerra colonial en África fixo que a compañía se centrase en Europa e no Brasil. A pesar da guerra, TAP seguiu inaugurando novas liñas e abrindo novas delegacións.

Era dos reactores [editar]

En xullo de 1962 a aeroliña recibiu o seu primeiro reactor, un dos tres Caravelle mercados que voarían ata 1975. Nese mesmo ano comezaron os voos entre Lisboa e As Palmas e Santa María (Azores), e un ano despois cara Xenebra, Múnic e Frankfurt.

TAP transportou ao seu pasaxeiro 1 millón o 19 de xuño de 1964, 18 anos despois de que a compañía iniciase as súas actividades. En 1967 TAP convertiríase na primeira aeroliña europea en operar unicamente avións a reacción. En 1969 comezou a voar a Nova York, con escala en Santa Maria, e ao ano segunte inauguraría o servizo a Boston. En 1975 TAP foi nacionalizada, pasando a ser unha empresa pública e cambiou o seu nome para o de TAP Air Portugal en marzo de 1979. Foi creado un novo logotipo, novas decoracións para os avións e novos uniformes.

TAP mercou o Boeing 747 durante os anos 70, reemprazando aos seus Boeing 707, pero foron finalmente vendidos debido á falta de demenda. Sería substituídos por Lockheed TriStar e Airbus A310 nas rutas de longo percorrido. En 1985 TAP fundou a súa subsidiaria charter Air Atlantis e en 1989 TAP convertiuse nunha Sociedade Anónima.

Airbus A321 coa antiga librea da compañía

En 1989 comezou a voar a Newark, New Jersey, no ano 1991 inaugurou o servizo a Berlín e en 1993 a Tel Aviv. En 1994 TAP asinou un acordo para comparttir código con Delta Air Lines para o seu servizos no Atlántico norte. Este acordo rematou no 2005.

En 1996 iniciou o servizo cara Boston a través da illa Terceira, nas Azores, e tamén os voos cara Macau. Un ano despois comezou a voar cara Punta Cana e Bangkok. Os voos a Bangkok e Macau interrumpiríanse en 1998.

De cara finais dos 90 TAP vendeu os seus vellos Boeing 727 e Boeing 737, substituíndoos por Airbus A319, A320 e A321. Os TriStar foron vendidos a Air Luxor e foron reemprazados por Airbus A340, estando a partír de aí toda a súa frota composta por avións de Airbus.

Actualidade [editar]

No ano 2005, TAP Portugal converteuse en membro da alianza de aeroliñas Star Alliance. En febreiro dese ano TAP Air Portugal foi renomeada como TAP Portugal, o seu nome na actualidade. TAP rematou o seu acordo con Delta Air Lines e comezou un novo con United Airlines, que tamén é membro da Star Alliance. Baixo este acordo o código de United (UA) é usado polos voos transatlánticos de TAP Portugal e nalgúns africanos, e o de TAP Portugal (TP) é usado en voos de de United.

No 2006, TAP Portugal asinou un contrato con Espírito Santo International para adquirir o 99.81% da aeroliña rexional portuguesa Portugália.

No ano 2007 TAP Portugal foi premiada pola OTAN como a mellor empresa de reparación dos avións e motores do programa de mantemento dos seus AWACS, e foi distinguida cos máis altos premios de mantemento e revisión de Airbus Industries en 1996, 2000, 2003 e 2005, sendo certificada para todos os seus avións, motores e compoñentes. TAP Portugal completou bases de mantemento e reformas en Lisboa, Rio de Janeiro e Porto Alegre, e ten estacións de mantemento en tres continentes: 4 en Portugal, 8 en Brasil e 1 en Angola.

TAP comezou a programar voos cara Moscova, Varsovia e Helsinki en xuño do 2009. No ano seguinte inaugurou novas rutas a Marrakesh e Alxer. O lanzamento destas novas rutas destacou os esforzos da aeroliña por medrar en África, que fora a única zona das súas rutas onde a compañía non deixou de medrar dende 2001, pasando de 236.000 a 541.000 pasaxeiros. Novas rutas de longo alcance foron anunciadas no 2011, entre elas cara Miami e Porto Alegre.

Frota [editar]

Frota de TAP Portugal
Avión Total Pasaxeiros Rutas Notas
Airbus A319-100 19 132 (50/71)
Airbus A320-200 17 156 (42/114)
Airbus A321-200 3 194 (35/152)
Airbus A330-200 12 224 (42/182)
Airbus A340-300 4 274 (42/238)
Airbus A350-800 (8 pedidos) Entarán en servizo no 2014
Airbus A350-900 (4 pedidos) Entarán en servizo no 2014

Véxase tamén [editar]

Ligazóns externas [editar]